Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 26 de febreiro de 2002 Páx. 2.726

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente, se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV, parque eólico de Larouco, nos termos municipais de Xinzo de Limia e Cualedro, provincia de Ourense. (Expediente IN407A 01/001-3 A.T.).

Examinado o expediente instruído a pedimento da empresa Iberdrola Diversificación, S.A. con domicilio para efectos de notificación en r/ Circunvalación nº 17, 32350 A Rúa, Ourense, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 8 de xaneiro de 2001 a citada empresa solicita a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública da citada instalación; presentando o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización

de instalacións eléctricas, e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, ambos de aplicación ó presente expediente en virtude do disposto na disposición transitoria décima primeira do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

Liña de alta tensión aérea a 132 kV, sobre torres metálicas de celosía, conductor LA-180, de 1.579 m de lonxitude, con orixe na futura subestación do parque eólico de Larouco e final no apoio existente da L.A.T. Salas-Verín, propiedade de Unión Fenosa Distribución S.A.

Orzamento: 23.881.237 pesetas.

Segundo.-A delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio de Ourense someteu o citado proxecto de instalacións, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, a trámite de información pública mediante Resolución do 3 de xaneiro de 2001, publicada no DOG do 5 de febreiro, no BOP de Ourense do 6 de febreiro e no xornal La Región de Ourense do 30 de xaneiro de 2001, no taboleiro de anuncios dos concellos de Xinzo de Limia e Cualedro e na delegación provincial de Ourense; así mesmo, a delegación provincial notificou individualmente a mencionada solicitude a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

Separadamente presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan bens, instalacións, obras ou servicios, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, se é o caso, establecesen o condicionado procedente.

Terceiro.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública formuláronse as seguintes alegacións:

Matilde Álvarez García, propietaria da parcela nº 26, manifesta que existe un erro na superficie de afección, sendo esta de 360 m.

Rosa Rivera Corrales propietaria da parcela nº 34, alega:

-Oposición á declaración de utilidade pública e á ocupación dos terreos da súa propiedade baseándose en: a) a zona non é deficitaria de enerxía eléctrica nin carece de infraestructuras eléctricas que garantan a subministración; b) insuficiencia do estudio de impacto ambiental presentado; c) efectos daniños e negativos sobre a saúde das persoas producido polas liñas de alta tensión; d) destrucción do potencial relativo ó turismo rural.

-Solicita o recibimento a proba con base no artigo 80 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria para a súa contestación, facilitando esta as informacións adicionais.

Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente recibiu o informe favorable da Delegación Provincial de Ourense, comprobándose mediante inspección sobre o terreo seguindo o trazado proposto para a instalación desta liña, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume de paso, non se dan as prohibicións nin limitacións previstas no artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e nos artigos 25 e 26 do regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, de 24 de xullo, o Decreto 132/1982, de 4 de novembro, o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 21 de xuño, e o Decreto 310/2001, do 17 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, en relación co Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, xa citados.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, nos seus arts. 5 e 6.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas da contestación a elas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que,

1. En relación coa alegación formulada por Matilde Álvarez García, esta foi aceptada pola empresa.

2. Non podemos acepta-las alegacións formuladas por Rosa Rivera Corrales:

-A declaración de utilidade pública realízase ó abeiro do artigo 53 da Ley 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, temos que aclarar que a referida instalación é de distribución, non de subministración.

-As alegacións de tipo ambiental e de turismo non proceden, por estar exenta a liña da presentación do estudio de impacto ambiental e da correspondente declaración de impacto ambiental.

-En canto ós campos electromagnéticos asociados ás liñas de alta tensión, estes mantéñense por debaixo dos niveis de referencia fixados no Real decreto 1066/2001, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento que establece condicións de protección do dominio público radioeléctrico, restriccións ás emisións radioeléctricas e medidas de protección sanitaria fronte a emisións radioeléctricas.

-O momento oportuno para presentar por parte do alegante as probas das que se intentará valer durante o procedemento é precisamente durante o tramite de alegacións, sendo que no mesmo soamente fai mención á súa solicitude de recibimento de proba, sen especificalas, polo que neste suposto non se pode por parte da Administración abri-lo dito período.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-la liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV, parque eólico de Larouco, nos termos municipais de Xinzo de Limia e Cualedro (Ourense).

Segundo.-Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

Terceiro.-Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO