O Concello de Cervo (Lugo) considerou conveniente organizar correctamente o seu escudo municipal para perpetualo con simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa súa correspondente proposta de representación gráfica da súa insignia, para a súa aprobación definitiva.
A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
O expediente tramitouse conforme as normas do procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, e mais no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.
Na súa virtude, visto o informe, de data do 10 de xullo de 2001, emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de setembro de dous mil un,
DISPOÑO:
Artigo único.-Aproba-la modificación do escudo do Concello de Cervo (Lugo), que figura como anexo,
organizado do seguinte xeito: de sinople (verde) un cervo de ouro (amarelo), vilenado de gules (vermello); xefe de azur (azul) cunha estrela de ouro flanqueada de dúas áncoras de prata (branco). Ó timbre, coroa real pechada.
Santiago de Compostela, vinte de setembro de dous mil un.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Antonio Pillado Montero
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais