Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Mércores, 12 de decembro de 2001 Páx. 15.784

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 305/2001, do 29 de novembro, polo que se crea a Facultade de Ciencias da Saúde por transformación da Escola Universitaria de Terapia Ocupacional no campus da Coruña da Universidade da Coruña.

A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia (DOG nº 156, do 16 de agosto), supuxo a realización dunha planificación xeral do sistema. A esta planificación contribuíron decisivamente diversos decretos de creación de centros e de autorización de implantación de estudios.

Unha vez rematado o proceso de expansión do sistema universitario de Galicia, trabállase a prol da súa consolidación, atendendo expresamente os problemas derivados da definición específica de cada campus.

Neste decreto, baixo a formulación xeral exposta, considérase a creación dun novo centro no campus de Coruña da Universidade da Coruña, unha vez cumpridos xa tódolos requisitos previos ó acto formal de creación por parte da Xunta de Galicia.

Esta creación inscríbese no marco de reorganización dos centros existentes no sistema universitario de Galicia e, dentro da viabilidade do proxecto tanto desde o punto de vista económico como da

existencia de recursos humanos e materiais, responde á necesidade de completa-lo perfil da Universidade da Coruña, de mellora da calidade do ensino e da potenciación da actividade investigadora, e de atender a unha demanda amplamente compartida e manifestada en tódolos ámbitos da área metropolitana onde se atopa esta universidade.

Por todo isto, en aplicación do artigo 2.4º da Lei 5/1987, do 27 de maio, do Consello Social da Universidade e do Consello Universitario de Galicia, por instancia do Consello Social da Universidade da Coruña, co informe do Consello de Universidades e o informe do Consello Universitario de Galicia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de novembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Créase a Facultade de Ciencias da Saúde no campus da Coruña da Universidade da Coruña.

2. A Facultade de Ciencias da Saúde créase pola transformación da Escola Universitaria de Terapia Ocupacional no campus da Coruña, adscribríndose ó dito centro o Departamento de Medicina.

3. Na Facultade de Ciencias da Saúde do campus da Coruña impartiranse os estudios xa autorizados da diplomatura en terapia ocupacional e aqueles

outros relacionados coa área de ciencias da saúde do campus da Coruña, así como os estudios de terceiro ciclo en Medicina.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de novembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria