Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Xoves, 20 de setembro de 2001 Páx. 12.501

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 13 de setembro de 2001, da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, pola que se establece o calendario para a realización de eleccións para a constitución do consello escolar en centros de educación non universitaria de nova creación e outros.

O Decreto 92/1988, do 28 de abril, polo que se regulan os órganos de goberno dos centros públicos de ensino non universitario, modificado polo Decreto 279/1990, do 27 de abril, establece no seu artigo 29 que o procedemento de elección dos membros do consello escolar dos centros públicos se desenvolverá no primeiro trimestre do curso académico que corresponda e dentro do período lectivo e que a data de realización das eleccións será fixada, cun mes de antelación, pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O artigo 49 do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria e do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, aprobados polos decretos 374/1996, do 17 de outubro, e 324/1996, do 26 de xullo, respectivamente, o artigo 11 do Regulamento orgánico dos centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias, aprobado polo Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, e o punto décimo primeiro da Orde do 28 de agosto de 1996, pola que se regula o procedemento de elección dos órganos de goberno dos centros privados concertados, establecen que a elección do consello escolar e a súa constitución nos centros de nova creación se efectuará no mes de outubro e que a primeira renovación do consello escolar se producirá ó cabo dun ano ou dous de maneira que coincida coa renovación do resto dos

consellos escolares no ámbito da Comunidade Autónoma.

Dado que no derradeiro trimestre do ano 2000 correspondeu a renovación de tódolos consellos escolares no ámbito da Comunidade Autónoma, neste ano é preciso proceder á constitución do consello escolar por primeira vez nos centros creados con posterioridade á citada renovación, ó tempo que se regulariza a situación daqueles centros que, por razóns de diversa índole, non realizasen as eleccións no citado proceso do ano 2000.

En virtude de todo o anterior, esta dirección xeral

RESOLVE:

Artigo 1º

As eleccións para a primeira constitución do consello escolar nos centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos, que iniciaron o seu funcionamento no curso 2001/2002, terán lugar entre os días 24 e 31 de outubro de 2001, ámbolos dous incluídos, de acordo co establecido:

a) Para os centros de educación infantil, primaria e secundaria, na orde desta consellería do 21 de outubro de 1996 (DOG do 22 de outubro).

b) Para os centros públicos integrados, no artigo 11 do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro (DOG do 26 de xaneiro).

c) Para os centros públicos de ensino non universitario de características singulares, de educación especial e de educación de adultos, na orde desta consellería do 29 de outubro de 1996 (DOG do 4 de novembro), corrección de erros DOG do 15 de novembro de 1996.

Artigo 2º

1. A xunta electoral regulada no artigo 30 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, segundo a nova redacción dada polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, constituirase entre os días 1 e 5 de outubro de 2001.

2. De conformidade co establecido no artigo 31 b) do Decreto 92/1988, do 28 de abril, é competencia da xunta electoral concreta-lo calendario electoral. As xuntas electorais terán presente, en todo caso, que o prazo de admisión de candidatos non deberá ser inferior a sete días naturais.

Artigo 3º

Ós membros integrantes da xunta electoral, das mesas electorais e ós electores que necesiten permiso laboral para o desempeño das súas obrigas seralles de aplicación o artigo 70.2º da Lei 4/1988, do 26 de maio (DOG do 1 de xuño), da función pública de Galicia. Non obstante, os días en que terán lugar as eleccións de representantes dos distintos sectores da comunidade educativa non poderán ser declarados non lectivos.

Artigo 4º

A primeira renovación do consello escolar dos centros ós que se refire o artigo 1 desta resolución producirase no ano 2002, coincidindo coa renovación do resto dos consellos escolares no ámbito da Comunidade Autónoma, de conformidade co establecido no artigo 49 do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria e do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, aprobados polos decretos 374/1996, do 17 de outubro, e 324/1996, do 26 de xullo, respectivamente, no artigo 11 do Regulamento orgánico dos centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias, aprobado polo Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, e no punto 11.2º da orde desta consellería do 28 de agosto de 1996 (DOG do 26 de setembro).

Disposicións adicionais

Primeira.

Os centros que na convocatoria do mes de novembro de 2000 deberían ter realizada a primeira constitución ou renovación parcial do consello escolar, segundo procedese, e que, por calquera circunstancia, non o fixesen, deberán regulariza-la súa situación e, para tal fin, levarán a cabo o proceso electoral de acordo co calendario e normas previstos nesta resolución.

Segunda.

1. Nos centros ós que se refire a disposición adicional anterior, regulados polos decretos 374/1996 e 324/1996, para determinar, se é o caso, os membros do consello escolar que deben ser renovados, terase en conta o establecido no punto 1 da disposición adicional terceira do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias, que modifica o artigo 40 do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria e o artigo 41 do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria.

2. Os centros en cada renovación parcial modificarán o número de membros do consello escolar en función do número de unidades que teñan nese momento.

Terceira.

A renovación do consello escolar nos centros ós que se refire a disposición adicional primeira producirase no ano 2002, coincidindo coa renovación do resto dos consellos escolares no ámbito da comunidade autónoma, de conformidade co establecido no artigo 49 do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria e do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, aprobados polos decretos 374/1996, do 17 de outubro, e 324/1996, do 26 de xullo, respectivamente, no artigo 11 do Regulamento orgánico dos centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias, aprobado polo

Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, e no punto 11.2º da orde desta consellería do 28 de agosto de 1996 (DOG do 26 de setembro).

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2001.

Severino Somoza Gómez

Director xeral de Centros e Inspección Educativa