Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Venres, 27 de xullo de 2001 Páx. 10.296

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 20 de xullo de 2001 pola que se declara de interese galego a Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 13 de xullo de 2001 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 2 de xullo de 2001, pola que se clasifica como de interese benéfico-social a Fundación Centro Tecnolóxico do Mar, adscribíndoa á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto fomentar e/ou executar todas aquelas accións necesarias para unha conservación e aproveitamento responsable do medio mariño e os seus recursos, en especial no que respecta ó litoral galego, incluíndo as actividades de formación, investigación científica, desenvolvemento e innovación tecnolóxica.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Centro Tecnolóxico do Mar, ó cumpri-los seus esta

tutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.- Ordena-la inscrición da Fundación Centro Tecnolóxico do Mar no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a lle render contas anualmente ó protectorado e xustificar a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como presentarlle o proxecto de orzamento ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2001.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura