Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Martes, 16 de outubro de 2001 Páx. 13.465

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 15 de outubro de 2001 que modifica a do 27 de marzo de 2001, pola que se definen as bases reguladoras dun programa de axudas para o cesamento anticipado na actividade agraria e se convocan estas para 2001.

Unha das medidas de acompañamento dentro da política agraria común (PAC) de acordo coas perspectivas da axenda 2000, para o período 2000-2006, é a do cesamento anticipado na actividade agraria, medida recollida no Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello, do 17 de maio, así como no da Comisión, que desenvolve o anterior, o 1750/1999, do 23 de xuño.

En novembro de 2000, a Comisión aprobou o programa Horizontal I, para as medidas de acompañamento (indemnizacións compensatorias, cesamento anticipado na actividade agraria, forestación e medidas agroambientais) en tódalas comunidades autónomas do Estado español, agás Navarra e o País Vasco, de acordo coa normativa precitada.

Para a posta en práctica do Estado español do dito programa aprobouse o Real decreto 5/2001, do 12 de xaneiro, no que se dispuña, entre outras cuestións, que para rexións obxectivo 1, como é o caso da de Galicia, o cofinanciamento do programa sería dun 75% con cargo ó FEOGA-Garantía e o 25% restante corresponderíalle, a partes iguais, ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e ás comunidades autónomas.

Ó abeiro da normativa anterior, por Orde do 27 de marzo de 2001, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, definíronse as bases reguladoras do programa de cesamento anticipado nesta Comunidade Autónoma, á vez que se convocaban para o presente exercicio.

Mais, a deficiencia estructural do sector de gando vacún en Galicia, caracterizado polo envellecemento dos productores e pola escasa rendibilidade de parte das súas explotacións, e a crise suscitada nel pola

encefalopatía esponxiforme bobina (EEB), enfermidade das vacas tolas, motiva a posta en marcha dun programa especial de cesamento da actividade agraria en Galicia, adicional do anterior, pero financiado con fondos estatais, e non con cargo ó FEOGA-Garantía, anque con semellantes requisitos e idénticas contías.

Este programa de reestructuración do sector do gando vacún terá como obxectivos o rexuvenecemento dos titulares das explotacións, a posta á disposición, dos productores menores de 50 anos, de superficie e outros medios de producción, para o incremento da dimensión productiva e económica das súas explotacións e a consecución duns niveis de ingresos aceptables para os gandeiros que deixan a actividade agraria, ata o momento da súa xubilación.

Por outra banda, en concordancia co previsto no artigo 10 do precitado Real decreto 5/2001, o artigo 10 da devandita orde desta consellería, establece a contía das axudas para os cedentes que comprenden: a) unha indemnización anual de 934.416, 799.320 ou 731.784 pesetas, segundo os casos; b) unha prima anual complementaria de 16.891 pesetas por hectárea-tipo que transmita ou ceda da explotación; c) de se-lo caso, un complemento anual de xubilación. Polo que atinxe ós traballadores da explotación do cedente que tamén cesen definitivamente na actividade agraria, estes percibirían, conforme o punto 4 do artigo 10; de esta orde, unha indemnización anual de 551.652 pesetas.

Mediante a facultade prevista na disposición derradeira primeira do devandito Real decreto 5/2001, a orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do 2 de agosto de 2001 (BOE nº 192, do 11 de agosto), fixa o importe da axuda ós traballadores que se acollan ó réxime de cesamento anticipado na actividade agraria para o ano 2001, na cantidade de 3.452 euros (574.364,472 pesetas).

Procede así, de acordo coa norma básica estatal, modifica-lo artigo 10.4º da Orde do 27 de marzo de 2001, actualizando a contía da axuda (551.652) prevista para os traballadores cesantes acollidos ó programa, que pasa a ser de 574.364 pesetas (3.452 euros).

Ademais, tamén se adapta a definición de hectárea tipo ó contido da comunicación da Comisión 2000/C179/01.

A Lei 7/1994, do 29 de decembro, dispón que lle corresponde ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, en adiante Ilgga, a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, hoxe de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, en relación co sector lácteo e gandeiro, para o cal poderá adoptar todo tipo de accións que contribúan á mellora do sistema productivo agrario, como a presente, que pretende coadxuvar á reestructuración do sector de gando vacún nesta Comunidade Autónoma.

De acordo co anterior, nesta orde defínense as características dun programa propio e especial de axudas para o fomento do cesamento anticipado na actividade para os gandeiros de vacún, a través da introducción dunha sección segunda na Orde do 27 de marzo de 2001, ademais do cofinanciado con fondos FEOGA-Garantía, programa que se axustará ó disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas desta Comunidade Autónoma.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confiren a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente e o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os artigos da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 27 de marzo de 2001, comprendidos entre o 1 e o 21 ámbolos dous inclusive, intégranse dentro dunha sección primeira, co seguinte título:

«Sección primeira.-Réxime xeral».

Artigo 2º

1. Modifícase o artigo 2 h) da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 27 de marzo de 2001, que queda redactado do seguinte xeito:

«h) Hectárea tipo.-Superficie comprendida por unha hectárea de secaño cunha marxe bruta estándar (MBE) estimada de 300 euros. Para converter calquera superficie agraria ó concepto unitario de hectárea tipo, aplicaranse as táboas de MBE rexionalizadas para España, aprobadas mediante comunicación da Comisión 2000/C179/01».

2. Modifícase o punto 4 do artigo 10 da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, que queda redactado do seguinte xeito:

«4. Os traballadores percibirán unha indemnización anual cun importe de 3.452 euros (574.364 pesetas). Esta axuda poderán percibila ata acada-la xubilación definitiva e, como máximo, ata o día en que cumpran os sesenta e cinco anos de idade. Só se concederá indemnización a un traballador por explotación, tendo preferencia os traballadores por conta allea sobre os familiares e, dentro deles, se houbera máis dun, o máis antigo e, en caso de igualdade, o de maior idade».

Artigo 3º

Introdúcese unha nova sección segunda, na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 27 de marzo de 2001, despois do artigo 21, co seguinte título e contido:

«Sección segunda.-Réxime especial para os gandeiros de vacún.

Artigo 22º.-Ámbito subxectivo.

Poderán atenderse, con cargo a este programa especial de cesamento anticipado na actividade agraria, as solicitudes presentadas, segundo o establecido no artigo 11º da presente orde, por titulares de explotacións de gando vacún, ben sexa de aptitude cárnica ou leiteira.

Artigo 23º.-Definición de hectárea tipo.

Para os efectos de aplicación do réxime de axudas desta sección segunda, enténdese por hectárea tipo a superficie comprendida por unha hectárea cunha marxe bruta estimada de 49.915,8 pesetas (300 euros). Para converter calquera superficie agraria ó concepto de hectárea tipo, utilizaranse as marxes establecidas pola dirección do Ilgga para as distintas actividades

productivas agrícolas e gandeiras na Comunidade Autónoma de Galicia para efectos de programas de mellora da estructura das explotacións agrarias.

Artigo 24º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas establecidas nesta sección os cedentes que cesen definitivamente na actividade agraria, así como os traballadores das explotacións dos primeiros que o fagan á vez que estes, de acordo co disposto no artigo 22º, sempre que máis do 50% da marxe bruta da súa explotación proveña de actividades gandeiras de gando vacún, ós que non se lles atendese a súa solicitude de acordo co establecido na sección primeira.

As solicitudes correspondentes a explotacións nas que máis do 50% da súa marxe bruta proveña de vacas nutrices ou cebo de becerros serán atendidas exclusivamente nesta sección segunda.

Artigo 25º.-Criterios de prioridade.

No caso de que o importe das axudas correspondentes ás solicitudes para atender supere a dotación orzamentaria dispoñible, as resolucións estimatorias dictaranse consonte a seguinte orde de prelación:

1. Explotacións nas que incorpore un agricultor mozo á explotación.

2. Titulares nos que o 100% da marxe bruta das explotacións proveña de vacas nutrices ou cebo de becerros.

3. Titulares nos que o 100% da marxe bruta das explotacións proveña de actividades gandeiras de vacún de leite ou de carne.

4. Explotacións situadas en zonas de montaña.

5. Resto das explotacións.

Dentro de cada epígrafe, terán prioridade as explotacións nas que o titular sexa de maior idade.

Artigo 26º.-Pagamento das axudas.

1. Cedentes con menos de 60 anos no momento da solicitude:

Coa finalidade de fomenta-lo cesamento dos cedentes de idades comprendidas entre os 55 e os 60 anos no momento da resolución da axuda, se o permiten as dispoñibilidades orzamentarias, poderanse efectua-los pagamentos das axudas, actualizadas, previstas no punto 1 do artigo 10º do modo seguinte:

a) Ata un 40% da cantidade total actualizada ó ano 2001, como prima de inicio do cesamento, no momento de demostra-lo cumprimento dos compromisos.

b) Ata o 20% da devandita cantidade actualizada ó ano 2001, máis os xuros correspondentes, ó longo do ano 2002.

c) Ata o 20% da devandita cantidade actualizada ó ano 2001, máis os xuros correspondentes, ó longo do ano 2003.

d) Ata o 15% da devandita cantidade, actualizada ó ano 2001, máis os xuros correspondentes, ó longo do ano 2004.

e) O remanente da devandita cantidade, actualizada ó ano 2001, dividida entre o número de anos desde

2004 e a data de xubilación, en cada unha das anualidades posteriores a 2004, máis os xuros correspondentes.

En tódolos casos se aplicará unha taxa de actualización do 3,94%. Ás cantidades para pagar nos anos 2002 e seguintes aplicaráselles un xuro do 3,94%.

2. Cedentes con 60 ou máis anos, e traballadores.

O pagamento das axudas dos cedentes e traballadores de 60 ou máis anos, así como dos traballadores, no momento da resolución da axuda, realizarase ó longo das anualidades correspondentes despois do cesamento.

Artigo 27º.-Prazos de resolución e xustificación.

1. O prazo para dictar resolución rematará o 15 de novembro de 2001, podéndose considerar desestimadas, por silencio administrativo, as solicitudes non resoltas e notificadas neste prazo.

2. O prazo para xustifica-la transmisión da explotación será dun mes contado desde a percepción da notificación de concesión da axuda.

Artigo 28º.-Réxime de incompatibilidades.

1. A percepción das axudas establecidas nesta sección será incompatible:

-Coa percepción dunha axuda para o cesamento anticipado na actividade agraria cofinanciado con fondos FEOGA-Garantía, ó abeiro do establecido na sección primeira desta orde.

-Coa condición de pensionista por xubilación en calquera réxime da Seguridade Social ou sistema de pensións financiado, total ou parcialmente, con recursos públicos.

-Coa condición de pensionista por invalidez permanente financiado, total ou parcialmente, con recursos públicos.

-En xeral, con calquera outra axuda, de carácter público, para a mesma finalidade, sempre que, conxuntamente, supere os límites máximos establecidos no artigo 10º desta orde.

2. Se o beneficiario das axudas viñera percibindo prestacións por maternidade, incapacidade temporal, incapacidade en réximes compatibles, ou outras prestacións de carácter periódico da Seguridade Social, só se lle aboarán as axudas por cesamento anticipado na actividade agraria pola diferencia entre o seu importe e o das anteditas prestacións.

3. Non obstante, serán compatibles coa percepción das axudas as prestacións periódicas da Seguridade Social por fillo a cargo e por pensión de viuvez.

4. A actividade agraria, realizada polo cedente sen fins comerciais, non será subvencionable en virtude da política agrícola común.

Artigo 29º.-Controis e sancións.

1. Controis.

a) A solicitude e, se é o caso, a aprobación das axudas previstas nesta sección segunda implica a autorización dos solicitantes, a favor do Ilgga, así como dos restantes entes ou órganos competentes desta

Administración para realizar cantas comprobacións e solicitar cantos documentos e informes sexan precisos para a acreditación do cumprimento dos requisitos e compromisos indicados no expediente, así como para realizar cantas inspeccións e controis sobre o terreo sexan precisas.

b) Para tal efecto, poderán establecerse cos órganos ou organismos competentes das distintas administracións públicas os mecanismos apropiados de coordinación.

c) O Ilgga realizará un control administrativo sobre a totalidade das solicitudes presentadas ó abeiro desta orde e, así mesmo, establecerá un plan anual de controis sobre o terreo, destinados a verifica-la adecuación das axudas aprobadas.

2. Sancións.

Cando ós solicitantes ou beneficiarios se lles comproben incumprimentos dos requisitos ou compromisos contidos nesta orde, aplicaránselle-las correspondentes sancións, logo da instrucción do oportuno expediente, de acordo co disposto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro e nos artigos 33 e 34 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro».

Artigo 4º

A disposición adicional da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 27 de marzo de 2001, pasa a se-la disposición adicional primeira, coa seguinte redacción:

«Primeira:

1. O financiamento das axudas da sección primeira da presente orde farase con cargo á aplicación orzamentaria 09.60.614A.773.0, do orzamento de gastos do Ilgga, que está dotada para o ano 2001 con 2.700 millóns de pesetas, das que 380.649.221 pesetas corresponden a novas solicitudes. Este financiamento poderá ser incrementado con fondos adicionais comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma.

2. O financiamento das axudas previstas na sección segunda desta disposición farase con cargo á aplicación orzamentaria 09.60.614A.773.1, do orzamento de gastos do Ilgga, que está dotada, para o ano 2001, con 2.700 millóns de pesetas, para esta finalidade».

Artigo 5º

Introdúcense dúas disposicións adicionais, segunda e terceira, na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 27 de marzo de 2001, coa seguinte redacción:

«Segunda.-En todo o non disposto especificamente, na sección segunda da presente orde para o réxime especial de axudas para o cesamento anticipado na actividade agraria para os gandeiros de vacún, será de aplicación o establecido na súa sección primeira».

«Terceira: xustificación do mantemento dos requisitos esixibles.

1. Antes do último día do mes de xullo de cada ano, ata o ano en que cumpran os 65 anos, os acollidos a ámbolos dous programas de cesamento anticipado na actividade agraria, tanto o da sección primeira como da segunda, deberán presentar unha solicitude anual de pagamento, segundo o modelo recollido no anexo V, xunto coa que deberán achega-la seguinte documentación:

-Copia declaración do IRPF do último exercicio respecto do que xa vencera o prazo para presentala.

-Certificado da Tesourería Xeral da Seguridade Social sobre as cotizacións do beneficiario respecto do ano natural anterior.

-Fe de vida.

2. A falta da presentación da dita solicitude de pagamento ou algún dos documentos que a acompañan, antes do remate do termo fixado, suporá a suspensión da percepción das axudas e, se é o caso, a recuperación do xa aboado nas anualidades anteriores».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria