Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Venres, 05 de outubro de 2001 Páx. 13.139

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Centro Frigorífico Conservero, S.A. (Cefrico).

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Centro Frigorífico Conservero, S.A. (Cefrico), con nº de código 3603452, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 12-7-2001, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, en data 6-7-2001. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Adminis

tración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 24 de xullo de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo do Centro Frigorífico

Conservero, S.A. (Cefrico)

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio será de aplicación na empresa Cefrico dedicada á almacenaxe, clasificación, manipulación e tratamento de toda clase de productos alimenticios para a súa posterior comercialización, así como o servicio previo de manipulación e tratado de calquera xénero de alimentos para 3ª empresas dedicadas á industria da alimentación.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O presente convenio afecta a totalidade do persoal de Cefrico existente no momento da sinatura del, así como o que ingrese posteriormente na empresa.

Artigo 3º.-Vixencia.

O convenio entrará en vigor o día da súa sinatura, non obstante os efectos económicos retrotraeranse ó 1 de maio de 2001 e terá vixencia ata o 31-12-2003. O presente convenio entenderase prorrogado de ano en ano, se por calquera das partes non mediase denuncia expresa cun mes de antelación á data do seu vencemento.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas establecidas no presente convenio teñen carácter de mínimas e figurarán nas táboas salariais anexas.

Quen viñese desfrutando dalgunha ou algunhas condicións máis beneficiosas cás que aquí se establecen deberá conservalas e non poderán ser nin absorbibles nin compensadas.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e vixilancia das condicións pactadas neste convenio crearase unha comisión paritaria composta por 3 membros de cada unha das partes, social e económica. Pola parte social comporase de 3 membros do comité de empresa e pola parte empresarial 3 representantes.

Cando para a resolución de calquera asunto non exista acordo, será o Xulgado do Social competente o que decida.

Artigo 6º.-Contratación.

A empresa Cefrico é consciente dos acordos sobre a estabilidade no emprego asinados polos representantes sociais e a patroal e para tomar parte neles dunha maneira activa e non simplemente testemuñal, polo que procurará reducir dentro das súas relacións laborais a contratación indirecta, así como a elevar de xeito progresivo a contratación indefinida xa existente desde a publicación do presente convenio.

Poderanse realizar contratos de traballo de duración determinada, tal e como establece a lexislación vixente coas seguintes peculiaridades:

a) Poderanse realizar contratos de formación para tódalas categorías profesionais.

Os traballadores que se acollen a esta modalidade contractual deberán ser maiores de 16 anos e menores de 21 anos que carezan da titulación académica requirida para realizar un contrato de prácticas. O salario destes traballadores será o SMI e a duración non poderá ser superior a 2 anos.

b) Os contratos en prácticas deberán aterse á lexislación vixente.

c) Poderanse facer contratos por obra ou servicio determinado. Co fin de evitar ó máximo a utilización de formas de contratación externas (ETT ou contratas) e adecua-las contratacións ás necesidades reais da empresa en función dos pedidos que se lle formulen, identificando estes con substantividade propia, dadas as especiais características desta empresa, poderanse concertar contratos desta natureza para cumpri-los ditos pedidos, previndo unha duración limitada, aínda que estean directamente ou colateralmente relacionados co proceso productivo.

d) En canto ós contratos eventuais por circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, aínda tratándose da actividade normal da empresa, establecerase a súa causa de forma expresa e explícita. A imprevisibilidade será a nota que defina este tipo de contratación. A súa duración máxima será de 6 meses dentro dun marco temporal de 12 meses.

e) A contratación indirecta queda restrinxida ás seguintes situacións de excepción:

-Cubrir baixas derivadas de IT.

-Por ausencias imprevistas.

-Traballos de cualificación especial que non poidan ser cubertos polo persoal de cadro de persoal (electricistas, fontaneiros).

-A realización de pedidos imprevistos.

-Abundancia de materias primas e sempre que supoña unha excepción dentro de cada campaña.

f) Poderanse realizar contratos fixos descontinuos segundo a lexislación vixente.

O contrato por tempo indefinido de fixos descontinuos concertarase para realizar traballos que teñan o carácter de fixos descontinuos e non se repitan en datas certas dentro do volume normal da actividade da empresa. Este contrato deberase formalizar necesariamente por escrito.

En cada suspensión de traballo do traballador fixo descontinuo non se considerará extinguida senón tan só interrompida a relación laboral e ó seren estas suspensións derivadas da falta de regularidade no traballo consubstanciais ó desenvolvemento da industria, non se considerarán estas debidas á concorrencia de causas económicas ou tecnolóxicas. As suspensións doutro carácter terán a regulación establecida na normativa vixente en cada caso. Para efectos de obte-las prestacións de desemprego en cada suspensión entregaráselle ó traballador certificación da empresa que acredite a falta de pedidos.

Os traballadores fixos descontinuos deberán ser chamados cada vez que vaian levarse a cabo as actividades para as que foron contratados, aínda cando e dado o carácter propio da industria, o chamamento do persoal fixo descontinuo poderá facerse gradualmente en función das necesidades que esixa en cada momento o volume de traballo que se vai desenvolver e deberá efectuarse dentro de cada especialidade por orde relativa e sucesiva de antigüidade e categoría, procurando de modo tal que cumpran tódolos traballadores o mesmo período útil de traballo ó cabo do ano.

O chamamento ó persoal efectuarase mediante a oportuna comunicación que ha de practicarse de forma comprobable e o traballador terá un prazo de 48 horas dentro das cales pode incorporarse ás tarefas.

En caso de incumprimento da orde do chamamento, o traballador poderá presentar reclamación por despedimento ante a xurisdicción competente iniciándose o prazo para iso desde o día que tivese coñecemento da falta da convocatoria.

Para constancia do traballador, no taboleiro de anuncios da empresa, irase situando a relación de productores chamados en cada momento para que todo traballador poida comprobar que se respecta a orde relativa e sucesiva de antigüidade a que se fixo referencia.

En cada suspensión de traballo, como se expresou, non se considera extinguida a relación laboral, senón tan só suspendida.

Para que produza efectos a suspensión do contrato, esta deberá ser notificada ó traballador por escrito, achegando a certificación de empresa á que se fai referencia máis arriba, notificando tal circunstancia ó Inem.

En todo caso, de cada suspensión a empresa dará conta á representación sindical existente nela.

Non poderá suspenderse a actividade de traballadores fixos descontinuos mentres permanezan en alta na empresa productores contratados con carácter temporal, excepto cando haxa necesidade de cumpri-lo período polo que foron contratados.

As empresas o día anterior ó chamamento, presentarán nas oficinas do Inem unha relación dos traballadores chamados, a cal será visada ou selada.

Nesta relación constarán os seguintes datos:

Nome da empresa.

Número da Seguridade Social.

Nome e apelidos do traballador ou traballadora.

Documento nacional de identidade e número da Seguridade Social do traballador ou traballadora.

Dadas as reivindicacións que viñan mantendo os traballadores antes da sinatura deste convenio, a empresa procedeu a contratar 78 traballadores con contrato indefinido. Co obxecto de ir adaptando o cadro de persoal da empresa ás súas necesidades normais de producción, obrígase a contratar antes do 31 de decembro de 2001 a 15 traballadores na modalidade de fixos descontinuos, 20 traballadores o 31 de decembro de 2002 e 30 traballadores o 31 de decembro de 2003.

Artigo 7º.-Período de proba.

O ingreso dos traballadores considerarase feito en período de proba se así consta por escrito. O dito período de proba será variable segundo sexan os postos de traballo que se vaian cubrir e que en ningún caso poderá exceder do tempo fixado na seguinte escala:

Persoal titulado: 2 meses.

Persoal administrativo: 1 mes.

Persoal subalterno, especialistas e peóns: 15 días.

Durante o período de proba, a empresa e o traballador poderán resolve-lo contrato de traballo sen prazo de aviso previo e sen dereito a ningunha indemnización.

Transcorrido o período de proba sen que se produza desestimento, o contrato producirá plenos efectos, computándose o tempo de servicios prestados na antigüidade do traballador na empresa.

Salvo pacto en contrario, a situación de IT que afecte o traballador durante o período de proba interromperá o cómputo del, que se reiniciará a partir da data de reincorporación efectiva ó traballo.

Artigo 8º.-Ascensos.

Os ascensos suxeitaranse ó réxime seguinte:

a) Os ascensos dos traballadores a postos de traballo que impliquen mando ou confianza será de libre designación pola empresa.

b) Para ascender a unha categoría profesional superior estableceranse sistemas de carácter obxec

tivo, tomando como referencia, entre outras, as seguintes circunstancias:

-Titulación adecuada.

-Coñecemento do posto de traballo.

-Historial profesional.

-Ter desempeñado funcións de carácter superior á súa categoría profesional, durante un mínimo de seis meses consecutivos.

-Superar satisfactoriamente as probas que se propoñan que serán adecuadas ó posto que se vaia desempeñar.

En idénticas condicións de idoneidade, adxudicarase o ascenso ó máis antigo. Os representantes legais dos traballadores controlarán a aplicación correcta do anteriormente sinalado.

O persoal que prestase os seus servicios efectivos durante máis dun ano na categoría de auxiliar de fabricación, planta de frío e mantemento e teña recoñecida a clasificación de fixo continuo ou descontinuo pasará á categoría profesional de especialista.

Artigo 9º.-Cesamentos voluntarios.

Os traballadores que desexen cesar voluntariamente no servicio da empresa virán obrigados a poñelo en coñecemento desta, cumprindo os seguintes prazos de aviso previo:

-Persoal titulado: 2 meses.

-Persoal técnico non titulado e administrativo: 1 mes.

-Persoal subalterno, profesionais e peóns: 15 días.

Artigo 10º.-Formación profesional.

As partes signatarias acordan constituír unha comisión paritaria de formación profesional, integrada por tres membros da parte social e tres da parte empresarial.

Serán funcións desta comisión:

Requirir das administracións autonómicas competentes o recoñecemento desta comisión como interlocutor social sectorial, que reciba a información existente sobre programas e cursos de formación profesional con financiamento oficial que afecten a actividade da empresa co fin de colaborar tanto nos que estean en marcha, como os que se poidan programar en adiante.

Elaborar estudios sobre necesidades e requirimentos de formación profesional na actividade para chegar a defini-la organización e programación dela tanto ocupacional como regrada.

Elaborar plans formativos necesarios para consegui-la homologación das cualificacións profesionais dos traballadores técnicos, administrativos e manuais, cos seus equivalentes na Comunidade Económica Europea, con vistas á entrada en vigor do mercado único.

Cantas outras funcións a comisión se atribúa, orientadas ó desenvolvemento e mellora da formación profesional na empresa.

Artigo 11º.-Seguridade e hixiene.

A empresa deberá manter as accións e medidas en materia de seguridade e saúde laboral que actualmente leva a cabo e que son necesarias para lograr unhas condicións de traballo onde a saúde do traballador non se vexa afectada por elas.

Estas accións e medidas están encamiñadas a lograr unha mellora da calidade de vida e de medio natural no traballo, desenvolvendo obxectivos de promoción e defensa da saúde, mellora das condicións de traballo, potenciación das técnicas preventivas como medio para a eliminación dos riscos na súa orixe e a participación sindical dos centros de traballo.

A empresa deberá mante-lo plan de prevención en materia de saúde e seguridade, que actualmente posúe, así como dos servicios necesarios para a realización del, de acordo cos criterios recoñecidos internacionalmente.

Tamén manterá os cursos de formación ós traballadores en materia de prevención de riscos laborais, de calidade e medio ambiente, así como a actual subministración de roupa e material de traballo que axuden a cumpri-las normas en materia de seguridade laboral e hixiene.

Os representantes legais dos traballadores e/ou as organizacións asinantes participarán na súa elaboración e velarán polo cumprimento do anteriormente sinalado.

As técnicas preventivas deberán ir encamiñadas á eliminación do risco para a saúde do traballador desde a súa propia xeración, tanto no que afecta as operacións que se vaian realizar como nos elementos empregados no proceso.

De acordo coas esixencias técnicas de maquinaria empregada nos distintos procesos industriais, a empresa deberá mante-lo actual plan de mantemento da maquinaria que lle permite realizar de xeito eficaz as oportunas accións de mantemento preventivo delas de xeito que contribúa a eleva-lo nivel de seguridade e confort no local de traballo.

Artigo 12º.-Xornada.

Acórdase establecer unha xornada en cómputo anual de 1.750 horas de traballo efectivo. En ningún caso se poderán realizar máis de 9 horas ordinarias de traballo efectivo. En todo caso, entre o final da xornada e o comezo da seguinte, mediarán como mínimo 12 horas. A xornada será de luns a venres, excepto nos casos en que o traballador preste os seus servicios nas seccións de corte, encestado, cocción, conserxería nocturna; nestes casos a xornada de traballo será de domingo a venres, non obstante todo iso respecto do persoal de producción, frío e mantemento é facultade da empresa estende-la xornada laboral ós sábados ata as 14 horas, co fin de

evitar perdas de materia prima, atención de cámaras, preparación de maquinaria, etc. concedéndose a compensación das horas traballadas en horas normais de descanso nas 4 semanas seguintes.

Artigo 13º.-Horario de traballo.

A empresa establecerá, logo de deliberación cos representantes legais dos traballadores, a xornada diaria e semanal, en función de que esta sexa xornada partida ou continuada. Cando se realice a actividade a quendas, serán de mañá ou de tarde, a excepción dos traballadores que presten os seus servicios nas seccións de corte, encestado, cocción e consellería nocturna.

Anualmente o calendario laboral, elaborado pola empresa o último trimestre do ano anterior, exporase en sitio visible en cada centro de traballo.

A empresa, cando existan razóns organizativas ou productivas, poderá realiza-los corrementos horarios necesarios, poñéndoo en coñecemento dos representantes sindicais.

Artigo 14º.-Horas extraordinarias.

A realización de horas extraordinarias axustarase ós criterios seguintes:

1. Horas extraordinarias habituais: supresión.

2. Horas extraordinarias que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros danos extraordinarios e urxentes, así como no caso de risco de perda de materias primas: realización.

3. Horas extraordinarias necesarias por pedidos ou períodos punta de producción ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da actividade de que se trate: mantemento, sempre que non caiba a utilización das distintas modalidades de contratación temporal previstas pola lei.

A dirección da empresa informará periodicamente o comité de empresa e o delegado sindical sobre o número de horas extraordinarias realizadas, especificando as causas e, se é o caso, a distribución por seccións. Así mesmo, en función desta información e dos criterios máis arriba indicados, a empresa e os representantes legais dos traballadores determinarán o carácter e natureza das horas extraordinarias.

En ningún caso as horas extraordinarias poderán supera-lo máximo legal de 80 ó ano, agás o disposto no punto 2 anterior.

Para os efectos do cómputo das 80 horas ó ano indicadas, deberá quedar sentado que non se computarán para o efecto as que foran compensadas por descanso.

O importe das horas extraordinarias aboarase coas seguintes recargas:

Horas extraordinarias do epígrafe 2 co 25% de recarga.

O resto, co 75%.

O traballador terá a opción de elixir se as horas extraordinarias que realizou se lle aboan na forma antedita ou se se lle compensan por tempo de descanso. Se opta por tempo de descanso, a relación será por cada hora extraordinaria realizada, corresponderanse 1,5 horas ordinarias de descanso. O momento en que o traballador poida desfrutar das horas ordinarias que fosen acumulando será establecido de mutuo acordo entre traballador e empresario e sempre dentro do ámbito de vixencia do contrato. Este tempo de descanso será retribuído como se fosen horas ordinarias e por suposto sempre debidamente cotizado.

Prohíbese realizar horas extraordinarias ós menores de 18 anos.

Artigo 15º.-Vacacións.

Todo o persoal afectado por este convenio desfrutará dunhas vacacións de trinta e cinco días naturais de duración ou na parte proporcional do tempo traballado, distribuídas nos seguintes períodos: Semana Santa, agosto, Nadal. En todo caso, segundo o calendario laboral haberá de cumprirse o estipulado no artigo 12.

Cando as vacacións sexan fraccionadas por proposta da empresa, non se terán en conta os días festivos, pero si os domingos. O fraccionamento a que queda facultada a empresa non poderá exceder de dous períodos, salvo acordo co traballador.

Excluirase do período de desfrute, o de maior actividade productiva.

O réxime salarial para o desfrute das vacacións estará constituído pola media que percibise o traballador durante os días de traballo, nos últimos tres meses, incluídos tódolos conceptos salariais devengados no mesmo período.

No non considerado neste artigo, haberá que aterse ó lexislado no Estatuto dos traballadores.

Artigo 16º.-Percepcións salariais.

Ano 2001: os salarios para este ano establécense segundo táboa salarial adxunta (anexo II).

Ano 2002: incremento do IPC previsto polo Goberno sobre a táboa salarial máis 1 punto. Se existise desviación entre o IPC previsto máis 1 punto e o real resultante incrementaranse os salarios na dita desviación.

Ano 2003: incremento do IPC previsto polo Goberno sobre a táboa salarial máis 1 punto. Se existise desviación entre o IPC previsto máis 1 punto e o real resultante incrementaranse os salarios na dita desviación.

Artigo 17º.-Complemento de productividade.

De acordo coas disposicións vixentes sobre convenios colectivos, é obxecto deles o incremento da productividade nas empresas. É obxectivo da empresa implantar un sistema de remuneración por primas

de producción, con carácter xeral, por seccións ou quendas de traballo, de acordo coas circunstancias e as posibilidades perseguidas.

Correspóndelle á dirección da empresa, de acordo co comité de empresa, determina-los rendementos, tomando como medida da actividade mínima esixible a que desenvolve un operario medio entregado ó seu traballo, sen o estímulo dunha remuneración por incentivo, ritmo que pode manter día tras día, facilmente, sen que esixa esforzo superior ó normal.

As primas por producción negociaranse entre a dirección da empresa e os representantes legais dos traballadores e sobre os seguintes productos: lura, chipirón, bacallao, gamba, mexillón, polbiños, peituga de polo, paella, pescada, linguado, atún, productos cárnicos, vexetais e outros productos traballados na empresa.

En caso de conformidade entre ámbalas dúas partes, os rendementos aplicaranse de inmediato.

Artigo 18º.-Percepcións de carácter extraordinario.

Todo traballador terá dereito a dúas mensualidades en concepto de pagas extraordinarias consistentes no equivalente a trinta días cada unha delas do salario total da táboa do convenio. Aboarase o día 15 dos meses de xullo e decembro e en proporción ó tempo traballado.

Artigo 19º.-Nocturnidade e penosidade.

Establécese un complemento de nocturnidade do 25% sobre o salario base para cada categoría incluíndo o persoal de corte e cocción, este complemento abranguerá aquelas horas que se realicen en horario nocturno (desde as 23 horas ata as 7 horas) excepto para o persoal que fose contratado especialmente para realizar traballos nocturnos.

Establécese un complemento de penosidade do 20% sobre o salario base para aqueles traballadores que realicen o seu traballo nas cámaras frigoríficas durante máis do 50% da xornada.

Artigo 20º.-Réxime disciplinario.

En canto a faltas e sancións temos que remitirnos ó acordo interconfederal de cobertura de baleiros asinado en Madrid en maio de 1997.

Artigo 21º.-Licencias.

O persoal terá dereito a licencias retribuídas, nos seguintes casos e coa extensión seguinte:

a) Por defunción de pais, irmáns, cónxuxe, fillos e avós naturais e políticos, catro días, se o falecemento ten lugar dentro da provincia, e de seis días se tivese lugar fóra dos límites dela, sempre e cando se produza o desprazamento.

b) Por enfermidade grave, acreditada polo médico especialista, de pais, cónxuxe, fillos e irmáns, tres días dentro da provincia e catro fóra dela, sempre que se produza o desprazamento e por cada ano.

c) Por nacemento de fillo, catro días.

d) Por matrimonio, quince días.

e) Por traslado de domicilio, un día, dentro do municipio e dous días fóra de municipio.

f) A asistencia a consulta de médico, cun máximo de 20 horas ó ano, debendo para iso presenta-la correspondente xustificación médica e se non foron esgotadas cunha baixa de IT.

Os días consideraranse naturais.

Artigo 22º.-Roupa de traballo.

A empresa entregaralles ós traballadores que prestan os seus servicios na empresa roupa de traballo adecuada ás súas necesidades e respectivas funcións, adecuándose á regulamentacións técnico sanitarias e de seguridade e hixiene.

Artigo 23º.-Xubilación voluntaria.

Ós 60 anos: 300.000 pesetas.

Ós 61 anos: 260.000 pesetas.

Ós 62 anos: 210.000 pesetas.

Ós 63 anos: 185.000 pesetas.

Ós 64 anos: 160.000 pesetas.

Esta última idade de 64 anos enténdese sen prexuízo de que se, por disposición legal ou normativa similar, se rebaixase a idade de xubilación ata os ditos anos, quedará sen efecto a prestación concedida de 160.000 pesetas, subsistindo os demais topes de xubilación tal e como se pactan no presente artigo.

Artigo 24º.-Días festivos.

Ós traballadores afectados polo pesente convenio que teñan que traballa-los días festivos, aboaráselles o citado día co 175% dese salario diario. (Non se inclúen os sábados) excepto no caso de traballadores contratados para traballar en festivos).

Artigo 25º.-Locais e taboleiro de anuncios.

Na empresa poñerase a disposición do comité de empresa un local adecuado no que poden desenvolve-las actividades sen comunicarse cos traballadores, así como un taboleiro de anuncios. As posibles discrepancias serán resoltas pola autoridade laboral, logo de informa-la inspección de traballo.

Artigo 26º.-Permisos non retribuídos.

As empresas concederanlle ó persoal as licencias sen retribución que soliciten, sempre que non excedan de sete días ó ano e que hai causa xustificada para a concesión de tales licencias. (Presentando xustificante médico ou de organismo oficial).

Artigo 27º.-Revisión médica.

O servicio médico da empresa determinará a qué traballadores ha de realizarse un recoñecemento médico, así como as características e alcance do dito recoñecemento.

Artigo 28º.-Canon de representación sindical.

Establécese unha subvención total de 300.000 pesetas a favor do comité de empresa destinado ó desenvolvemento das funcións sindicais e representativas.

Artigo 29º.-Información ó traballador.

A empresa facilitaralles ós traballadores que o soliciten unha certificación na que se detallarán os datos da súa situación na empresa, incluíndo clasificación profesional, retribución mínima, complementos, premios, primas, devengos extrasalariais, vacacións, importe das horas extras, cantas e en qué cantidade foron retribuídas e as bases de cotización á Seguridade Social, todo relativo ó ano anterior.

Artigo 30º.-Combate-la discriminación salarial da muller.

Introducir na negociación colectiva a aplicación do concepto de igual retribución por un traballo de igual valor, acollido no memorando da Comisión Europea sobre esta materia. Poñendo especial atención fronte á discriminación indirecta.

Así mesmo, adopción de medidas de acción positiva na negociación colectiva que impulsen a promoción de mulleres a cargos de responsabilidade nas empresas.

Artigo 31º.-Combate-la discriminación salarial dos mozos.

Facer desaparece-las discriminacións salariais tanto directas como indirectas que implican unha desvantaxe na poboación xuvenil á hora da valoración de postos de traballo, clasificación profesional, sistemas de promoción, complementos, incentivos, horas traballadas e exceso de horas extraordinarias.

ANEXO I

A empresa negociará co comité de empresa durante o presente ano un seguro colectivo por morte e invalidez absoluta.

ANEXO II

Táboa salarial ano 2001

(Efectos a partir do 1 de maio de 2001)

CategoríaSalario ano 2001

Técnico titulado215.000 pesetas

Técnico sen título190.000 pesetas

Director de persoal da empresa185.000 pesetas

Director de compras200.000 pesetas

Xefe de fabricación170.000 pesetas

Encargado xeral150.000 pesetas

Administrativo de 1ª125.000 pesetas

Administrativo de 2ª122.000 pesetas

Oficial de 1ª120.000 pesetas

Oficial de 2ª105.000 pesetas

Especialista100.000 pesetas

CategoríaSalario ano 2001

Auxiliar95.000 pesetas

Aprendiz72.120 pesetas

Vilagarcía de Arousa, 6 de xullo de 2001.

Pola empresaPolos traballadores

RubricadoRubricado