Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Martes, 09 de outubro de 2001 Páx. 13.253

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Real Club Celta, S.A.D.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Real Club Celta, S.A.D., con nº de código 3602212 que tivo entrada nesta delegación provincial o día 20-7-2001, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, en data 13-7-2001. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 30 de xullo de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa Real Club Celta

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio colectivo será de aplicación na empresa Real Club Celta, con domicilio social na avda. Balaídos, s/n. Abarcando tanto o domicilio social como as demais dependencias dentro da área metropolitana de Vigo.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

Este convenio abarca tódalas actividades existentes actualmente para o desenvolvemento das funcións propias da sociedade e dos seu obxecto social. As condicións aquí pactadas terán o carácter de mínimas obrigatorias.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Enténdese comprendidos baixo o ámbito de aplicación deste convenio tódolos traballadores e traballadoras dependentes desta empresa, así como os que ingresen no futuro, excluíndose aqueles que segundo a lei poidan saírse do seu ámbito.

Artigo 4º.-Vixencia.

Este convenio colectivo entrará en vigor, a tódolos efectos a partir do 1 de xaneiro de 2000 e ata o 31 de decembro de 2001. Ó remate da vixencia do presente convenio colectivo manterán a súa vixencia todas e cada unha das cláusulas ata a entrada en vigor do seguinte convenio.

Artigo 5º.-Denuncia.

O presente convenio deberá ser denunciado por algunha das partes con 2 meses de antelación ó seu vencemento. De non efectuarse ningunha denuncia, quedará prorrogado excepto nos conceptos salariais, que se verán actualizados no IPC que para o ano anterior estableza o INE.

Artigo 6º.-Salarios.

Os salarios para o presente convenio serán os establecidos para cada categoría na táboa anexa. Non haberá discriminacións salariais por razóns de sexo e suprimiranse as diferencias dentro da mesma categoría.

A suba salarial para o ano 2000 sera de 7.000 pesetas lineais, e para o ano 2001 de 9.000 pesetas tamén lineais.

As categorías de: dependenta e telefonista, terán incrementos superiores ata chegar a súa equiparación total no ano 2003 coa categoría de auxiliar administrativa. Así mesmo, o auxiliar do preparador e conserxe tenderán á súa equiparación co peón.

Artigo 7º.-Revisión salarial.

No caso de que o IPC rexistrara, a 31 de decembro de 2001 un incremento superior ó 3,75% efectuarase unha revisión salarial tan pronto se constate oficialmente a dita circunstancia, no exceso sobre a indicada cifra. Tal incremento aboarase con efectos de primeiro de xaneiro de dous mil un.

Artigo 8º.-Xornada de traballo.

Persoal de oficina administrativo:

De luns a venres: das 10 h ás 14 h, das 17 h ás 20 h.

Sábados o véspera de partido: das 10.30 ás 14 horas.

Os domingos de partido entrarán hora e media antes da súa celebración.

O persoal que traballe o sábado de partido terá dereito a un descanso na semana seguinte dunha tarde. A semana que cadre festivo non se descansará.

Para o xornada de verán estableceranse quendas pola tarde, para que a oficina permaneza aberta, o que veña pola mañá non virá pola tarde, e o que veña pola tarde non virá pola mañá. Estas quendas están supeditadas a un mínimo de 4 personas para realizalas, de xeito que cada persoa traballe 1 semana cada catro semanas.

Persoal oficina socios:

De luns a venres: das 10 ás 14 h, das 17 ás 20 h.

Na semana que haxa partido, os sábados traballarase das 10.30 ás 14 h, e os domingos das 10.30 ás 14 h, así como hora e media antes da celebración do partido.

Pola tarde dependendo se o partido é máis tarde, virase 2 ou 3 horas antes do seu comezo.

O persoal que desenvolva o seu traballo na oficina de socios terá dereito a un descanso rotativo tódalas semanas. A semana que cadre festivo nos se descansará.

Persoal de campo:

De luns a venres: das 9 h ás 14 h, das 16 h ás 19 h.

Sábados: das 9 h ás 14 h.

Este horario na semana de partido.

Os días de partido virán 2 horas antes do seu comezo.

Nas semanas que non haxa partido o horario será:

De luns a venres: das 9 h ás 14 h, das 16 h ás 19 h.

Persoal de limpeza:

De luns a vernes: das 8 h ás 15 h.

Sábados de partido: das 9 h ás 14 h.

Sábados sen partido: das 9 h ás 12 h.

Persoal de lavandería:

De luns a venres: das 9 h ás 14 h, das 17.30 h ás 19.30 h.

Sábados: das 9 ás 14 .

Se respetarán as melloras que as traballadoras actuais teñan pactadas.

Persoal de tendas:

De luns a vernes: das 10 h ás 14 h, das 17 h ás 20 h.

Sábados: das 10 h ás 13.30 h, das 17 h ás 20 h.

Domingos de partido, pola mañá das 11.30 h ás 13.30 h, e antes e despois do partido 1.15 horas.

Descansarán unha tarde tódalas semanas.

Xornada de verán para todo o persoal:

Desde o 15 de xuño ó 30 de xullo todo o persoal realizará xornada de mañá das 9 h ás 15 h.

A xornada de verán non é de aplicación ó persoal das tendas.

Na primeira quincena de agosto haberá unha reunión da comisión paritaria co fin de ve-las necesidades do club, torneos, trofeos, campaña de socios, etc... para estudia-la posibilidade de continuar coa xornada de verán os 15 primeiros de agosto.

Artigo 9º.-Horas extraordinarias.

As partes asinantes do presente convenio acordan reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias.

Terán consideración de horas extraordinarias todas aquelas que excedan da xornada laboral legalmente establecida.

A empresa informará mensualmente o representante dos traballadores do número de horas extraordinarias feitas, especificando as causas e o persoal que as levou a cabo.

En ningún caso as horas extraordinarias poderán supera-lo límite máximo establecido legalmente. En canto ó aboamento ou aproveitamento das horas extraordinarias, obterase entre aboalas cun incremento do 75% sobre o salario que lle correspondería a cada hora ordinaria ou compensalas por tempos equivalentes de descanso retribuido incrementados polo menos na porcentaxe antes indicada.

As horas extraordinarias mediante descanso deberán ser compensadas dentro dos dous meses seguintes á súa realización.

Artigo 10º.-Vacacións.

As vacacións serán de 30 días naturais nos meses de xuño a setembro. O calendario de vacacións fixarase na empresa con dous meses de antelación ó comezo do seu aproveitamento.

Os períodos de vacacións estipularanse de común acordo entre os traballadores e a dirección. O seu aboamento realizarase ó seu inicio, na contía de salario real que lle corresponda por tódolos conceptos salariais.

O aproveitamento das vacacións será de xeito rotativo entre o persoal. Todo o persoal que antes ou durante o período de vacacións estea en situación de IT terá dereito ó aproveitamento destas ou da parte pendente.

Artigo 11º.-Pagas extraordinarias.

Establécese catro pagas extraordinarias. Todas elas aboaranse na contía correspondente a 30 días a salario real, pagadoiras cada unha delas os días 10 de marzo, 25 de xullo, 15 de outubro e 15 de decembro.

O persoal que ingresase ou deixase de prestar os seus servicios na empresa calquera que fose a causa, durante o transcurso do ano, terá dereito á parte proporcional das ditas pagas en relación co tempo traballado.

Así mesmo, e no suposto de que o club obtivese un ou máis títulos (campión de liga, campión de Copa S.M. o Rei, campión de Europa, Recopa ou UEFA), así como ascenso de categoría, terase dereito a unha paga extraordinaria por tal motivo na mesma contía có resto das pagas extraordinarias.

Artigo 12º.-Antigüidade.

Os aumentos por antigüidade serán calculados por trienios desde o ingreso na empresa; estes trienios aboaranse a razón do 8% sobre os salarios do convenio vixente e comezaranse a percibi-lo mesmo mes no que se cumpla o trienio. De calquera xeito ningún traballador poderá percibir neste concepto contías superiores ás que establece o Estatuto dos traballadores.

De tódolos xeitos respectarase as condicións máis favorables que veñan gozando os afectados polo presente convenio nesa materia.

Artigo 12º bis.-Premio de antigüidade.

Insignia de plata do club, que se lle otorgará a tódolos traballadores/as que leven na empresa 25 anos ininterrompidos.

Insignia de ouro, otorgaráselle ós traballadores/as que leven na empresa 30 anos ininterrompidos.

As ditas medallas terán tamén unha dotación económica de 3 meses de salario para a de prata e de 5 meses para a de ouro.

Artigo 13º.-Licencias.

Os/as traballadores/as, logo de aviso e xustificación, terán dereito a permisos retribuídos durante o tempo e os supostos seguintes:

a) Matrimonio: 16 días.

b) Nacemento de fillo: 3 días laborables.

c) Enfermidade grave ou morte de parentes ata segundo grao de consagüinidade ou afinidade, dous días e cinco se existise desprazamento fóra da provincia.

d) Traslado de domicilio: 2 días.

e) O tempo necesario para consulta médica de especialistas da Seguridade Social, cando coincidindo o horario de consulta co de traballo, se precise a dita consulta polo facultativo de medicina xeral, debendo presenta-lo traballador o volante xustificativo da devandita prescripción médica. Nos demáis casos ata un límite de 18 horas ano.

f) As traballadoras por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións.

Este permiso poderá ser gozado indistintamente pola nai ou polo pai no caso de ámbolos dous traballen.

A concreción horaria e a determinación do período de aproveitamento do permiso de lactación e da reducción de xornada, corresponderá ó traballador/a, dentro da súa xornada ordinaria. O/a traballador/a deberá avisar previamento ó empresario con 15 días de antelación da data en que se reincorporará á súa xornada ordinaria.

As discrepancias xurdidas entre empresario e traballador/a sobre a concreción horaria e a determinación dos períodos de aproveitamento previstos e serán resoltos pola xurisdicción competente a través do procedemento establecido no artigo 138 bis da Lei de procedemento laboral.

Quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de 6 anos ou minusválido físico, psíquico ou sensorial, que non desenvolva unha actividade retribuída, terá dereito aunha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre, alomenos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

g) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal.

h) Por asuntos persoais ou particulares do traballador/a poderá solicitar permiso retribuído de cinco días e sen retribuír ata un máximo de trinta, de común acordo entre empresa e o traballador/a e sempre que na sección non haxa outra persoa na mesma situación.

i) As tardes dos días 24 e 31 de decembro e o 5 de xaneiro, non serán laborais para tódolos efectos, nos casos de partido non se cobrarían as horas.

k) Morte de parentes de primeiro grao: 5 días.

l) Todo traballador/a que se teña que presentar por unha citación xudicial terá dereito a dispor do tempo necesario para asistir a ela, igualmente retribuída pola empresa.

m) O tempo necesario para facer exames.

n) Casamento dun fillo/a: 1 día.

o) No non expresamente regulado aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 14º.-Desprazamentos.

Se por necesidade ou conveniencia da empresa e por requirimento desta, o traballador tivese que desprazarse empregando o seu propio vehículo e con aceptación voluntaria deste, aboaráselle a cantidade de 30 pesetas por km.

Artigo 15º.-Complemento de nocturnidade.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as 10 da noite e as 6 da mañá, terán unha retribución específica incrementada nun 30% do salario base.

Artigo 16º.-Excedencias.

Todo traballador/a fixo cunha antigüidade alomenos dun ano na empresa terá dereito a que se lle recoñeza a excedencia voluntaria por un prazo non inferior a 2 anos e non maior a cinco anos. Este dereito só poderá ser exercido outra vez, polo mesmo traballador, se transcurriron catro anos desde o remate da anterior excedencia.

As traballadoras e traballadores terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo/a, tanto que o sexa por natureza ou por adopción nos supostos de acollemento tanto permanente como preadoptivo contados desde a data de nacemento ou, se é o caso, da resolución xudicial ou administrativa.

Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia, o seu inicio dará fin o que, se é o caso, se estivese gozando. Cando o pai ou a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

O período en que o traballador/a permaneza na situación de excedencia conforme o establecido neste artigo será computable a efectos de antigüidade e o traballador/a terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional, a participación dos cales deberá ser convocado polo empresario, especialmente con ocasión da súa reincorporación. Durante o primeiro ano terá dereito á reserva do seu posto de traballo. Transcorrido o dito prazo a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

En todo o non previsto neste artigo aplicarase o establecido con carácter xeral no artigo 46 do Estatuto dos traballadores e demáis normas vixentes sobre a materia.

Sen prexuízo do anterior en casos excepcionais, de común acordo, a empresa e o traballador poderán

contempla-la concesión de situacións de excedencia fóra das legalmente reguladas.

Artigo 17º.-Cambio de postos de traballo por embarazo. Suspensión con reserva do posto de traballo.

No suposto de parto, a suspensión terá unha duración de 16 semanas, que se gozarán de maneira ininterrompida, ampliables no suposto de parto múltiple en dúas semanas máis por cada fillo/a a partir do segundo. O período de suspensión distribuirase a opción da interesada sempre que 6 semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto. No caso de falecemento da nai, o pai poderá facer uso da totalidade ou, se é o caso, da parte que reste do período de suspensión.

Non obstante o anterior, e sen prexuízo das 6 semanas inmediatas posteriores ó parto de descanso obrigatorio para a nai, no caso de que o pai e a nai traballen, esta, ó iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar porque o pai goce dunha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ó parto ben de forma simultánea ou sucesiva co da nai, salvo que no momento da súa efectividade na incorporación ó traballo da nai supoña un risco para a súa saúde.

Nos supostos de adopción e acollemento tanto preadoptivo como permanente, de menores de ata 6 anos a suspensión terá unha duración de 16 semanas ininterrompidas, ampliable no suposto de adopción ou acollemento múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo, contadas á elección do traballador/a, ben a partir da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, ben a partir da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción. A duración da suspensión será, así mesmo, de 16 semanas nos supostos de adopción e acollemento de menores maiores de 6 anos de idade cando se trata de menores discapacitados ou minusválidos ou que polas súas circunstancias e experiencias persoais ou que por provir do estranxeiro, teñan especiais dificultades de inserción social e familiar debidamente acreditadas polos servicios sociais competentes. No caso de que a nai e o pai traballen, o período de suspensión distribuirase a opción dos interesados, que poderán gozalos de xeito simultáneo

ou sucesiva, sempre que con períodos ininterrompidos e cos límites sinalados.

Nos casos de gozo simultáneo de períodos de descanso, a suma destes non poderá exceder das 16 semanas previstas, nos puntos anteriores ou das que correspondan no caso de parto múltiple.

Os períodos ós que se refiren o presente artigo poderán gozarse en réxime de xornada completa ou a tempo parcial, logo de acordo entre os empresarios e os traballadores/as afectados/as, nos termos que regulamentariamente se determinen.

Nos supostos de adopción internacional cando sexa necesario o desprazamento previo dos pais ó país de orixe do adoptado, o período de suspensión, pre

visto para cada caso no presente artigo, poderá iniciarse ata 4 semanas antes da resolución pola que se constitúe a adopción.

Artigo 18º.-Protección á maternidade.

1. A avaliación dos riscos o que se refire o artigo 16 da lei deberá comprende-la determinación da natureza, o grao e a duración da exposición das traballadoras en situación de embarazo ou parto recinte a axentes, procedementos ou condicións de traballo que poidan influir negativamente na saúde das traballadoras ou do feto, en calquera actividade susceptible de presentar un risco específico. Se os resultados da avaliación revelasen un risco para a seguridade e a saúde ou unha posible repercusión sobre o embarazo ou a lactación das citadas traballadoras, o empresario adoptará as medidas necesarias para evita-la exposición ó dito risco, a través dunha adaptación das condicións ou do tempo de traballo da traballadora afectada. Estas medidas incluirán, cando resulte necesario, a non realización de traballo nocturno ou de traballo a quendas.

2. Cando a adaptación das condicións ou do tempo de traballo non resultase posible ou, a pesar de tal adaptación, as condicións dun posto de traballo puideran influír negativamente na saúde da traballadora embarazada ou do feto, e así o certifiquen os servicios médicos do Instituto Nacional da Seguridade Social ou das mutuas, co informe do médico do Servicio Nacional da Saúde que asista facultativamente á traballadora, esta deberá desenvolver un posto de traballo ou función diferente e compatible co seu estado. O empresario deberá determinar, logo de consulta cos representantes dos traballadores, a relación dos postos de traballo exentos de riscos para estos efectos.

O cambio de posto ou función levarase a cabo de conformidade cos regulamentos e criterios que se apliquen nos supostos de mobilidade funcional e terá efectos ata o momento no que o estado de saúde da traballadora permita a súa reincorporación ó anterior posto.

No suposto de que, aínda aplicando os regulamentos sinalados no parágrafo anterior, non existise posto de traballo ou función compatible, a traballadora poderá ser destinada a un posto non correspondente ó seu grupo ou categoría equivalente, se ben conservará o dereito ó conxunto de retribucións do seu posto de orixe.

3. Se o dito cambio de posto non resultase técnica ou obxectivamente posible, ou non poida razoablemente esixirse por motivos xustificados, poderá declararse o paso da traballadora afectada á situación de suspensión do contrato por risco durante o embarazo, recollida no artigo 45.1º d) do Estatuto dos traballadores, durante o período necesario para a protección da súa seguridade ou da súa saúde e mentres persista a imposibilidade de reincorporarse ó seu posto anterior ou a outro posto compatible co seu estado.

4. O disposto nos números 1 e 2 deste artigo será tamén de aplicación durante o período de lactación, se as condicións de traballo puideran influír negativamente na saúde da muller ou do fillo/a e así o certifique o médico que, no réxime da Seguridade Social aplicable, asista facultativamente a traballadora.

5. As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto, logo de aviso ó empresario e xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada de traballo.

Artigo 19º.-Situación protexida.

Para os efectos da prestación económica por risco durante o embarazo, as mulleres embarazadas terán dereito a que as cambien de posto de traballo a outro máis acorde co seu estado, non estando obrigadas en ningún caso a desempeña-las súas funcións en lugares radiactivos, infecciosos ou perigosos para o seu embarazo.

Esta situación dará lugar a unha suspensión do contrato de traballo cunha duración máxima de dezaseis semanas, remitíndonos ó Decreto lei do 3 de marzo de 1989. Durante o período citado a traballadora terá dereito ó aboamento das prestacións económicas correspondentes, con cargo á Seguridade Social e complementada ata o 100% do salario como para o caso de baixas por enfermidade ou accidente.

Ó traballador/a que, por causa de accidente ocorrido na prestación de traballo para empresa, lle sexa recoñecida polo tribunal médico de incapacidades unha incapacidade parcial ou unha incapacidade permanente total para o seu traballo habitual, a empresa poderá asignarlle un posto de traballo en calquera dos centros de traballo que teña o Real Club Celta, que se adapte á nova aptitude do traballador/a sempre que exista praza vacante, na que o traballador/a terá prioridade sobre calquera contratación eventual.

Artigo 20º.-Roupa de traballo.

A empresa está obrigada a subministrarlle ó persoal de limpeza 2 mandilóns ó inicio do ano; ó persoal de campo daránselle de 2 fundas e un chándal. Tanto uns coma os outros percibirán calzado axeitado para as súas respectivas funcións.

Se o traballo o requirise entregaranse guantes e traxes de auga.

Artigo 21º.-Recoñecemento médico.

A empresa está obrigada a solicitar no primeiro trimestre do ano, informando previamente ó representante dos traballadores, un recoñecemento médico anual para tódolos traballadores da empresa. O tempo investido no citado recoñecemento será a cargo da empresa que, cando sexa necesario, facilitará así mesmo os medios de transporte para o desprazamento.

Artigo 22º.-Seguridade e hixiene.

A empresa obrígase ó cumprimento inexcusable das normas de seguridade e hixiene no traballo en materia de aseos, vestiarios, dotacións sanitarias, duchas, etc., de conformidade coa ordenanza xeral de seguridade e hixiene e a nova Lei de prevención de riscos laborais.

Artigo 23º.-Traballos tóxicos, penosos e perigosos.

Sinálase expresamente que os traballadores afectados polo presente convenio quedarán expresamente excluídos e non estarán, polo tanto, obrigados a realizar traballos que teñan a consideración de tóxicos, penosos ou perigosos.

Artigo 24º.-Complemento por IT.

A empresa estará obrigada a complementar ata o 100% do salario fixado no convenio desde o primeiro día de baixa.

Artigo 25º.-Premio de xubilación.

A todo traballador/a que cese na empresa, tanto por xubilación como por pasar a situación de invalidez permanente, que teña máis de 5 anos de vínculo coa empresa, esta aboaralle o equivalente a 6 meses de traballo. Este premio percibirao o seu viúvo/a se o traballador morre antes de xubilarse e no seu defecto os orfos menores de 18 anos ou de máis de 18 anos, se non posúen traballo. Tamén terá dereito a un pase de balde para a bancada de tribuna.

Artigo 26º.-Xubilación anticipada ós 64 anos.

A empresa poderá acordar, conxuntamente cos traballadores, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co Real decreto 1194/1985 e Real decreto lei 14/1981. En tal suposto, a empresa deberá cubri-la contratación dun traballador demandante de emprego mediante un contrato da mesma natureza.

Artigo 27º.-Xubilación forzosa.

Establécese a xubilación forzosa ós 65 anos de idade dos traballadores e traballadoras que teñan cuberto o período legal de carencia para obtela ou no momento que a alcancen.

Quedan excluídos do disposto no parágrafo anterior aqueles traballadores/as que cumpran os requisitos da idade e carencia con anterioridade á entrada en vigor do presente convenio.

A empresa fará fixos os traballadores e traballadoras con contrato temporal á finalización deste, se durante a vixencia se producise un cesamento na empresa por mor da xubilación forzosa. No caso de existir varios traballadores e traballadoras temporais no momento do cesamento, a comisión paritaria decidirá qué persoa é a máis idónea para ocupa-lo posto.

Artigo 28º.-Axuda familiar especial.

Aplicarase unha axuda familiar especial anual de 60.000 pesetas por cada fillo/a que teña recoñecido o dereito de diminuído físico ou psíquico polo INSS e que non estea traballando. O traballador presentará a documentación acreditativa para o aboamento des

ta axuda que se pagará a razón de 5.000 pesetas mensuais.

Os traballadores/as poderán optar mediante comunicación expresa dirixida á dirección da empresa polo aboamento íntegro e dunha soa vez da expresada axuda familiar.

Artigo 29º.-Dereitos sindicais.

Cota sindical: os traballadores poderán solicitar da empresa o desconto en nómina da cota sindical. Esta solicitude farase por escrito no que conste a central sindical e o número de conta desta onde a empresa ingresará as cotas retidas ós afiliados.

Créditos horarios: o delegado de persoal, como representantes legal dos traballadores, pode dispor dun crédito horario mensual retribuído para o exercicio das súas funcións. Este crédito será de 20 horas mensuais. No suposto de que non se consuma este crédito horario, acumularase para o seguinte mes tanto en parte como na súa totalidade.

Asemblea: dentro das formalidades previstas no Estatuto dos traballadores, a empresa facilitará o exercicio de dereito de reunión durante a xornada laboral e durante 30 minutos ó mes.

Artigo 30º.-Pluriemprego.

Calquera persoa que realice traballos na empresa, mesmo que estes sexan esporádicos, deberá estar debidamente contratado e coa súa correspondente alta na Seguridade Social, sendo competencia do delegado de persoal controlar e vixia-lo cumprimento da lei neste aspecto.

Artigo 31º.-Superior e inferior categoría.

Ningún traballador/a estará obrigado a realizar traballo de inferior categoría; sen embargo, por circunstancias excepcionais e debidamente acreditadas de carácter perentorio ou imprevisibles, a empresa poderá destinar un traballador/a a tarefas correspondentes a unha categoría inferior á súa, o cal só poderá facelo polo tempo imprescindible, manténdolle a retribución e demais dereitos derivados da súa categoría profesional e comunicándollo ó delegado/a de persoal.

Cando se desenvolvan traballos de categoría superior o traballador/a terá dereito á diferencia retributiva entre a súa categoría e a función que nese momento efectivamente realice durante o tempo que dure o traballo encomendado.

O/a traballador/a que faga función de categoría superior á que lle corresponda e tivera recoñecida, por un período superior a 6 meses durante 1 ano ou 8 durante dous anos, poderá reclamar ante a dirección da empresa a clasificación profesional axeitada.

Artigo 32º.-Seguro colectivo.

Durante a vixencia deste convenio a empresa concertará un seguro colectivo de accidente, con primas íntegras ó seu cargo, mediante pólizas que cubran as seguintes indemnizacións:

a) Accidente laboral ou común con resultado de morte: 7.000.000 de pesetas.

b) Accidente laboral ou común con resultado de invalidez permanente, absoluta ou grande invalidez: 13.000.000 de pesetas.

O resultado facilitará o nome do beneficiario. Para o persoal de nova incorporación, a póliza de seguros, deberá concertarse nun prazo dun mes a partir da contratación.

Unha copia das pólizas inserirase no taboleiro de anuncios.

Artigo 33º.-Capacidade diminuída.

Todos aqueles traballadores que, por accidente ou enfermidade con reducción das súas facultades físicas ou intelectuais, sufran unha capacidade diminuída, terán preferencia para ocupa-los postos máis aptos en relación ás súas condicións, sempre que teñan aptitude ou idoneidade para o novo posto.

Artigo 34º.-Complemento de transporte.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá durante a súa vixencia 3.000 pesetas mensuais en concepto de gastos de locomoción.

Artigo 35º.-Complemento de domingos.

O persoal que desenvolva o seu traballo en domingo percibirá un complemento deste concepto de 5.000 pesetas por domingo, os que veñan hora e media antes percibirán 2.100 pesetas por este concepto.

Artigo 36º.-Fondo de solidariedade.

Crearase un fondo de 3.000.000 de pesetas, que se repartirá entre os traballadores/as do club segundo as súas necesidades. O regulamento, distribución e reintegro do devandito fondo estará a cargo da comisión paritaria, que o elaborará nun prazo de trinta días a partir da sinatura do convenio.

Artigo 37º.-Réxime disciplinario para o acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto á intimidade e/ou contra a liberdade dos/as traballadores/as, conductas de acoso sexual verbais ou físicas, serán conceptuadas como faltas moi graves, graves ou leves en función da repercusión do feito. Nos supostos en que se leve a cabo servíndose da súa relación xerárquica coa persoa e/ou con persoas con contrato laboral non indefinido, a sanción aplicarase no seu grao máximo.

O comité de empresa, os/as delegados/as de persoal, sección sindical e a dirección da empresa velarán polo dereito á intimidade do traballador/a afectado/a, procurando silencia-la súa identidade, cando así sexa preciso.

Artigo 38º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente regulado neste convenio aplicarase o previsto no Estatuto dos traballadores, Lei orgánica de liberdade sindical e ordenanza.

Artigo 39º.-Comisión paritaria.

Como órgano de interpretación, conciliación e arbitraxe do presente convenio, créase unha comisión mixta paritaria integrada por cada un dos membros da comisión negociadora do convenio.

Esta comisión reunirase por petición de calquera das partes interesadas, reuníndose obrigatoriamente nun prazo máximo de 15 días despois de ser solicitada.

ANEXO

Ano 2001

CategoríasSoldo

ptas.

Complemento

ptas.

Secretaría xeral365.973

Adestrador262.69051.830

2º adestrador234.50014.850

Adestrador Celta B200.000

Prep. físico 1º equipo234.500

Auxiliar prep. físico105.000

Delegado equipo130.900

Asesor147.21588.667

Ollador116.41721.720

Xefe administración189.166100.738

D. comercial e márket.200.000

Promotor comercial142.550

Axud. prom. comercial109.000

Relacións públicas155.000

Caixeira xefa168.78635.000

Adminst. caixeira155.3726.000

Administrativo/a147.9983.000

Aux. administrativo125.544

Informático147.998

Persoal limpeza139.96221.373

Conserxe113.848

Encargado de material especialista139.96223.439

Axudante encargado de material113.848

Encarg. instalacións152.68011.000

Responsable instalac.152.680

Coidador instalacións146.45316.881

Fisioterapeuta 1 equipo200.000

Fisioterapeuta134.500

Axud. fisioterapeuta123.000

Chofer139.96217.202

Técnico deportivo204.228136.937

Titulado superior237.689

Dependenta107.095

Axud. dependenta92.000

Peón118.498

Telefonista113.848