Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 25 de febreiro de 2002 Páx. 2.662

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 18 de xaneiro de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza a modificación das instalacións electromecánicas e se aproba o proxecto de execución de ampliación do aproveitamento hidroeléctrico no río Condomiñas (Reboredo), central hidroeléctrica de Chimparra, no río Condomiñas, concello de Cedeira, provincia da Coruña. (Expediente 52615).

Visto o escrito presentado pola empresa Unión Fenosa Generación, S.A., con enderezo social en r/ Capitán Haya, 53, 28020 Madrid, no que solicita autorización administrativa e aprobación do proxecto das instalacións electromecánicas para a modificación da central hidroeléctrica de Chimparra, no río Condomiñas, concello de Cedeira, provincia da Coruña, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data 16 de setembro de 1993, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu autorizar administrativamente e aproba-lo proxecto de execución da rehabilitación das instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica de Chimparra, no río Condomiñas, concello de Cedeira, provincia da Coruña.

Segundo.-Con data 10 de agosto de 2001, unha vez cumpridos os trámites establecidos polo Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado por Real decreto 249/1998, do 18 de marzo, o organismo autónomo Augas de Galicia aprobou unha ampliación do caudal concesional do aproveitamento a 350 l/s e unha modificación do proxecto constructivo do aproveitamento hidroeléctrico.

Terceiro.-Con data 18 de outubro de 2001, a citada empresa solicitou a modificación da autorización administrativa e a aprobación de proxecto de execución de ampliación do aproveitamento hidroeléctrico no río Condomiñas, central hidroeléctrica de Chimparra, achegando a documentación establecida para o efecto polo Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Cuarto.-As instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica de Chimparra, segundo o proxecto de execución dela, asinado pola enxeñeira de camiños, canais e portos, María Luisa Menéndez Miramontes e o enxeñeiro industrial Manuel Lara Coira, teñen as seguintes características:

-Caudal concesional: 350 l/s.

-Salto bruto: 112 m.

-Salto neto: 107 m.

-Potencia que se vai instalar: 308 kW.

-Unha turbina tipo Pelton, de eixe horizontal de dous inxectores.

-Un xerador síncrono trifásico de 360 kVA de potencia.

-Un transformador de potencia de 400 kVA e relación de transformación 0,38/20 kV.

-Instalacións de interconexión, medida, control, protección e manobra.

Quinto.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña emitiu informe favorable, propoñendo a modificación da autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución das instalacións electromecánicas citadas.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño e o Decreto 310/2001, do 17 de decembro, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro e o Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado por Real decreto 249/1998, do 18 de marzo.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas

RESOLVE:

-Autoriza-la modificación das instalacións electromecánicas do aproveitamento hidroeléctrico no río Condomiñas, central hidroeléctrica de Chimparra, no concello de Cedeira, provincia da Coruña.

-Aproba-lo proxecto de execución da modificación das instalacións electromecánicas da citada central hidroeléctrica.

Queda obrigada a empresa titular da instalación a notifica-lo comezo e remate das obras para a súa inspección e posta en marcha, podendo a Administración autonómica deixar sen efecto a presente resolución, despois do oportuno expediente, no momento que observe incumprimento dos regulamentos, condicionantes técnicos e de seguridade, medidas correctoras establecidos polos organismos e entidades que constan no expediente deste aproveitamento hidroeléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas