Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Venres, 03 de agosto de 2001 Páx. 10.598

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 182/2001, do 12 de xullo, polo que se declara a utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola obra de clave PO-13-14-00-01 de novo acceso ó porto de Combarro.

Con data do 30-5-2000 o presidente de Portos de Galicia aprobou tecnicamente o proxecto de novo

acceso ó porto de Combarro, no termo municipal de Poio.

Os bens e dereitos nos que e concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no devandito proxecto que se someteu a información pública.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado porque as reducidas dimensións do acceso actual, a falta de visibilidade do entronque coa estrada C-550 e o xiro á esquerda sen carril de espera fan indispensable a construcción dun novo acceso que cumpra as condicións mínimas de seguridade vial para vehículos e peóns. Deste xeito contarase cun acceso que permita o tránsito dos servicios fundamentais (bombeiros, primeiros auxilios, etc.) que coa situación actual o teñen moi complicado e incluso imposible baixo certas circunstancias.

A competencia para a declaración de urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, por aplicación do disposto no artigo segundo do Decreto 167/1982, do 1 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de portos e a súa asignación á Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas.

Por outra parte, e a teor do disposto no artigo 22 da Lei 27/1992, do 24 de novembro, modificada pola Lei 62/1997, do 26 de decembro, de portos do Estado e da mariña mercante, a aprobación dos proxectos leva implícita a declaración de utilidade pública para os fins da expropiación forzosa.

En virtude do exposto, e, en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 22 da Lei 27/1992, do 24 de novembro, modificada pola Lei 62/1997, do 26 de decembro, de portos do Estado e da mariña mercante, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de xullo de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declara-la utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios que se concretan no expediente administrativo instruido, para efectos de expropiación, no proxecto das obras de clave PO-13-14-00-01, de novo acceso ó porto de Combarro.

Santiago de Compostela, doce de xullo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda