Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Xoves, 15 de novembro de 2001 Páx. 14.726

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 2001 pola que se convocan unhas Xornadas sobre o novo regulamento da Lei de contratos das administracións públicas.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2001 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración co Centro de Estudios Jurídicos Superiores (Cejus), unhas Xornadas sobre o novo regulamento da Lei de contratos das administracións públicas; convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Mellora-la formación dos asistentes e abrir un debate sobre os aspectos máis salientables e as novidades do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-O réxime xurídico da clasificación das empresas contratistas: criterios de clasificación e procedemen

to administrativo. O Rexistro Oficial de Empresas Clasificadas e o Rexistro Público de Contratos.

-As garantías esixibles nos contratos coas administracións públicas.

-Novidades introducidas nas actuacións relativas á contratación: pregos de cláusulas administrativas xerais, a formalización dos contratos, actuacións preparatorias e adxudicación de contratos.

-Novidades introducidas en materia de execución, modificación e extinción de contratos administrativos.

-Réxime xurídico do contrato de obras: novidades introducidas.

-Novidades introducidas no réxime xurídico do contrato de xestión de servicios públicos e de subministracións. Referencia ós contratos de consultoría e asistencia e ó de servicios.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas en Santiago de Compostela), os días 3 e 4 de decembro de 2001.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o xoves, día 29 de novembro de 2001.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4 - 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 30 de novembro, das 8.30 ás 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a ela, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e a data da súa realización.

8. Retransmisión por Internet.

As persoas interesadas en segui-lo desenvolvemento destas xornadas por Internet poden facelo a través do seguinte enderezo: www.egap.xunta.es.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública