Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Xoves, 26 de xullo de 2001 Páx. 10.234

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 10 de xullo de 2001 pola que se declara de interese galego a Fundación Manuel María da Terra Chá e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Manuel María da Terra Chá, con domicilio en Guitiriz (Lugo).

Supostos de feito:

Primeiro.-Xulio Giz Ramil, na súa calidade de secretario da fundación, en escrito do 16 de marzo de 2001, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Guitiriz, o día 3 de xullo de 2000, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Luis Baciero Ruiz, co número trescentos un do seu protocolo.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Manuel María da Terra Chá, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada por Lei 11/1991, do 8 de novembro, na Lei estatal 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de

interese galego, aprobado por Decreto 248/1992, do 18 de xuño, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais, por orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 13 de xuño de 2001 (DOG nº 127, do 2 de xullo), clasificouse como de interese cultural a Fundación Manuel María da Terra Chá, en cumprimento do disposto no artigo 32.2º c) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, o obxecto da fundación é o de estimular e favorece-la cultura galega en xeral, e a da comarca da Terra Chá en especial, con decidida vocación ou especialidade orientada á literatura, o folclore, a tradición, a artesanía, as artes plásticas, o patrimonio e, en fin, canto poida ser englobado dentro da denominación de cultura.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Manuel María da Terra Chá, capacidade xurídica, composición do órgano de goberno, réxime de adopción de acordos, obxecto e domicilio.

O padroado da fundación está constituído polos membros que se designan no artigo nove dos estatutos da fundación.

Sétimo.-En cumprimento do establecido no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, con data do 9 de xullo de 2001, a Asesoría Xurídica delegada da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo emite informe favorable

sobre a legalidade da declaración de interese galego da Fundación Manuel María da Terra Chá.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime de fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como os artigos 1 e 4 do Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Manuel María da Terra Chá, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débense destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación dela.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, establecendo a obriga de, por unha parte, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra, efectuar un inventario-balance, pechado na data de finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas ó longo do ano e da xestión económica do seu patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data de peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débese entender asumido pola fundación, aínda que non se recolla expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño.

Vistas as seguintes normas xurídicas: Constitución española; Estatuto de autonomía para Galicia;

Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada por Lei 11/1988, do 20 de outubro; Lei 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral; Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada por Lei 11/1991, do 8 de novembro; Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego; Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo; Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; e demais normativa de pertinente e xeral aplicación.

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Manuel María da Terra Chá.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a composición do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto na normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a render contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da publicación. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2001.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo