Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 27 de febreiro de 2002 Páx. 2.840

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN PÚBLICA HOSPITAL VIRXE DA XUNQUEIRA

ANUNCIO do 22 de xaneiro de 2002 de convocatoria de probas de selección de persoal sanitario facultativo, conforme a Lei 10/1996, do 5 de novembro (Diario Oficial de Galicia número 227, do 20 de novembro).

Probas de selección de persoal sanitario facultativo:

En cumprimento do establecido na Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación, a Dirección da Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira anuncia a convocatoria de probas de selección de persoal sanitario facultativo co fin de proceder á cobertura das prazas que mais abaixo se relacionan.

Na súa virtude, a dirección da fundación fai pública a convocatoria de selección para a cobertura inicial dos seguintes postos de traballo: 2 prazas de especialista en obstetricia e xinecoloxía (ref. XIN), 1 praza de especialista en uroloxía (ref. URO), 1 praza de especialista en dermatoloxía (ref. DERM), segundo as seguintes

Bases:

Titulacións: as correspondentes vía MIR ou equivalente.

Experiencia e formación: experiencia vía MIR.

Tipo de contrato: a contratación do persoal que resulte seleccionado someterase ó disposto no Estatuto dos traballadores para o contrato indefinido, cun período de proba de 6 meses.

Procedemento de selección: articularase a través dunha proba eliminatoria sobre a especialidade profesional correspondente e posterior entrevista persoal con valoración de méritos relativos a formación e experiencia. A selección será efectuada por unha comisión designada para o efecto.

Puntuación final e aspirantes seleccionados: coa suma das puntuacións outorgadas confeccionarase a lista final por orde de puntuación alcanzada por cada aspirante, resultando seleccionado o aspirante de máxima puntuación.

Se se considerase que os candidatos nalgunha das prazas non reunisen os requisitos mínimos, declararase deserta a convocatoria.

Igualmente, se se modificase a necesidade de cobertura das citadas prazas, a dirección da fundación poderá modifica-lo número de prazas que haxa que seleccionar dentro de cada unha das categorías convocadas.

Inicio das probas: as probas no serán realizadas antes dun mes contado desde a data de publicación desta convocatoria no DOG.

Solicitude de participación: os aspirantes deberán remiti-lo seu currículum vitae detallado, con acreditación documental dos méritos alegados, á Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira, domiciliada en Paseo Marítimo, 15270 Cee (A Coruña), no prazo non prorrogable de 20 días naturais, contados desde o mesmo día da publicación deste anuncio no DOG, indicando no sobre a referencia correspondente, logo do pagamento da cantidade de 5.000 pesetas, do que achegará xustificante de pagamento, en concepto de dereitos de exame, que se ingresarán na conta do Banco Bilbao Biscaia, nº 0182-5947-11-001011112/4.

Teléfono de información: 981 70 61 87.

Incorporación: a formalización do contrato e a incorporación definitiva dos seleccionados producirase segundo as necesidades dos correspondentes servicios do hospital.

Cee, 22 de xaneiro de 2002.

José Rey Aneiros

Director da Fundación Pública

Hospital Virxe da Xunqueira