Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Martes, 17 de xullo de 2001 Páx. 9.685

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2001 pola que se convocan unhas Xornadas sobre violencia doméstica.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2001 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración co Concello de Sada (A Coruña), unhas Xornadas sobre violencia doméstica; convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A sociedade española foi tomando consciencia paulatinamente non só da violencia doméstica como mal social xeneralizado, na que a súa víctima propiciatoria máis frecuente é a muller, senón tamén da auténtica gravidade que este problema comporta. Na actualidade, as agresións á muller superaron as fronteiras do fogar e pasaron a ser consideradas como un atentado cara á propia sociedade e un ataque ó corazón da democracia.

Por isto, faise necesario insistir na sensibilización da sociedade fronte a este fenómeno, que non é novo, pero que empeza a coñecerse mellor, porque funcionan mellor os mecanismos de alerta e cambiou o talante das mulleres maltratadas que saíron do silencio e denuncian os maltratos sen reservas nin medo, sen a tradicional resignación a seguir sendo golpeadas unha e outra vez.

O Goberno, consciente desta necesidade, elaborou, en colaboración coas comunidades autónomas e a Federación de Municipios e Provincias, o Plan de Acción contra a Violencia Doméstica 1998-2000, onde recolle os obxectivos e medidas que no ámbito das súas competencias considera necesario que se vaian poñendo en marcha para erradicala e facer posible a resposta social adecuada que sirva para palia-los efectos prexudiciais padecidos polas víctimas destas agresións.

A análise deste fenómeno social para procura-la súa solución e se fora posible, previr que xurda, é aquí e agora o tema destas xornadas, nas cales se convocaron para pensar xuntos non só xuristas, avogados, fiscais, xuíces, senón sociólogos e psicólogos polo carácter pluridisciplinar do problema.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-A violencia familiar como fenómeno criminolóxico. Factores sociais e xurídicos.

-A violencia familiar no ámbito do dereito civil.

-O delicto de acoso sexual: entre os límites da necesidade e o desconcerto.

-A violencia doméstica na súa dimensión penal.

-A organización xudicial fronte ó reto da violencia doméstica. A posición do Ministerio Fiscal.

-A análise sociolóxica da violencia no ámbito familiar.

-Propostas para unha reforma legal integral en materia de violencia doméstica.

-O acoso sexual na súa perspectiva constitucional.

-A violencia intrafamiliar.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Casa da Cultura de Sada (A Coruña), (avda. do Porto, s/n, da citada localidade) os días 23 e 24 de xullo de 2001.

5. Inscrición.

-Prazo: remata ás 10.30 horas do mesmo día de comezo destas xornadas.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa admisión, chamando por teléfono, ata o mesmo día do comezo das xornadas, de 8.30 a 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40, ou no mostrador de recollida da documentación na sede desta actividade.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública