Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 07 de febreiro de 2002 Páx. 1.442

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de xaneiro de 2002 pola que se autoriza a inclusión da escola de música Unión Musical de Coruxo, de Vigo (Pontevedra), no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 39.5º da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece que poderán cursarse, en escolas específicas, estudios de música ou danza, que en ningún caso poderán conducir á obtención de títulos con validez académica ou profesional. Así mesmo, a Orde do 11 de marzo de 1993 (DOG do 22 de abril), regula as condicións de creación e funcionamento destas escolas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outro lado, o Decreto 213/1998, do 10 de xullo (DOG do 23 de xullo), establece no seu artigo 1 que lle corresponden á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino en toda a súa extensión.

A Unión Musical de Coruxo solicita a inclusión da escola de música Unión Musical de Coruxo no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia.

A delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra informa do cumprimento efectivo dos requisitos que establece a Orde do 11 de marzo de 1993.

Cumpridos tódolos trámites regulamentarios e tendo en conta o anteriormente exposto, esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-la inclusión no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia da escola de música Unión Musical de Coruxo, de Vigo (Pontevedra), segundo os datos que figuran no anexo a esta orde.

Segundo.-Esta escola queda sometida ó réxime de escolas de música e danza, segundo o establecido na Orde do 11 de marzo de 1993 (DOG do 22 de abril), e ós servicios de inspección correspondentes.

Terceiro.-A delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Pon

tevedra, logo de informe da Inspección educativa, aprobará expresamente a relación de profesorado que imparta docencia na escola de música.

Cuarto.-O centro deberá solicita-la oportuna revisión da inscrición cando teña que modificarse calquera dos datos sinalados nesta orde.

Quinto.-A presente orde, que esgota a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa (BOE do 14 de xullo).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Provincia: Pontevedra.

Concello: Vigo.

Localidade: Coruxo.

Enderezo: avda. Ricardo Mella, 65 (antiga estación de tranvías).

Código do centro: 36024379.

Titular: Unión Musical de Coruxo.

Denominación xenérica: escola de música.

Denominación específica: Unión Musical de Coruxo.