Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 28 de xaneiro de 2002 Páx. 1.030

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 2002, da División de Recursos Humanos, pola que se fan públicos os acordos dos tribunais que xulgan o proceso selectivo para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, relativos á publicación de puntuacións e á anulación dalgunhas preguntas do terceiro exercicio da fase de oposición.

O punto 11 da base sexta a) da resolución da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde do 20 de marzo de 2001 (DOG nº 63, do 29 de marzo), pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, dispón que, se o tribunal, de oficio, ou de acordo coas reclamacións que os interesados poidan presentar, anulase algunha ou algunhas das preguntas incluídas nun exercicio, o anunciará publicamente xunto coa publicación das puntuacións dos distintos exercicios da fase de oposición, nos taboleiros de anuncios dos servicios centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Sergas.

Á vista das impugnacións presentadas en prazo contra o exame, cada tribunal confirmou o seu modelo definitivo de respostas correctas polo que, para este efecto, a estimación ou desestimación das ditas impugnacións enténdense implícitas nesta resolución que publica as listaxes de puntuación outorgadas ós aspirantes no terceiro exercicio.

Polo tanto, adoptado acordo polos respectivos tribunais sobre a modificación de respostas ou sobre a anulación, se é o caso, de preguntas do terceiro exercicio da fase de oposición e sobre a publicación das puntuacións, cómpre agora darlle publicidade no DOG, facultándose para iso expresamente esta

División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, polo que,

RESOLVE:

Primeiro.-Publica-las puntuacións acadadas polos aspirantes presentados ó terceiro exercicio da fase de oposición das categorías de traballador social, cociñeiro, matrona, fisioterapeuta, TEL, TER, TEAP, hixienista dental, auxiliar de enfermería, grupo auxiliar da función administrativa, persoal de servicios xerais, celador e pinche, así como anular determinadas preguntas deste terceiro exercicio, que serán substituídas polas preguntas correlativas de reserva, nas seguintes categorías:

-Auxiliar de enfermería e grupo auxiliar da función administrativa: pregunta nº 3.

-Pinche: pregunta nº 7.

-Persoal de servicios xerais: pregunta nº 2.

Segundo.-Contra esta resolución poderá ser presentada polos interesados reclamación perante o tribunal no prazo de cinco días naturais, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2002.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA