Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 13 de xullo de 2001 Páx. 9.485

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 7/2001, do 2 de xullo, de control en materia de creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudios na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do disposto no artigo 31 do Estatuto de autonomía, ten competencia plena para a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, incluíndo, polo tanto, os estudios universitarios. Esta competencia desenvólvese nos termos previstos no Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro, sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia dos servicios e institucións e medios persoais, materiais e orzamentarios en materia de universidades. Pola súa banda, a Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, establece no seu artigo 9.2º que a autorización de estudios e a creación e supresión de centros universitarios é unha competencia propia da Comunidade Autónoma, por proposta do consello social da respectiva universidade e logo do informe do Consello de Universidades.

Posteriormente, a Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, establece, no seu artigo 11, que a coordinación e maila planificación do sistema universitario de Galicia lle corresponden á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que contará para estes efectos co Consello Universitario de Galicia como órgano de asesoramento e consulta, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 5/1987, do 27 de maio, do Consello Social da Universidade e do Consello Universitario de Galicia.

O Ministerio de Educación e Ciencia, no Real decreto 557/1991, do 12 de abril, estableceu as condicións para crear e recoñecer centros universitarios, públicos e privados, que impartan estudios con carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, ou conducentes a títulos conformes a sistemas vixentes no estranxeiro, xa sexan estes homologados, non homologados ou homologables cos do sistema educativo español.

Na súa virtude, a Comunidade Autónoma de Galicia regulou as directrices propias encamiñadas a mante-las propias competencias, publicando o Decreto 259/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o procedemento para creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorizacións de estudios en Galicia.

En función desta disposición, calquera entidade que pretenda a creación, o recoñecemento ou a adscrición dun centro universitario, ou a implantación de estudios deste nivel na Comunidade Autónoma de Galicia, necesita da previa autorización da Comu

nidade Autónoma, logo do informe consultivo do Consello Universitario de Galicia.

Os esforzos para conseguir un ensino universitario de calidade que se fan desde a administración, as universidades e as entidades promotoras autorizadas deben obte-la correspondente rendibilidade, polo que se fai necesario promulgar unha lei que vele pola calidade do sistema universitario e que ampare, simultaneamente, os dereitos dos alumnos e os intereses dos empresarios e profesionais do sector e que sexa, ó mesmo tempo, un instrumento útil para evita-las actividades non autorizadas.

A problemática que xorde coas institucións que están a actuar á marxe da lei vén determinada pola ausencia, tanto a nivel estatal coma autonómico, dunha lexislación sancionadora coa que facerlle fronte á impartición de estudios universitarios sen contar coa preceptiva autorización, normativa que debe recolle-la correspondente sanción administrativa, de xeito que se puidese abri-lo correspondente expediente sancionador e se requirise a estas institucións para cesar na súa actividade.

Por outra banda, o artigo 127 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, establece que a potestade sancionadora das administracións públicas que recoñece a Constitución se exercerá cando fose expresamente atribuída por unha norma con rango de lei. A regulación por lei formal da materia sancionadora de ensino de nivel universitario na Comunidade Autónoma de Galicia fai efectivo o principio de tipicidade e legalidade de infraccións administrativas, regulando as infraccións e as súas correspondentes sancións.

O sentido finalista que toda norma sancionadora de carácter administrativo debe procurar é un criterio sostido de forma reiterada e constante na xurisprudencia do Tribunal Constitucional. Coherente con iso, esta lei ten como finalidade conseguir unha adecuada protección da calidade no sistema universitario de Galicia. Con esta nova lei garántese a eficacia no procedemento, ó mesmo tempo que se regula un proceso áxil e non dilatorio, que respecta os principios que o Tribunal Constitucional consagra e que deben estar presentes neste tipo de normas sancionadoras, como son a audiencia do interesado, a proposta de probas ou a presunción de inocencia. O carácter pragmático que se pretende con este novo texto reflíctese ó ter en conta os criterios que modulan e gradúan as sancións.

Esta norma respecta, en fin, os principios de legalidade, tipicidade, non bis in idem, proporcionalidade, libre acceso á tutela xudicial e ás garantías procedementais e os principios definidores e limitadores da potestade sancionadora dos poderes públicos, ó tempo que non supón ningunha invasión das competencias doutras áreas da administración.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de control en materia de creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudios na Comunidade Autónoma de Galicia.

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto da lei.

1. Esta lei ten por obxecto tipifica-las infraccións e sancións en materia de creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudios na Comunidade Autónoma de Galicia, así como establece-lo procedemento sancionador aplicable.

2. As infraccións cometidas neste ámbito serán sancionadas na vía administrativa de acordo coas normas do procedemento sancionador, con suxeición a esta lei e ás normas regulamentarias que a desenvolvan.

3. Cando os feitos cometidos ou a omisión de actos debidos poidan ser constitutivos de ilícito penal, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poñeraos en coñecemento das autoridades competentes e absterase de resolver mentres que estas non dicten unha sentencia firme ou unha resolución que poña fin ó procedemento, sen prexuízo do exercicio das accións civís que correspondan.

Artigo 2º.-Suxeitos responsables administrativamente.

1. Serán suxeitos responsables administrativamente das infraccións en materia de creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudios na Comunidade Autónoma de Galicia as persoas físicas e xurídicas que incorran nas accións ou omisións tipificadas como infraccións nesta lei.

2. Cando o incumprimento das obrigas impostas polo ordenamento xurídico así como das tipificadas como infraccións nesta lei sexa atribuíble a varias persoas físicas ou xurídicas, responderán de forma solidaria das infraccións que, se é o caso, se cometan e das sancións que se impoñan.

3. Os titulares de empresas ou entidades promotoras serán responsables administrativamente das infraccións cometidas por calquera persoa afecta a elas, sen prexuízo das accións que puidesen exercerse en dereito sobre as persoas que cometesen a infracción para o resarcimento que corresponda.

4. Quen exerza na entidade cargos de administración ou dirección será responsable das infraccións cando estas sexan imputables á súa conducta dolosa ou neglixente.

CAPÍTULO II

Inspección de estudios universitarios

Artigo 3º.-Inspección de estudios universitarios.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria exercerá a inspección das universidades, centros universitarios, centros adscritos e centros estranxeiros que desenvolvan a súa actividade no ámbito territorial propio da competencia da Administración galega.

2. Ó amparo do disposto no artigo 20 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, dentro do corpo superior da Administración da Xunta, grupo A, créase a escala de inspección de estudios universitarios.

3. A escala de inspección de estudios universitarios dependerá funcionalmente da consellería correspondente.

4. As funcións da escala de inspección serán exercidas polos inspectores de estudios universitarios.

5. Para o acceso á dita escala será imprescindible estar en posesión de calquera das titulacións requiridas para o ingreso no corpo superior da Administración da Xunta de Galicia.

6. Os inspectores teñen o carácter de axentes da autoridade e gozarán como tal da protección e das facultades que para estes efectos lles concede a lexislación vixente. No exercicio da súa actividade, estarán dotados da correspondente acreditación, que exhibirán no exercicio das súas funcións.

7. Os actos ou feitos constatados na inspección reflectiranse nunha acta normalizada no modo que se determine regulamentariamente. As actas de inspección que estendan terán presunción de veracidade, sen prexuízo de proba en contrario das admitidas en dereito.

8. As funcións da escala de inspección de estudios universitarios serán as seguintes:

a) A comprobación e o control do cumprimento das disposicións e normativa vixente en materia de estudios universitarios.

b) A emisión dos informes técnicos que lle solicite a Administración universitaria autonómica.

c) O asesoramento á Dirección Xeral de Universidades nas materias relacionadas co ámbito desta lei.

d) Calquera outra función que se estableza por vía regulamentaria.

9. Desenvolveranse por decreto a organización e o funcionamento da escala de inspección de estudios universitarios.

Artigo 4º.-Obrigas dos administrados.

1. As universidades, os representantes ou titulares das empresas ou entidades promotoras ou, no seu defecto, os seus empregados debidamente autorizados están obrigados a facilitarlles ós funcionarios da Consellería de Educación e Ordenación Univer

sitaria o acceso ás dependencias e instalacións da entidade para o exame de documentos, libros e rexistros que estean relacionados coa súa actividade.

2. Se non estivese presente o titular ou representante autorizado, deixaranlle á persoa que estea presente requirimento, advertindo que no prazo de vintecatro horas se procederá a realiza-la inspección, que deberá ser facilitada por calquera persoa relacionada coa entidade presente nese momento.

3. Están tamén obrigados a facilita-la obtención de copias ou reproduccións da documentación á que fai referencia o apartado 1 deste artigo.

4. Se por requirimento da administración se achega algún documento, este irá asinado por unha persoa con facultade de representar á empresa ou entidade promotora.

5. Os estudiantes que se matriculen en estudios autorizados na Comunidade Autónoma pero non homologados en España asinarán unha declaración explícita de coñecemento desa condición.

CAPÍTULO III

Da tipificación e cualificación das infraccións

Artigo 5º.-Infraccións.

1. Son infraccións en materia de estudios universitarios as accións e omisións tipificadas nesta lei.

2. As infraccións administrativas á normativa en materia de estudios universitarios na Comunidade Autónoma de Galicia cualifícanse como moi graves, graves e leves, en función da natureza da contravención, da súa transcendencia e repercusión e, se é o caso, da reincidencia nas mesmas conductas sancionables.

3. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, cando comprobe, no exercicio das súas funcións, a existencia de posibles infraccións administrativas en materias competencia doutros órganos administrativos, daralles conta delas, para os efectos pertinentes. Igualmente, as posibles infraccións en materia de creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudios na Comunidade Autónoma de Galicia detectadas por outros órganos da Xunta de Galicia, actuando no ámbito das súas competencias, seranlle comunicadas á Dirección Xeral de Universidades, que actuará no ámbito das súas competencias.

4. Desenvolveranse por decreto as infraccións previstas nesta lei.

Artigo 6º.-Infraccións moi graves.

Terán a consideración de infraccións de carácter moi grave:

a) A impartición, sen a preceptiva autorización, de estudios universitarios na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A posta en funcionamento ou o cesamento das actividades dun centro ou universidade sen obter

previamente a autorización administrativa pertinente.

c) A publicidade enganosa respecto da existencia de autorización para a impartición de estudios universitarios ou das condicións dela.

d) O incumprimento por parte das universidades, posteriormente ó inicio das súas actividades, da normativa aplicable.

e) O incumprimento por parte dos centros estranxeiros autorizados das condicións xerais aplicables.

f) A falta de veracidade na memoria xustificativa dos anexos do Decreto 259/1994 que fose determinante na concesión da autorización.

g) O incumprimento dos índices de calidade establecidos no anexo IV do Decreto 259/1994 no referente ó persoal docente e ós espacios docentes e investigadores.

h) Acoller nas instalacións autorizadas para ensinanzas de distinto nivel estudios de nivel universitario.

i) Sen prexuízo das actuacións que a universidade pública ou privada poida levar a cabo fronte á entidade que actúa no seu nome sen autorización, a dita actuación poderá ser sancionada pola Administración educativa se resulta incardinada nalgunha das demais conductas tipificadas ó non contar coa autorización correspondente.

j) O impedimento, a obstrucción ou a dificultade presentada para o exercicio das funcións de inspección e seguimento polos servicios de inspección de estudios universitarios da Xunta de Galicia da actividade dos centros.

k) A reincidencia nas infraccións graves.

1) As accións e omisións previstas no apartado seguinte, sempre que o incumprimento ou os prexuízos fosen moi graves.

Artigo 7º.-Infraccións graves.

Terán a consideración de infraccións de carácter grave:

a) A extralimitación da autorización concedida.

b) O incumprimento dos índices de calidade establecidos no anexo IV do Decreto 259/1994 no referente ó persoal de administración e servicios e ós espacios e servicios comúns.

c) A inexistencia dos servicios comúns esixidos no anexo IV do Decreto 259/1994.

d) A utilización por persoas físicas ou xurídicas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de denominacións que polo seu significado poidan inducir a confusión cos centros e ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios oficiais.

e) A omisión, na publicidade e nas certificacións que expida a entidade promotora respecto de estudios non homologados, aínda que autorizados e cur

sados en Galicia, da indicación de se teñen ou non o carácter e a validez oficial que recoñece a Lei orgánica de reforma universitaria.

f) A reincidencia nas infraccións leves.

g) As accións e omisións previstas no apartado seguinte, sempre que o incumprimento ou os prexuízos fosen graves.

Artigo 8º.-Infraccións leves.

Terán a consideración de infraccións de carácter leve:

a) A impartición de estudios universitarios sen a autorización que para a posta en funcionamento debe expedi-la administración, unha vez que consten no expediente tódolos informes favorables e estando pendente da publicación a norma que o autorice.

b) Calquera outras infraccións en materia de estudios universitarios que non teña a consideración de graves ou moi graves.

CAPÍTULO IV

As sancións

Artigo 9º.-Determinación das sancións.

As infraccións ás que se refire esta lei darán lugar á imposición das sancións previstas neste capítulo.

Artigo 10º.-Sancións.

1. As infraccións establecidas nos artigos anteriores serán sancionadas:

a) As infraccións moi graves, con multa de 25 a 75 millóns de pesetas.

b) As infraccións graves, con multa de 5 a 25 millóns de pesetas.

c) As infraccións leves, con apercibimento por escrito ou multa de ata 5 millóns de pesetas.

2. En calquera caso, as infraccións graves e moi graves poderán levar aparelladas como accesorias as seguintes sancións:

a) O peche total ou parcial das instalacións.

b) A revogación da autorización e/ou a suspensión da actividade cando a infracción supoña un notorio prexuízo para o sistema universitario de Galicia ou danos irreparables ós alumnos.

c) A inhabilitación total ou parcial para o desenvolvemento de funcións e actividades similares.

3. No caso de infraccións graves e moi graves, independentemente das sancións impostas, o órgano sancionador poderá propoñerlle á autoridade correspondente:

a) A inhabilitación da empresa sancionada para contratar coa Xunta de Galicia.

b) A supresión, cancelación ou suspensión total ou parcial das axudas oficiais, tales como créditos, subvencións ou outras que tivese recoñecidas ou que solicitase a empresa sancionada.

4. Se é o caso, cando estean en tramitación da preceptiva normativa, non se considerará sanción o peche das instalacións ou a suspensión da actividade.

Artigo 11º.-Graduación da sanción.

1. Na graduación da sanción teranse en conta, entre outros, os prexuízos ocasionados ós alumnos, a natureza da infracción e da disposición infrinxida, o beneficio ilícito obtido, a transcendencia social da infracción, a neglixencia, a existencia de intencionalidade, o incumprimento dos requirimentos efectuados pola administración, a reincidencia e as repercusións negativas que tivese para o sistema universitario de Galicia.

2. En ningún caso poderá obterse un beneficio derivado das infraccións recollidas nesta lei e a sanción será, en todo caso, equivalente cando menos ó beneficio obtido, cunha contía máxima non superior ó disposto no artigo 10º.

3. As responsabilidades administrativas que deriven do procedemento sancionador regulado nesta lei serán compatibles coa esixencia ó infractor da reposición ó seu estado orixinario da situación alterada por el, así como coa indemnización polos danos e perdas causados. A dita indemnización será determinada polo órgano competente para a imposición da sanción, debendo neste caso comunicarllo ó infractor para a súa satisfacción no prazo de tres meses. No caso de non realiza-lo pagamento, quedará expedita a vía xudicial.

4. Terase en conta, como atenuante para a fixación da sanción, que antes da resolución definitiva do expediente incoado se reparen satisfactoriamente as actuacións que deron lugar ó comezo deste.

Artigo 12º.-Reincidencia.

1. Para os efectos desta lei, enténdese por reincidencia a comisión dunha infracción de idéntica natureza, tipificación ou cualificación á que motivou a sanción anterior nun prazo de cinco anos no caso das moi graves, de tres anos no caso das graves e dun ano no caso das leves, contados a partir da notificación desta. En tal suposto requirirase que a primeira resolución sancionadora xa adquirise firmeza en vía administrativa.

2. Nos supostos de reincidencia, poderase eleva-la contía da sanción que resulte ata o dobre da que corresponda.

Artigo 13º.-Publicidade das sancións.

As sancións por contía igual ou superior ós 5 millóns de pesetas, así como aquelas que supoñan a clausura das instalacións, a revogación da autorización, calquera tipo de inhabilitación, a supresión, cancelación ou suspensión de axudas oficiais ou a suspensión da actividade, deberán ser publicadas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14º.-Prescrición das infraccións.

1. As infraccións ás que se refire esta lei prescribirán: as leves, ó ano; as graves, ós tres anos, e as moi graves, ós cinco anos.

2. O prazo de prescrición das infraccións comezarase a contar desde o día no que a administración teña coñecemento delas. Este prazo interromperase mediante a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador. Do mesmo xeito, reiniciarase se o expediente sancionador permanecese paralizado máis dun mes por causa non imputable ó infractor.

Artigo 15º.-Prescrición das sancións.

1. As sancións que recolle esta lei prescribirán: as impostas por infracción leve, ó ano; as impostas por infracción grave, ós tres anos, e as impostas por infracción moi grave, ós cinco anos.

2. O prazo de prescrición das sancións empezará a contar desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción. Este prazo interromperase mediante a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución, e volverase reiniciar se permanecese paralizado máis dun mes por causa non imputable ó infractor.

Artigo 16º.-Concorrencia de infraccións e sancións.

1. Se nun mesmo expediente sancionador concorresen infraccións da mesma natureza, cada unha delas poderá ser obxecto da correspondente sanción.

2. Non se poderán sanciona-los feitos que fosen xa sancionados penal ou administrativamente nos casos nos que se aprecie identidade do suxeito, feito e fundamento.

Artigo 17º.-Recursos.

Contra as resolucións e demais actos adoptados ó amparo desta lei poderán interpoñerse os recursos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO V

Do procedemento sancionador

Artigo 18º.-Procedemento sancionador.

1. A tramitación dos expedientes sancionadores axustarase ó establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e incoarase mediante:

a) Denuncia.

b) Iniciativa do director xeral de Universidades ou dos servicios de inspección.

c) Orde superior.

d) Petición razoada doutros órganos.

2. Previamente á incoación do expediente, calquera dos órganos competentes na iniciación ou resolución dos procedementos poderá ordenar que se

efectúen dilixencias preliminares ou trámites de información reservada para investiga-los feitos.

3. No caso de apreciarse unha situación de risco inminente ou prexuízo grave para os usuarios, poderán adoptarse medidas provisionalísimas consistentes no peche do centro onde se imparte a docencia ou na suspensión da actividade exercida, sen prexuízo das accións legais das que poidan ser responsables as persoas físicas ou xurídicas titulares delas.

Unha vez tomada unha medida provisionalísima por parte da Administración universitaria, deberá procederse nun prazo dun mes á iniciación dun procedemento sancionador. Unha vez iniciado o procedemento, o director xeral de Universidades procederá á confirmación, modificación ou levantamento destas medidas, sen prexuízo de que poidan ser alzadas ou modificadas durante a tramitación do procedemento en virtude de circunstancias sobrevidas ou que non puideron ser tidas en conta no momento da súa adopción.

4. Iniciado, se é o caso, o oportuno expediente, o director xeral de Universidades deberá nomear un instructor e secretario, ó que se lle dará traslado inmediato do expediente.

5. O instructor notificaralle ó interesado a apertura do procedemento sancionador, ó que lle xuntará unha copia do expediente co nomeamento de instructor e secretario.

6. O instructor ordenará e efectuará as probas e actuacións que sexan necesarias para aclarar totalmente os feitos e determinar posibles responsabilidades administrativas. A fase probatoria será oral ou escrita, segundo determine o instructor, para a mellor e máis áxil resolución do expediente.

a) No caso da vista oral, na mesma notificación comunicaráselles ós interesados a data da súa realización, que será dentro do prazo de dez días hábiles a partir da notificación.

b) No caso do procedemento escrito, na mesma notificación daráselle ó interesado un prazo de dez días hábiles para que presente as alegacións que considere oportunas.

7. O interesado, no procedemento, poderá propoñe-la proba da que tente valerse para a defensa do seu dereito. En todo caso, a administración apreciará a proba realizada no expediente sancionador e valorará o resultado desta no seu conxunto.

8. Á vista do actuado, o instructor formulará o oportuno prego de cargos, que lle será notificado ó inculpado para que, no termo de dez días desde a súa recepción, formule as alegacións que considere pertinentes. Transcorrido ese prazo, haxa ou non alegacións, o instructor remitiralle a proposta de resolución definitiva a quen lle competa a sanción en función da súa contía para que resolva de forma inmediata.

9. Se presumise que os feitos investigados puidesen constituír delicto, daráselle conta á autoridade xudicial, suspendendo as actuacións ata que exista resolución xudicial, sen prexuízo de adopta-las medidas cautelares oportunas.

Artigo 19º.-Órganos competentes para a imposición das sancións.

1. A competencia para a clausura das instalacións e a revogación da autorización correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

2. A competencia para suspende-la actividade correspóndelle ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta do director xeral de Universidades.

3. A competencia para a imposición da sanción no caso dunha infracción moi grave correspóndelle ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

4. A competencia para a imposición da sanción no caso dunha infracción leve ou grave correspóndelle ó director xeral de Universidades.

Artigo 20º.-Multas coercitivas.

1. A execución das resolucións recaídas nos expedientes sancionadores poderase realizar mediante a aplicación das medidas de execución subsidiaria establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo do disposto neste artigo.

2. Os órganos competentes para a imposición das sancións establecidas nesta lei poderán impoñer multas coercitivas, dun 10% máis sobre a contía da sanción, por cada día que pase sen atende-la comunicación cando esta se refire ó cesamento da actividade infractora.

3. As multas coercitivas serán independentes das sancións que se poidan impoñer como consecuencia dun expediente sancionador e compatibles con estas.

Artigo 21º.-Caducidade do procedemento.

O procedemento sancionador caducará ós tres meses da súa paralización, entendéndose que así ocorre cando non se levase a cabo neste prazo ningunha notificación de actuación ou dilixencia, sen prexuízo de que o instructor do expediente poida acordar un prazo maior, mediante resolución debidamente motivada e notificada ó interesado, cando a natureza ou as circunstancias da actuación ou da dilixencia en curso o xustifiquen.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o Consello da Xunta de Galicia para que mediante decreto actualice as contías das sancións previstas nesta lei. A elevación porcentual nunca poderá supera-la experimentada polo índice xeral de prezos ó consumo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Facúltase o Consello da Xunta de Galicia para dicta-las disposicións que resulten necesarias para a aplicación, o desenvolvemento e a execución desta lei.

Terceira.-Esta lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de xullo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente