Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Venres, 28 de decembro de 2001 Páx. 16.512

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 26 de decembre de 2001 pola que se convocan oito bolsas de colaboración para a realización de tarefas de estudio e análise relacionadas co dereito autonómico galego no ano 2002.

O artigo 3.1º.g da Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, prevé entre os fins da escola a investigación, a documentación, o estudio e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.

De conformidade coa referida disposición, convócanse 8 bolsas de colaboración en tarefas de estudio e análise relacionadas co dereito autonómico galego, segundo as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

A Escola Galega de Administración Pública convoca 8 bolsas de colaboración en tarefas de estudio e análise relacionadas co dereito autonómico galego.

Segunda.-Duración e dotación económica.

As tarefas relativas a estas bolsas realizaranse durante 2002 e terán unha duración de 11 meses. Poderán ser prorrogadas, en función do aproveitamento do adxudicatario, sempre que exista crédito adecuado e suficiente.

A dotación económica de cada bolsa será de 158.000 pesetas (949,60 euros) mensuais.

O importe citado será pagado pola Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, logo de certificación emitida polo director xeral xefe da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, acreditativa das tarefas executadas.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

Poderán optar ás bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

Ser licenciado en dereito.

Ter formación e/ou coñecementos en lingua galega.

Quinta.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no Rexistro da Escola Galega de Administración Pública, dentro dos quince días naturais seguintes ó de publicación desta convocatoria, a seguinte documentación:

a) Unha instancia de admisión para participar nas probas de selección, segundo o modelo anexo.

b) Currículum vitae e certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas.

c) Documentos que acrediten a formación e/ou coñecementos en lingua galega.

d) Memoria descritiva en cinco folios como mínimo e dez como máximo sobre compilación e actualización da normativa administrativa.

Sexta.-Tribunal.

Presidente: o xefe do Gabinete de Asuntos Constitucionais e Defensa Xurisdiccional.

Vocais: o secretario da Escola Galega de Administración Pública.

Un letrado da Asesoría Xurídica Xeral.

Secretario: un funcionario dependente da Asesoría Xurídica Xeral.

Sétima.-Criterios para a selección dos bolseiros.

A selección levarase a cabo mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata catro puntos.

b) Currículum vitae: ata dous puntos.

c) Coñecementos de lingua galega: ata dous puntos.

d) Memoria descritiva: ata cinco puntos.

O tribunal poderá levar a cabo unha entrevista cos aspirantes preseleccionados por ter acreditados máis de sete puntos no anterior baremo, que versará sobre os seus méritos curriculares e a memoria, cunha duración máxima de quince minutos. En función do contido da entrevista, o tribunal poderá aumenta-la puntuación inicial asignada nun máximo do 25 por cento da que lles correspondese por aplicación do baremo.

Finalmente o tribunal fará pública a relación de candidatos por orde de puntuación.

Oitava.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo dos tres días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

No caso de que un adxudicatario por calquera motivo non poida presta-la súa colaboración, será substituído polo candidato seguinte por orde de puntuación.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración baixo as indicacións do xefe do Gabinete da Asesoría Xurídica Xeral a que se asignen, en horario de mañá ou tarde, de luns a venres, no local que se estableza. Os traballos realizados quedarán en propiedade da Xunta de Galicia.

Os bolseiros presentarán, á finalización das bolsas, un informe sobre os traballos realizados.

Novena.-Cláusula xeral.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración, a escola poderá, por proposta do director xeral xefe da Asesoría Xurídica Xeral e logo de escoita-la persoa afectada, anula-la bolsa.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e aceptación das presentes bases.

Décima.-Tramitación anticipada.

Ó abeiro do disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes, as obrigas derivadas desta convocatoria estarán condicionadas á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director xeral da Escola Galega de Administración Pública