Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 24 de xaneiro de 2002 Páx. 924

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 23 de outubro 2001, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Galigráin, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Galigráin, S.A. (código 1503352) que tivo entrada

nesta delegación provincial o día 28-9-2001 e complementado o 16-10-2001, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e, da parte social, polo delegado de persoal, o día 17-9-2001, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios

da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 23 de outubro de 2001.

María Silva Costoya

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa Galigráin, S.A. e dos seus traballadores

Normas xerais

Artigo 1º.-Ámbito persoal.

Este convenio da empresa Galigráin, S.A. rexerá as relacións laborais desta empresa co seu persoal, calquera que sexa a súa modalidade de contratación ou duración do contrato, con exclusión do persoal ó que se refire o artigo 1.3º e) do ET.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

O centro ou os centros de traballo adscritos a este convenio serán aqueles onde se realicen os labores fixos da empresa e aqueloutros traballos que puidesen levarse a cabo, en almacéns, instalacións, galpóns portuarios, naves etc., onde a empresa presta a súa actividade na provincia da Coruña.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

Este convenio afectará a tódolos centros de traballo da empresa na provincia da Coruña, así como aqueloutros que poida habilitar no futuro a empresa, ben sexan sucursais, delegacións, almacéns ou calquera outro, en territorio nacional ou no estranxeiro.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.

Este convenio terá unha duración de 4 anos e entrará en vigor para tódolos efectos o 1 de xaneiro de 2001, en canto ós seus efectos económicos con carácter retroactivo, independentemente da data do seu rexistro e publicación; os seus efectos estenderanse ata o 31 de decembro de 2004 en todo caso.

Se chegado o termo temporal da súa vixencia ningunha das partes o denunciase, este continuará en vigor en toda a súa integridade renovándose tacitamente por períodos anuais. Anualmente establecerase unha revisión salarial por acordo de ámbalas partes, sen modificación dos aspectos non económicos deste convenio.

Artigo 5º.-Denuncia.

Calquera das partes, con dous meses de antelación como mínimo, poderá denuncia-lo convenio por escrito, a través dos seus representantes legais ante a autoridade laboral competente.

Será indispensable, para os efectos de formalizar tal denuncia, a comunicación fidedigna dela de calquera das partes á outra.

Efectuada a indicada denuncia, o disposto neste convenio colectivo subsistirá, mesmo fóra da súa duración, ata a entrada en vigor da nova normativa que o substitúa.

Organización do traballo e ingreso, contratos e clasificación profesional

Artigo 6º.-Organización do traballo.

A organización do traballo é unha facultade exclusiva da empresa, nos termos da lexislación laboral vixente. Concrétase en cumpri-las ordes e instruccións que a empresa, no exercicio regular das súas facultades directivas, impartidas por ela ou pola persoa en quen delegue, deben ser cumpridas polo traballador, de conformidade coas regras da boa fe e dilixencia, contribuíndo á mellora da súa productividade, e de acordo coas funcións do seu contrato de traballo, tendo en conta ademais os usos profesionais da actividade.

Na organización do traballo, o mesmo que no deseño de operacións concretas da empresa, esta contará coa participación, orientación e asesoramento dos traballadores afectados e os seus representantes, que poderán presentar propostas e suxestións que serán valoradas pola dirección da empresa, tendentes á mellora da productividade e rendemento da actividade e ó mellor cumprimento das normas de seguridade e hixiene no traballo.

Artigo 7º.-Ingreso ó traballo.

O traballador comezará a prestar servicios na empresa a partir do día da súa contratación, e consonte as condicións estipuladas no seu contrato de traballo, o cal se rexerá pola normativa deste convenio e demais disposicións xerais para tódolos efectos e que será rexistrado na oficina pública de emprego. Previamente á súa contratación ou simultaneamente a ela deberá pasa-los controis médicos correspondentes acordes coas funcións do grupo profesional ó que pertence, efectuados polos servicios médicos concertados para este fin. Na contratación de traballadores non prevalecerá ningunha discriminación por razón de afiliación sindical, sexo, estado civil, idade, lingua, condicións físicas, psíquicas ou familiares, nos termos do artigo 4, do Estatuto dos traballadores.

Artigo 8º.-Extinción do contrato.

A extinción do contrato por causa de cesamento voluntario ou demisión do traballador terá que lle ser comunicado á empresa, con 10 días de antelación para o persoal obreiro, 1 mes para o persoal administrativo e 3 meses para o persoal técnico; sen este

requisito poderá ser descontada do seu saldo e liquidación, a cantidade equivalente ós días de aviso previo.

Artigo 9º.-Período de proba.

O período de proba para tódolos traballadores, calquera que sexa a modalidade do seu contrato de traballo establecido neste convenio, será o seguinte:

Grupo profesional de titulados: 6 meses.

Grupo de administrativos: 2 meses.

Grupo de servicios operativos: 2 meses.

Grupo de subalternos: 2 meses.

Grupo de persoal obreiro/servicios varios: 15 días.

Durante este período a empresa e o traballador estarán obrigados a realizar respectivamente as experiencias ou as probas necesarias para a correcta avaliación das funcións e capacidades que constitúan o obxecto da proba.

Calquera das partes, e durante o período de proba, poderá resolve-lo contrato de traballo sen obrigas derivadas da dita resolución. Expresamente o cómputo do período de proba interromperase nas situacións de incapacidade temporal, maternidade, adopción e acollementos que afecten o traballador.

Artigo 10º.-Modalidades de contratación.

Conforme o artigo 15 do Estatuto dos traballadores, que regula os contratos de duración determinada, este convenio colectivo identifica os seguintes traballos ou tarefas con substantividade propia dentro da actividade normal da empresa, que poden cubrirse con contratos de natureza temporal, sen prexuízo de que puidese subscribirse outro calquera.

Estes traballos correspondentes a tódolos grupos profesionais da empresa, meramente enunciativos, son os seguintes:

Amanteiro, estibador a bordo, estibador de terra, limpeza de bodegas e almacéns, controlador, mozo de almacén, manipulante, conductor de máquinas elevadoras, mantemento e conservación, auxilio de entoldado, apertura e cerramento de vehículos de transporte, carga de camións en almacéns e especialmente labores de vixilancia, garda e custodia de mercadorías e almacéns.

Estas operacións poden reproducirse como consecuencia dun incremento de actividade, exceso de pedidos e acumulación de tarefas ou pola determinación de labores concretos ou servicios determinados, ademais das posibles aperturas de novas actividades ou novos centros de traballo.

Artigo 11º.-Clasificación profesional na empresa e grupos profesionais.

O persoal que conforma o cadro de persoal da empresa compón as distintas categorías profesionais indicadas no anexo I deste convenio.

Pola súa vez, estas categorías profesionais conforman os grupos profesionais que así mesmo se detallan no citado anexo.

En consecuencia, establécese a polivalencia na realización de funcións de tódalas categorías profesionais dentro de cada grupo profesional, sen prexuízo de que para o caso que lle corresponda ó traballador pola realización daquelas, o percibi-la retribución correspondente ó traballo realizado.

Artigo 12º.-Mobilidade funcional.

A mobilidade funcional no seo da empresa só estará limitada polo respecto ó grupo profesional, e aterase en todo caso ó disposto nos artigos 39 e 41 do ET.

Artigo 13º.-Mobilidade xeográfica.

Considerarase mobilidade xeográfica para os efectos deste convenio aquela que requira o cambio de residencia do traballador de maneira definitiva ou temporal, para prestar servicios en centros de traballo da empresa, xa existentes ou que puidesen abrirse durante a vixencia do convenio, conforme o disposto no artigo 3º.

A situación de traslado é aquela que comporta de maneira definitiva o cambio de residencia do traballador.

A situación de desprazado é aquela situación que non comporta cambio de residencia definitiva; poderá te-la cualificación de provisional aquela situación de carácter temporal que non supere tres meses.

O traslado rexerase polo disposto no artigo 40 do ET e a situación de desprazado, permanente, haberá de ser pactada co traballador afectado e os seus delegados, en función das necesidades organizativas, productivas ou técnicas da empresa. O desprazado provisional por período inferior a un mes quedará a libre elección da empresa como facultade organizativa dela.

Calquera traslado a outro centro de traballo non afectado por este convenio será obxecto de pacto individual nas súas condicións por empresa e traballador.

Formación e promoción

Artigo 14º.-Formación profesional permanente.

Durante a vixencia do convenio, e pola polivalencia das categorías profesionais da empresa dentro do seu grupo profesional, o traballador e a empresa procurarán que a formación profesional deste sexa permanente para lograr unha efectiva dignificación e preparación laboral. En función diso, o traballador terá dereito ó desfrute dos permisos necesarios para concorrer a exames, ben sexan estes finais, parciais ou de calquera forma liberatorios, cando curse estudios regulares para a obtención dun título académico ou profesional de carácter oficial ou recoñecido como tal. O traballador avisará cunha antelación de 48 horas das probas concretas e ulteriormente xustificarase a súa concorrencia. Estes permisos serán outorgados polas horas necesarias para a asistencia ás ditas probas.

Para a asistencia a cursos de formación profesional organizados pola empresa ou aqueloutros oficiais que a empresa xulgue de interese para a promoción profesional do traballador, concederanse as horas precisas para a súa realización sen perda da súa retribución e posto de traballo. Para aqueles cursos organizados por entidades privadas ou sindicais, logo de comunicación á empresa, o traballador terá dereito á súa asistencia con reserva de posto de traballo sempre que as necesidades do servicio o permitan.

Artigo 15º.-Promoción e ascensos.

Dentro do grupo administrativo, os traballadores maiores de 23 anos e con 3 anos de servicio efectivo na empresa, fixos no cadro de persoal, con categoría profesional de auxiliares administrativos, ascenderán á categoría de oficiais administrativos coa obriga de seguir desempeñando as mesmas funcións que realicen, mentres non exista vacante na súa nova categoría, sen menoscabo da polivalencia dentro do seu grupo profesional e das funcións que poidan encomendárselles.

Os oficiais administrativos que viñesen desempeñando de feito as funcións de xefe de negociado, ou que leven 15 anos de traballo fixo efectivo como oficiais, pasarán a xefe de negociado, e de non haber vacante, manteranse na mesma categoría, percibindo como compensación o 75% da diferencia de salarios entre ambos.

Retribucións

Artigo 16º.-Salarios.

Para o ano 2001 os soldos e salarios correspondentes ás distintas categorías de persoal serán os que se reflictan na táboa que se xunta a este convenio como anexo I, que supón un incremento con respecto ó ano 2000 do 5% sobre o salario base, antigüidade, complemento de dispoñibilidade, complemento de transporte e horas extras.

O incremento para os tres vindeiros anos será o do IPC máis un 1% sobre os mesmos conceptos.

Esta táboa será a única base de cálculo para o devengo das demais percepcións derivadas deste convenio, ordenanza laboral ou disposicións aplicables.

Artigo 17º.-Estructura salarial.

De acordo co disposto no artigo 26.3º do ET, a estructura salarial da empresa, estará composta por salario mensual ou diario, de acordo co anexo da táboa salarial que figura no convenio, as pagas extraordinarias, a antigüidade e o incentivo e o complemento de dispoñibilidade. O complemento de transporte de carácter indemnizatorio non ten carácter salarial. Calquera outro complemento que se puidese pactar ou percibir por razón do traballo desempeñado non terá a natureza de consolidable. De ningunha forma terán carácter de consolidable aqueles complementos por posto de traballo que puidesen percibirse, como consecuencia da actividade desempeñada, condicións do posto de traballo, ou as especiais circunstancias del.

Artigo 18º.-Nómina.

De conformidade co número 1º do artigo 29 do Estatuto dos traballadores, as partes acordan establece-los modelos de recibos individuais de salarios que ata o momento se viñan utilizando na empresa e que se xuntan como anexo II a este convenio.

Calquera outro recibo que puidese confeccionarse por razóns informáticas e de organización da empresa en soporte informático, como consecuencia de traballos especiais ou por razóns de temporalidade ou eventualidade dalgúns traballos da empresa, logo de acordo cos representantes dos traballadores, poderá ser confeccionado, validándoo posteriormente e polos períodos mensuais ou quincenais no recibo oficial que se pacta.

Artigo 19º.-Liquidación e aboamento de salarios.

A liquidación e aboamento de salarios farase quincenal ou mensualmente, atendendo as especiais características dos traballos desenvolvidos pola empresa e os grupos profesionais definidos neste convenio.

Artigo 20º.-Anticipos á conta sobre o salario.

O traballador fixo poderá percibir anticipos sobre o salario devengado e non percibido do traballo xa realizado, que poderá consistir logo de xustificación da súa urxencia:

Nunha mensualidade de salario cada 6 meses.

Nunha quincena de salario cada 3 meses.

Nas nóminas correspondentes ós 6 e 3 meses posteriores ó anticipo solicitado, a empresa reintegrarase os ditos anticipos por sextas e terceiras partes respectivamente, descontándose as ditas cantidades do recibo individual de salarios. Estes anticipos só poderán ser concedidos unha soa vez ó ano en cada unha das súas modalidades.

Artigo 21º.-Antigüidade e o seu cómputo.

Con suxeición estricta ó disposto no artigo 25 do ET, e na súa disposición adicional 4ª, ós traballadores que no momento da sinatura deste convenio formasen parte do cadro de persoal fixo da empresa o 31-12-1991, seranlles de aplicación as normas convencionais que sobre antigüidade viñan rexendo na empresa, desde antes de marzo de 1980, isto é, trienios do 5% co tope do 100% calculados sobre o salario base do anexo correspondente.

Ó persoal que ingresase a partir do 1-1-1992 computaráselle a antigüidade, de igual forma que ós anteriores, pero cos topes establecidos para a acumulación dos ingresos.

Ó persoal que ingresase a partir do 1-1-1998 aboaráselle un complemento substitutorio da antigüidade que se incrementará coa táboa salarial, sendo para o ano 2001 de 5.521 pesetas brutas mensuais, revisable nos anos posteriores na mesma porcentaxe que a táboa salarial.

Artigo 22º.-Gratificacións extraordinarias.

Os traballadores da empresa percibirán catro gratificacións extraordinarias nos meses de marzo, xuño, setembro e decembro, que se farán efectivas xuntamente coas nóminas correspondentes ó último día do mes, excepto a do mes de decembro que se aboará o día 15, e que estarán compostas polo salario base, antigüidade, complemento substitutorio da antigüidade e incentivo complemento de disponibilidade.

As pagas extras correspondentes ós meses de xuño e decembro devengaranse por sextas partes e as de marzo e setembro por doceavas partes, para os efectos do seu cómputo por incorporación ó traballo ou do seu saldo e liquidación por finalización deste.

Artigo 23º.-Complemento de transporte.

Establécese un complemento de transporte de carácter mensual por importe, para o ano 2001, de 7.350 pesetas, que ten para tódolos efectos natureza indemnizatoria non salarial.

Artigo 24º.-Axudas de custo.

Para os supostos de traballadores desprazados de forma habitual, así como para o persoal da división de transportes da empresa que necesiten ou non pasa-la noite fóra do seu domicilio, aboaranse os gastos unha vez que fosen comprobados mediante a entrega dos correspondentes xustificantes de gastos.

As rodaxes realizadas en vehículos propios aboaranse a razón de 28 pesetas/quilómetro realizado.

Artigo 25º.-Indemnizacións por manutención en desprazamentos provisionais.

Para os supostos en que os traballadores da empresa necesiten durante a xornada laboral realizar algunha comida imprevista, sempre ligada ó servicio e de carácter imprevisible, será aboada pola empresa indemnizando ese gasto de forma que non sufra detrimento o seu poder adquisitivo e ligado ó costume e ás condicións habituais dos lugares onde se desenvolve a actividade, sen supera-los topes máximos que a lexislación fiscal vixente permite.

Artigo 26º.-Outras primas e incentivos.

Para o persoal da empresa de carácter temporal, eventual, para obra ou servicio determinado ou para calquera outro persoal con contrato específico, especialmente condicionado por labores eminentemente portuarios, a empresa poderá fixar complementos e incentivos específicos da súa actividade axustados ó costume laboral dos postos tales como:

Complemento de conxelado, complemento de amanteiro, traballo en sábado, traballo en domingos e festivos, hora de remate, recollida e amoreamento etc., que terán que ser recollidos en todo caso no seu contrato individual de traballo, do que se lle dará conta á representación social da empresa.

Tempos de traballo

Artigo 27º.-Xornadas.

A xornada de traballo anual máxima para tódolos traballadores da empresa será de 1.800 horas/ano.

Dentro da xornada anual establécese a xornada laboral partida vixente ata o día de hoxe, quedando os sábados libres para tódolos efectos, sen que iso restrinxa a xornada anual de traballo existente, e de acordo co cadro horario e co calendario laboral que se xunta ó texto deste convenio colectivo como anexo III.

Desde o 1 de xuño ó 30 de setembro establécese a xornada intensiva en quenda de mañá para o persoal administrativo e técnico, todo iso sen menoscabo de que a empresa, polas especialísimas características da súa actividade e o tráfico mercantil, ó que está dedicada, poida, con suxeición a horario fixo, comunicalo coa antelación que sexa posible, atende-las chegadas, despachos e saídas de buques, aeronaves e demais medios de transporte e despachos de aduanas, designando o persoal que ten que prestar servicios os sábados, por rigorosas quendas rotativas, sen compensación de horas sempre e cando non superen as 40 horas semanais.

O persoal de transporte da empresa e aquel do grupo subalterno, de servicios operativos e de servicios varios que realice labores de apoio nas tarefas portuarias, realizará a xornada habitual de 40 horas semanais.

O persoal de carácter temporal, eventual, para obra ou servicio determinado, ou calquera outro persoal con contrato específico realizará a xornada que nos seus respectivos contratos de traballo se fixe de acordo coa actividade propia da empresa.

As xornadas do persoal eventual nunca superarán a xornada anual máxima establecida neste articulado, tendo en conta os postos de traballo que desempeñen os traballadores afectados.

No suposto de que por razón da súa actividade, a empresa tivese que contratar ou subcontratar servicios especiais, ben dentro dos seus propios centros de traballo ou noutros diferentes, os horarios de traballo neses centros estarán condicionados ó tipo e á forma da contrata subscrita por razón do horario vixente en centros de traballo diferentes, saturándose a xornada dos traballadores acomodándoa ás quendas e postos de traballo necesarios.

Artigo 28º.-Horas extraordinarias.

Terán a consideración de horas extras, aquelas que superen a xornada normal de traballo fixada no artigo 27º deste convenio.

Dentro dos topes establecidos no artigo 35 do ET terán a consideración de horas estructurais as realizadas con motivo da adaptación ós horarios dos portos, onde en ocasións os buques traballan dúas ou tres xornadas continuadas, o que obriga o persoal das empresas consignatarias, estibadoras e transitarias ó traballo intensivo, co obxecto de atende-los buques e as mercadorías que estes mobilizan nos

distintos peiraos e almacéns. Así mesmo, consideraranse horas estructurais as realizadas por necesidades do servicio os sábados, domingos e festivos e as necesarias para o mantemento do inmobilizado da empresa, así como aqueles tempos perdidos nas cargas e descargas por causas non imputables á empresa, como atraso na chegada de estibadores, avarías, etc., e o consumido durante os períodos de xantar e cea.

Terán a consideración de horas extraordinarias por razón de forza maior aquelas realizadas para previr ou reparar sinistros e outros danos extraordinarios ou urxentes tales como a grave deterioración de mercadoría por razóns climáticas, estiba e desestiba e amoreamento por razóns de perigo inminente que poida causar un risco para as persoas ou as cousas etc., todo iso sen prexuízo da súa compensación en tempo de descanso.

Por cada domingo e/ou festivo traballado entre as 8 horas do dito día festivo e as 8 horas do día seguinte, desfrutarase dun día laborable de descanso, de acordo co traballador, dentro das dúas semanas seguintes ó traballo festivo efectuado.

Por cada sábado pola tarde ou noite traballados, a empresa procurará a compensación de descanso equivalente en horario laborable, sempre salvagardando as necesidades do servicio.

Artigo 29º.-Calendario laboral.

A empresa, unha vez coñecido o calendario oficial de festividades estatais e autonómicas, confeccionará o da empresa no termo dun mes a partir do momento do seu coñecemento, someténdoo ó informe preceptivo dos representantes de persoal.

Artigo 30º.-Vacacións anuais.

O persoal da empresa terá 22 días laborables de vacacións, sempre que conte cun ano de antigüidade nela. Unha semana destes 22 días poderá ser fixada a libre decisión da empresa segundo as necesidades do servicio.

Estableceranse quendas rotativas de vacacións relacionándoas cos distintos departamentos e divisións da empresa, de forma que os servicios queden cubertos. Estas quendas deberán estar confeccionadas dous meses antes do desfrute delas.

A comisión de vixilancia e interpretación do convenio confeccionará un regulamento de réxime interno para o desfrute das vacacións, que será revisado anualmente.

Artigo 31º.-Permisos retribuídos.

Os traballadores, avisando coa antelación debida e ulterior xustificación poderán ausentarse do traballo sen perda da súa retribución e dos seus demais dereitos laborais inherentes, polos motivos e polo tempo que se expresa a continuación:

a) Vinte días naturais en caso de matrimonio.

b) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, así como para realizar funcións sindicais ou de representación de persoal nos termos establecidos legalmente. Para os efectos de excedencias, indemnizacións e salarios nesta situación haberase que ater ó disposto nas normas legais ordinarias.

c) Tres días por enfermidade grave ou falecemento de cónxuxe, fillos, pais, sogros, netos, avós ou irmáns, que poderán ser ampliadas noutros tres días se comporta necesidade de desprazamento fóra da provincia onde estea situado o centro de traballo.

d) Dous días en caso de parto de esposa, que poderán ser ampliadas ata 5 días, en caso de gravidade.

e) Un día en caso de matrimonio de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, coincidindo a licencia co día do acto civil ou relixioso, ampliable a 1 día máis, se este se celebrase en provincia distinta a aquela en que estea situado o centro de traballo.

f) Un día por traslado do seu domicilio habitual, se este se produce dentro do mesmo municipio onde o centro de traballo da empresa estea situado, ampliable a dous días se este produce entre distintos municipios ou entre distintas provincias.

Sobre as licencias de lactación e xornada reducida por garda legal haberase que ater ó disposto na lexislación ordinaria.

Outras melloras sociais

Artigo 32º.-Gratificación especial por razón de xubilación.

Establécese unha gratificación cun importe que será o equivalente a 16 pagas de salario base máis antigüidade, a aqueles traballadores que, cumprindo o requisito de teren acreditados na empresa 20 anos de servicio, se xubilen ó cumpriren os 65 anos de idade.

Artigo 33º.-Gratificación especial por razón de invalidez.

Establécese unha gratificación, cun importe que será o equivalente a 16 pagas de salario base máis antigüidade a aqueles traballadores que, cumprindo o requisito de teren acreditados na empresa 20 anos de servicios, pasen a unha situación de invalidez permanente absoluta ou grande invalidez, unha vez declarada esta polo organismo competente da Seguridade Social, e cesen no traballo. Do mesmo modo poderán ter dereito á dita gratificación, tamén por petición propia, dentro do mes seguinte á súa declaración, aqueles traballadores que cesen no traballo como consecuencia da declaración da situación de invalidez permanente total para a súa profesión habitual e que non poidan ser recolocados pola empresa noutro posto distinto ó da súa profesión habitual.

Artigo 34º.-Indemnización por razón de incapacidade temporal.

Para aqueles supostos en que o traballador, calquera que sexa o feito causante, se encontre nunha

situación de incapacidade temporal para o traballo, a empresa aboará en concepto inequivocamente indemnizatorio a diferencia entre a prestación económica mensual da Seguridade Social e o salario que o traballador percibise no mes anterior e que figura no anexo da táboa salarial máis a antigüidade, incentivo, complemento de transporte e complemento substitutorio da antigüidade, se os percibisen, e complemento de dispoñibilidade, excluído calquera outro emolumento.

Dereito disciplinario

Artigo 35º.-Premios.

A empresa e unha vez avaliados os méritos do traballador, poderá outorgar premios consistentes en mencións públicas ou premios en metálico, que compensan un sacrificio extraordinario, unha acción meritoria, ou unha conducta exemplar, e que serán outorgados de forma extraordinaria, e por unha soa vez, sen que iso comporte ningunha outra carga adicional para efectos de Seguridade Social.

Artigo 36º.-Sancións.

As accións ou omisións voluntarias, así como os prexuízos causados contra a orde e a organización do traballo e os intereses da empresa, así como as normas de seguridade e hixiene, serán faltas laborais, que serán clasificadas segundo a súa importancia, en leves, graves e moi graves, e serán graduadas en grao mínimo, medio e máximo, terán aparelladas as seguintes sancións:

Leves:

Grao mínimo: amoestación verbal e/ou escrita.

Graves:

Grao mínimo: suspensión de 1 a 7 días de emprego e soldo.

Grao medio: suspensión de 8 a 15 días de emprego e soldo.

Grao máximo: suspensión de 16 a 30 días de emprego e soldo.

Moi graves:

Grao mínimo: suspensión de 40 días de emprego e soldo.

Grao medio: suspensión de 60 días de emprego e soldo.

Grao máximo: suspensión de 90 días a despedimento disciplinario.

A tipificación nas faltas farase conforme os criterios establecidos na lexislación xeral, e máis concretamente no Estatuto dos traballadores e normas xerais de seguridade e hixiene.

Artigo 37º.-Procedemento sancionador.

Para as faltas graves e moi graves, a empresa, comunicaralle ó traballador, cos prazos de prescrición e caducidade que establece o ET, un prego

de cargos a este, ó tempo que se dará conta á representación social da empresa e ó sindicato ó que estivese afiliado se fose coñecido. No termo de 5 días hábiles a partir do seguinte ó da recepción do dito prego, o traballador poderá alegar e propoñe-la proba que ó seu dereito conveña, que será avaliada na resolución do expediente que se lle incoa, dando lugar a unha resolución definitiva da empresa no prazo máximo de 5 días, quedando entón expedita a vía xurisdiccional. O procedemento sancionador páctase como garantía máxima establecida no convenio 158 da OIT, mesmo entendendo que a lexislación vixente non o esixe. No non disposto neste artigo haberase que ater ó disposto no ET, Lei procedemento laboral e Lei de liberdade sindical.

Seguridade e hixiene

Artigo 38º.-Protección persoal.

A empresa dotará de medios de protección persoal e colectiva os traballadores, que serán de emprego obrigatorio, sempre que se precise eliminar ou reducir riscos profesionais, e que serán complementarios dos medios preventivos de carácter xeral, conforme o disposto na Ordenanza xeral de seguridade e hixiene.

Artigo 39º.-Recoñecementos médicos.

A empresa velará pola práctica de recoñecementos médicos ós traballadores, iniciais ou periódicos, que estean afectados por este convenio nos termos establecidos na lexislación vixente.

Os traballadores terán que se someter a eles, de forma obrigatoria, sen menoscabo da privacidade do resultado deles.

Artigo 40º.-Plan de seguridade e hixiene.

A empresa no termo da vixencia deste convenio establecerá un plan xeral de prevención de riscos laborais e de hixiene e seguridade no traballo, de acordo coa normativa vixente. Nel conteranse os plans parciais ou por operacións concretas que realiza a empresa ou que poida realizar no futuro, de forma que a seguridade e hixiene no traballo teña a máxima cobertura e eficacia.

Artigo 41º.-Participación dos traballadores na seguridade e hixiene laboral.

A empresa consultará coa representación social a planificación e organización do traballo da empresa e a introducción de novas tecnoloxías, en todo o relacionado coas consecuencias que estas puidesen ter para a seguridade e a saúde dos traballadores, derivadas da elección dos equipos, a determinación e a adecuación das condicións de traballo e o impacto dos factores ambientais. Da mesma maneira consultará a organización e desenvolvemento das actividades de protección e prevención dos riscos profesionais na empresa, incluída a designación dos traballadores encargados das ditas actividades ou o recurso a un servicio de prevención externo.

Artigo 42º.-Delegados de prevención.

As funcións que a lexislación vixente lles encomenda ós vixilantes de seguridade e hixiene, e que en diante se chamarán delegados de prevención, serán asumidos por un dos delegados de persoal da empresa, que efectuará os cursos pertinentes para a súa formación integral nesta materia.

Representación sindical

Artigo 43º.-Delegados de persoal.

Os delegados de persoal terán os dereitos e obrigas así como as garantías establecidas na lexislación vixente, e se a índole das funcións que realizan na empresa o permitise e avisando cunha prudente antelación para que o seu posto de traballo ou as súas funcións poidan ser suplidos, poderá acumula-lo crédito de horas sindicais mes a mes.

Aplicación e interpretación do convenio

Artigo 44º.-Aplicación e interpretación.

Este convenio colectivo será aplicado como norma básica da empresa e texto básico das súas relacións laborais, podendo ser engadidas ó seu texto cantas cuestións se susciten na súa aplicación e que non fosen consideradas, que poden incorporarse logo de pacto das partes. Da mesma maneira poderán engadirse a este convenio aqueles acordos particulares alcanzados na comisión de vixilancia e interpretación do convenio, que de mutuo acordo este órgano decida integrar no texto.

A interpretación do convenio colectivo aterase ás regras do dereito común e en todo caso ó espírito da negociación efectuada. No non disposto neste convenio, aplicarase a lexislación laboral xeral e intrepretarase de conformidade con ela.

Comisión paritaria

Artigo 45º.-Composición.

Créase unha comisión paritaria de vixilancia e interpretación do convenio, composta por un delegado de persoal da empresa e un membro da dirección.

Artigo 46º.-Funcións.

A comisión de vixilancia e interpretación do convenio reunirase alomenos unha vez ó ano durante a súa vixencia. Cando a índole do asunto o requira, poderá reunirse extraordinariamente por petición dalgunha das partes. De todas e cada unha das reunións procederase a levanta-la oportuna acta da reunión realizada.

Cláusulas derradeiras

Artigo 47º.-Compensación e absorción.

Os dereitos económicos recoñecidos neste convenio poderán compensarse con calquera outro que os traballadores puidesen vir desfrutando ata a data, calquera que fose a súa denominación.

Así mesmo, as condicións establecidas neste convenio absorberán calquera outra que existise na empresa, entendendo que o convenio mellora as condicións actuais.

Continuarán vixentes, como contido normativo no ámbito temporal do convenio, aquelas condicións de tipo xeral, particular ou por posto de traballo, que a empresa e os traballadores viñeron mantendo ata a sinatura deste convenio, por pactos individuais ou colectivos expresos.

Artigo 48º.-Garantía ad personam.

Se á entrada en vigor deste convenio calquera traballador gozase dunha condición máis beneficiosa a título persoal cás dispostas neste convenio, manterá estas a título persoal, sempre e cando nas condicións económicas establecidas no convenio non se establecese o aboamento delas, baixo outra denominación ou fosen compensadas de forma diferente.

Artigo 49º.-Rexistro e publicación.

Este convenio asínase na Coruña o 17 de setembro de 2001 e as partes obríganse a lle elevar á autoridade laboral competente o texto do convenio, así como a acta de constitución da mesa negociadora e a acta final do acordo, para os efectos de rexistro, depósito e publicación no boletín oficial correspondente.

ANEXO I

Grupos e categorías profesionais con táboa salarial

Grupos e categoríasSalario mensual

I. Grupo profesional de titulados
Titulado superior191.421
Titulado medio grupo A171.158
Titulado medio grupo B159.651

II. Grupo profesional de administrativos
Xefe de sección191.421
Xefe de negociado171.158
Oficial administrativo151.134
Auxiliar administrativo115.444

III. Grupo profesional de servicios operativos
Capataz xeral191.421
Capataz de operacións166.187
Xefe de mantemento159.010
Xefe de taller141.776
Encargado xeral130.060
Oficial de operacións118.766

IV. Grupo profesional de servicios varios
Carreteiro/operador de pa129.212
Almaceneiro125.036
Controlador125.036
Oficial de 1ª125.036
Operario de guindastre118.766
Conductor de camión118.766
Oficial de 2ª118.766
Peón114.672
Persoal de limpeza100.844

V. Grupo profesional de subalternos
Conserxe100.844
Cobrador100.844
Ordenanza100.844
Porteiro100.844
Vixilante100.844
Recepcionista100.844

ANEXO III

Cadro de horarios ano 2001

Empresa: Galigráin, S.A..

Centro de traballo: peirao San Diego-A Coruña.

Número de patronal: 15/100520668.

Nº de traballadores: 20.

Actividade: carga e descarga.

Convenio colectivo: propio.

Horas de traballo ó ano: 1.800.

Horarios de traballo segundo a actividade

que desempeñen os traballadores e grupo profesional

* Grupos profesionais de titulados e administrativos:

-Inverno: do 1-1 ó 31-5 e do 1-10 ó 31-12, de luns a venres.

Mañás: de 9 a 13.30 h.

Tardes: de 15.30 a 19 h.

-Verán: do 1-6 ó 30-9, de luns a venres.

Mañás: de 8 a 14 h.

* Grupos profesionais de servicios operativos, servicios varios e subalternos:

-Inverno e verán: do 1-1 ó 31-12, de luns a venres.

Xornada partida: de 8 a 12 h/de 14 a 18 h.

Xornada intensiva: de 7 a 14 h/ de 14 a 21 h.

Calendario laboral ano 2001

Festas da Comunidad Autónoma de Galicia:

1 de xaneiro: Aninovo.

6 de xaneiro: Epifanía do Señor.

12 de abril: Xoves Santo.

13 de abril: Venres Santo.

1 de maio: Festa do Traballo.

17 de maio: Día das Letras Galegas (día recuperable).

25 de xullo: Santiago Apóstolo.

15 de agosto: Asunción da Virxe.

12 de outubro: Festa Nacional de España.

1 de novembro: Día de Tódolos Santos.

6 de decembro: Constitución Española.

8 de decembro: Inmaculada Concepción.

25 de decembro: Nadal.

Festivos locais:

27 de febreiro: Martes de Entroido.

8 de outubro: Virxe do Rosario.