Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 26 de decembro de 2001 Páx. 16.436

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA

EDICTO do 17 de decembro de 2001 polo que se fai pública a convocatoria de secretarías, en réxime de provisión temporal, de diversos órganos xudiciais de Galicia (Mondoñedo número un e catro máis).

De acordo co previsto na Lei orgánica do poder xudicial, en uso das autorizacións outorgadas pola Dirección Xeral de Relacións coa Administración de Xustiza, acórdase convocar concurso para cubrir prazas, en réxime de provisión temporal, de secretarías de xulgados, conforme as seguintes bases:

Primeira.-As prazas que se van cubrir corresponden á secretaría do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción de Mondoñedo número un e Viveiro número un, na provincia de Lugo; Cambados número tres, Redondela número un e Redondela número dous, na provincia de Pontevedra.

Segunda.-Poderán tomar parte neste concurso aqueles solicitantes que, o día no que remate o prazo de admisión, cumpran os requisitos de seren licenciados en dereito e os demais que se esixen para o ingreso no corpo de secretarios xudiciais.

Terceira.-Para a adxudicación desta praza terase en conta a preferencia que establece o artigo 482.1º da Lei orgánica do poder xudicial, aplicándolles ós secretarios o devandito precepto, de conformidade co artigo 38 do Regulamento do corpo de secretarios xudiciais.

Cuarta.-Os concursantes nomeados quedarán suxeitos, durante o tempo en que desempeñen o cargo, ó Estatuto xurídico do corpo de secretarios xudiciais e terán dereito a percibi-las remuneracións regulamentarias.

Quinta.-Os nomeamentos serán por un ano, que se poderá prorrogar por outro máis, conforme o mesmo procedemento, e os designados cesarán polas causas que establece o artigo 433 da devandita Lei orgánica ou se as prazas que están a desempeñar fosen ocupadas por funcionarios en servicio activo pertencentes ó corpo de secretarios xudiciais.

Sexta.-Os que desexen tomar parte neste concurso poderán dirixi-las súas instancias ó presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Pazo de Xustiza, praza de Galicia, s/n, 15071 A Coruña), mediante a súa presentación na Secretaría de Goberno do devandito tribunal, ou utilizando calquera das modalidades previstas no artigo 38 da Lei de procedemento administrativo, dentro do prazo de dez días naturais a partir da publicación desta convocatoria. As instancias e os documentos presentaranse por duplicado e faranse consta-los seguintes datos:

a) Nome, apelidos, idade, copia do documento nacional de identidade, enderezo e teléfono.

b) Manifestación expresa de que o solicitante reúne todos e cada un dos requisitos esixidos nesta convocatoria, con referencia á data en que expire o prazo de presentación de instancias, e tamén de que se compromete a presta-lo xuramento ou promesa que establece o artigo 318 da Lei orgánica do poder xudicial e de non estar incurso en ningunha das causas de incompatibilidade a que se refiren os artigos 389 e seguintes en relación co 471 da devandita lei.

c) Indicación concreta da praza ou prazas, por orde de preferencia, ás que aspiren de entre as convocadas a concurso.

d) Relación de méritos, que se considere oportuno alegar, determinantes de preferencia, coa documentación xustificativa do expediente académico universitario do solicitante.

e) Compromiso de tomar posesión da praza na que sexa nomeado nos prazos previstos polas disposicións legais, unha vez prestado o xuramento ou promesa mencionado.

A Coruña, 17 de decembro de 2001.

Jesús Souto Prieto

Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia