Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Martes, 07 de agosto de 2001 Páx. 10.716

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2001 pola que se convocan dous cursos de segundo nivel de iniciación ó salvamento e socorrismo acuático.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001, conforme as funcións que ten encomendadas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso de 2º nivel de perfeccionamento ó salvamento e socorrismo acuático, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dota-lo persoal voluntario de Protección Civil de Galicia que asiste ós cursos dunha formación teórico-práctica que lle facilite a realización das tarefas que teñan encomendadas.

Segunda.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros das agrupacións de voluntarios de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, que previamente superasen o curso básico de protección civil e teñan

dominio dos tres estilos de natación seguintes: crol, de brazas e de costas.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para este curso é de 27.

2. Duración e datas:

O curso terá lugar durante o ano 2001 e cunha duración de 40 horas lectivas.

O primeiro curso comezará o día 29 de setembro ata o 4 de novembro.

O segundo comezará o día 30 de setembro ó 3 de novembro.

O horario será de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas, tendo en conta a dispoñibilidade da piscina.

3. Lugar: os cursos realizaranse na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na avenida da Cultura, s/n, na Estrada.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de presentación:

1. A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta en tódolos seus recadros á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionalas en orde prioritario. Isto será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias serán enviadas por correo, fax, etc... á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, 36680, A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Nel trataranse diversos temas relacionados cos seguintes apartados:

a) Introducción. Conceptos xerais.

b) Salvamento acuático.

c) Primeiros auxilios.

d) Proba de superación do curso.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de admitidos para as probas de selección publicarase o día 20 de setembro de 2001 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades do curso. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas, determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ó remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada ós mesmos e superen as correspondentes probas prácticas.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 13 de xullo de 2001.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade