Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Xoves, 06 de setembro de 2001 Páx. 11.937

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DA CORUÑA

ANUNCIO do 16 de xullo de 2001, do Instituto Municipal A Coruña Espectáculos, das bases da convocatoria do concurso para a contratación en réxime laboral do posto de director do Teatro Rosalía Castro neste instituto.

Primeira.-Obxecto.

As presentes bases teñen por obxecto rexe-la convocatoria do concurso para a contratación en réxime laboral, da praza de director do Teatro Rosalía Castro incluída na oferta de emprego público do Instituto Municipal A Coruña Espectáculos, organismo autónomo local de carácter administrativo, para o ano 2001.

Segunda.-Condicións dos aspirantes.

Para tomar parte no proceso selectivo, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos, referidos todos e cada un á data en que termine o prazo de presentación de solicitudes.

a) Ser español, ou nacional dun Estado membro da Unión Europea, de conformidade co disposto na Lei 17/1993, do 23 de decembro, sobre acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade.

c) Estar en posesión do título de diplomado universitario ou equivalente ou en condicións de obtelo na data en que remate o prazo de presentación de instancias.

d) Posuí-la capacidade funcional para o desempeño das tarefas habituais da praza á que se aspira.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio ó Estado, ás comunidades autónomas ou ás entidades locais, nin estar inhabilitado para o exercicio das funcións públicas. Idéntico será esixido ós nacionais dos demais estados membros da Unión Europea, se é o caso.

Terceira.-Características do posto.

Principais funcións:

-Dirección do recinto (Teatro Rosalía Castro).

-Programación e contratación de actividades teatrais.

-Control da organización e desenvolvemento das actividades teatrais.

-Responsable de promoción e prensa das actividades.

-Coordinación do persoal do IMCE destinado no teatro.

-Coordinación do persoal das empresas de servicios contratadas polo IMCE para o Teatro Rosalía Castro.

E en xeral cantas funcións, propias da súa competencia lle sexan encomendadas polo presidente

Réxime de dedicación: especial.

Retribucións brutas: 4.815.924 pesetas.

Cuarta.-Proceso de selección: concurso.

A selección realizarase con base nos seguintes méritos:

1) En relación coas funcións do posto que figuran na base anterior, presentarase un proxecto de xestión do Teatro Rosalía Castro. Valorarase ata un máximo de 7 puntos.

2) Méritos do currículum vitae. Valoraranse ata un máximo de 13 puntos conforme o seguinte baremo:

-Experiencia profesional en traballos similares desempeñados na Administración: 0,20 puntos por mes traballado ata un máximo de 8 puntos.

-Experiencia profesional en traballos similares desempeñados noutras empresas ou institucións: 0,10 puntos por mes traballado ata un máximo de 4 puntos.

-Cursos de formación relacionados co posto de traballo : 0,10 puntos ata un máximo de 1 punto.

Tódolos méritos deberán ser alegados e probados documentalmente polos aspirantes, no momento de presenta-la súa instancia na que solicitan tomar parte no concurso, con documentos orixinais ou compulsados debidamente, téndose por non presentados en caso contrario.

3) Realizarase unha entrevista na que se defenderá o proxecto de xestión presentado, e na que se valorará o coñecemento da Administración municipal e da realidade cultural do momento. Valorarase ata un máximo de 3 puntos.

Quinta.-Presentación de instancias.

As instancias nas que solicita tomar parte no proceso selectivo dirixiranse ó presidente do IMCE e presentaranse no rexistro do IMCE, sito en av. Alfonso Molina s/n (Edificio Coliseum), durante o prazo de vinte días naturais contados desde o seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado. Así mesmo, poderán remitirse na forma determinada na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Para ser admitidos e, se é o caso, tomar parte nas probas selectivas, bastará con que os aspirantes manifesten nas súas instancias que reúnen todos e cada un dos requisitos xerais esixidos na base segunda referidos sempre ó día en que termine o prazo de presentación de instancias.

Á instancia xuntaráselle inescusablemente.

-Currículum vitae cos documentos xustificativos dos méritos que aleguen (orixinais ou fotocopias compulsadas), pois non se tomarán en consideración nin serán valorados aqueles que non queden debidamente acreditados, en tódolos seus extremos, no momento da presentación da instancia.

-Proxecto de xestión do Teatro Rosalía Castro.

-Fotocopia do DNI.

Sexta.-Admisión de aspirantes. Data e lugar de realización da entrevista.

Terminado o prazo de presentación de instancias, o presidente do IMCE dictará resolución pola que declarará aprobada a lista de admitidos e excluídos, con indicación do prazo de emenda que nos termos da Lei 30/1992, LRXAP e PAC se lles concede ós aspirantes excluídos, e determinando así mesmo lugar e hora de realización da entrevista curricular e a composición do tribunal.

Esta resolución será publicada no BOP exporase no taboleiro de anuncios do IMCE.

A publicación desta resolución no BOP será determinante dos prazos para efectos de posibles impugnacións ou recursos.

Sétima.-Tribunal cualificador.

O tribunal cualificador do proceso selectivo designarase a teor e de conformidade co sinalado no R.D. 896/1991, polo que se establecen as regras básicas e programas mínimos a que debe axustarse o procedemento de selección dos funcionarios da Administración local e estarán compostos polos seguintes membros.

Presidente: o do IMCE ou membro en quen delegue.

Secretario: o do Consello de Administración do IMCE ou membro en quen delegue.

Vocais: tres vocais designados polo presidente; un deles serao por proposta dos órganos de representación sindical.

Un vocal representante da Comunidade Autónoma.

Os vocais deberán posuír titulación ou especialización iguais ou superiores ás esixidas para o acceso ás prazas convocadas.

Os membros dos tribunais deberán absterse de formar parte destes cando concorran as circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, notificándollo á autoridade convocante, ou cando realizasen tarefas de preparación a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

Os aspirantes poderán recusalos de acordo co artigo 29 da mencionada lei.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de máis da metade dos seus membros, titulares ou suplentes.

O tribunal poderá dispo-la incorporación de asesores especialistas para a realización da entrevista curricular se así o estiman necesario ou conveniente. Estes asesores actuarán con voz e sen voto.

Para os efectos de percepción de asistencias polos membros concorrentes ás sesións dos tribunais, estes estarán clasificados nas categorías que establece o número 2º do artigo 33 do R.D. 236/1998, sobre indemnizacións por razón do servicio, coa revisión establecida pola Resolución do 11 de febreiro de 1991, da Subsecretaría de Economía e Facenda e para as Administracións Públicas.

O tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas.

Oitava.-Desenvolvemento do proceso selectivo.

Determinado o lugar e hora de realización da entrevista, a orde de actuación dos aspirantes iniciarase pola letra que resulte do sorteo que efectúa a Secretaría de Estado para a Administración Pública ou, no seu defecto, pola que determine o tribunal logo de sorteo realizado para o efecto.

Se durante o desenvolvemento do proceso selectivo chegase a coñecemento do tribunal que algún dos aspirantes carece de calquera dos requisitos esixidos na convocatoria, será excluído dela logo de audiencia do interesado, comunicándollo no mesmo día á autoridade que convocase o proceso selectivo.

Unha vez terminada a cualificación dos aspirantes, o tribunal proporalle ó órgano competente o nomeamento do aspirante que obtivese maiores puntuacións, para efectos de formalizar contrato laboral, e publicará no taboleiro de anuncios do IMCE o nome do candidato aprobado.

Novena.-Presentación de documentos.

O aspirante proposto achegará dentro do prazo de vinte días naturais contados a partir da publicación do nome do candidato seleccionado, a seguinte documentación:

1. Fotocopia (que deberá presentarse co orixinal para compulsar) do seu documento nacional de identidade.

2. Copia autentificada ou fotocopia (que deberá presentarse co seu orixinal para compulsar) do título conforme o cal se procedeu á admisión, ou ben xustificante de cumprir tódolos requisitos para a súa expedición. Se estes documentos estivesen expedidos despois da data de terminación do prazo de presentación de instancias, deberá xustificarse a data en que finalizaron os correspondentes estudios.

3. Certificado acreditativo de posuí-la capacidade funcional para o desempeño das tarefas habituais da praza á que se aspira, que será expedido polo médico do persoal municipal.

4. Declaración xurada de non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio do Estado ás comunidades autónomas ou ás entidades locais, nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas por sentencia firme.

5. Declaración xurada de non estar incurso en ningún dos supostos de incapacidade específica conforme a normativa vixente.

6. Declaración xurada de non incorrer en ningún dos supostos de incompatibilidade establecidos na lexislación sobre a materia.

7. Fotocopia da cartilla da Seguridade Social (no caso de ter estado dado de alta).

8. Unha foto tamaño carné.

Para o suposto de que tivese a condición de empregado público, estará exento de xustificar documentalmente as condicións e requisitos xa demostrados para obte-lo seu nomeamento, debendo presentar certificación do ministerio ou organismo do que dependa, acreditando a súa condición e demais circunstancias que consten no seu expediente persoal, ou folla de servicios.

Se se tratase de nacionais de estados membros da Unión Europea, presentarán a documentación esixida pola Lei do 23 de decembro de 1993, ademais da sinalada nos números 2, 3, 5, 6 e 7 da anterior relación.

Décima.-Formalización do contrato e período de proba.

Se dentro do prazo indicado, salvo caso de forza maior, o aspirante proposto non presentase a súa documentación ou non reunise os requisitos esixidos, non poderá procederse á súa contratación, quedando anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo das responsabilidades en que puidese incorrer por falsidade na instancia na que solicitaba tomar parte no proceso selectivo.

A formalización do contrato laboral efectuarase no prazo de 5 días contados desde a presentación de toda a documentación a que se fai referencia na base anterior.

Ata tanto non se formalice o contrato e non se incorpore ó traballo, o aspirante non terá dereito a ningunha prestación económica.

O contrato quedará sometido a un período de proba de seis meses.

Décimo primeira.

O tribunal queda autorizado para resolve-las dúbidas que se presenten e toma-los acordos necesarios para a boa orde do proceso selectivo no non previsto nestas bases.

Décimo segunda.

As presentes bases serán publicadas no BOP e extracto no Boletín Oficial del Estado.

As bases da convocatoria e tódolos actos administrativos que se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados polos interesados mediante a interposición de recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses (artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa), ou ben, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o órgano autor do acto impugnado, no prazo dun mes (artigo 116 da Lei 30/92, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común), sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que estimen conveniente.

A Coruña, 16 de xullo de 2001.

José Luis Méndez Romeu

Presidente do Instituto A Coruña Espectáculos