Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Venres, 18 de xaneiro de 2002 Páx. 654

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de decembro de 2001 pola que se clasifica como mixta a Fundación Vigo en Deporte.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Vigo en Deporte, con domicilio en Vigo; edificio municipal do Concello de Vigo. Praza do Rei s/n, Vigo (Pontevedra).

Supostos de feito.

1. Lois Pérez Castrillo, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 13 de decembro de 2001 formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día 19 de novembro de 2001, ante o notario Ramón Mucientes Silva, co número 443 do seu protocolo, por Lois Pérez Castrillo que intervén en por si e en representación do Concello de Vigo; Manuel Fernández de Sousa Faro, que intervén en por si e en nome e representación de Pescanova, S.A.; Julio Fernández Gayoso que intervén en por si e en nome e representación da Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra; Javier Riera Nieves, que intervén en por si e en nome e representación da sociedade Peugeot Citroën Automóviles España, S.A.; e Santiago Domínguez Olveira, que intervén en por si, no exercicio do seu cargo de concelleiro delegado de Deportes do Concello de Vigo.

3. Segundo consta no artigo 6 dos estatutos, é obxecto da fundación o fomento e a promoción do deporte a través do apoio, difusión e axuda ás entidades deportivas de alto nivel da cidade de Vigo, e a consolidación dos grandes eventos deportivos que xera a cidade de Vigo como medio de promoción e difusión da cultura deportiva, posibilitando un maior achegamento a tódolos cidadáns e ó resto da sociedade en xeral.

4. O padroado da fundación estará constituído por Lois Pérez Castrillo como presidente, Santiago Domínguez Olveira como vicepresidente, Javier Riera Nieves como secretario e Julio Fernández Gayoso como tesoureiro.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como mixta da Fundación Vigo en Deporte, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba

o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, cómpre a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 26 de decembro de 2001.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación Vigo en Deporte e adscribila á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública