Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Martes, 08 de xaneiro de 2002 Páx. 199

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de decembro de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Consorcio da Zona Franca de Vigo.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Consorcio da Zona Franca de Vigo, con nº de código 3600392 que tivo entrada nesta delegación provincial

o día 30-11-2001, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, en data 26-11-2001. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 4 de decembro de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Consorcio da Zona Franca de Vigo

Convenio colectivo para os anos 2001 e 2002

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación e vixencia.

Este convenio colectivo -pactado entre o comité de empresa do Consorcio da Zona Franca de Vigo en representación do persoal e polos directivos designados para o efecto polo comité executivo en representación do Consorcio- regulará as relacións laborais existentes entre a citada empresa e o seu persoal e terá vixencia desde o momento da súa sinatura ata o 31 de decembro de 2002.

As melloras económicas pactadas entrarán en vigor con efectos retroactivos do 1 de xaneiro de 2001.

Queda expresamente exceptuado do ámbito de aplicación o persoal asesor que poida contratarse baixo a modalidade de contrato de alta dirección, segundo o artigo 2.1º do Estatuto dos traballadores desenvolvido por Real decreto 1382/1985. Ó persoal directivo cun contrato que non se rexa polo Real decreto 1382/1985, seralle de aplicación este convenio agás no relativo a niveis salariais, categorías laborais e xornada anual.

Para que non proceda a prórroga automática prevista no nº 2º do artigo 86 do Estatuto dos traballadores, será preciso que, dous meses antes da expiración do prazo de vixencia, a parte interesada formule a oportuna denuncia do convenio mediante escrito que se axustará ó establecido no nº 1º do artigo 89 do citado estatuto, debendo seguirse a tramitación conforme as prescricións do capítulo II do título III desa lei.

Artigo 2º.-Clasificación do persoal e funcións.

As funcións do persoal serán as que correspondan ás dos postos de traballo en que presten servicio, segundo a seguinte clasificación e descrición:

-Arquitecto técnico:

É a persoa que, estando en posesión da titulación universitaria de arquitecto técnico, desempeña as funcións para as que o propio título a faculta ou habilita.

A mera posesión do título non dará dereito á inclusión nesta categoría, de non ir acompañada da realización das funcións propias do seu nivel académico.

-Analista de sistemas:

É a persoa que con titulación adecuada realiza análises orgánicas de aplicacións complexas para obte-la solución mecanizada destas en canto se refire a cadea de operacións que hai que seguir, documentos que hai que obter, deseño destes, definición de ficheiros que se van tratar, posta a punto das aplicacións, creación de xogos de ensaio, enumeración das anomalías que poidan producirse e definición do seu tratamento. O analista colaborará co programa das probas de lóxica de cada programa e finalizará os expedientes técnicos de aplicacións complexas.

-Técnico en sistemas de información:

É a persoa que con titulación adecuada controla a posta en marcha dos novos circuítos de información así como as modificacións necesarias nos actuais. É así mesmo responsable de elabora-la documentación para os usuarios dos sistemas de información, de formalos e de face-las probas que garantan o bo funcionamento daqueles.

-Delineante proxectista de CAD:

É a persoa que con titulación de delineante proxectista, proxecta ou detalla os traballos do técnico superior, e actúa baixo as súas ordes. É así mesmo o responsable do deseño asistido por ordenador, de manter operativas as instalacións do CAD e ter ó día os planos de edificacións e instalacións así como os arquivos dos proxectos.

-Programador de ordenador:

É a persoa, con titulación mínima de formación profesional de 2º grao-rama informática, á que lle corresponde estudia-los procesos definidos polos analistas, confeccionar organigramas detallados de tratamento, redactar programas na linguaxe de programación que lle sexa indicada, confeccionar xogos de ensaio, pór a punto os programas, tanto os elaborados na propia empresa como os adquiridos a terceiros, completa-los expedientes técnicos destes e realiza-las documentacións e traballos que lle sexan encomendados polos analistas e o director do Departamento de Servicios Avanzados.

-Secretaria de dirección:

É a persoa que, con titulación mínima de formación profesional de 2º grao-rama secretariado e con dominio do idioma inglés, realiza as seguintes funcións: organización dos traballos propios de secretaría da dirección á que estea adscrita; rexistro; correspondencia; actas e informes; custodia, tramitación e arquivo de documentación e expedientes; axenda de traballo; preparación de reunións e entrevistas; recepción de visitas e xestión en xeral de todos aqueles asuntos reservados ou de confianza, que se lle encomenden.

-Administrativo de nivel 5:

É a persoa que, con titulación mínima de formación profesional de 2º grao-rama administrativa e baixo a dependencia directa do director dun departamento, realiza con regularidade funcións de responsabilidade que requiran iniciativa, tales como: asentos de contabilidade, carpetas mensuais de contas, balances de situación, control orzamentario e contable, facturación, xestión comercial, aplicación de tarifas, control e tramitación de documentos de exportación e tránsitos alfandegarios e seguimento destes con aduanas nacionais e estranxeiras, confección de nóminas de persoal, liquidacións de Seguridade Social, declaracións de IRPF, control de expedientes administrativos, etc.

-Técnico do departamento de obras:

É a persoa que, con titulación adecuada, desenvolve actividades de apoio técnico no departamento de obras do Consorcio, realizando as funcións que lle sexan encomendadas pola dirección.

-Administrativo de nivel 4:

É a persoa que, con titulación mínima de formación profesional de 2º grao-rama administrativa, realiza con regularidade algunhas das seguintes funcións: comprobación de facturación, xestión de compras e distribución de material de oficina e outros, control de execución de obras e bens inventariables, confección de mandamentos de ingreso e libramentos de pagamento, control de movementos de caixa, elaboración, selección e arquivo de documentación, mantemento de páxinas WEB, preparación de cursos, recepción de visitas, etc.

-Administrativo de nivel 3:

É a persoa que, con titulación mínima de formación profesional de 2º grao-rama administrativa, realiza con regularidade algunhas das seguintes funcións: rexistrar e dilixenciar documentos alfandegarios de entrada, saída, operacións interiores e de transformación; levar control desta documentación ata a súa cancelación; control das listas informáticas de movementos e stocks dos operadores en zona franca; cancelación e arquivo de documentación alfandegaria; estatísticas de movemento de mercadorías; xestión e recompilación de datos e documentación de compra de terreos; comprobación de partes diarios e de facturación; envío e recepción por fax e arquivo e clasificación de documentación e planos.

-Conserxe maior/encargado de almacén:

É a persoa que, con titulación mínima de formación profesional de 1º grao e cun mínimo de cinco persoas ás súas ordes, ten a responsabilidade dos servicios subalternos que se lle encomenden.

-Chofer do delegado do Estado:

É a persoa que, con titulación mínima de graduado escolar (EXB) e dispoñendo do permiso de conducción de vehículos automóbiles, ten como cometido habitual a prestación do servicio de chofer do delegado do Estado na Zona Franca de Vigo. Así mesmo, poderá realizar funcións de subalterno de oficinas, sempre e cando iso sexa compatible co desempeño do seu cometido habitual como chofer do delegado do Estado.

-Almaceneiro:

É a persoa que, con titulación mínima de graduado escolar (EXB) e aptitude no manexo de carretas elevadoras, ten como misión o control de entradas, saídas

e existencias de mercadorías nos almacéns e dependencias intervidas, vixiando e realizando, de se-lo caso, por si mesmos, ou mediante carretas elevadoras, os traballos previstos nas tarifas de manipulacións do Consorcio; todo iso á vista dos oportunos documentos que dilixenciará coa súa conformidad ou reparos, reténdoos no seu poder ata o seu total despacho e efectuando as comprobacións oportunas cando un documento definitivo refunda varios provisionais.

-Subalterno de oficinas:

É a persoa que, con titulación mínima de graduado escolar (EXB) e dispoñendo do permiso de conducción de vehículos automóbiles, ten como cometido facer recados fóra ou dentro das oficinas, realiza-las funcións de chofer, recoller e entregar correspondencia, cobrar talóns bancarios e efectuar ingresos en bancos, entidades de crédito e organismos oficiais ou privados, manexar máquinas fotocopiadoras e de fax, realizar traballos de arquivo así como aqueloutros de carácter secundario que se lle encomenden nas dependencias administrativas.

-Oficial de 2ª de oficios varios:

É a persoa que, con titulación mínima de formación profesional de 1º grao, realiza traballos de carácter manual para o mantemento e conservación dos bens e instalacións da entidade, para os que se requiren coñecementos de electricidade, mecánica, carpintería e outros propios de calquera oficio.

-Vixilante motorizado:

É a persoa que, con titulación mínima de graduado escolar (EXB) e dispoñendo do permiso de conducción de vehículos-motocicletas, ten como misión vixia-los recintos, dependencias e accesos da entidade, regula-lo seu tráfico e recoller ou entregar correspondencia e documentación, tanto diariamente, desprazándose ás distintas dependencias do Consorcio, Aduana e Xefatura de Policía Municipal, como eventualmente a outro destino cando así o requira o carácter urxente da correspondencia ou documentación.

-Conserxe:

É a persoa que, con titulación mínima de graduado escolar (EXB), ten como misión a vixilancia diurna ou nocturna dos recintos e dependencias da entidade, así como das portas e accesos a eles, coidando de comprobar que as mercadorías que entren e saian respondan ás consignadas na documentación en cada caso establecida e controlando así mesmo a entrada e saída do persoal das empresas establecidas en zona franca, así como dos usuarios dos demais servicios do Consorcio.

As funcións anteriormente expresadas formúlanse con carácter xeral e, en todo caso, para a súa valoración, será de aplicación o estudio sobre valoración de postos de traballo realizado na empresa. O feito de que para realiza-las funcións en calquera posto se precise utilizar un terminal informático a nivel de usuario, non significará a adscrición a superior categoría ou clasificación noutra distinta, aínda que a empresa deberá proporcionarlle para o efecto a aprendizaxe necesaria ó empregado ó que se lle esixa o uso.

Ámbalas partes acordan manter provisionalmente o texto deste artigo. Modificarase de común acordo trala realización dun estudio que elabore un catálogo dos postos de traballo existentes na actualidade e daqueloutros que se prevexa incorporar. Este estudio será encargado pola Dirección do Consorcio Zona Franca Vigo a unha empresa especializada na organización de recursos humanos.

Artigo 3º.-Ascensos e provisión de vacantes.

Como regra xeral o persoal da entidade terá preferencia para ocupa-las vacantes que se produzan en categoría superior, sempre que reúna as condicións esixibles en cada caso e obteña igual puntuación que os demais aspirantes nas probas que se convoquen para ese fin.

Artigo 4º.-Salarios base.

Establécense para o exercicio 2001, para as distintas categorías laborais, os niveis salariais básicos seguintes:

Ano 2001

CategoríasSalario base

PesetasEuros

Enxeñeiros336.2492.020,90

Arquitecto técnico315.7871.897,92

Analista de sistemas252.5231.517,69

Técnico en sistemas de inform.252.5231.517,69

Delineante proxectista de CAD220.2971.324,01

Programador220.2971.324,01

Administrativo nivel 5202.4791.216,92

Secretarias de dirección202.4791.216,92

Técnico do dto. de obras194.5861.169,49

Administrativo nivel 4185.9331.117,48

Administrativo nivel 3170.6621.025,70

Conserxe maior/encar. almac.186.3581.120,03

Ofic. 2ª de oficios varios186.3581.120,03

Chofer delegado estado186.3581.120,03

Subalterno de oficina nivel 2179.7681.080,43

Subalterno de oficina nivel 1171.0701.028,15

Vixilante motorizado171.0701.028,15

Almaceneiro171.0701.028,15

Conserxe156.485940.49

Para o exercicio 2002 actualizarase a anterior táboa trasladando, ós salarios base, a paga de productividade que, se é o caso, determine o Consorcio para o ano 2001, a cantidade correspondente á conxelación do imposto do bienio e o incremento salarial que, con carácter xeral, se fixe na Lei de orzamentos xerais do Estado para o persoal non funcionario ó servicio das administracións públicas para o exercicio 2002.

Artigo 5º.-Incentivo de especial dedicación.

Os traballadores con xornada de 37 horas e 43 minutos semanais e condición máis beneficiosa de 34 horas semanais que, voluntariamente, opten por desempeñar unha xornada anual efectiva de 1.711 horas, percibirán nas doce mensualidades e nas catro pagas extraordinarias, mentres realicen esta xornada, un incentivo de especial dedicación e o seu importe para

o ano 2001, en función da categoría do traballador, será o seguinte:

Categoría laboralI.E.D. ano 2001

PesetasEuros

Enxeñeiros38.062228,76

Arquitecto técnico35.739214,80

Analista de sistemas28.646172,17

Técnico en sistemas de inform.28.646172,17

Delineante proxectista de CAD24.986150,17

Programador24.986150,17

Administrativo nivel 522.965138,02

Secretarias de dirección22.965138,02

Técnico do dto. de obras22.010132,28

Administrativo nivel 421.088126,74

Administrativo nivel 319.355116,33

A solicitude para optar á realización da xornada anual efectiva de 1.711 horas e por tanto percibi-lo incentivo de especial dedicación farase mediante escrito dirixido ó delegado do Estado na Zona Franca e terá validez mentres non se renuncie expresamente. Esta renuncia formalizarase de idéntica maneira, con aviso previo dun mes para que a empresa poida proceder á reorganización dos servicios afectados.

O incentivo de especial dedicación manterase en convenios sucesivos, revisándose nas contías que se determinen neles, sempre que o traballador cumpra as condicións establecidas neste artigo para a súa percepción.

Non obstante, a medida que se reduce a diferencia efectiva entre a xornada semanal e a xornada que desfruta o persoal coa condición máis beneficiosa, diminuirase o importe do IED na mesma proporción, incrementándose o salario base na mesma contía en que se reduce o IED, ata a súa total absorción.

Para o exercicio 2002 actualizarase a anterior táboa aplicándolles ós importes fixados para o exercicio 2001, a porcentaxe de incremento que con carácter xeral se fixe na Lei de orzamentos xerais do Estado para as retribucións do persoal non funcionario ó servicio das administracións públicas.

Artigo 6º.-Complemento de antigüidade.

Establécese con base nos bienios por un importe, para o ano 2001 e 2002, de 2.659 pesetas/mes (15,98 euros/mes) cada un, que se percibirá nas doce mensualidades correntes e nas catro pagas extraordinarias, cos límites que se establecerán de común acordo entre as partes.

Artigo 7º.-Pagas extraordinarias.

Nos primeiros 15 días dos meses de marzo, xuño, setembro e decembro percibirá o persoal unha paga extraordinaria por importe dunha mensualidade de salario base, antigüidade e incentivo de especial dedicación se procedese.

En caso de que, no futuro, as partes decidisen de mutuo acordo, suprimi-la totalidade ou parte das pagas extraordinarias ou da paga de productividade, o seu importe incluiríase nos salarios base correspondentes.

Artigo 8º.-Paga de productividade.

O persoal do Consorcio poderá recibir anualmente e, a criterio da empresa, na nómina do mes de marzo

do exercicio seguinte, unha paga que se devengará se é o caso, en función do aumento da productividade, o cumprimento dos obxectivos do Consorcio e, en concreto, do especial rendemento, actividade e dedicación. En ningún caso as contías asignadas por complemento de productividade orixinarán dereitos respecto das valoracións ou apreciacións e cantidades correspondentes a períodos sucesivos.

Con este fin, a cantidade destinada no ano 2001 a retribuír este concepto de paga de productividade fíxase nun máximo de 10.000.000 de pesetas (60.101,21 euros). A empresa distribuirá esa cantidade na súa totalidade ou na parte que, de se-lo caso, se decida, de forma proporcional para cada un dos niveis económicos existentes no Consorcio. Idéntica cantidade asignarase para o exercicio 2002.

Artigo 9º.-Festividades.

Á parte das festas laborais establecidas por disposicións legais, consideraranse inhábiles para tódolos efectos os días 24 e 31 de decembro cando coincidan en días laborables.

No ano en que ambos días coincidan en domingo ou festivo, o comité de empresa e a representación empresarial fixarán, a principios do ano en cuestión e de común acordo, os días de desfrute que substituirán os anteriormente citados.

Artigo 10º.-Xornada.

A xornada de traballo para o persoal suxeito a este convenio será de 37 horas e 43 minutos semanais, equivalentes a unha xornada anual efectiva de 1.711 horas. Aínda que a xornada semanal queda fixada en 37 horas e 43 minutos, os traballadores deberán cumpri-los horarios establecidos no artigo 11, procedéndose ás compensacións así mesmo establecidas.

Co fin de alcanza-la xornada anual efectiva de 1.711 horas, os traballadores que, polo seu horario de traballo, puideran chegar a superala, poderán desfrutar, conxunta ou separadamente, un máximo de 5 días libres ó ano á súa elección. As datas para o seu desfrute terán que ser solicitadas polo traballador ó seu respectivo director de departamento con, polo menos, unha semana de antelación; concederanse sempre que as necesidades do servicio, estimadas pola dirección, así o permitan.

En caso de que concorran varias solicitudes para as mesmas datas que non permitan, a xuízo da empresa, cubri-las necesidades do servicio, terán preferencia os que o solicitasen en primeiro lugar.

Os traballadores que polo seu horario laboral teñan dereito ó desfrute de máis de cinco días de compensación ó ano, desfrutarán os días en exceso sobre os cinco unidos ó período vacacional que lles corresponda.

En calquera caso, tódolos traballadores (agás os contratados durante o exercicio, ós que se lles aplicará a proporción correspondente) terán dereito a un mínimo de 3 días libres ó ano.

Se o desfrute destes días non permitise alcanza-la equiparación coa xornada anual, esta deberá cumprirse en todo caso coa realización dun maior ou menor número de tardes ó longo do ano no persoal admi

nistrativo, e dun maior ou menor número de horas no resto do persoal.

Artigo 11º.-Horarios.

Aqueles traballadores que, aínda tendo recoñecida a condición máis beneficiosa de 34 horas semanais, voluntariamente, opten por traballar unha xornada anual efectiva de 1.711 horas, cumprirán un horario de 8 a 15 h de luns a venres e de 17 a 19 h dúas tardes de cada semana, agás os meses de xullo e agosto, sen prexuízo dos horarios especiais que puidesen precisarse realizar para acadar, en todo caso, o cómputo anual de horas citado. O mesmo horario será cumprido polos subalternos de oficina.

Para aquel persoal que teña recoñecida a condición máis beneficiosa de 34 horas semanais e que non opte pola realización dunha xornada anual efectiva de 1.711 horas, o horario será de 7.42 a 14.30 h, de luns a venres.

Os almaceneiros e o encargado de almacén terán o seguinte horario: tres días á semana de 8 a 15 h e dous días da semana de 8 a 13 h e de 15 a 19 h.

O conserxe maior realizará o seguinte horario: de 8 a 14 h e de 16 a 18 h de luns a xoves e de 8 a 14 h o venres.

Os traballadores que presten servicio en quendas de 8 horas diarias (40 semanais, podendo estas computarse en períodos de 2 ou 4 semanas segundo as necesidades do servicio), continuarán co sistema de cadros e horarios actualmente establecidos: de 6 a 14 h, de 14 a 22 h e de 22 a 6 h do día seguinte. Co fin de non superar ou, en caso de que isto ocorra, iguala-la xornada anual de 1.711 horas, concederánselle-los descansos necesarios, utilizando para iso o procedemento establecido no artigo 10º.

Como norma xeral, o horario para cumprir, tendo en conta a obrigada diversidade de servicios de Zona Franca e as necesidades que hai que cubrir en cada un deles, será o que en todo momento estea implantado no posto de traballo de cada traballador. Isto non poderá supor en ningún caso, a adscrición non voluntaria a unha xornada nocturna con carácter permanente. En tódolos supostos de xornada continuada, o tempo de descanso de quince minutos non se considerará tempo de traballo efectivo.

Artigo 12º.-Complemento por non desfrute de xornada continuada.

Establécese, para o ano 2001 e para aqueles traballadores que pola súa función teñan xornada partida, un complemento de 2.712 pesetas/mensuais (16,30 euros/mensuais). Esta cifra será actualizada no exercicio 2002 aplicando ó importe fixado para o exercicio 2001 a porcentaxe de incremento que con carácter xeral se fixe na Lei de orzamentos xerais do Estado para as retribucións do persoal non funcionario ó servicio das administracións públicas.

Artigo 13º.-Complemento por nocturnidade.

En relación con este complemento acórdase:

a) Que o período con esta retribución específica, será o comprendido entre as 22 e as 7 h.

b) Que esa retribución específica se establece en 241 pesetas/hora (1,45 euros/hora) para o exercicio 2001. Esta cifra será actualizada no exercicio 2002

aplicando ó importe citado a porcentaxe de incremento que con carácter xeral se fixe na Lei de orzamentos xerais do Estado para as retribucións do persoal non funcionario ó servicio das administracións públicas.

c) Que en todo caso e esta é a vontade das partes, as diferencias que puidesen existir entre o establecido en calquera disposición legal e o que aquí se acorda, se entenden compensadas en cómputo anual polo conxunto de retribucións e condicións acordadas neste convenio.

Artigo 14º.-Complemento de distancia e transporte.

No ano 2001 percibirase, por día efectivamente traballado, a suma de 880 pesetas/día (5,29 euros/día) por este concepto, que non se devengará nos seguintes supostos: xornada non traballada (domingos, festivos, vacacións, ILT, etc.); falta de puntualidade, (entendéndose por tal un atraso superior a 15 minutos ou superior a 5 minutos e inferior a 15 minutos no caso de que este non sexa compensado polo traballador no mesmo día), e cando non se complete a xornada, salvo que a interrupción desta fose autorizada polo Consorcio. O importe do complemento de distancia e transporte para o exercicio 2002 será de 930 pesetas/día (5,59 euros/día).

Artigo 15º.-Gratificación por traballo en domingos e festivos.

O persoal que preste servicio en quendas de 8 horas diarias traballando en domingos e festivos, percibirá unha gratificación complementaria de 5.202 pesetas/mes (31,26 euros/mes), nas doce mensualidades do ano. Esta cifra será actualizada no exercicio 2002 na cantidade resultante de lle aplicar ó importe fixado para o exercicio 2001, a porcentaxe de incremento que con carácter xeral se fixe na Lei de orzamentos xerais do Estado, para as retribucións do persoal non funcionario ó servicio das administracións públicas.

Artigo 16º.-Complemento de dispoñibilidade.

Os almaceneiros que, en función do sistema de gardas establecido, teñan que permanecer localizables e dispoñibles para atende-las necesidades do servicio de almacéns que se produzan nas mañás dos sábados, percibirán un complemento de dispoñibilidade de 2.500 pesetas/mes (15,03 euros/mes) nas doce mensualidades. Esta cifra será actualizada no exercicio 2002 na cantidade resultante de lle aplicar ó importe fixado para o exercicio 2001, a porcentaxe de incremento que con carácter xeral se fixe na Lei de orzamentos xerais do Estado para as retribucións do persoal non funcionario ó servicio das administracións públicas.

O traballador asignado para cubri-la citada garda terá que permanecer durante a mañá do sábado, de 8 a 13 h, dentro do municipio de Vigo e levar permanentemente un teléfono móbil que lle será subministrado pola empresa.

Artigo 17º.-Vacacións.

O traballador terá dereito ó desfrute dunha vacación retribuída anual de 21 días laborables ou de 30 días naturais. A contía da retribución establécese polo importe dunha mensualidade de salario base e antigüidade e, de se-lo caso, o incentivo de especial dedicación, o complemento de especial dedicación o complemento por non desfrute de xornada continuada,

a gratificación por traballo en domingos e festivos e o complemento de dispoñibilidade. Ós traballadores que realicen xornada nocturna engadiráselles unha cantidade equivalente á media mensual percibida polo concepto de complemento de nocturnidade no ano anterior.

O período de vacacións coincidirá no mes de agosto por se-lo de menor actividade da empresa, manténdose en todo caso os servicios mínimos que, fixados pola empresa, se consideren imprescindibles para o normal funcionamento desta. Os traballadores que cubran estes servicios mínimos desfrutarán as súas vacacións nos períodos inmediatamente anterior e posterior ó do mes de agosto, podendo fraccionalas en períodos de 15 días. Aqueles traballadores adscritos a un sistema de traballo a quendas, farano en función das necesidades do servicio.

Por solicitude do traballador, poderanse desfrutar fraccionadamente as vacacións (neste suposto obrigatoriamente cun cómputo de días laborables) de acordo coa seguinte norma:

* Unha parte das vacacións desfrutarase sempre no mes de agosto, salvo nos casos de servicios mínimos e de traballo a quendas a que se fai mención no parágrafo anterior.

En caso de fraccionamento das vacacións e desfrute dunha parte delas na primeira quincena de agosto, estas comezarán o mesmo día en que comece o período de vacacións xeral. Se se opta por desfrutalo na segunda quincena, o período de vacacións terá que remata-lo mesmo día en que o faga o xeral.

* Os días restantes serán desfrutados de forma conxunta polo traballador ó longo do ano.

* Tanto o fraccionamento das vacacións como, neste caso, os correspondentes períodos de desfrute destas, deberán ser solicitados polo traballador ó seu director de departamento respectivo como máximo antes do 31 de marzo de cada ano. A súa concesión quedará supeditada, en todo caso, ás necesidades do servicio a xuízo da empresa e se as vacacións non puidesen ser desfrutadas nas datas interesadas, solicitaranse novos períodos e a concesión destes por parte da empresa seguirá o mesmo procedemento.

En caso de que concorran varias solicitudes para as mesmas datas que non permitan, a xuízo da empresa, cubri-las necesidades do servicio, terá preferencia quen o solicitase en primeiro lugar.

O procedemento para o desfrute de vacacións do persoal adscrito a un servicio a quendas, será o utilizado na actualidade, e ese persoal poderá fraccionar tamén as vacacións en dous períodos se o permiten as necesidades do servicio.

Se o traballador, por necesidades do servicio e en función do sistema de quendas de vacacións establecido, non tivese opción a desfruta-las súas vacacións no período comprendido entre o 1 de abril e o 30 de setembro, percibirá no ano 2001 unha indemnización de 14.789 pesetas (88,88 euros). Esta indemnización non será percibida en caso de desfrute por solicitude do traballador de vacacións fraccionadas ou completas, fóra dese período. Para o exercicio 2002 actualizarase a anterior cifra aplicando ó importe fixado para o exercicio 2001 a porcentaxe de incremento que con carácter xeral se fixe na Lei de orzamentos

xerais do Estado para as retribucións do persoal non funcionario ó servicio das administracións públicas.

Artigo 18º.-Permisos retribuídos.

Ós empregados interesados concederánselles necesariamente os seguintes permisos retribuídos:

a) Matrimonio do empregado: 15 días.

b) Intervención cirúrxica ou enfermidade grave de pais, irmáns, pais políticos, fillos ou cónxuxe: 4 días.

c) Parto da esposa: 3 días.

d) Morte de cónxuxe, pais políticos, ascendentes, descendentes ou irmáns do empregado:

1. Fóra da provincia: 6 días.

2. Na provincia: 5 días.

e) Morte ou enterro de tíos, tíos políticos, sobriños ou cuñados:

1. Fóra da provincia: 3 días.

2. Na provincia: 1 día.

f) Cambio de domicilio: 2 días.

g) Necesidade de atender asuntos propios que non admitan demora: o tempo preciso, outorgándose o permiso unha vez demostrada a necesidade.

h) Cumprimento dun deber de carácter público: o tempo necesario.

i) Os derivados do exercicio de cargos públicos, así como do de representante sindical, rexeranse en cada caso polo disposto nas correspondentes disposicións legais.

Para a obtención destes permisos retribuídos, será necesario solicitalos previamente do secretario xeral, a través dos directores de departamento respectivos, debendo xustifica-lo interesado a realidade do feito que motiva a súa petición. Nos casos da letra g), corresponderalle ó delegado do Estado decidir sobre a procedencia ou non do seu outorgamento.

Artigo 19º.-Licencias.

En casos xustificados previamente, poderánselle conceder licencias sen soldo ó persoal que leve un mínimo de cinco anos de servicio na empresa, por un prazo non superior a seis meses, sempre que a xuízo desta, o permitan as necesidades do traballo.

A petición e xustificación de tales licencias faráselle por escrito ó delegado do Estado a través do director do departamnto correspondente e o expediente resolverase como máximo no prazo de trinta días.

Artigo 20º.-Excedencias.

Para estes efectos aplicarase o disposto no artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 21º.-Premios por anos de servicio.

Co fin de premia-la vinculación dos empregados á entidade, aboaráselle-lo importe de dúas mensualidades e media do módulo de retribución establecido no artigo 29º deste convenio, ó cumpri-los 15, 25, 35 e 45 anos de servicio na empresa.

Artigo 22º.-Faltas e sancións.

As faltas cometidas polos traballadores clasificaranse, atendendo á súa importancia e reincidencia, en

leves, graves e moi graves, de conformidade co que se dispón a continuación:

Consideraranse faltas leves:

1. As faltas repetidas de puntualidade sen que exista causa xustificada. Para estes efectos entenderase falta de puntualidade os atrasos superiores a 15 minutos.

2. A non comunicación coa antelación debida da súa falta ó traballo por causa xustificada, a non ser que acredite razoable dificultade ou imposibilidade de facelo.

3. A incorrección co público, compañeiros ou subordinados.

4. O atraso ou neglixencia no cumprimento das tarefas asignadas.

5. O descoido na conservación dos locais, material e documentos dos servicios.

Son faltas graves:

1. A embriaguez ocasional durante o traballo.

2. A desconsideracióin co público no exercicio do seu traballo.

3. Simula-la presencia doutro traballador, valéndose da súa ficha, sinatura ou tarxeta de control.

4. Cambiar, mirar ou remexer nos armarios e roupas dos compañeiros sen a debida autorización.

5. As cometidas contra a disciplina no traballo ou contra o respecto debido ós superiores, compañeros ou subordinados.

6. A reincidencia nas faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun trimestre, cando mediasen sancións.

7. A neglixencia no traballo cando cause prexuízo grave.

8. O abuso de autoridade no exercicio das súas funcións.

9. O incumprimento ou abandono das normas e medidas de seguridade e saúde laboral establecidas. Cando tal conducta constitúa imprudencia temeraria ou o risco derivado dela sexa grave e inminente, a falta será moi grave.

Son faltas moi graves:

1. Faltar ó traballo ou abandonalo sen causa xustificada.

2. A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións encomendadas.

3. O furto e o roubo, tanto ós demais traballadores como á empresa ou a calquera persoa dentro dos locais da empresa ou fóra dela, durante acto de servicio. Queda incluídos neste epígrafe falsear datos ante o xurado, se tales falsidades teñen como finalidade maliciosa conseguir algún beneficio.

4. Inutilizar, destrozar ou causar desperfectos en máquinas, aparellos, instalacións, edificios, útiles e departamentos da empresa.

5. A embriaguez reiterada durante o traballo.

6. Os malos tratos de palabra ou obra ou falta grave de respecto e consideración ós xefes, compañeiros ou subordinados.

7. A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, dentro do mesmo trimestre, sempre que fosen obxecto de sanción.

8. A simulación de enfermidade ou accidente.

9. A utilización ou difusión indebidos de datos ou asuntos dos que se teña coñecemento por razón de traballo.

As sancións que a empresa pode aplicar, segundo a gravidade e circunstancias das faltas cometidas, serán as seguintes:

Faltas leves:

Amoestación por escrito.

Suspensión de emprego e soldo por un día.

Faltas graves:

Suspensión de emprego e soldo dun a dez días.

Inhabilitación por prazo non superior a un ano, para o ascenso a categoría superior.

Faltas moi graves:

Suspensión de emprego e soldo de once días a dous meses.

Despedimento.

No non recollido neste artigo seguirase o disposto no Estatutos dos traballadores e nas demais disposicións legais de aplicación.

Artigo 23º.-Procedemento sancionador.

As sancións por faltas graves ou moi graves requirirán a tramitación previa de expediente disciplinario, con remisión do prego de cargos ó traballador para que, nun prazo de cinco días hábiles, emita escrito de descargo.

Transcorrido o prazo mencionado anteriormente, se producise ou non escrito de descargo, o Consorcio resolverá o procedente no exercicio da súa facultade disciplinaria.

As faltas leves prescribirán ós dez días, as graves ós vinte e as moi graves ós sesenta días, a partir da data en que a dirección do Consorcio teña coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de se teren cometido. Estes prazos quedarán interrompidos por calquera acto propio do expediente instruído, se é o caso, sempre que a duración deste, no seu conxunto, non supere o prazo de seis meses sen mediar culpa do traballador expedientado. Este prazo non será de aplicación mentres exista unha litispencia penal polos mesmo feitos, quedando en suspenso o expediente disciplinario.

Todo traballador poderá dar conta por escrito, por si ou a través dos seus representantes, dos actos que supoñan faltas de respecto á súa intimidade ou á consideración debida á súa dignidade. Recibida esta comunicación, procederase á apertura dun expediente informativo, instruíndose, se é o caso, o expediente disciplinario correspondente.

Así mesmo, cando o traballador sexa representante legal dos traballadores ou delegado sindical, establecerase, con carácter previo á imposición da sanción por faltas graves ou moi graves, un prazo de cinco días hábiles co fin de lles dar audiencia a el e ós restantes membros da representación a que o traballador pertencese, así como ós delegados sindicais no suposto de que o traballador sancionado estivese afiliado a un sindicato e así lle constase á empresa.

Entenderase que o procedemento arriba indicado servirá, para tódolos efectos, de expediente contradictorio para os representantes legais e sindicais.

No non recollido neste artigo seguirase o disposto no Estatuto dos traballadores e nas demais disposicións legais de aplicación.

Artigo 24º.-Baixas por incapacidade laboral transitoria e accidente laboral.

Mentres duren estas continxencias, o Consorcio aboaralles ós empregados a diferencia ata completa-lo importe que lles correspondese en activo polos seguintes conceptos: salario base, antigüidade, IED, CED e complementos de xornada partida, traballo en domingos e festivos e dispoñibilidade.

Os traballadores que causen baixa por enfermidade ou accidente, calquera que sexa a súa causa ou por maternidade, presentaranlle á empresa, como máximo dentro do prazo de cinco días, contados a partir do seguinte ó da data da súa expedición, os partes médicos de baixa, de notificación de parto ou de prognóstico de parto, entregados polos facultativos.

En igual prazo deberán presentarse os correspondentes partes médicos de alta.

O non cumprimento do disposto anteriormente considerarase como falta leve, grave ou moi grave, segundo a importancia e prexuízo que lle puidese causar á empresa en virtude das disposicións legais establecidas para o efecto.

Artigo 25º.-Xubilacións e cesamentos.

Coa finalidade de regula-la xubilación dos traballadores e promove-lo cesamento voluntario, establécese durante a vixencia deste convenio o seguinte sistema:

Xubilación obrigatoria: os traballadores deberán xubilarse obrigatoriamente o último día do mes en que cumpran os 65 anos de idade, sempre que, ó alcanzar esa idade, o traballador teña dereito á correspondente prestación de xubilación pola Seguridade Social. No momento da xubilación obrigatoria, o traballador percibirá unha indemnización por conta da empresa de oito mensualidades do módulo de retribución establecido no artigo 29º deste convenio.

Cesamentos voluntarios: os traballadores que, con antigüidade mínima de 8 anos na empresa, a partir dos 60 anos de idade e ata os 64 anos cesen voluntariamente, percibirán a cargo da empresa oito mensualidades do módulo de retribución, máis as seguintes indemnizacións segundo a idade do traballador e o ano en cuestión:

Idade de xubilaciónIndemnización ano 2001

PesetasEuros

64 anos2.420.11314.545,17

63 anos4.114.19324.726,80

62 anos5.566.26133.453,90

61 anos6.655.31239.999,23

60 anos8.470.39750.908,11

Estas cifras serán actualizadas no exercicio 2002, aplicándolles ós importes fixados para o exercicio

2001 a porcentaxe de incremento que con carácter xeral se fixe na Lei de orzamentos xerais do Estado para as retribucións do persoal non funcionario ó servicio das administracións públicas.

Artigo 26º.-Indemnización por falecemento.

Cando ocorrese o falecemento dun traballador en activo, sempre que tivese unha antigüidade mínima dun ano na entidade, aboaráselle o importe de tres mensualidades do módulo de retribución establecido no artigo 29º deste convenio, en concepto de axuda económica, á viúva ou viúvo, ou no seu defecto, ós que convivisen co causante ó tempo do seu falecemento, determinándose, neste último suposto, o ou os beneficiarios, atendendo ás circunstancias de feito en cada caso concorrentes, das que informará o comité de empresa.

Artigo 27º.-Anticipos.

Todo o persoal con máis dun ano de antigüidade na empresa terá dereito a solicitar, en caso de necesidade xustificada, un anticipo sen xuro ata o importe de tres mensualidades e media do módulo de retribución establecido no artigo 29º deste convenio.

O saldo vivo da conta de anticipos non poderá superar en ningún momento a cantidade de pesetas 20.000.000 de pesetas (120.202,42 euros).

A amortización destes será como mínimo do 6 por 100 do salario percibido en cada paga polo empregado, incluíndo as pagas extraordinarias.

Non se poderá solicitar outro anticipo sen que transcorrese, desde a cancelación do anterior, un período mínimo de tres meses e, en caso de coincidir varias solicitudes, terán preferencia na concesión aqueles traballadores que, nun maior espacio de tempo, non fixesen uso do citado dereito.

Artigo 28º.-Axuda escolar.

O Consorcio destinará, en concepto de axuda escolar ós seus traballadores, para o curso académico 2001/2002 a suma máxima de 4.148.610 pesetas (24.933,64 euros).

A citada axuda repartirase entre eses traballadores de acordo coas seguintes regras:

1. Terán dereito a ela os citados traballadores do Consorcio, ben para si ou para os fillos que convivan con eles e ás súas expensas, sempre que uns e outros cursen estudios con validez académica oficialmente recoñecida polo Estado ou as comunidades autónomas, debendo acredita-la súa efectiva realización.

2. Establécense como cantidades máximas para percibir, para o ano 2001, por cada nivel e estudiante as seguintes contías:

Nivel de estudiosImportes ano 2001

PesetasEuros

Educación infantil (anterior preescolar)15.37592,41

Educación primaria (1º a 6º de EXB)21.643130,08

ESO (anterior 7º e 8º EXB, 1º e 2º BUP e FP-I)46.104277,09

Bacharelato (anterior 3º BUP, COU e FP-II)61.497369,60

Estas cifras serán actualizadas no exercicio 2002 aplicándolles ós importes fixados para o exercicio 2001 a porcentaxe de incremento que con carácter xeral se fixa na Lei de orzamentos xerais do Estado para as retribucións do persoal non funcionario ó servicio das administracións públicas.

Estudios universitarios ata o grao de doutoramento:

-Estudios que poidan ser realizados en Vigo, por existir centro oficial que os imparta: como máximo o importe da matrícula correspondente a curso completo. En caso de matriculación por materias soltas, cando o seu importe sexa inferior ó máximo anteriormente establecido, aboarase o inferior importe que corresponda.

-Estudios que deban ser realizados fóra de Vigo, por non existir centro oficial que os imparta: aboarase o importe que corresponda seguindo o mesmo procedemento que no caso anterior, máis 76.094 pesetas (setenta e seis mil noventa e catro pesetas)(457,33 euros).

En todo caso, a cantidade aboada será a correspondente ó custo de matrícula (de curso completo ou materias soltas) nas universidades públicas, de acordo coas tarifas publicadas nos boletíns oficiais.

3. A axuda escolar a que se refire este artigo aterase ás seguintes condicións limitativas:

a) Non terá dereito a ela quen a desfrutase durante un curso máis dos normais conforme o nivel de estudios que se cursen. Non obstante, no caso de estudios universitarios, os estudiantes que non se matriculen de curso completo poderán desfrutar da axuda escolar por un número de materias superior nun 20% ó total de materias que integran os estudios elixidos. Neste caso, deberán presentar, xunto coa solicitude de axuda escolar, unha declaración xurada na que figure o número de materias de que consta a carreira escollida.

b) Elixida rama, especialidade ou carreira, nun concreto nivel, poderá pasarse a outra rama, especialidade ou carreira do mesmo nivel, pero -para os efectos da alínea a- seranlle computables os cursos da anterior en que se lle concedese axuda.

De igual xeito, a quen, sen concluí-los estudios dun nivel, pase a outro superior, mediante cursos de adaptación oficialmente recoñecidos, computaráselle para eses efectos como prestada a axuda polos cursos do novo nivel validados pola adaptación.

c) Non se terá dereito á axuda escolar máis que unha soa vez por cada nivel, mesmo cando se trate de rama, especialidade ou carreira distinta.

4. No suposto de que a suma total das axudas que se concedan, conforme as regras anteriores, superase a cifra máxima sinalada para cada ano nos parágrafos primeiro e segundo deste artigo, rebaixarase proporcionalmente a contía de cada unha das axudas, tendo en conta o exceso que sobre aquéla se produza.

5. As solicitudes de axuda escolar presentaranse nos primeiros vinte días do mes de outubro. A solicitude presentarase en instancia dirixida ó delegado do Estado, facendo consta-los beneficiarios para os que se solicita e estudios que van realizar no curso respectivo.

A esta solicitude deberá xuntarse xustificación bastante da efectiva realización dos estudios.

Toda vez que esta xustificación, de facerse mediante certificacións dos centros académicos, podería suporlle ó peticionario o desembolso de certas cantidades en concepto de taxas, ou outro análogo, poderá substituírse por declaración xurada do solicitante. As solicitudes serán resoltas no prazo de quince días hábiles, procedéndose inmediatamente ó aboamento das sumas correspondentes.

Artigo 29º.-Módulo de retribución.

Enténdese por módulo de retribución anual, exclusivamente para os efectos previstos nos artigos 21º, 25º, 26º e 27º deste convenio, a suma de tódalas retribucións que, fixas na súa contía e periódicas no seu vencemento, perciba o traballador; excluíndose expresamente as retribucións por horas extraordinarias, complemento por nocturnidade, complemento de distancia e transporte e indemnización por vacacións.

A mensualidade do módulo de retribución será o resultado de dividir por doce a contía anual deste.

Artigo 30º.-Uniformidade.

O Consorcio obrígase a lle proporcionar uniformes ó persoal subalterno, cada dous anos, un para inverno e outro para verán. O persoal de oficios varios terá dereito ó vestiario que determinan as disposicións sobre seguridade e hixiene no traballo.

Artigo 31º.-Absorbibilidade e compensación.

As condicións laborais establecidas ou que se establezan por disposicións legais ou convencionais, só terán eficacia se, consideradas no seu conxunto e en cómputo anual, superasen o nivel total das establecidas neste convenio. De non ser así entenderanse compensadas e de se-lo caso absorbidas, polas melloras aquí pactadas.

Artigo 32º.-Comisión paritaria.

Formarán a comisión paritaria prevista na letra e) do nº 2 do artigo 85 do Estatuto dos traballadores, o presidente, o secretario e un vocal do comité de empresa por parte do persoal e, por parte da entidade, o persoal de dirección que subscribe este convenio.

En casos de ausencia ou enfermidade, os representantes do Consorcio serán substituídos polos seus respectivos suplentes nomeados pola entidade e os do persoal polos vocais do comité de empresa que este nomee.

Ámbalas partes poderán estar asistidas nas deliberacións, por un asesor que designarán libremente.

A comisión paritaria así constituída exercerá funcións mediadoras en canto á interpretación xeral do presente convenio e na solución dos conflictos colectivos que ó respecto puidesen suscitarse durante a súa vixencia.

Artigo 33º.-Vinculación á totalidade.

Sendo as condicións pactadas un todo orgánico e indivisible, este convenio será nulo e quedará sen ningún efecto no suposto de que a autoridade ou xurisdicción competente, no exercicio das facultades que lle sexan propias, obxectase ou invalidase algún dos seus artigos, ou parte deles, xa que o convenio debe ser un e indivisible na súa aplicación.

SERVICIO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME

E DA MULLER