Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Xoves, 23 de agosto de 2001 Páx. 11.332

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE PONTEVEDRA

ANUNCIO da aceptación do novo texto refundido do Plan especial de protección, reforma interior e conservación artística con aprobación inicial e sometemento do devandito instrumento á información pública.

A Comisión de Goberno, en sesión do 3-8-2001, en virtude da competencia delegada pola Alcaldía en Resolución do 6 de xullo de 1999, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro.-Prestar aprobación inicial e acepta-lo novo texto refundido modificado do instrumento de desenvolvemento do Plan Xeral de Ordenación Urbana denominado Plan especial de protección, reforma interior e conservación artística do conxunto histórico-artístico (Peprica), resultante das modificacións introducidas por este concello no Plan especial e catálogo aprobados inicialmente pola Comisión de Goberno en sesión do 29-12-1997, e texto refundido aprobado o 21-8-2000, demandadas no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo do 22-11-2000.

Segundo.-Dispoñe-lo sometemento a información pública do novo texto refundido do Plan especial de protección, ó se introducir modificacións substanciais no texto aprobado inicialmente, durante o prazo dun mes, mediante a publicación de anuncios no taboleiro de edictos da casa do concello, un dos xornais de maior circulación provincial, BOP e Diario Oficial de Galicia, computándose tal período desde a publicación do anuncio correspondente a este último diario, podendo en consecuencia durante tal prazo calquera interesado examina-la correspondente documentación en dependencias deste concello e formula-las alegacións que estime pertinentes.

Terceiro.-Remitir copia da referida documentación urbanística á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia, coa finalidade de que se emita o informe que proceda unha vez introducidas as modificacións demandadas no precitado informe, solicitando a súa participación no dictame das alegacións resultantes do novo período de exposición pública.

Durante o prazo dun mes contado desde a publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, calquera interesado poderá examina-la documentación inicialmente aprobada e formula-las alegacións que estime procedentes.

Pontevedra, 9 de agosto de 2001.

Miguel A. Fernández Lores

Alcalde

Adolfo Castro Pérez

Vicesecretario xeral