Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Martes, 15 de xaneiro de 2002 Páx. 521

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 425/2001, do 28 de decembro, polo que se cede, a título gratuíto, o dereito de superficie, a favor da Cámara Oficial de Comercio e Industria de Ourense, da parcela 7G do Parque Tecnolóxico de Galicia, no termo municipal de San Cibrao das Viñas (Ourense).

A Comunidade Autónoma de Galicia ten a titularidade das parcelas patrimoniais do Parque Tecnolóxico de Galicia, situado no termo municipal de San Cibrao das Viñas (Ourense), agás as que foron alleadas a distintas entidades privadas.

A orde do conselleiro de Economía e Facenda do 14 de xullo de 1994, (DOG nº 143, do 27 de xullo e corrección de erros DOG nº 175, do 9 de setembro), declarou a alienabilidade das parcelas do Parque Tecnolóxico de Galicia.

O Parque Tecnolóxico de Galicia naceu como un instrumento de promoción industrial, que fomenta a utilización de tecnoloxías avanzadas, fundamentalmente en tecnoloxías de I+D.

A Comunidade Autónoma, no marco das súas competencias exclusivas de fomento e planificación da actividade económica, considera prioritaria a política activa de promoción da actividade empresarial mediante a habilitación de solo industrial e das infraestructuras necesarias para a implantación na Comunidade Autónoma de empresas que teñan carácter estratéxico pola súa actividade ou polo seu carácter dinamizador nun determinado territorio.

Con data do 26 de outubro de 2001, a Cámara Oficial de Comercio e Industria de Ourense solicitoulle á Comunidade Autónoma de Galicia a cesión gratuíta dun dereito real de superficie dunha parcela integrada no Parque Tecnolóxico de Galicia para a construcción dun centro de incubación de empresas. A dita institución configúrase como unha corporación de dereito público con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, que actúa como órgano consultivo das administracións públicas, figurando entre as súas funcións a representación, promoción e defensa dos intereses xerais do comercio e a industria, así como a prestación de servicios ás empresas que exerzan as indicadas actividades.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da Consellería de Economía e Facenda, logo do informe favorable da Consellería de Industria e Comercio, tramitou o expediente de cesión gratuíta do dereito de superficie, de acordo co previsto nos artigos 30 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 83 e seguintes do seu regulamento.

Conforme os artigos 30.2º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma

de Galicia, e 86.1º do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, o acordo de cesión adoptará a forma de decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de decembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión, a título gratuíto, do dereito de superficie a favor da Cámara Oficial de Comercio e Industria de Ourense da parcela patrimonial integrada no Parque Tecnolóxico de Galicia en San Cibrao das Viñas (Ourense), que se describe a continuación:

Parcela 7G, dunha superficie de 3.373 metros cadrados. Linda, á fronte, con vía do polígono; dereita entrando, coa parcela 6G; esquerda, con vía do polígono; e ó fondo, con parcela 8G.

Figura inscrita no rexistro da propiedade de San Cibrao, no tomo 1.259, libro 51, folio 106, predio 5.188, inscrición 1ª.

Referencia catastral 9235108NG9893N00010T.

Artigo 2º

A cesión do dereito de superficie quedará suxeita ás seguintes cláusulas:

1ª O fin da cesión do dereito de superficie á Cámara Oficial de Comercio e Industria de Ourense é a construcción, pola súa exclusiva conta, dun edificio para a instalación dunha incubadora de empresas.

2ª O dereito real de superficie terá unha duración de dez anos; transcorrido o dito prazo, o edificado pasará a ser propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, sen que deba satisfacerse ningunha indemnización. Non obstante, antes do seu vencemento, poderá prorrogarse a situación superficiaria por períodos sucesivos, de igual duración, se así o acordase expresamente o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo de petición da superficiaria con anterioridade ó vencemento do período anterior, ata un prazo máximo de corenta anos excluído o período inicial.

3ª O prazo para executa-las obras será de cinco anos contados desde a data da escritura pública de constitución do dereito de superficie.

4ª O proxecto definitivo da edificación, redactado por orde e conta da Cámara Oficial de Comercio e Industria de Ourense, someterase á conformidade da Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda, antes da solicitude da oportuna licencia municipal.

5ª Se o inmoble sobre o que se constitúe o dereito de superficie non se aplicase ó fin sinalado desde

o outorgamento da escritura pública, ou deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considérase resolta a cesión do dito dereito e o inmoble reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentase.

6ª O superficiario non poderá realizar actos de alleamento e gravame do dereito de superficie.

7ª O superficiario asumirá o cumprimento de tódalas obrigas económicas derivadas da conservación e mantemento do Parque Tecnolóxico de Galicia que lle correspondan á parcela obxecto do expediente.

Artigo 3º

A cesión gratuíta do dereito de superficie formalizarase mediante escritura pública, subscrita polo secretario xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario. Serán por conta da Cámara Oficial de Comercio e Industria de Ourense tódolos gastos e impostos que deriven da cesión gratuíta do dereito de superficie, a súa formalización en escritura pública e a inscrición rexistral.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo

tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinteoito de decembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda