Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Martes, 21 de agosto de 2001 Páx. 11.160

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 8/2001, do 2 de agosto, de protección da calidade das augas das rías de Galicia e de ordenación do servicio público de depuración de augas residuais urbanas.

1

As rías de Galicia constitúen uns espacios singulares dentro da xeografía da Comunidade Autónoma. Neles atópase unha gran riqueza natural, de fauna e paisaxística e de importante valor económico ó mesmo tempo, que vén convivindo con asentamentos urbanos e actividades industriais de certa entidade. A deterioración que, a través dos anos, estas actividades, ou outras de nova implantación, lle poden causar por efectos puntuais ou acumulativos á calidade das súas augas fai necesario que se utilicen tódolos instrumentos ó alcance da Comunidade Autónoma para corrixir e previr estas consecuencias perniciosas. Esta lei pretende, pois, a protección da calidade das augas das rías de Galicia mediante o establecemento de obxectivos de calidade e de límites para a emisión de vertidos, así como a ordenación das actividades que puidesen resultar incompatibles coa dita protección, para as que a súa instalación requirirá unha especial atención ás esixencias ambientais.

Todo isto co obxectivo de que Galicia se dote dun instrumento normativo do máximo rango que faga compatibles de forma razoable o desenvolvemento urbano e industrial, por un lado, cos usos de marisqueo, turismo e baño das rías, por outro, considerando o medio natural como un factor limitador común a ámbolos dous aspectos.

Estas circunstancias obrigan a acometer unha normativa especial para os vertidos contaminantes nas rías de Galicia que, acomodándose ó disposto na normativa da Unión Europea e na normativa básica do Estado, estableza un réxime de protección das marxes destas, así como un réxime estricto de vertidos, tanto desde a perspectiva material dos parámetros de calidade das augas e niveis de emisión admisibles coma desde a perspectiva puramente sancionadora.

Para estes efectos, o Estatuto de autonomía de Galicia prevé, por unha parte, a competencia exclusiva da Xunta de Galicia para a ordenación do territorio e do litoral (artigo 27.3) e para a promulgación de normas adicionais sobre protección do medio ambiente (artigo 27.30), e, por outra parte, a execución da normativa estatal en materia de vertidos ó litoral (artigo 29.4). Neste marco, segundo foi reiteradamente interpretado polo Tribunal Constitucional, esta lei encontra, pois, acomodo nas competencias da Xunta de Galicia.

Asemade, esta lei encaixa sen dificultade na previsión contida no artigo 34 da Lei de costas estatal, co fin de dictar normas específicas de protección para tramos de costa determinados, ós cales se debe atender especialmente para a autorización de ver

tidos contaminantes, de acordo co disposto no artigo 57.2 da mesma lei. Hai que aclarar que, aínda que a Sentencia do Tribunal Constitucional 149/1991 declara o citado artigo 34 inconstitucional, o dito pronunciamento ten como fundamento non o contido material do precepto, que é plenamente admisible, senón a atribución ó Estado e non ás comunidades autónomas da competencia para dictar tales normas.

Por último, o réxime de protección que esta lei establece incardínase tamén no marco dos principios que inspiran a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, en especial o de clasificación das actividades e o de prevención, expresamente recollidos nesa norma adicional de protección autonómica dictada para lles dar cumprimento ó artigo 45 da Constitución e ás esixencias ambientais derivadas do ingreso de España na Unión Europea dentro do ámbito da nosa autonomía.

2

Noutra orde de cousas, esta lei regula a ordenación do servicio de depuración de augas residuais urbanas. Este servicio veuse prestando ata o de agora, xeralmente, dunha forma dual, reservando para si a Administración autonómica a execución das estacións depuradoras e asumindo as entidades locais a súa explotación. Sen embargo, o desenvolvemento da planificación do saneamento de Galicia e a execución de numerosas instalacións de depuración puxeron de manifesto unha serie de disfuncións, tales como a falta de regulamentos ou ordenanzas municipais, a disparidade de custos económicos de explotación ou a falta de resposta ante determinados vertidos de natureza industrial inasumibles polo sistema, debidas nalgúns casos á escasa capacidade técnica, económica ou normativa das entidades que actualmente prestan o servicio.

Estas disfuncións poden compromete-lo cumprimento dos obxectivos ordenados pola normativa europea, xa asumidos polo ordenamento xurídico español e galego. Por iso, o título II desta lei ordena o servicio de depuración de augas residuais urbanas de Galicia, que se declara servicio público de interese xeral da Comunidade Autónoma, e a súa xestión atribúeselle á Administración hidráulica de Galicia, de acordo coas facultades establecidas no artigo 4.1.c) da Lei 8/1993. A potestade estatutaria de dictar normas adicionais en materia de ambiente, xa citada anteriormente, xunto coa competencia que posúe a Xunta de Galicia en relación coas obras públicas que non teñan a cualificación legal de interese xeral do Estado ou aquelas nas que a súa execución ou explotación non afecte outra comunidade autónoma (artigo 27.7 do Estatuto de autonomía de Galicia), fundamentan este título II. Preténdese con iso superar aquelas disfuncións, de xeito que por economías de escala o custo do servicio se poida

abaratar, e tamén mediante o establecemento dun marco normativo que ordene a prestación do servicio a nivel autonómico, dotado así mesmo do correspondente réxime sancionador.

A asunción do servicio de depuración de augas residuais por parte da Xunta de Galicia apóiase tamén noutros fundamentos normativos. Por unha parte, a vixente lexislación de réxime local, tanto

estatal (artigo 25.2 da Lei de bases de réxime local) coma autonómica (artigo 80.2 da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia), que remite á normativa sectorial a definición das competencias ó respecto; é por iso que a lei, aínda que declara de interese de Galicia o servicio de depuración, non deixa de recoñecerlles ás administracións locais o exercicio de determinadas competencias en relación con el. Por outra parte, non se poden esquece-las obrigas que teñen asumidas tódalas comunidades autónomas derivadas da normativa básica sobre saneamento e depuración de augas residuais urbanas, concretada no Real decreto lei 11/1995 e no correspondente Plan nacional de saneamento e depuración. Por último, a aplicación desde 1996 do canon de saneamento creado pola Lei 8/1993, que demostrou ser un instrumento eficaz para asegura-los necesarios recursos económicos para atender estas finalidades. Neste sentido, aínda que se deberán actualiza-las tarifas do tributo, que permaneceron sen

variación desde o seu inicio, a lei tamén ordena a súa lóxica incompatibilidade cos actuais instrumentos financeiros aplicados polas entidades locais, que terán que desaparecer.

3

Finalmente, o título III da lei recolle o réxime sancionador correspondente a cada un dos títulos precedentes, tanto nas súas disposicións específicas coma naquela normativa común, referida a competencia e procedemento.

O abordar esta regulación a través dun texto con rango de lei débese a que, no tocante ó título I, dentro do marco de maior protección que se pretende, se endurece o réxime sancionador previsto pola Lei de costas. Esta finalidade, esencial para o cabal cumprimento do obxectivo proposto, non se podería acadar a través dunha norma de rango regulamentario ó impedirllo o principio constitucional de legalidade en materia sancionadora.

E no referente ó título II, a implantación ex novo do réxime sancionador relativo a un novo servicio de interese xeral está claro que se debe facer igualmente co maior rango normativo.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.21 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de protección da calidade das augas das rías de Galicia e de ordenación do servicio público de depuración de augas residuais urbanas.

Título I

Da protección da calidade das augas das rías de Galicia

Artigo 1.-Obxecto e ámbito.

l. É obxecto desta lei previr, minimizar, corrixir ou, de se-lo caso, impedi-los efectos prexudiciais que determinadas obras, instalacións e actividades públicas ou privadas poidan ter sobre a calidade das augas das rías de Galicia, a través das medidas que nela se establecen.

2. En particular, esta lei seralles aplicable ós vertidos, tanto líquidos coma sólidos, que, de forma directa ou indirecta, se realicen desde terra ás rías de Galicia no ámbito territorial indicado no apartado 4 e sen prexuízo do disposto no artigo 4.9, así como ó planeamento urbanístico nas súas manifestacións de plans, programas e proxectos, nos supostos do artigo 5.

3. Exclúense do ámbito de aplicación desta lei os vertidos efectuados desde buques e outras instalacións flotantes nos que a súa competencia lle corresponda á Administración do Estado.

4. O ámbito territorial ó que se estende o título I desta lei é a zona terrestre correspondente ás cuncas dos municipios ribeiráns vertentes ó interior das rías de Foz, Viveiro, O Barqueiro, Ortigueira, Cedeira, Ferrol, Ares-Betanzos, A Coruña, Corme-Laxe, Camariñas, Lires, Corcubión, Muros-Noia, Arousa, Pontevedra, Aldán, Vigo e Baiona. No anexo I indícanse os límites xeográficos exteriores das mencionadas rías. En todo caso, o límite interior das rías sitúase no extremo interior da zona de dominio público marítimo-terrestre, segundo se define na vixente normativa en materia de costas.

Artigo 2.-Vertidos de residuos.

1. Queda prohibido efectuar calquera tipo de vertido de residuos ás augas das rías de Galicia, salvo cando estes sexan utilizados como recheos e estean debidamente autorizados, logo de constatada a ausencia de afección á calidade das augas de acordo co previsto no anexo II.

2. Cando os recheos puidesen afecta-la conservación e rexeneración dos recursos mariños requirirase informe preceptivo e vinculante da consellería competente en materia de pesca.

3. As autoridades competentes, e en particular os concellos e as demais entidades locais, denegarán as correspondentes licencias de obras, de apertura e de actividades, respecto daquelas que non estean debidamente autorizadas de acordo co previsto no apartado anterior.

Artigo 3.-Obxectivos de calidade das augas.

1. Establécense como obxectivos de calidade das augas das rías de Galicia os indicados no anexo II desta lei. Estes obxectivos de calidade terán o carácter de mínimos.

2. Os métodos de análise de referencia para a determinación dos parámetros considerados nos obxectivos de calidade do punto anterior, así como o procedemento para o seu control, serán determinados regulamentariamente.

3. En calquera caso, os anteriores obxectivos de calidade entenderanse modificados no caso de que por parte da Unión Europea ou do Estado se dictasen obxectivos de calidade máis estrictos, ou ben referentes a novos parámetros, particularmente no relativo ás normas de calidade para as augas de baño, de calidade das augas e da producción de moluscos e outras especies mariñas, ou ben en relación co vertido de substancias perigosas desde terra ó mar.

Artigo 4.-Normas sobre vertidos de augas residuais industriais.

l. No ámbito territorial desta lei, queda prohibido efectuar vertidos de augas residuais industriais ás rías de Galicia sen contar coa previa e preceptiva autorización, que lle corresponde outorgar á Administración hidráulica da Comunidade Autónoma de Galicia, logo de informe da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

2. Non se poderán outorgar licencias municipais de obras, de apertura e de actividades de natureza diferente á doméstica sen que, previa e expresamente, os seus promotores obtivesen a autorización á que se refire o parágrafo anterior.

3. As mencionadas autorizacións de vertido outorgaranse de acordo coa vixente lexislación en materia de costas e de protección ambiental e con esta lei, sen prexuízo da concesión de ocupación do dominio público marítimo-terrestre se fose necesaria, e de maneira que os límites impostos á calidade das augas residuais se adecúen ós obxectivos de calidade indicados no artigo anterior.

4. A autorización de vertido non será efectiva, e polo tanto este non se poderá levar a cabo, sen a comprobación previa das condicións impostas na dita autorización, entre as que necesariamente se encontrarán as relativas á adecuación dos sistemas de tratamento do vertido ós límites que se impoñan.

5. Para a nova instalación ou ampliación no ámbito territorial obxecto desta lei das actividades industriais, públicas ou privadas, indicadas no anexo III, requirirase, ademais da autorización de vertido ó que se refire o apartado 1, a necesidade de someter previamente o proxecto a avaliación ambiental, de acordo co procedemento previsto na vixente normativa de protección ambiental de Galicia.

6. Para a instalación das actividades ás que se refire o apartado anterior requirirase igualmente que os seus titulares utilicen as mellores técnicas dispoñibles economicamente viables para a reducción na orixe dos vertidos de augas residuais ou, de se-lo caso, para o seu tratamento e depuración. Os promotores deberán igualmente xustifica-lo cumprimento de obxectivos de calidade para aqueles parámetros que non teñan fixados límites de vertido.

7. En todo caso, a Administración hidráulica de Galicia poderá prohibir, no ámbito territorial ó que se refire esta lei, aqueles procesos industriais nos que os seus efluentes, a pesar do tratamento ó que sexan sometidos, poidan constituír un risco de contaminación do dominio público superior ó admisible de acordo co establecido nesta lei, ben sexa no seu funcionamento normal ou no caso de situacións previsibles.

8. Igualmente, non se poderán autorizar vertidos de augas residuais industriais cunha carga contaminante que supere os límites de emisión establecidos no anexo IV, que en ningún caso poderán ser alcanzados mediante dilución. As mesmas previsións do artigo 3.3 serán aplicables para estes límites. Os métodos analíticos de referencia para estes parámetros, así como o procedemento para o seu control, serán determinados regulamentariamente.

9. Os límites de emisión establecidos no punto anterior poderán ser aplicables, así mesmo, a cada un dos vertidos que, xunto con outro ou outros vertidos dun mesmo ou outro establecemento, poidan conformar un vertido único final, mesmo no caso de que os ditos establecementos se atopasen fóra do ámbito establecido no artigo 1 desta lei. Neste último caso, os ditos vertidos quedarán tamén suxeitos ó réxime de autorización previsto neste título, logo da motivación do seu risco de afección á ría de que se trate. Para estes efectos, a medición da contaminación dos efluentes realizarase no punto de saída do vertido de cada un dos establecementos separadamente.

10. Nas autorizacións de vertido, Augas de Galicia poderá motivadamente impoñe-la instalación de sistemas de medición e análise en continuo dos efluentes, así como de transmisión de datos en tempo real.

Artigo 5.-Aplicación das técnicas de protección ambiental ó planeamento urbanístico e ás actividades en funcionamento.

l. Na tramitación do planeamento urbanístico no ámbito territorial obxecto desta lei deberase demandar un informe da autoridade ambiental. Cando o dito planeamento puidese afecta-los recursos mariños, requirirase ademais informe da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

2. Co obxecto de comproba-los seus posibles efectos nocivos para o medio natural e sinala-las medidas correctoras, e sen prexuízo do indicado na disposición transitoria primeira, aplicaránselles ás actividades que se estean realizando ou ás xa realizadas no dito ámbito territorial as técnicas de protección ambiental establecidas pola Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia.

3. Todas aquelas actuacións, públicas ou privadas, susceptibles de produciren unha alteración física ou unha perda dos valores naturais, culturais, científicos ou educativos dos espacios naturais en réxime de protección xeral incluídos no Rexistro Xeral de Espacios Naturais de Galicia localizados no ámbito territorial desta lei serán sometidas a avaliación do seu impacto ambiental de acordo co procedemento vixente.

Título II

Da ordenación do servicio público de depuración de augas residuais urbanas

Artigo 6.-Declaración de interese xeral da Comunidade Autónoma.

1. Declárase de interese xeral da Comunidade Autónoma de Galicia o servicio de depuración de augas residuais urbanas.

2. O ámbito material do servicio comprende a regulación, a planificación, a aprobación definitiva de proxectos, a construcción e a xestión, explotación e mantemento das estacións depuradoras de augas residuais, redes de colectores xerais e emisarios submarinos que formen parte da programación de saneamento e depuración da Xunta de Galicia, así como, de se-lo caso, a reutilización das augas residuais depuradas.

3. Quedan expresamente excluídas aquelas redes de sumidoiros nas que o seu proxecto, construcción e xestión lles correspondan ás entidades locais de forma exclusiva.

Artigo 7.-Competencias das entidades locais.

As entidades locais, sen prexuízo do disposto no artigo 6.3, exercerán en materia de depuración de augas residuais urbanas as competencias seguintes:

1. A promoción, redacción e proposta á Xunta de Galicia para a súa aprobación, logo da comprobación da súa adecuación á programación á que se refire o artigo 6.2, de plans e proxectos de obras e instalacións.

2. A contratación e execución das obras e instalacións que lles correspondan conforme os plans e proxectos aprobados previamente, e aqueloutras que lles encomende a Xunta de Galicia.

3. A xestión e explotación das obras e instalacións, por si mesmas ou mediante calquera fórmula asociativa con outras entidades locais.

4. A participación na elaboración do Regulamento autonómico regulador do servicio de depuración, nos termos do artigo 10.3.

Artigo 8.-Administración xestora do servicio.

1. O servicio de depuración de augas residuais urbanas da Comunidade Autónoma será xestionado pola Administración hidráulica de Galicia, ben sexa a través do organismo autónomo Augas de Galicia ou ben a través da Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos, entidades creadas pola Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia.

2. En igualdade de condicións técnicas e económicas, a Administración hidráulica de Galicia poderalles encomendar ás entidades locais a prestación do servicio, tanto na construcción coma na explotación das instalacións.

3. A administración xestora das instalacións poderá utilizar para o efecto calquera das formas actualmente vixentes para a xestión de servicios públicos.

Artigo 9.-Financiamento do servicio.

1. O servicio de depuración de augas residuais urbanas da Comunidade Autónoma será financiado integramente pola Administración hidráulica de Galicia, a través dos recursos seguintes:

a) O producto do canon de saneamento creado pola Lei 8/1993.

b) As transferencias que no seu favor ordene a Xunta de Galicia e outras entidades públicas.

c) Empréstitos e créditos, nos termos que determinen as leis de orzamentos.

d) O producto das sancións que impoña por incumprimentos da regulación do servicio.

e) Ingresos de dereito privado.

f) Calquera outro recurso que puidese obter ou que lle fose asignado para este fin.

2. Declárase a incompatibilidade en favor do canon de saneamento respecto daqueles tributos e prezos que, de acordo coa vixente normativa en materia

de facendas locais, as administracións locais tivesen en vigor para financia-lo servicio de depuración de augas residuais urbanas nos supostos nos que sexa asumido pola Comunidade Autónoma, a partir da asunción efectiva do servicio.

3. O comezo da prestación efectiva do servicio por parte da Administración hidráulica de Galicia comportará o cesamento da recadación dos instrumentos tributarios e financeiros que tivesen vixentes a correspondente entidade ou entidades locais ás que lles dea servicio a instalación de depuración de que se trate, sen prexuízo do dereito destas ó cobramento dos créditos pendentes nese momento.

Artigo 10.-Regulación do servicio.

1. O servicio público de depuración de augas residuais urbanas, con independencia da administración que o preste, rexerase polo disposto nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan, así como polo disposto na normativa básica vixente sobre tratamento de augas residuais urbanas.

2. O Consello da Xunta de Galicia dictará o Regulamento de prestación do servicio público de depuración de augas residuais urbanas, que terá que desenvolver, entre outros, os seguintes extremos:

a) Elementos para a protección das instalacións de saneamento e depuración e do medio receptor dos seus efluentes.

b) A definición dos vertidos prohibidos e tolerados ós sistemas públicos de depuración de augas residuais, incluída a prohibición de diluí-los vertidos co fin de acada-los ditos límites.

c) A obriga de someter a autorización os vertidos de natureza non doméstica, con carácter previo á súa conexión ás redes de saneamento. A autorización deberá conter, polo menos, os condicionantes cuantitativos e cualitativos do vertido para que este sexa admitido nas ditas redes. Procedemento de autorización dos vertidos.

d) Os vertidos que non acaden os límites establecidos no punto b) deberán someterse ó tratamento previo axeitado antes de seren autorizados.

e) O réxime de situacións de emerxencia e dos vertidos accidentais potencialmente perigosos para a seguridade das persoas ou das instalacións de saneamento, referido, como mínimo, á súa comunicación, adopción de medidas correctoras e valoración e aboamento dos danos.

f) O réxime de vertidos mediante camións cisterna.

g) O réxime de inspección, mostraxe, análise e control dos vertidos, incluíndo a obriga, para os vertidos de natureza non doméstica, de disposición dunha arqueta de rexistro que lle permita á administración actuante a súa inspección en todo momento.

3. O regulamento será elaborado polo organismo autónomo Augas de Galicia e propoñerallo ó conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, quen, logo de demandar informe das entidades locais a través da súa asociación máis representativa en Galicia, o elevará ó Consello da Xunta de Galicia.

Título III

Réxime de infraccións e sancións

Artigo 11.-Infraccións e sancións relativas ó título I.

1. As infraccións ó prevido no título I desta lei serán sancionadas conforme a vixente normativa en materia de costas.

2. En todo caso, constituirán infraccións de carácter grave:

a) O vertido non autorizado de augas residuais industriais ás rías de Galicia.

b) O incumprimento das condicións establecidas na correspondente autorización de vertido.

3. A comisión das infraccións previstas no apartado anterior será sancionada coa imposición de multas desde 750.000 ata 75.000.000 de pesetas.

4. Con independencia da sanción que lles fose imposta, os infractores serán obrigados a indemniza-los danos e perdas causados, no prazo que determine a resolución do expediente sancionador.

5. As sancións por infraccións graves poderán levar aparellada a obriga do cesamento da actividade infractora, nos termos do artigo 35.2 da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e sen prexuízo da declaración de caducidade das autorizacións ou concesións correspondentes, de se-lo caso.

Artigo 12.-Infraccións e sancións relativas ó título II.

En relación co disposto no título II:

1. Consideraranse infraccións de carácter leve:

a) O vertido ó sistema de depuración de augas residuais de natureza doméstica sen contar coa autorización correspondente.

b) O incumprimento das condicións establecidas na autorización de vertido, sempre que non lle cause danos ó sistema público de depuración, ou ben cando estes danos non superen as 500.000 pesetas.

c) As accións e omisións das que deriven danos ou perdas para a integridade ou o funcionamento do sistema público de depuración inferiores a 500.000 pesetas.

d) A obstaculización das funcións de inspección, vixilancia e control que leve a cabo a administración, a desobediencia ós seus requirimentos de información ou en relación coa adecuación de vertidos ou instalacións ás condicións regulamentarias.

e) Calquera incumprimento das obrigas do conxunto normativo de regulación do servicio que non teña atribuída outra cualificación.

2. Consideraranse infraccións graves:

a) O vertido ó sistema de depuración de augas residuais de natureza distinta á doméstica sen contar coa autorización correspondente.

b) A realización de vertidos prohibidos polo regulamento ó que se refire o artigo 10.2.

c) O incumprimento das condicións establecidas na autorización de vertido, sempre que se lle causen

danos ó sistema público de depuración superiores a 500.000 pesetas e ata 2.500.000 pesetas.

d) As accións e omisións das que deriven danos ou perdas para a integridade ou o funcionamento do sistema público de depuración superiores a 500.000 pesetas e ata 2.500.000 pesetas.

e) A ocultación ou falsificación de datos determinantes para o outorgamento da autorización de vertido.

f) A falta de comunicación das situacións de emerxencia ou perigo, ou o incumprimento das ordes da administración derivadas de situacións de perigo ou emerxencia.

g) A reincidencia na comisión de dúas ou máis infraccións leves no período dun ano.

3. Consideraranse infraccións moi graves:

a) Calquera conducta indicada no apartado 2 da que deriven danos ou perdas para o sistema de depuración superiores a 2.500.000 pesetas.

b) O incumprimento das ordes de suspensión de vertidos non autorizados.

c) A reincidencia na comisión de dúas ou máis infraccións graves no período dun ano.

3. As infraccións tipificadas nos apartados anteriores serán sancionadas coas multas seguintes:

a) Infraccións leves: multa de ata 1.000.000 de pesetas.

b) Infraccións graves: multa entre 1.000.001 e 5.000.000 de pesetas.

c) Infraccións moi graves: multa entre 5.000.001 e 25.000.000 de pesetas.

5. As sancións graduaranse en función da reincidencia do infractor, da súa intencionalidade, do beneficio obtido e da afección producida ó sistema de depuración, ou á calidade do medio receptor.

Artigo 13.-Órganos competentes.

1. Os órganos competentes para a imposición das sancións previstas nesta lei, así como as establecidas na Lei de costas de competencia da Administración hidráulica de Galicia, serán os previstos no artigo 32 da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia.

2. Malia o anterior, ó presidente do organismo autónomo Augas de Galicia atribúeselle expresamente a competencia para sancionar infraccións de carácter grave previstas no artigo 11, sempre que a multa que se impoña non supere os 50.000.000 de pesetas, e en xeral para sanciona-las infraccións de carácter grave previstas no artigo 12.

Artigo 14.-Procedemento sancionador.

1. Correspóndelle a incoación dos expedientes sancionadores previstos nesta lei ó organismo autónomo Augas de Galicia.

2. O procedemento para a tramitación dos expedientes sancionadores será o previsto na vixente normativa xeral de procedemento administrativo común.

3. Serán sancionadas pola comisión de infraccións as persoas físicas e xurídicas que resulten responsables delas aínda a título de simple inobservancia.

4. Con independencia da sanción que se lles impoña, os infractores serán obrigados a repara-lo dano causado, podendo a administración, de se-lo caso, exercita-las facultades de execución subsidiaria previstas na lei.

5. Os prazos de prescrición das infraccións e das sancións serán os previstos na vixente normativa xeral de procedemento administrativo común.

6. O prazo para a resolución dos expedientes sancionadores será dun ano, que se contará desde a súa incoación.

Disposición adicional primeira.

No suposto de que se produza a modificación normativa á que se refiren os artigos 3.3 e 4.8, o Consello da Xunta de Galicia procederá a actualizar e modificar, mediante decreto, o contido dos anexos II e IV, respectivamente, desta lei.

Disposición adicional segunda.

Os concellos e as demais administracións locais que se encontren incluídos, na súa totalidade ou en parte, dentro do ámbito territorial desta lei, indicado no anexo I, deberán, no prazo dun ano a partir da entrada en vigor desta lei, aprobar ou, de se-lo caso, revisa-las súas correspondentes ordenanzas de vertido, co fin de adecualas ós obxectivos de calidade establecidos nesta lei, para o que poderán contar co asesoramento da Administración hidráulica de Galicia.

O incumprimento desta obriga comportará necesariamente a perda do dereito a calquera colaboración financeira da Xunta de Galicia para a explotación das súas instalacións de saneamento e depuración de augas residuais.

Disposición adicional terceira.

O Consello da Xunta de Galicia promoverá de común acordo co Goberno do Principado de Asturias a regulación correspondente para a protección da calidade das augas da ría de Ribadeo.

Disposición adicional cuarta.

1. Engádeselle, coa redacción seguinte, un segundo apartado ó artigo 35 da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, e queda a actual redacción como apartado primeiro:

«2. Enténdese por habitante a definición de habitante-equivalente contida no artigo 2.f) do Real decreto lei 11/1995, do 28 de decembro, polo que se establecen as normas aplicables ó tratamento das augas residuais urbanas.»

2. Engádeselle unha nova disposición adicional segunda á Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, coa redacción seguinte:

«Disposición adicional segunda.

1. A aprobación dos proxectos de obras hidráulicas que leve a cabo a Administración hidráulica de Galicia levará implícita a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados para os efectos da súa expropiación forzosa, da ocupación temporal e da imposición ou

modificación de servidumes. A declaración de utilidade pública e necesidade de ocupación refírense tamén ós bens e dereitos afectados polo replanteo do proxecto e polas modificacións de obras que se poidan aprobar con posterioridade.

2. Os proxectos correspondentes a obras hidráulicas que non esgoten a súa funcionalidade no termo municipal onde se localicen non estarán suxeitos a licencia municipal nin a calquera acto de control preventivo municipal ós que se refire o artigo 84.1.b) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e o artigo 286.1.b) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia. A execución destas obras, sempre que se leve a cabo de acordo cos proxectos aprobados e se lles dea información previamente ás administracións locais correspondentes, non poderá ser suspendida polos órganos urbanísticos competentes.»

Disposición adicional quinta.

Enténdense autorizados para os efectos desta lei os vertidos de augas residuais municipais de natureza urbana ou doméstica, producidos no ámbito territorial previsto no artigo 5 da Lei 8/1993 e desde terra ó litoral galego, que se integren na programación de actuacións de saneamento do organismo autónomo Augas de Galicia, así como os vertidos industriais conectados á rede de colectores municipais sempre que non afecten os obxectivos de calidade fixados nesta lei.

Todo isto sen prexuízo de que Augas de Galicia, logo de audiencia das correspondentes entidades locais, dicte as condicións nas que se terán que realiza-los mencionados vertidos.

Disposición transitoria primeira.

1. Os establecementos industriais instalados no ámbito territorial definido no artigo 1.3 na data da entrada en vigor desta lei deberán acreditar perante Augas de Galicia, no prazo de dous meses desde a dita data, a posesión da preceptiva autorización administrativa en vigor dos seus vertidos de augas residuais ou ben deberán solicita-la súa tramitación de acordo co previsto nesta lei e nas demais disposicións vixentes.

2. Asemade, e no mesmo prazo, os titulares de autorizacións de vertido outorgadas conforme a lexislación anterior á Lei 22/1988, de costas, deberán acreditar que se adecuaron á mencionada lei.

3. As autorizacións que resulten acreditadas serán revisadas, de oficio, por parte de Augas de Galicia, para os efectos da súa adecuación a esta lei, e seguirase, de se-lo caso, a súa eventual confirmación, modificación ou revogación. En ningún caso se poderá conceder un prazo superior a dous anos para a adaptación progresiva dos vertidos ós limites establecidos nesta lei.

4. O prevido nesta disposición non dará lugar a indemnización ningunha.

Disposición transitoria segunda.

No prazo de seis meses a partir da entrada en vigor desta lei quedarán sen efecto os convenios que fosen subscritos pola Xunta de Galicia en mate

ria de vertidos de augas residuais ás rías de Galicia que se opoñan ó contido dela.

Disposición transitoria terceira.

Os procedementos de outorgamento de autorización de vertido de augas residuais e os de licencia de apertura ou de actividades que prevexan a producción de vertidos no ámbito territorial definido no artigo 1.3, así como o planeamento urbanístico -plans, programas e proxectos- no dito ámbito, que se encontren en trámite no momento da entrada en vigor desta lei deberán adecuarse ó seu contido antes do outorgamento daquela.

Disposición transitoria cuarta.

A Administración hidráulica de Galicia poderá asumi-la xestión das estacións depuradoras actualmente en servicio na Comunidade Autónoma no prazo máximo de tres anos, que se contarán desde a entrada en vigor desta lei. Para estes efectos, subscribiranse os correspondentes convenios coas administracións locais xestoras delas, nos que necesariamente se indicará, entre outros extremos, a descrición das instalacións do sistema de depuración de que se trate e o balance económico dos tres últimos exercicios.

A xestión das ditas instalacións poderalles ser encomendada tamén ás administracións locais nos termos desta lei, sen prexuízo da aprobación por parte da Administración hidráulica de Galicia dos correspondentes proxectos de explotación.

Disposición transitoria quinta.

As ordenanzas municipais sobre uso e vertidos ás redes de sumidoiros que se atopen vixentes á entrada en vigor deste decreto deberán adaptarse ó que dispoña o regulamento ó que se refire o artigo 10.2, no prazo dun ano, que se contará desde a entrada en vigor deste último.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase a Xunta de Galicia para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei.

Disposición derradeira segunda.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de agosto de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Anexo I

Ámbito territorial das rías de Galicia

Indícanse para cada ría os puntos xeográficos que, unidos mediante unha liña recta imaxinaria, definen o seu límite exterior, xunto coas súas coordenadas UTM.

l.1. Ría de Foz.

Punta de Prados-Punta do Cabo.

(642650,4825750)-(641850,4826100).

1.2. Ría de Viveiro.

Punta Fociño do Porco-Punta do Faro.

(612300,4841700)-(614200,4841100).

l.3. Ría do Barqueiro.

Punta Muller Mariña-Punta As Laxes.

(607800,4848200)-(609900,4845550).

1.4. Ría de Ortigueira.

Punta da Escada-Punta da Barra de Ladrido.

(592750,4841400)-(594550,4841000).

1.5. Ría de Cedeira.

Punta Chirlateira-Punta do Carreiro.

(573250,4835450)-(574650,4835600).

1.6. Ría de Ferrol.

Punta do Segaño-Punta de San Cristovo.

(555800,4811800)-(556800,4812500).

1.7. Ría de Ares-Betanzos.

Punta Torrella-Punta Coitelada.

(556250,4806350)-(555400,4810600).

1.8. Ría da Coruña.

Punta Herminia-Punta do Seixo Branco.

(548650,4804500)-(552750,4805300).

1.9. Ría de Corme-Laxe.

Punta da Insua-Punta Roncudo.

(499050,4886950)-(500750,4791650).

1.10. Ría de Camariñas.

Punta da Barca-Punta do Costado.

(482350,4773750)-(483500,4775400).

1.11. Ría de Lires.

Confluencia do Seo de Nemiña coa ría de Lires.

(479100,4761250)-(483500,4775400).

1.12. Ría de Corcubión.

Cabo de Cee-Punta Galera.

(485200,4751750)-(486800,4751400).

l.13. Ría de Muros-Noia.

Punta Queixal-Punta do Castro.

(493700,4732050)-(497400,4727250).

l.14. Ría de Arousa.

Punta de Laño-Punta do Castelo.

(498200,4707400)-(505200,4703300).

1.15. Ría de Pontevedra.

Punta de Cabicastro-Cabo Udra.

(513400,4692650)-(513450,468760).

l.16. Ría de Aldán.

Punta Couso-Cabo Udra.

(512000,4692650)-(513450,468760).

l.17. Ría de Vigo.

Punta da Meda-Punta Subrido (Plan).

(512550,4867400)-(511350,4677350).

1.18. Ría de Baiona.

Punta da Meda-Punta do Castelo de Monte Rei.

(512650,4665600)-(512350,4664200).

Anexo II

Obxectivos de calidade das augas das rías de Galicia

A) Bacteriolóxicos.

ParámetrosUnidadeValorObservacións

1. Coliformes fecais(ufc)/100 ml10090% mostras

2. Estreptococos fecais(ufc)/100 ml10090% mostras

3. Coliformes totais(ufc)/100 ml50090% mostras

ufc: unidades formadoras de colonias.

B) Físicos.

ParámetrosUnidadeValorObservacións

4. TemperaturaºCMN+190% mostras

5. TransparenciamMN-190% mostras

6. Colormg Pt-Co/1MN+1090% mostras

C) Químicos.

ParámetrosUnidadeValorObservacións

7. Osíxeno disoltomg/l0.9 MN-1.1 MN90% mostras

8. pHupH7.5-8.790% mostras

9. Sólidos en suspensiónmg/11.3 MN90% mostras

10. Salinidade:S/cm0.9 MN-1.1 MN90% mostras

MN: media normal do parámetro considerado, en condicións espaciais e temporais equivalentes, efectuando a medición no medio non afectado.

D) Mocrocontaminantes inorgánicos de tipo tóxico.

ParámetroContido en augaSedimentos/moluscos/crustáceos

Mercurio0.5 :g/lNAT

Cadmio5 :g/lNAT

Arsénico total50 :g/lNAT

Cobre disolto

Dureza da auga (mg/1 CaCO)

CaCOn105 :g/lNAT

10'CaCOn5022 :g/lNAT

50'CaCOn10040 :g/lNAT

CaCO)100120 :g/lNAT

Cromo total disolto50 :g/l (*)NAT

Níquel disolto

Dureza da auga (mg/1 CaCO)

CaCOn5050 :g/lNAT

50'CaCOn100100 :g/lNAT

100'CaCOn200150 :g/lNAT

CaCO)200200 :g/lNAT

Chumbo disolto50 :g/lNAT

Selenio disolto1 :g/lNAT

Zinc total

Dureza da auga (mg/1 CaCO)

CaCOn1030 :g/lNAT

10'CaCOn50200 :g/lNAT

50'CaCOn100300 :g/lNAT

CaCO)100500 :g/lNAT

Cianuros totais40 :g/lNAT

Fluoruros1.7 mg/1NAT

(*) 5 :g/l como cromo VI

E) Mocrocontaminantes orgánicos de tipo tóxico.

ParámetroContido en augaSedimentos/moluscos/crustáceos

Hexaclorociclohexano0.02 :g/lNAT

Tetracloruro de carbono12 :g/lNAT

DDT (total)25 :g/lNAT

(para-para-DDT)10 :g/lNAT

Pentaclorofenol2 :g/lNAT

Aldrín10 ng/lNAT

Dieldrín10 ng/lNAT

Endrín5 ng/lNAT

Isodrín5 ng/lNAT

Hexaclorobenceno0.03 :g/lNAT

Hexaclorobutadieno0.01 :g/lNAT

Cloroformo0.12 :g/lNAT

1,2-dicloroetano10 :g/lNAT

Tricloroetileno10 :g/lNAT

Percloroetileno10 :g/lNAT

Triclorobenceno0.4 :g/lNAT

Atrazina1 :g/lNAT

Benceno30 :g/lNAT

Clorobenceno20 :g/lNAT

Diclorobenceno (R isómeros orto, meta e para)20 :g/lNAT

Etilenbenceno30 :g/lNAT

Metolacloro1 :g/lNAT

Naftaleno5 :g/lNAT

Simazina1 :g/lNAT

Terbutiazina1 :g/lNAT

Tolueno50 :g/lNAT

Tributilestaño (R compostos de butilestaño)0.02 :g/lNAT

1,1,1-Tricloroetano100 :g/lNAT

Xileno (R isómeros orto, meta e para)30 :g/lNAT

NAT: non deberán aumentar ó longo do tempo.

Anexo III

Actividades potencialmente incomaptibles no ámbito territorial das rías de Galicia pola súa perigosidade ou pola utilización de determinados elementos ou compostos.

Inclúense neste anexo aquelas actividades industriais relacionadas nos anexos I e II do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado polo Real decreto Lei 9/2000, do 6 de outubro.

Anexo IV

Límites de emisión de vertidos de augas residuais ás rías de Galicia.

ParámetroMedia

mensual

Media

diaria

Val.

punt.

Cadmio (mg/l)*0.20.40.4

Mercurio (mg/l)*0.050.10.1

Hexaclorociclohexano (mg/l)248

Tetracloruro de carbono (mg/l)1.536

DDT (mg/l)0.20.40.8

Pentaclorofenol (mg/l)123

Aldrín e derivados (mg/l)0.0020.010.02

Cloroformo (mg/l)124

ParámetroMedia

mensual

Media

diaria

Val.

punt.

Hexaclorobenceno (mg/l)124

Hexaclorobutadieno (mg/l)1.536

1,2-dicloroetano (mg/l)2.5510

Tricloroetileno (mg/l)0.512

Percloroetileno (mg/l)1.252.55

Triclorobenceno (mg/l)124

Zinc (mg/l)3610

Cobre (mg/l)0.52.54

Níquel (mg/l)3610

Cromo total (mg/l)0.524

Cromo VI (mg/l)0.20.40.5

Chumbo (mg/l)0.512

Selenio (mg/l)0.050.10.2

Arsénico (mg/l)135

Estaño (mg/l)101520

Titanio (mg/l)135

Materias sedimentables (ml/l)234

Fósforo total (mg/l)**

Nitróxeno total (mg/l)**

Materias en suspensión (mg/l)**

Demanda química de osíxeno

(mg/l)**

Demanda biolóxica de osíxeno a 5

días (mg/l)**

Outros parámetros**

* En calquera caso estas concentracións só se admitirán nos vertidos que se produzan como consecuencia do arrastre inevitable destes metais contidos nas materias primas usadas. O titular do vertido deberá demostrar que non é posible por medios técnicos dispoñibles e economicamente viables reducir estes arrastres.

** Os seus valores serán fixados especificamente na autorización de vertido correspondente. O fósforo total e o nitróxeno total fixaranse, ademais, respectando eventuais declaracións de zona sensible que afecten as rías de Galicia. O nitróxeno total equivale á suma de nitróxeno Kjeldahl total (N orgánico+NH), nitróxeno en forma de nitrato (NO) e nitróxeno en forma de nitrito (NO).