Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Mércores, 14 de novembro de 2001 Páx. 14.665

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 6 de novembro de 2001, conxunta da Consellería da Presidencia e Administración Pública e da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, pola que se amplía o prazo de presentación dos xustificantes de gasto de axudas concedidas ó amparo da orde conxunta de ámbalas consellerías do 4 de xullo de 2001, pola que se aproban as bases que rexerán as convocatorias de axudas e bolsas correspondentes ó programa do Plan Galego de Investigación Agraria e de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (Diario Oficial de Galicia número 136, do 13 de xullo).

As consellerías da Presidencia e Administración Pública e Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria dictaron a orde conxunta do 4 de xullo de 2001, pola que se aproban as bases que rexerán as convocatorias de axudas e de bolsas correspondentes ó Programa de Investigación Agraria do Plan Galego de Investigación Agraria e de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, e se procede á súa convocatoria.

No punto 9 do anexo II da devandita orde establécese que o prazo de que dispoñen os beneficiarios dos proxectos de investigación empresarial para achega-los documentos requiridos para proceder ó libramento das axudas correspondentes remata o 15 de novembro, do exercicio correspondente á anualidade de que se trata.

Tendo en conta o atraso producido na resolución das devanditas axudas, motivado polo longo proceso de avaliación dos proxectos, considérase preciso amplia-lo prazo de xustificación dos investimentos realizados no ano 2001 polos beneficiarios destas axudas.

En consecuencia, e en aplicación do disposto no artigo 49 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e en uso das atribucións que nos foron concedidas,

DISPOÑEMOS:

Artigo único.-Amplia-lo prazo de presentación dos xustificantes de gasto correspondentes ós investimentos do ano 2001 das axudas concedidas ó abeiro do anexo II da Orde do 4 de xullo de 2001, conxunta da Consellería da Presidencia e Administración Pública e da Consellería de Agricultura Gandería e Política Agroalimentaria, ata o día 30 de novembro de 2001.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2001.

Jaime Pita VarelaJuan Miguel Diz Guedes

Conselleiro da PresidenciaConselleiro de Agricultura,

e Administración PúblicaGandería e Política

Agroalimentaria