Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Martes, 24 de xullo de 2001 Páx. 10.157

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

ENTE PÚBLICO PORTOS DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2001 pola que se anuncia a convocatoria de prazas de persoal laboral fixo para o ente público Portos de Galicia.

De conformidade coa Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, o Decreto 227/1995, do 20 de xullo, polo que se

aproba o Regulamento do ente público e a Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación, e segundo a delegación conferida por acordo do Consello de Administración, de data 23 de xullo de 1997, das competencias do artigo

21.3º da Lei 5/1994; resólvese convoca-lo proceso selectivo para o ingreso no cadro de persoal laboral fixo do ente público Portos de Galicia de acordo coas seguintes bases da convocatoria:

1. Xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir 9 prazas de enxeñeiros de camiños, canles e portos.

1.2. O procedemento de selección será o concurso-oposición, cos exercicios, probas, sistemas de cualificación, temario, baremo e relación de méritos que se especifican nestas bases.

1.3. A adxudicación da praza ó aspirante que supere o proceso selectivo efectuarase de acordo coas puntuacións totais obtidas nas fases do proceso de selección.

1.4. O primeiro exercicio da oposición realizarase transcorrido, como mínimo, un mes desde a publicación no Diario Oficial de Galicia da presente convocatoria, expoñéndose a data deste exercicio así como dos seguintes no taboleiro de anuncios dos servicios centrais de Portos de Galicia.

1.5. O aspirante ó que lle sexa adxudicada a praza será contratado en réxime laboral fixo. A formalización do contrato e a incorporación definitiva dos seleccionados producirase segundo as necesidades de Portos de Galicia.

1.6. En cumprimento das previsións da Lei de normalización lingüística de Galicia; os aspirantes seleccionados que non acrediten no momento da presentación da documentación necesaria para a súa contratación, a posesión de diploma acreditativo do nivel de perfeccionamento no coñecemento da lingua galega, deberán realizar os cursos que para tal efecto sexan convocados e conten coa homologación da Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

2. Requisitos mínimos de admisión dos candidatos.

2.1. Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea, ou nacional do Reino de Noruega, ou nacional da República de Islandia.

Tamén poderán participa-lo cónxuxe, ascendentes e descendentes de cónxuxe, dos españois e dos nacionais de países membros da Unión Europea, de Noruega ou de Islandia, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores da devandita idade que vivan ás súas expensas.

Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros estados cando así se prevexa nos tratados internacionais celebrados pola Comunidade Europea e ratificados por España.

2.2. Ter cumpridos os dezaoito (18) anos de idade.

2.3. Estar en posesión ou en condicións de obte-lo título de enxeñeiro de camiños, canles e portos.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberá estarse en posesión de documento que acredite fidedignamente a súa homologación.

2.4. Posuí-la capacidade funcional física e psíquica para o desempeño das tarefas e funcións correspondentes á vacante á que se opta, para o que presentará un certificado médico acreditativo se resulta seleccionado.

2.5. Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin atoparse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

Os aspirantes que non posúan nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

2.6. Tódolos requisitos deberán posuírse no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata o momento de incorporarse a ocupa-la praza logo do asinamento do correspondente contrato.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe tomar parte no concurso-oposición deberá presentar solicitude, en instancia axustada ó modelo que figura como anexo II da presente resolución, xuntando ademais:

-Fotocopia do DNI.

Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar unha fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de se-lo caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado co que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán achegar declaración xurada ou promesa deste de que non está separado de dereito do seu cónxuxe e, de se-lo caso, do feito de que o aspirante vive a expensas ou está ó seu cargo.

-Xustificante emitido pola entidade bancaria que corresponda de ter pagados os dereitos de exame.

-Documentación acreditativa, se é o caso, dos méritos que se aleguen para a súa valoración, ben orixinal ou fotocopia compulsada. Acreditarase a experiencia con historial completo da Seguridade Social ou con certificado de empresa.

3.2. Reixetaranse todas aquelas instancias que non acheguen os documentos acreditativos dos requisitos esixidos para o acceso ó concurso-oposición e mailo aboamento dos dereitos de exame. Non se admitirán copias simples para acreditar méritos ou cumprir requisitos.

3.3. O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes dirixidas ó presidente do ente público Portos de Galicia, presentaranse no rexistro xeral do ente público, (praza de Europa nº 5A- 6ºB, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña ) ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3.4. Por imperativo legal, de conformidade co disposto no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, a Lei 4/2000 de orzamentos para o ano 2001 e demais normativa de taxas da Comunidade Autónoma de Galicia, os dereitos de exame serán de sete mil setecentas cincuenta e cinco (7.755) pesetas, que se ingresarán na conta aberta por Portos de Galicia na Caixa Galicia, Polígono das Fontiñas (Área Central), Santiago de Compostela, conta Portos de Galicia, concurso-oposición nº 2091 0394 87 3040004217; o xustificante de ingreso servirá para acredita-lo pagamento. Estes dereitos destinaranse ó pagamento de cantos gastos se orixinen por mor desta convocatoria.

3.5. En ningún caso a presentación do xustificante de pagamento dos dereitos de exame suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

3.6. O importe satisfeito en concepto de dereitos de exame devolveráselles, logo dos trámites correspondentes, ós aspirantes excluídos que o soliciten.

3.7. Portos de Galicia reserva para si a facultade de comproba-la veracidade dos documentos achegados polos aspirantes.

3.8. A presentación de solicitudes supón a aceptación incondicionada das bases reguladoras da convocatoria.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Esgotado o prazo de presentación de solicitudes, ós 20 días seguintes e por mandato do presidente de Portos de Galicia, exporase no taboleiro de anuncios dos servicios centrais deste ente público, a lista provisional de admitidos e excluídos ó proceso selectivo; respecto destes últimos farase constar na devandita lista a causa da súa exclusión.

4.2. Os aspirantes excluídos poderán presentar documentación complementaria perante o presidente de Portos de Galicia no prazo de 10 días contados a partir do seguinte ó da publicación da lista provisional de admitidos e excluídos, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivase a exclusión. Para tal efecto, a estimación ou desestimación das ditas peticións de emendas entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a lista definitiva.

4.3. Os erros de feito poderanse emendar en calquera momento, ben de oficio ben por instancia do interesado.

4.4. Unha vez transcorrido o dito prazo, o presidente de Portos de Galicia dictará resolución coa lista definitiva de admitidos e excluídos, contra a que se poderá interpoñer, no prazo dun mes, recurso potestativo de reposición, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A citada resolución será exposta, para os efectos de publicidade, no taboleiro de anuncios dos servicios centrais de Portos de Galicia, xunto coa indi

cación do lugar e data na que comezarán as probas, ás que deberán asisti-los candidatos provistos de DNI.

4.5. O feito de figurar na relación de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos no procedemento que se convoca mediante a presente resolución. Cando da documentación que se debe presentar no caso de supera-lo procedemento selectivo se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os interesados decaerán en tódolos dereitos que puideran derivarse da súa participación neste procedemento.

5. Comisión de selección.

5.1. A selección será efectuada por unha comisión designada para o efecto.

5.2. O presidente de Portos de Galicia designará os membros da comisión de selección, excepto o representante dos traballadores que será nomeado por proposta dos delegados de persoal do ente público.

A resolución pola que se determina a composición nominal da comisión de selección, segundo o previsto no parágrafo anterior, será exposta, con anterioridade á data fixada para o primeiro exercicio, no taboleiro de anuncios dos servicios centrais de Portos de Galicia. A designación nominal dos membros da comisión de selección incluirá a dos respectivos suplentes.

5.3. A Comisión de Selección estará composta por cinco membros coa seguinte distribución:

Presidente: o presidente de Portos de Galicia.

Secretario: un técnico do cadro de persoal de Portos de Galicia

Vocais:

Un técnico empregado do ente público.

Un técnico alleo a Portos de Galicia.

Un representante dos traballadores empregado do ente público.

5.4. Tódolos membros da comisión de selección actuarán con voz e voto.

5.5. Os membros da comisión de selección deberán absterse de formar parte dela cando concorran as circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e notificaranllo ó presidente da comisión. Os aspirantes poderán recusalos de acordo co artigo 29 da devandita Lei 30/1992.

O presidente da comisión poderá solicitarlles ós membros da mesma declaración expresa de non atoparse incursos nas causas de abstención e recusación.

5.6. A comisión de selección non poderá constituírse nin actuar se non están presentes o presidente e o secretario e polo menos dous dos seus vocais.

As decisións adoptaranse por maioría dos membros presentes, resolvendo en caso de empate o voto de calidade do presidente.

5.7. A comisión de selección queda facultada para resolver as dúbidas que xurdan da aplicación destas bases e poderá adopta-los os acordos que correspondan para aqueles supostos non previstos nas bases; axustándose na súa actuación ás previsións da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5.8. Funcións dos tribunais:

-Elabora-las probas e garanti-lo seu segredo.

-Avalia-las probas e outorgarlles cualificación os aspirantes segundo as normas desta convocatoria.

-Formalizar, mediante actas, todo o proceso de concurso-oposición e mailo resultado final que será remitido ó presidente de Portos de Galicia mediante certificación do secretario da comisión da lista de aspirantes por orde de cualificación, da máis alta á máis baixa.

-No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes estas resolveranse pola puntuación obtida na primeira proba, e se iso non fora suficiente, pola puntuación obtida nos sucesivos exercicios ata que se resolva. De persisti-lo empate resolverase por orde alfabética, de acordo co sorteo de letra vixente que para os efectos da realización de procedementos de selección na Administración pública sexa publicado no DOG.

5.9. Sede da comisión de selección:

Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, a comisión terá a súa sede na praza de Europa nº 5 A, 6º B, 15707 Santiago de Compostela. Teléfono 981 54 45 02, fax 981 54 53 37.

5.10. A comisión de selección que actúe nestas probas selectivas terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio.

6. Oposición: desenvolvemento das probas.

6.1. Establécense tres tipos de probas, que se realizarán pola orde seguinte: teórica, práctica e entrevista persoal.

6.2. Teórica:

6.2.1. Consistirá no desenvolvemento duns temas sobre aspectos directamente relacionados coas funcións e obrigas das vacantes convocadas. O temario que corresponde á categoría consta no anexo I desta convocatoria.

6.2.2. O cuestionario do exame será o resultante do sorteo entre tres cuestionarios correspondentes ó contido do programa. O tempo máximo de duración será de tres horas.

6.3. Práctica:

Consistirá na realización por escrito dun exercicio práctico tamén relacionado cos contidos do temario, elixido por sorteo de entre dous presentados pola

comisión de selección e para o que se lles facilitará ós aspirantes o material e os medios que a xuízo desta sexan necesarios para a súa resolución, non podendo ser utilizado ningún outro material de consulta e axuda por parte dos aspirantes.

O tempo máximo de duración desta proba será de catro horas.

6.4. Entrevista persoal:

Valorarase calidades como son a capacidade de relación e iniciativa, a capacidade de liderado e integración en grupos de traballo, de coordinación e en xeral a aptitude do candidato para exerce-las súas responsabilidades dentro dunha organización complexa.

6.5. As probas teórica e práctica serán de carácter eliminatorio para aqueles aspirantes que non acaden, entre ámbalas dúas a cualificación mínima de 20 puntos, avaliándose de cero a 30 o exercicio teórico e de 0 a 10 o exercicio práctico. A entrevista persoal valorarase de 0 a 10 puntos.

6.6. As puntuacións expoñerase no taboleiro de anuncios dos servicios centrais de Portos de Galicia rematada a corrección da totalidade dos exercicios de cada proba.

6.7. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en chamamento único e será excluído quen non compareza, podéndose considera-los casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente apreciados polo tribunal. Os anuncios para a realización dos exercicios faranos públicos a comisión de selección na súa sede, con corenta e oito (48) horas de antelación como mínimo ó seu comezo.

6.8. As probas realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a dos aspirantes, membros da comisión de selección e a dos colaboradores designados por esta.

7. Concurso: baremo de méritos.

7.1. A comisión de selección avaliará os méritos que con motivo da súa experiencia laboral acrediten os aspirantes que teñan superada a oposición.

7.2. Experiencia acreditada, ata un máximo de 5 puntos:

-Nun posto de traballo no ente público Portos de Galicia, na categoría profesional de enxeñeiro de camiños, canles e portos: 1 punto por ano traballado ou fracción.

-Nun posto de traballo da mesma categoría profesional desempeñando os servicios de enxeñeiro de camiño, canles e portos nas Administración públicas, en empresas ou sociedades públicas que xestionen portos marítimos: 0,50 puntos por ano traballado ou fracción.

7.3. Os méritos enumerados deberán referirse á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

7.4. A baremación desta fase de concurso será feita pública no taboleiro de anuncios dos servicios centrais de Portos de Galicia, con indicación da puntuación obtida por cada aspirante. Contra a baremación, os aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación perante a propia comisión de selección no prazo de dez (10) días hábiles a partir da exposición da dita baremación.

7.5. Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, se é o caso, as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, a comisión de selección as incluirá no acordo definitivo que conteña a relación de aspirantes que superaron o proceso selectivo.

8. Contratación laboral e período de proba.

8.1. Portos de Galicia, de acordo cos resultados do concurso-oposición e no suposto de haber aspirantes que superasen os mínimos esixibles establecidos nesta convocatoria, procederá á contratación con carácter fixo ata o número de vacantes fixadas no concurso-oposición, dentro do grupo de aspirantes que propoña a comisión de selección, a cal non poderá declarar que superaron as probas de selección un número de aspirantes superior ó dos postos convocados.

8.2. Para os efectos da súa contratación, e por requirimento de Portos de Galicia, os aspirantes seleccionados deberán presentar no prazo de 20 días naturais os seguintes documentos:

8.2.1. Fotocopia compulsada do título esixido ou certificación académica que acredite ter realizados tódolos estudios para a obtención do título, ou de se-lo caso, documento que acredite fidedignamente a posesión do correspondente título académico.

8.2.2. Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin atoparse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.

8.2.3. Deberá presentarse certificado médico oficial no que se acrediten os extremos sinalados no punto 2.4.

8.3. Os que dentro do prazo fixado, salvo os casos de forza maior, non presentasen a documentación, ou do exame desta se deducira que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderán ser contratados, e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

8.4. Os aspirantes que obteñan praza deberán incorporarse no prazo máximo de 3 días desde a notificación, salvo casos de forza maior debidamente xustificados; de non se efectuar entenderase como renuncia tácita ó seu posto de traballo.

8.5. Tódalas contratacións para ocupar vacantes do cadro de persoal fixo estarán sometidas a un tempo de proba de seis meses.

8.6. O desempeño de calquera posto de traballo en Portos de Galicia estará sometido ás incompatibilidades previstas na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ó servicio das administracións públicas.

9. Recursos.

A presente convocatoria e as súas bases poderán ser impugnados ante a xurisdicción contencioso-administrativa nos casos e na forma establecida na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, de acordo coa Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, e no seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Decreto 227/1995, do 20 de xullo, así como a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (LRXAP-PAC).

Así mesmo, os interesados poderán interpor recurso de alzada contra os actos da comisión de selección ante o presidente do ente público Portos de Galicia nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da devandita Lei 30/1992, de RXAP-PAC.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2001.

Emilio García Gallego

Presidente do ente público Portos de Galicia

ANEXO I

Temario para a categoría de enxeñeiro de camiños, canles e portos que rexerá nas probas selectivas para o ingreso no ente público Portos de Galicia.

1. Dereito constitucional: A Constitución Española. Estructura e principios xerais, os dereitos e deberes fundamentais dos españois. Organización territorial do Estado.

2. Dereito autonómico: o Estatuto de autonomía de Galicia. Competencias da Comunidade Autónoma. O Goberno da Comunidade Autónoma. A Xunta de Galicia e o seu presidente. O Parlamento de Galicia. Control parlamentario da acción do Goberno. O Valedor do Pobo.

3. A Administración pública da Comunidade Autónoma. O Consello da Xunta. Composición e funcións. Os conselleiros: estatuto persoal e atribucións. A Administración periférica das consellerías.

4. O procedemento administrativo. A Lei de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común. Ámbito de aplicación e principios informadores. Fases. Iniciación, ordenación, instrucción e terminación. Os recursos administrativos, concepto e clases. Requisitos.

5. Os proxectos de obras. A súa autorización. Anteproxectos e estudios previos. Estructura do proxecto. Pregos de cláusulas administrativas: xerais e par

ticulares. As normas técnicas e os pregos de condicións técnicas. O replanteo.

6. Os contratos administrativos e as súas clases. Formas de contratación. Contido e efectos dos contratos administrativos. Risco e ventura e forza maior na contratación administrativa

7. A execución do contrato de obra. Réxime de relacións co contratista. Modificación do contrato. Suspensión das obras. Revisión de prezos. Recepción e liquidación. Resolución, rescisión e renuncia.

8. A expropiación forzosa. Potestade expropiatoria. Natureza e xustificación. Suxeitos, obxecto e causa. Procedemento xeral expropiatorio. Garantías xurisdiccionais.

9. A responsabilidade patrimonial da Administración. Características do sistema vixente. Lesión determinante, suxeitos impugnables e causas de imputación. A extensión da reparación. A acción de responsabilidade.

10. O gasto público: concepto e réxime xurídico. Clasificacións. Principios constitucionais na materia. Limitación dos créditos orzamentarios para gastos. Procedemento de execución do gasto público. As subvencións: réxime xurídico. O Tribunal de Contas.

11. A xestión económica financeira pública de Galicia. A facenda e o patrimonio da Comunidade Autónoma. Os orzamentos da Comunidade Autónoma. O control orzamentario. O Consello de Contas.

12. Planificación portuaria: análise da situación actual. Estatísticas portuarias. Previsións de tráfico. Definicións das necesidades de infraestructuras e equipamento. Criterios económicos. Programación de investimentos.

13. Obras portuarias exteriores. Diques de abrigo, criterios de selección, métodos constructivos. Atracadas e instalacións non abrigadas. Estudios económicos. Determinación da onda de cálculo: análise de risco e análise determinista.

14. Obras portuarias interiores: obras de atracada, tipoloxía, criterios de deseño. Recheos e pavimentacións. Equipos de carga, descarga e manipulación de mercadorías. Criterios de selección.

15. Obras de dragados: obxectivos, métodos e tipos de dragaxe, criterios de selección. Obras de construcción e reparación de buques.

16. A operación portuaria. Decreto lei de estiba e desestiba e disposicións que o desenvolven. Manipulación de mercadorías. Terminais especializadas. Mercadorías perigosas. Estructura tarifaria e análise de custos.

17. Organización portuaria: referencias internacionais. Autoridade portuaria e as súas modalidades. A Administración portuaria en Galicia: Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia e o seu regulamento.

18. A administración portuaria do Estado. Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos de Estado e da mariña mercante. Organización, planificación e xestión dos portos do Estado. O ente público Portos del Estado.

19. Réxime económico financeiro dos portos: referencias internacionais. Financiamento dos portos españois. Tarifas e cánones, normativa aplicable. Casos dos portos da competencia da Comunidade Autónoma galega. Criterios de rendibilidade.

20. A Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas e o Regulamento para o seu desenvolvemento e execución. Bens do dominio público marítimo terrestre: clasificación e definicións e o seu réxime de utilización. Limitacións de propiedade sobre os terreos contiguos á ribeira do mar. Infraccións e sancións.

21. Enxeñería de costas: dinámica litoral. Defensa e rexeneración de costas e praias: criterios de deseño. Paseos marítimos. Xustificación, criterios de deseño.

22. Sinais marítimos. Criterios para unha planificación da sinalización marítima. Organización do servicio. Sistema de axuda á navegación. Clases e criterios de deseño.

23. Análise de proxectos de investimento. Avaliación económica de proxectos. Identificación de custos e beneficios. Rendibilidade económica e social. Análise multicriterios. Aspectos financeiros de análise de proxectos. Técnicas de medida de valores e análise.

24. O control de calidade. Normativa técnica. Control de calidade nos pregos de condicións. Calidade de materias e de execución. Laboratorio de control de obras. Probas finais e recepción.

25. Programación de traballo. Preparación lineal e dinámica. Técnicas de programación de actividades de obra. Control e seguimento do traballo.

26. Seguridade e saúde na construcción e nas obras públicas. Disposicións vixentes. Órganos competentes en materia de seguridade e saúde. Responsabilidades.

27. Marco legal e institucional para a xestión do medio ambiente en España. Normas adicionais de xestión na Comunidade Autónoma de Galicia.

28. Interpretación no campo internacional. Organismos activos e convenios internacionais de aplicación ó ambiente. Principais directivas da CEE en materia ambiental. A Directiva 85/337/C modificada pola 97/11/CEE sobre a avaliación de impactos sobre o ambiente de certas obras públicas e privadas.