Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Martes, 31 de xullo de 2001 Páx. 10.421

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de xullo de 2001 pola que se aproban as bases do concurso público para a adxudicación dunha praza de profesor/a de lingua e literatura galegas no colexio Vicente Cañada Blanch de Londres (Reino Unido).

A Constitución española establece que as comunidades autónomas poden asumir competencias no ensino da lingua de cada comunidade (artigo 148.17º).Esta asunción fíxoa efectiva a Comunidade Autónoma de Galicia, e así no seu Estatuto de autonomía (artigo 27.20º) recoñece como competencia exclusiva a promoción e o ensino da lingua galega, competencia que exerce non só dentro do territorio galego senón tamén con respecto ós cidadáns de Galicia que viven fóra da comunidade (artigo 21.1º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística).

Cómpre, polo tanto, promove-lo ensino da lingua, da literatura e da cultura galegas nos centros españois que, como o colexio Vicente Cañada Blanch de Londres contan entre o seu alumnado con estudiantes de orixe galega.

Por todo isto, e de acordo co establecido no convenio asinado entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e o Ministerio de Educación e Cultura (do 8 de maio de 1991) para a introducción dos estudios de lingua galega en centros españois no estranxeiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convocar un concurso público de méritos para a provisión dunha praza de profesor de lingua e literatura galegas no colexio Vicente Cañada Blanch de Londres (Reino Unido).

Artigo 2º

Aproba-las bases que rexerán este concurso e a posterior concesión desta praza, que figuran no anexo I desta orde.

Artigo 3º

Poderán participar neste concurso, os funcionarios pertencentes ó corpo de mestres que sexan ademais licenciados en filoloxía hispánica (subsección galego-portugués), filoloxía románica (subsección galaico portuguesa) ou en filoloxía galega, e mailos profesores numerarios de lingua e literatura galegas de ensino secundario con destino nun centro da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que cumpran o establecido na base primeira do anexo I desta orde.

Artigo 4º

A persoa seleccionada será nomeada en comisión de servicios para o ano académico 2001-2002, podendo ser renovado ese nomeamento, ano por ano

académico e ata un máximo de cinco, sempre que conte cos informes favorables da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e do Ministerio de Educación e Cultura.

O incumprimento manifesto das bases desta convocatoria ou os informes desfavorables da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e/ou do Ministerio de Educación e Cultura, logo da audiencia ó interesado, poderán determina-la revogación da comisión de servicios.

Artigo 5º

O profesor/a seleccionado/a recibirá as súas retribucións como funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, e percibirá tamén do Ministerio de Educación e Cultura o complemento de estranxeiría establecido (base 4ª do convenio). Calquera outro concepto (viaxes, desprazamentos, residencia, etc.) será pola súa conta.

Artigo 6º

Facúltase a comisión constituída ó amparo da base 8ª do convenio antedito para dicta-las resolucións necesarias e toma-las medidas oportunas para a execución desta orde.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Bases que rexerán a convocatoria:

Primeira.-Poderán solicitar esta praza os funcionarios do corpo de mestres licenciados en filoloxía hispánica (subsección galego-portugués), filoloxía románica (subsección galaico portuguesa) ou en filoloxía galega, e mailos profesores numerarios de lingua e literatura galegas de ensino secundario con destino nun centro da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que na data da publicación desta orde reúnan as seguintes condicións:

1. Ter unha antigüidade mínima de tres anos como funcionario do corpo de mestres e/ou profesor numerario de lingua e literatura galegas no ensino secundario (acreditable mediante a folla de servicios), e ter impartido durante eses tres anos a materia de lingua e literatura galegas (acreditable mediante nomeamento e certificación do director do centro docente).

2. Encontrarse en situación de servicio activo, nos corpos de funcionarios docentes referidos.

Segunda.-O profesor ou profesora seleccionado deberá ensina-la materia de lingua e literatura galegas en tódolos niveis educativos que se impartan no colexio Vicente Cañada Blanch, interrelacionando os seus contidos coa realidade sociocultural de Galicia e da comunidade galega en Londres. Ade

mais, seranlle aplicables as normas xerais para profesores españois no estranxeiro, así como as específicas de funcionamento do claustro do centro (base 5ª do convenio).

Terceira.

1. Para as solicitudes utilizarase o modelo de formulario que figura no anexo II desta orde e presentaranse, canda a documentación acreditativa dos méritos alegados, no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), sendo de aplicación o establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación será de vinte días hábiles, contados a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Ó formulario de solicitude haberá que lle achega-la seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI.

-Fotocopia compulsada do título administrativo de funcionario.

-Folla de servicios certificada, pechada na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

-Nomeamentos e/ou certificación do director do centro ou centros que acrediten que impartiu a materia de lingua e literatura galegas como mínimo durante tres anos.

-Currículum vitae. Non se valorarán os méritos alegados que non se acrediten suficientemente.

-Memoria na que se analicen as condicións xerais da praza que se solicita e se inclúa un proxecto de traballo adaptado a ela (5 folios como máximo).

Cuarta.-A valoración dos méritos alegados polos solicitantes e por proposta do candidato ou candidata efectuaraas unha comisión presidida polo director xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e composta ademais polos seguintes membros:

-O/a subdirector/a xeral de Cooperación Internacional do Ministerio de Educación e Cultura (ou persoa na que delegue).

-O subdirector xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-O xefe do Servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega.

-Un funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará de secretario con voz e sen voto.

A comisión presentaralle a proposta de selección ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o cal resolverá.

O contido da resolución comunicaráselle ó Ministerio de Educación e Cultura.

O prazo máximo para resolver será de catro meses, contados a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes entenderanse desestimadas de non resolverse a convocatoria no prazo anteriormente sinalado.

A antes mencionada resolución poralle fin á vía administrativa e notificaráselles ós solicitantes. Contra ela poderán interpoñer recurso potestativo de reposición diante do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso administrativo, no prazo de dous meses, diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Quinta.-Para a selección do candidato ou candidata a comisión valorará entre outros, os seguintes méritos:

-O currículum vitae.

-A análise da praza e o proxecto de traballo contidos na memoria.

-A experiencia no ensino e na organización de actividades relativas á dinamización e á difusión da lingua e literatura galegas.

-O nivel de coñecemento da lingua inglesa.

-A participación en actividades de formación do profesorado ou de potenciación do uso da lingua galega.

Sexta.-A comisión, antes de formularlle ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a proposta de nomeamento, poderá convocar para unha entrevista os solicitantes que coide oportuno.

ANEXO II

Adxudicación dunha praza de profesor de lingua e literatura galegas no colexio Vicente Cañada Blanch de Londres (Reino Unido)

Datos do solicitante: ...

Apelidos: ...

Nome: ...

NIF: ...

Enderezo: ...

Localidade: ...

Provincia: ...

Código postal: ...

Teléfono: ...

Solicita: ...

Ser admitido/a na convocatoria pública para optar a unha praza de profesor/a de lingua e literatura galegas no colexio Vicente Cañada Blanch de Lon

dres, efectuada mediante a Orde do 13 de xullo de 2001, por considerar que reúne os requisitos esixidos na propia orde de convocatoria.

Documentación que se achega canda esta solicitude (risca-lo que se entregue):-Fotocopia do DNI.-Folla de servicios.-Título administrativo de funcionario.-Nomeamentos e/ou certificación acreditativa do director do centro.-Currículum vitae, xunto cos xustificantes oportunos.-Proxecto de traballo.

..., de ... de 2001.

Sinatura do solicitante:

(Para cubrir pola Administración)

Recibido

Revisado e conforme

Data de entrada

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.