Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Mércores, 02 de xaneiro de 2002 Páx. 5

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 405/2001, do 29 de novembro, polo que se regula o Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia.

O artigo 28 da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia, crea o Rexistro Público de Entidades de Acción Voluntaria da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de Administración local, e xestionado polo Servicio Galego de Voluntariado.

A Lei 3/2000, do 22 de decembro, recolle dous mecanismos intimamente relacionados; por un lado, aquel que implica que non cabe emprender acción ou actividade en materia de voluntariado con cargo ás correspondentes partidas dos orzamentos da Comunidade Autónoma á marxe do plan galego do voluntariado. Por outro lado, segundo o establecido neste regulamento, non resultará viable a eventual pretensión de calquera entidade de obter axuda ou subvención en materia de voluntariado se antes non se produce a inscrición no rexistro que agora se regula, aínda que aquela constase nalgún dos rexistros departamentais nestes momentos existentes.

Polo tanto, a acción de fomento en materia de voluntariado por parte da Comunidade Autónoma, cando entre en vigor este decreto, estará determinada por un dobre condicionante, primeiro, pola obriga de que as accións se inscriban no plan galego de voluntariado e segundo que se produza a inscrición no rexistro, circunstancias que atopan xustificación en razón da limitación dos fondos públicos e na necesidade da súa utilización selectiva e racional.

Este decreto desenvolve, en virtude da potestade regulamentaria propia da Xunta de Galicia, o marco legal e determina a organización e procedemento de acceso ó Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria.

A Administración autonómica conta na actualidade con diversos rexistros de entidades que teñen como ámbito de actuación algunha das áreas de interese xeral reguladas no artigo 4 da Lei do voluntariado de Galicia, xestionados sen criterios homoxéneos, polo que se dificulta o traslado de expedientes entre departamentos, así como o control e seguimento dos proxectos de entidades financiadas con fondos públicos.

A Lei 3/2000, do 22 de decembro, ó crea-lo Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria, pretende favorece-los procedementos administrativos evitando multiplica-las inscricións dunha mesma entidade, unificando tanto a tipoloxía de documentación relativa á inscrición inicial e clasificación como o mantemento e actualización de datos.

Para os efectos organizativos e de coordinación entre os rexistros de entidades que actúan nas devanditas áreas de interese xeral, a disposición adicional 1ª deste decreto prevé a súa conexión informática, a través do Sistema de Xestión de Procedementos Administrativos (SXPA), no prazo de seis meses contados a partir da publicación desta disposición.

Na disposición transitoria única, e coa finalidade de facer compatible a necesaria coordinación interdepartamental coa autonomía funcional de cada unidade administrativa, establécese, en consunción co artigo 5.2º, que a solicitude de inscrición de programas de voluntariado dependentes de centros da Administración autonómica debe contar coa autorización do correspondente superior xerárquico.

O contido das inscricións representa ou implica un contido básico que permite identificar unha entidade de voluntariado. Así, a inscrición rexistral de entidades de acción voluntaria axústase ás características propias dos procedementos de creación, modificación e extinción destas, segundo a definición que destas entidades se regula na Lei 3/2000, do 22 de decembro.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de novembro de dous mil un,

DISPOÑO

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta disposición ten por obxecto a regulación da organización, funcionamento e procedemento de acceso ó Rexistro das Entidades de Acción Voluntaria da Comunidade Autónoma de Galicia en desenvolvemento da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

Artigo 2º.-Competencia.

No Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria da Comunidade Autónoma de Galicia poderán inscribirse tódalas entidades de voluntariado con sede social na Comunidade Autónoma de Galicia e aqueloutras que desenvolvan programas e proxectos de interese xeral no ámbito de competencias da Comunidade Autónoma.

Artigo 3º.-Características.

1. A inscrición no Rexistro é voluntaria. Non obstante, a inscrición será condición indispensable para integra-las accións, actividades e iniciativas das entidades de acción voluntaria no Plan galego para a promoción e fomento da acción voluntaria e acceder ás axudas e subvencións, así como para subscribir convenios coas administracións públicas en materia de voluntariado.

2. Os datos do rexistro serán públicos e o acceso a eles polos cidadáns exercerase nos termos e condicións establecidas pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Organización.

1. O Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria da Comunidade Autónoma galega organízase en tres seccións xerais referidas ás entidades de voluntariado integradas no seo da Administración autonómica, entidades locais e entidades privadas sen ánimo de lucro.

2. Cada unha destas seccións subdivídese nas áreas de interese xeral reguladas no artigo 4 da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

Capítulo II

Procedemento de inscrición

Artigo 5º.-Iniciación.

1. A solicitude de inscrición no rexistro presentarase ante a dirección xeral competente en materia de Administración local, no modelo normalizado, que figura como anexo I a este decreto, asinado polo representante legal da entidade, xunto coa seguinte documentación:

1.1. Acreditativa da personalidade xurídica da entidade:

a) Copia cotexada do acordo de creación da entidade e dos seus estatutos se se trata da primeira inscrición,

ou referencia ó rexistro da Administración autonómica no que foron presentados, coa expresión do número de inscrición e data.

b) Número de inscrición noutros rexistros nos que, por razón da súa natureza estea inscrita a entidade de acción voluntaria.

c) Copia da tarxeta de identificación fiscal.

1.2. Acreditación da subscrición da póliza de seguro á que se refire o artigo 8, letra d) da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

1.3. Declaración responsable do representante legal da entidade, pola que se acredita o cumprimento das demais obrigas das entidades coas persoas voluntarias, así como a presentación do programa de actividades da entidade en materia de voluntariado, cubrindo o anexo II a este decreto, no que deberá xustificarse a adecuación ós fins e principios básicos do voluntariado, de acordo coa Lei 3/2000.

2. As entidades de acción voluntaria dependentes da Administración autonómica e das entidades locais estarán exentas de acredita-la súa personalidade xurídica, sen prexuízo de que presenten a autorización da consellería ou entidade local correspondente.

3. Cando no exame da documentación presentada se apreciase falta ou defecto nela, requirirase o representante legal para que nun prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixera, se considerará desistido da súa petición e esta se arquivará sen máis trámite.

Artigo 6º.-Tramitación.

1. A dirección xeral competente, unha vez recibida a solicitude, requirirá, se é o caso, a través do Servicio Galego do Voluntariado, a documentación precisa dos rexistros de Administración autonómica na que apareza inscrita a entidade. Así mesmo, poderá solicitar informe sobre as actividades da entidade solicitante ó concello no que teña o seu domicilio social.

2. En calquera momento, previo ou posterior á práctica da inscrición, poderá requirírselle á entidade a documentación complementaria ou aclaratoria que se estime necesaria para a comprobación da exactitude e certeza dos datos achegados.

Artigo 7º.-Resolución.

1. A dirección xeral competente dictará resolución motivada, estimando ou denegando a inscrición solicitada no prazo de tres meses. A non resolución dentro do prazo terá carácter estimativo.

2. Acordada a inscrición no rexistro, asignaráselle á entidade o número de rexistro correspondente, que lle será notificado.

3. A inscrición no Rexistro das Entidades de Acción Voluntaria terá carácter declarativo.

Artigo 8º.-Recursos.

Contra as resolucións da dirección xeral competente poderá interpoñerse recurso de alzada perante o titular da consellería no prazo dun mes.

Capítulo III

Da modificación e cancelación da inscrición rexistral

Artigo 9º.-Modificación.

1. As entidades estarán obrigadas a comunicarlle ó rexistro calquera alteración respecto dos documentos e datos rexistrados, no prazo dun mes desde que se produciu.

2. A dirección xeral competente, recibida a comunicación prevista no parágrafo anterior, realizará de oficio as modificacións dos datos ou circunstancias

da inscrición, sempre que se manteña o cumprimento dos requisitos establecidos neste decreto para a inscrición da entidade.

Artigo 10º.-Causas de cancelación.

Serán causas de cancelación:

a) Extinción da personalidade xurídica da entidade.

b) Incumprimento reiterado dos fins e obrigas establecidos na lei e neste decreto.

c) Solicitude da propia entidade.

d) Inactividade da entidade no período de tres anos, debidamente probada.

e) Que na inscrición consten datos ou documentos constitutivos de falsidade, declarada por sentencia xudicial firme.

Artigo 11º.-Procedemento de cancelación.

1. A dirección xeral competente, de oficio ou por instancia da entidade interesada, logo da instrucción do oportuno expediente administrativo no que se dará audiencia á entidade, resolverá no prazo máximo de tres meses e poderá acorda-la cancelación definitiva da inscrición de entidades, cando concorra algunha das causas establecidas no artigo seguinte.

2. A resolución de cancelación notificaráselle á entidade interesada e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada perante o titular da consellería.

Disposicións adicionais

Primeira.-Para os efectos operativos e de coordinación entre os rexistros de entidades que actúan nas áreas de interese xeral reguladas no artigo 4 da Lei 3/2000, do 22 de decembro, no prazo de seis meses desde a publicación desta disposición, procederase á súa conexión informática a través do Sistema de Xestión de Procedementos Administrativos (SXPA).

Segunda.-As unidades administrativas da Xunta de Galicia responsables dos rexistros citados deberán facilita-la documentación precisa e procederán a realiza-la adaptación informática necesaria para garanti-la coordinación interrexistral.

Disposición transitoria

Única.-As entidades dependentes da Administración autonómica colaboradoras co programa da prestación social substitutoria considéranse autorizadas para presenta-la solicitude de inscrición no rexistro como entidades de voluntariado no prazo dun ano desde a entrada en vigor deste decreto.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas tódalas normas de igual ou inferior rango en todo o que contradiga o presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de Administración local para dicta-las disposicións que procedan en execución e desenvolvemento do presente regulamento, así como para face-las pertinentes adaptacións ás necesidades cambiantes que requiran os anexos a este decreto.

Segunda.-A presente norma entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de decembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais