Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Venres, 23 de novembro de 2001 Páx. 15.048

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 16 de novembro de 2001 pola que se convocan unhas xornadas sobre o silencio administrativo e a notificación dos actos administrativos.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2001 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración co Centro de Estudios Jurídicos Superiores (CEJUS), unhas Xornadas sobre o silencio administrativo e a notificación dos actos administrativos; convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A relación que ó abeiro do acto administrativo se establece entre a Administración pública e o administrado vén constituír un dos aspectos de maior relevancia no quefacer cotián dunha sociedade. Para a Administración pública, o acto administrativo con

figúrase como o instrumento mediante o que expresa a súa vontade e pode cumpri-las diversas funcións que ten atribuídas; para o administrado, representa o fundamental vehículo da súa relación coa Administración, a través do cal vai experimentar beneficios ou inconvenientes na súa situación xurídica, nos seus dereitos ou intereses.

Dentro do ámbito xurídico e administrativo do acto administrativo, as xornadas convocadas dedicarán unha especial atención, desde un tratamento práctico, ó relevante tema da notificación e publicación destes actos, ó significado, alcance, tipoloxía e posición xurisprudencial máis recente sobre o instituto do silencio administrativo.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-A notificación dos actos administrativos. A súa publicación. Cómputo de prazos.

-Estudio xeral do silencio administrativo. Os actos presuntos positivos e negativos. Sistema de recursos.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: sesión de tarde (día 13 de decembro) e de mañá (día 14 de decembro).

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos do edificio de servicios múltiples de Monelos (Salvador de Madariaga, nº 1, na Coruña) os días 13 e 14 de decembro de 2001.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o martes, día 11 de decembro de 2001.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública; polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, o día 12 de decembro, das 8.30 ás 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública