Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 02 de outubro de 2001 Páx. 13.010

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO LÁCTEO E GANDEIRO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2001 pola que se fai pública a delegación de determinadas funcións na Dirección Xeral de Producción Agropecuaria.

Segundo o establecido no Decreto 93/1998, do 20 de marzo, que modifica o Decreto 359/1996, do 13 de setembro, polo que se constituíu o organismo pagador dos gastos relacionados co FEOGA-Garantía na Comunidade Autónoma de Galicia, o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia é organismo pagador dos anteditos gastos e, polo tanto, segundo o disposto no Regulamento (CE) 1663/1995, da comisión, do 7 de xullo, correspóndelle a el o exercicio das tres fases da xestión das axudas financiadas co dito tipo de fondos, é dicir, a autorización, execución e contabilización dos pagamentos.

Non obstante, segundo o disposto no punto 4 do anexo do devandito regulamento comunitario, modificado polo Regulamento (CE) 2245/1999, as funcións de autorización do pagamento e o servicio técnico, entre outras, poden ser delegadas noutros órganos, sempre que se cumpran os requisitos naquel establecidos.

Despois da distribución de competencias producida polo Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, relativo ás estructuras orgánicas da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e do propio instituto, modificado por última vez polo Decreto 180/2000, do 22 de xuño, a este organismo autónomo compételle a execución das actuacións derivadas da aplicación da reforma da política agrícola común, incluso das medidas de acompañamento, consonte

co xa disposto na súa norma de creación, a Lei 7/1994, do 29 de decembro.

Deste xeito, ó director do Instituto correspóndenlle, entre outras funcións, ó abeiro do disposto no artigo 14 do Decreto 128/1996, do 14 de marzo, en relación co artigo 4.1º do Decreto 359/1996, na redacción dada a este polo Decreto 93/1998, as de execución orzamentaria e a autorización dos pagamentos, así como o exercicio de tódalas facultades non encomendadas pola normativa reguladora do organismo ó consello de dirección ou ó seu presidente.

A Sección Garantía do FEOGA, ademais das distintas organizacións comúns de mercados (OCM), financia, tamén, outro dos piares da política agraria común, o do desenvolvemento rural, establecido, para o septenio 2000-2006, no Regulamento 1257/1999, do consello, do 17 de maio, sendo unha das súas medidas a relativa ós programas agroambientais, recollidos no capítulo VI, artigos 22 á 24, do precitado regulamento comunitario, desenvolto polo Regulamento (CE) 1750/1999, da comisión, do 23 de xullo, sección 6, artigos 12 a 20, ámbolos dous inclusive, no que atinxe ás medidas agroambientais.

Co gallo de pór en marcha no Estado español as devanditas medidas, e ó abeiro de artigo 149.1º.13 da comisión, é dicir, como normativa básica, promulgouse o Real decreto 4/2001, do 12 de xaneiro, de acordo, ademais, co contido do programa Horizontal I, aprobado pola comisión en novembro de 2000, o cal, no que atinxe ó ámbito competencial, atribúelle a competencia para a tramitación e resolución das axudas ás CC.AA., dado que se cofinancian con créditos FEOGA-Garantía.

A súa vez, por orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 11 de setembro de 2001, regúlase o procedemento para a presentación de solicitudes, tramitación e concesión das correspondentes axudas para o devandito programa para a agricultura e gandería ecolóxica, a través da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e dos órganos periféricos da consellería dependentes funcionalmente daquela.

Non obstante, a competencia é do Ilgga, na súa calidade de organismo pagador dos fondos FEOGA-Garantía, mais este non conta con persoal técnico de seu para xestionalas, ó igual que sucede con outras medidas agroambientais, pois das catro existentes ata agora, tan só unha delas a xestiona, na súa integridade, o instituto. Nas restantes, de acordo co disposto nas respectivas ordes de convocatoria, e na resolución de delegación, toda a fase de tramitación, previa ó pagamento e contabilización, correspóndelle á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e ós órganos periféricos dependentes funcionalmente dela, polo que parece máis aconsellable adapta-lo mesmo criterio para as axudas para a agricultura e a gandería ecolóxica. As fases de execución e contabilización do pagamento,

no sentido que a estes conceptos lles dá o xa citado Regulamento (CE) 1663/1995, seguiranlle correspondendo ó Ilgga, ó que lle competerá, tamén, o exercicio das funcións de auditoría interna sobre os distintos órganos xestores daquelas, así como as restantes funcións inherentes ó organismo pagador.

A Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común dispón, no seu artigo 13, que se poderá delega-lo exercicio de competencias, entre outros motivos, cando existan circunstancias de índole técnica ou económica que o fagan conveniente.

Con base en todo o anterior, convén delega-la fase de autorización destas axudas, incluída a resolución de concesión ou denegación, na Dirección Xeral de Producción Agropecuaria.

Con base en todo o exposto

RESOLVO:

Primeiro.-Obxecto e ámbito.

1. Delégase no director xeral de Producción Agropecuaria, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, a execución das axudas para a agricultura e a gandería ecolóxicas, como método de producción agraria compatibles co medio ambiente.

2. A dita delegación comprenderá as seguintes funcións:

-A tramitación e resolución dos expedientes de solicitude das axudas.

-As inherentes ó servicio técnico, é dicir, efectua-las comprobacións e controis que sexan necesarios para a verificación dos feitos que serven de base para o pagamento das citadas axudas.

Segundo.-Autorización do pagamento.

A tramitación previa ó pagamento consistirá na determinación da cantidade que deberá ser aboada ós beneficiarios, de acordo coa normativa comunitaria que resulte de aplicación e a estatal e autonómica que a desenvolven, para o que os órganos citados no punto primeiro terán que efectua-las seguintes actividades:

-Redactar e ter permanentemente actualizado o preceptivo manual de procedemento para a xestión de cada unha das ditas axudas.

-Comprobar que as solicitudes se presentaron nos prazos establecidos e coa documentación axeitada, así como que cumpren con tódolos requisitos esixidos.

-Efectua-la tramitación orzamentaria e dicta-las oportunas resolucións, de concesión ou denegatorias.

-Propor, se é o caso, o pagamento das axudas, para o que se instará do organismo pagador a solicitude dos fondos necesarios.

Terceiro.-Control interno.

1. O obxectivo das inspeccións e controis encomendados, tanto administrativos como sobre o terreo, será o de verifica-los feitos que sirvan de base para os pagamentos.

2. Ademais das anteriores, o Ilgga poderá demanda-la realización daquelas inspeccións e controis adicionais que se considere necesario, tanto para comproba-la veracidade dos feitos que serven de base para o aboamento da axuda como para o cumprimento dos demais requisitos esixidos na normativa comunitaria que resulte de aplicación.

Cuarto.-Deber de información.

1. O órgano delegado deberá facilitarlle ó organismo pagador calquera información que lle sexa requirida sobre a xestión das anteditas medidas agroambientais.

2. En especial, o organismo pagador deberá ser cumpridamente informado, como requisito indispensable para efectua-los pagamentos, do modo establecido no punto 4-V) do anexo do Regulamento (CE) 1663/1995, da comisión, do 7 de xullo, sobre o resultado dos controis e traballos efectuados, xuntando os certificados e soportes documentais precisos, do xeito especificado no manual de execución dos pagamentos con cargo ó FEOGA-Garantía.

3. Así mesmo, deberá achegarlle ó Ilgga, do xeito e nos prazos establecidos nos respectivos manuais de procedemento, a pertinente información para a contabilización dos pagamentos e dereitos e a precisa para a xustificación dos pagamentos executados, así como a requirida, periodicamente, polo órgano de coordinación.

Quinto.-Auditoría e control externo.

En todo o que atinxe á execución destas liñas de axuda, os órganos xestores quedarán sometidos á actividade de control do servicio de auditoría interna do organismo pagador, así como á de calquera outro ente ou órgano, autonómico, estatal ou comunitario, con competencias de inspección e control sobre a materia.

Sexto.-Resolución, revogación e avocación.

1. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida nesta resolución farán constar, expresamente, esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que a conferiu.

2. En calquera momento o director do Ilgga poderá revogar ou avoca-lo exercicio da competencia que delega por esta resolución.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2001.

Secundino Grobas Mosquera

Director do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia