Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Venres, 07 de setembro de 2001 Páx. 11.962

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 5 de setembro de 2001 pola que se clasifica como mixta a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca da Mariña Oriental.

Visto o expediente de clasificación da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca da Mariña Oriental, con domicilio no Concello de Ribadeo.

Supostos de feito.

1. Andrés Precedo Ledo, na súa calidade de presidente da fundación, en escrito do 29 de agosto de 2001, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Ribadeo, o día 30 de xullo de 2001, ante a notaria María del Rocío de la Hera Ortega, co número 53 do seu protocolo, por Jaime Alberto Pita Varela, que intervén en representación da Xunta de Galicia, Andrés Precedo Ledo, como secretario xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal da Xunta de Galicia, Manuel Díaz Sampedro, en representación do Concello de Barreiros, David-Jorge García García, en representación do Concello da Pontenova, José Manuel Yanes Ginzo, en representación do Concello de Trabada, José-Carlos Rodríguez Andina, en representación do Concello de Ribadeo, José María Moraleja Alonso, delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública en Lugo, e Fe Rodríguez Rocha en representación da Deputación Provincial de Lugo.

3. Segundo consta no artigo cinco dos seus estatutos o obxecto da fundación é pór en marcha as accións xenéricas enunciadas no Plan de Desenvolvemento Comarcal, deseñando programas, solicitando a súa implementación ós organismos correspondentes e animando e incentivando a participación dos sectores e axentes económicos e sociais ós que vai dirixido.

Así mesmo poderá acometer actuacións, programas, accións e proxectos que contribúan e incidan no desenvolvemento territorial, económico e social da comarca que constitúe o seu ámbito de actuación.

4. O padroado da fundación estará constituído segundo se determina no artigo 17 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como mixta da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca da Mariña Oriental, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese

galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 4 de setembro de 2001.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca da Mariña Oriental e adscribila á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública