Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Xoves, 12 de xullo de 2001 Páx. 9.437

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 29 de xuño de 2001 pola que se regula o réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebts).

A Xunta de Galicia, no exercicio da competencia en materia de emprego atribuída en virtude do disposto nos artigos 29.1º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia e de acordo co establecido nos artigos 38, 40, 131, 149.1.7ª e 13ª da Constitución, e logo da asunción das funcións e servicios do Estado en materia de xestión do traballo, o emprego e a formación en virtude dos sucesivos reais decretos de traspaso, a través da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, vén desenvolvendo un conxunto integral de medidas activas de emprego dirixidas a fomenta-la estabilidade, a xeración de novos postos de traballo e a cultura emprendedora, seguindo as directrices e a estratexia europea para o emprego.

A competencia en materia de política activa de emprego mediante a realización de programas de axuda ou apoio á xeración de emprego e á inserción laboral correspóndelle á citada consellería, en virtude do disposto no Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificada polo Decreto 117/1999, do 25 de abril e polo Decreto 202/2000, do 21 de xullo.

Neste plan de actuación, o novo obxectivo estratéxico da Unión Europea fixado no Cumio de Lisboa celebrado o 23 e 24 de marzo de 2000 de prepara-lo paso a unha sociedade e a unha economía baseada no coñecemento como motor do crecemento, da competitividade e do emprego, esixe, na perspectiva e no ámbito das políticas activas de emprego, adoptar medidas que permitan aproveita-los beneficios e oportunidades que o contexto da nova economía supón para a xeración de máis e mellores empregos.

Co dito fin, no ano 2001, articúlase un programa novo para impulsar, promover e apoiar, no contexto das políticas activas de emprego, a implantación de iniciativas de emprego de base tecnolóxica.

O programa de apoio ás Iebts configúrase como un instrumento para a dinamización da vocación emprendedora no trinomio investigación, tecnoloxía e emprego, para aproveita-lo potencial de investigadores e titulados universitarios, principalmente, que pretendan xestiona-lo seu propio negocio, e propicia-la transferencia do amplo coñecemento creado, principalmente, en universidades e centros de investigación, en proxectos xeradores de novas actividades e novos postos de traballo.

Para o desenvolvemento normativo do programa seguiuse o sistema de regular separadamente as bases e convocatoria das axudas económicas dirixidas ás Iebts, que se fixan con carácter anual, daqueloutros aspectos que definen e configuran a singularidade e especificidade do programa, que se determinan nunha perspectiva de permanencia co obxecto de dotalo dun enfoque integral e de continuidade no tempo, que se concretan no seguinte: aspectos substantivos dos proxectos, procedemento de cualificación e inscrición rexistral, e as medidas de asesoramento, acompañamento e avaliación técnica que se levan a cabo a través de estructuras de apoio a emprendedores no ámbito da colaboración e coordinación entre a administración autonómica, as universidades galegas e outras entidades vinculadas á innovación, á tecnoloxía e á iniciativa emprendedora.

Nesta estratexia, na orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude do 23 de febreiro de 2001 pola que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (DOG nº 47, do 7 de marzo), regúlanse os instrumentos e mecanismos de apoio e de avaliación técnica, así como os requisitos e condicións que deben reuni-los proxectos e o procedemento para a súa cualificación e inscrición no rexistro de Iebts.

Nesta orde fíxanse as bases reguladoras e a convocatoria das axudas e subvencións dirixidas ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebts) para o ano 2001.

A estructura dos incentivos ós que poden accede-las Iebts ó abeiro desta orde comprende os seguintes tipos de axuda: subvención á creación directa de emprego estable; subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación; apoio á función xerencial; subvención financeira; axuda para o inicio e posta en marcha da actividade; e axudas para o mantemento do emprego, en función da existencia de gastos de aluguer, adquisición ou compra de local.

Débese destacar que na mesma liña que no conxunto dos programas de fomento do emprego, a subvención á creación directa de emprego estable se incrementa en 100.000 pesetas (601,01 euros), cando se incorpore unha muller desempregada.

Neste marco de actuación as bases reguladoras destas axudas e a súa convocatoria axústanse ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en especial no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas públicas, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e o establecido na Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

De conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento das axudas reguladas nesta orde, entre outras, financiaranse con cargo ós créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias 14.04.241A.

473.0, cun crédito de 2.303.535.000 pesetas

(13.884.524,18 euros) e 14.04.241B.475.0, na que figu-

ra un crédito de 4.569.520.000 pesetas (27.463.368,31

euros), que constitúe o importe global das ditas aplica-

cións para o financiamento desta orde e das demais

ordes do programa 241A e 241B.

Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas confinanciadas polo Fondo Social Europeo, todo iso no marco dos acordos para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto fixa-las bases reguladoras e a convocatoria das axudas e subvencións que establece a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, coa finalidade de impulsar e facilita-la posta en marcha de iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebts), mediante o financiamento parcial dos custos necesarios para a creación e mantemento de emprego en proxectos empresariais innovadores de contido científico e/ou tecnolóxico, previamente cualificados como Iebts e inscritos no rexistro administrativo habilitado para o efecto na Dirección Xeral de Fomento do Emprego, en virtude do establecido na Orde do 23 de febreiro de 2001 pola que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebts).

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario

de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, no Decreto 377/1998, do 23 de decembro, e nesta orde.

3. Este programa financiarase con cargo ós créditos das aplicacións orzamentarias 14.04.241A.473.0 e 14.04.241B.475.0.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as empresas privadas resultantes dos ditos proxectos, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, que se constitúan e inicien a súa actividade no prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como Iebt, ou, de se-lo caso, no que se estableza na resolución de cualificación ou na complementaria que se dicte para o efecto, en atención ó disposto no artigo 3º e 12º da Orde do 23 de febreiro de 2001 pola que se establece un programa de apoio ás Iebts, sempre que se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.

Con carácter xeral, as solicitudes de axuda deberán presentarse antes de que transcorran dous anos desde o inicio da actividade.

2. Entenderase que unha empresa está constituída desde o momento da súa inscrición no correspondente Rexistro Mercantil, ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas. Cando se trate de empresario individual ou comunidade de bens, cando cause alta no censo de Facenda.

Entenderase que inicia a súa actividade productiva cando causen alta no imposto de actividades económicas.

Capítulo II

Tipos de axuda

Artigo 3º.-Tipos de axuda.

1. Neste programa de apoio a Iebts inclúense os seguintes tipos de axudas e subvencións:

a) Axuda á creación directa de emprego estable.

b) Subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

c) Apoio á función xerencial.

d) Subvencións financeiras.

e) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

f) Axuda para o mantemento do emprego, en función da existencia de gastos de aluguer, adquisición ou compra de local.

2. Terán a consideración de accións subvencionables as orixinadas para a posta en marcha e ata que transcorra o segundo ano da actividade empresarial, de acordo coas previsións contidas nos artigos seguintes para cada tipo de axuda.

3. Para os efectos das axudas recollidas nesta orde terán a consideración de desempregados, aqueles que figuren inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego, e, pola súa vez, carezan

de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

Cando se trate de traballadores autónomos, para os efectos deste programa, tamén terán a consideración de colectivo beneficiario os que, figurando inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego, realicen un traballo por conta allea cunha prestación de servicios inferior ou igual a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais.

4. As axudas previstas nesta orde concederanse en atención ó número de postos de traballo estables creados para os colectivos de beneficiarios ós que se refire o número 3 deste artigo, co límite xeral de 49 traballadores.

Así mesmo, as Iebts para que poidan beneficarse destas axudas deberán incorporar, como mínimo, a un titulado universitario por cada catro traballadores.

Artigo 4º.-Axuda á creación directa de emprego estable.

1. Cando a posta en funcionamento dunha empresa cualificada como Iebts implique a creación de postos de traballo estables de carácter indefinido e sexan ocupados por desempregados inscritos como tales no Servicio Público de Emprego ou polos beneficiarios ós que se refire o número 3 do artigo anterior, incentivarase cada un deles cunha subvención de ata 850.000 pesetas (5.108,60 euros), cando a dedicación sexa a tempo completo ou a parte proporcional cando sexa a tempo parcial. Cando o posto de traballo estable o ocupe unha traballadora desempregada, o incentivo incrementarase nunha contía de ata 100.000 pesetas (601,01 euros).

Cando o posto de traballo o ocupe un desempregado con título universitario, o incentivo será de ata 900.000 pesetas (5.409,11 euros) e de tratarse dunha muller con titulación universitaria de ata 1.000.000 de pesetas (6.010,12 euros).

2. Cando a dedicación inicial se realice a tempo parcial e se transforme con posterioridade a tempo completo, a empresa poderá solicita-la diferencia entre a contía que se percibiu inicialmente e a que corresponde por dedicación a tempo completo, sempre que a dita modificación se produza dentro dos dous primeiros anos da actividade.

3. Cando se trate de contratacións indefinidas de traballadores por conta allea, esta axuda, de se-lo caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ámbolos dous beneficios poidan supera-lo 60% do custo salarial anual correspondente ó contrato obxecto de subvención.

4. Só poderán ser obxecto da modalidade de axuda prevista neste artigo os postos de traballo estables de carácter indefinido creados antes de que transcorran dous anos desde a data de inicio da actividade, co límite xeral de 49 traballadores, agás que na cualificación do proxecto como Iebts se tivera en conta un número superior, de acordo co disposto na disposición adicional segunda da Orde do 23 de febreiro de 2001 pola que se establece un programa de apoio a Iebts (DOG nº 47, do 7 de marzo).

5. Ó abeiro desta convocatoria, as empresas cualificadas como Iebts poderán solicita-las axudas correspondentes ás incorporacións a postos de traballo estables creados no ano 2001 e no período marzo-decembro 2000.

Artigo 5º.-Subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

1. Para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación, poderá concedérselles ás empresas cualificadas como Iebts unha subvención equivalente ó 50% dos custos laborais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social por tódolos conceptos, do primeiro ano, mailo equivalente ó 35% dos custos laborais totais correspondentes ó segundo ano, cun límite máximo de 5.000.000 de pesetas (30.050,60 euros), cando a contratación teña unha duración igual ou superior a dous anos ou a parte proporcional se é inferior.

2. A subvención estará condicionada á xustificación polas empresas de que, coas contratacións obxecto de subvención, se suplan carencias ben identificadas para o desenvolvemento da actividade empresarial e o bo fin dela, e a que estas se realizasen antes de que transcorra un ano desde o inicio da actividade ou desde a data de cualificación de ser esta posterior.

3. Esta subvención é incompatible, para o mesmo traballador, coas establecidas nos artigos 4º e 9º desta orde, e é compatible, se é o caso, coas bonificacións de cotas á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ámbolos dous beneficios poidan supera-lo 60% do custo salarial anual.

Artigo 6º.-Apoio á función xerencial.

1. Para o acompañamento na instalación da empresa, poderase financia-lo apoio ás funcións xerenciais para axuda-lo promotor ou o empresario na toma de decisións necesaria para o funcionamento da empresa. O dito apoio poderá revesti-las seguintes modalidades:

a) Axuda por titoría, entendéndose por tal o acompañamento técnico que un experto alleo á empresa, persoa física ou xurídica que reúna garantías de solvencia e profesionalidade, presta ó promotor ou empresario nas súas actividades xerenciais durante un prazo de tempo determinado.

b) Axuda por formación, que incluirá os cursos que o promotor ou empresario poida recibir para obter e mellora-los seus coñecementos sobre a función xerencial.

c) Axuda pola realización externa de estudios e informes sobre a actividade para que o promotor ou empresario poida dispoñer de mellor información sobre os bens ou servicios obxecto de producción, incluíndose neste epígrafe os estudios de mercado, organización, comercialización, diagnose e outros de natureza análoga.

2. O gasto orixinado polo apoio á función xerencial deberá producirse no prazo de tres anos desde a constitución da empresa, e sempre que non transcorrese máis dun ano desde o inicio da actividade ou desde a data de cualificación, de ser esta posterior. A contía da subvención de apoio á función xerencial, que se pagará por unha soa vez, será equivalente ó 75 por

100 do custo dos servicios recibidos cun límite máximo de 2.000.000 de pesetas (12.020,24 euros) polo conxunto das modalidades de asistencia técnica previstas.

Artigo 7º.-Subvención financeira.

A subvención financeira ten por finalidade favorece-la creación de postos de traballo mediante a reducción dos xuros de créditos para financiar investimentos en activo fixo, que sexan necesarios para a creación e posta en marcha das empresas cualificadas como Iebts. Non obstante, poderase destinar ata un 25% do crédito a financia-lo activo circulante.

A subvención, pagadoira dunha soa vez, será como máximo o equivalente á reducción de seis puntos do xuro fixado pola entidade de crédito que conceda o préstamo sen que, en ningún caso, o tipo de xuro que deba satisface-lo beneficiario, despois de calculada a subsidiación, poida resultar inferior a un punto, e terá como límite a contía de 850.000 pesetas (5.108,60 euros) por emprego estable creado para os colectivos de beneficarios previstos no número 3 do artigo 3º desta orde. Os préstamos, para seren subvencionados, deberán ser concedidos por entidades financeiras que teñan subscrito un convenio, para tal fin, coa Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 8º.-Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

1. Esta axuda consistirá nunha subvención de ata un 60% dos gastos necesarios para o inicio e a posta en marcha da actividade, e concederase por unha soa vez. O importe máximo desta axuda determinarase en atención ó número de postos de traballo estables creados para os colectivos de beneficiarios previstos no número 3 do artigo 4º desta orde, de acordo coa seguinte escala:

-De 1 a 2 postos de traballo: ata 2.000.000 de pesetas (12.020,24 euros).

-De 3 a 10 postos de traballo: ata 6.000.000 de pesetas (36.060,73 euros).

-De 11 a 20 postos de traballo: ata 8.000.000 de pesetas (48.080,97 euros).

-21 ou máis postos de traballo: ata 9.000.000 de pesetas (54.091,09 euros).

Para a determinación da contía valorarase o volume do investimento do proxecto e a incidencia social e sobre o emprego no contorno xeográfico no que se desenvolva a actividade.

2. Non serán subvencionables, a través da axuda regulada neste artigo, os gastos que poidan ser considerados como investimento en activo fixo e todos aquel outros gastos que poidan ser susceptibles de amortización contable.

Artigo 9º.-Axuda para o mantemento do emprego, en función da existencia de gastos de aluguer, adquisición ou compra de local.

1. Poderán concederse axudas para o mantemento dos postos de traballo estables creados para os colectivos de beneficiarios previstos no número 3 do artigo 3º desta orde, durante os dous primeiros anos de acti

vidade, en función da existencia de gastos de aluguer, adquisición ou compra de terreos ou local onde se desenvolve a actividade.

2. O incentivo será de ata 15.000 pesetas (90,15 euros) por posto de traballo estable e mensualidade, cun máximo do 80% dos ditos gastos na súa imputación mensual, cun límite máximo de 3.000.000 de pesetas (18.030,36 euros) por proxecto e anualidade ou a parte proporcional en cómputo mensual.

Para os efectos desta axuda en relación co establecido no parágrafo anterior, no suposto de adquisición de terreos ou locais, entenderase como gasto imputable a cada mensualidade a contía resultante de dividi-lo prezo de adquisición entre 120 mensualidades.

3. Ó abeiro da presente orde, poderán solicitarse as axudas correspondentes ás mensualidades comprendidas entre marzo de 2000 e setembro de 2001, ámbalas dúas inclusive.

Capítulo III

Competencia e procedemento

Artigo 10º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolve-las solicitudes de axudas e subvencións presentadas ó abeiro desta orde, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, corresponderalle ó director xeral de Fomento do Emprego.

Artigo 11º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse ó órgano competente, e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro do ano 2001.

Artigo 12º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexo desta orde e deberán ir acompañadas por duplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia compulsada, da documentación, común e específica, que se relaciona:

1. Documentación común para tódolos tipos de axuda:

a) Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do número de identificación fiscal, e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante que actúa en nome da entidade e NIF da empresa.

Para o caso de que a solicitude a presente o promotor do proxecto dunha entidade que aínda non estivese constituída, pero que vaia inicia-la súa actividade dentro do ano natural correspondente, o NIF da empresa poderase achegar na fase anterior ó pagamento.

b) Declaración comprensiva do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou,

de se-lo caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

c) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta.

2. Documentación específica:

a) Axuda á creación directa de emprego estable:

-Declaración do número de empregos estables de carácter indefinido para ocupar polos colectivos de beneficiarios e relación nominal deles, con indicación de se son ou non titulados universitarios, e con expresión da data de incorporación efectiva ou prevista.

-DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego das persoas que se incorporen á empresa, así como do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, certificación académica de terminación dos estudios ou copia compulsada do titulo universitario.

b) Subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

-Memoria descritiva da necesidade da contratación de expertos, número e perfís profesionais deles e funcións que se van realizar en relación coas categorías profesionais e custos laborais totais.

-Contratos de traballo e altas na Seguridade Social, ou compromisos de contratación, nos que figure a duración da relación laboral.

c) Subvención ó apoio á función xerencial:

-Memoria descritiva da medida de apoio solicitado, na que consten, entre outros, a xustificación da súa necesidade para o desenvolvemento da actividade empresarial e o orzamento desagregado por conceptos, a proposta dos servicios que se van desenvolver e o calendario previsto para súa realización.

-Documentación acreditativa da solvencia profesional da empresa, entidade física ou xurídica, que prestará ou xa prestase o servicio de apoio.

d) Subvención financeira:

-Compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, no que figuren as características e se faga constar que a operación se acolle ó convenio subscrito para tal fin, ou, de se-lo caso, o contrato de préstamo.

-Declaración do número de empregos estables creados e relación nominal das persoas que os vaian ocupar, con indicación daqueles que hai que ter en conta para o cálculo da subvención.

-Plan de investimentos que van ser financiados.

e) Axuda para o inicio e a posta en marcha da actividade:

-Memoria descritiva da actividade e orzamento dos gastos necesarios para o inicio e a posta en marcha da actividade, con indicación daqueles ós que se vai destina-la subvención, así como das fontes de financiamento.

-Declaración do número de postos de traballo estables creados e relación nominal das persoas que os vaian ocupar, con indicación daqueles que hai que ter en conta para o cálculo da subvención.

-DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego das persoas que se incorporen á empresa, así como do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

f) Axuda para o mantemento do emprego, en función da existencia de gastos de aluguer, adquisición ou compra de local:

-Memoria dos gastos de aluguer, compra ou adquisición imputables a cada unha das mensualidades para as que se solicita a axuda para o mantemento do emprego e a acreditación documental da súa existencia.

-Declaración do número de postos de traballo ocupados polos colectivos de beneficarios e relación nominal deles, en cada unha das mensualidades polas que se solicita subvención.

-DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego das persoas que se incorporen á empresa, así como do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social ou que se vaian incorporar nas respectivas mensualidades.

Artigo 13º.-Emenda da solicitude.

Se a solicitude non estivera debidamente cuberta ou non se xunta a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dictándose resolución para o efecto.

Artigo 14º.-Criterios de valoración.

Para valora-las solicitudes terase en conta, con carácter prioritario, o seguinte: accións que se implanten en zonas menos favorecidas e con maior índice de desemprego, así como as promovidas ou que incorporen a desempregados menores de 30 anos, parados de moi longa duración, maiores de 45 anos, mulleres e persoas con discapacidade, e daráselles especial preferencia a aqueles proxectos e iniciativas que xeren un maior número de empregos para titulados universitarios.

Artigo 15º.-Resolución.

1. Logo da fiscalización pola correspondente intervención, as resolucións serán dictadas polo órgano correspondente, e deberán serlles notificadas ós interesados. As resolucións, de concesión ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de seis meses que se computarán a partir do día seguinte ó da publicación da presente convocatoria. Transcorrido o dito prazo sen que se dictasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 44 da Lei 30/1992, do 26 de

novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que dictou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 16º.-Xustificación do pagamento.

1. Para o caso de que se conceda a subvención, o seu pagamento quedará condicionado á presentación, no prazo que se estableza na resolución concesoria, da documentación común e específica seguinte:

A. Documentación común para tódolos tipos de axuda:

-De tratarse de persoa xurídica, escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas. Cando se trate de empresario individual ou comunidade de bens, alta no censo de Facenda.

-Alta no imposto de actividades económicas.

-Relación nominal do persoal incorporado á empresa con indicación dos postos de traballo ocupados polos colectivos beneficiarios.

-Documentación xustificativa para acredita-lo cumprimento da actividade para a que se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda, nos prazos, nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión.

-Documentación acreditativa de que se encontran ó día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e de que non teñen pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

-Declaración complementaria da establecida no artigo 12º.1.b) desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de se-lo caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas e subvencións.

B. Documentación específica:

a) Axuda á creación directa de emprego estable:

-Documentos acreditativos da incorporación efectiva con carácter indefinido na empresa.

-Documentos de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

b) Subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

-De non se xuntar á solicitude, contratos de traballo formalizados cos técnicos expertos e alta na Seguridade Social.

c) Subvención ó apoio á función xerencial:

-Certificación da empresa, entidade ou persoa física que vai presta-lo apoio xerencial do inicio do servicio, con indicación do seu custo total desagregado por conceptos e con expresión do tempo previsto para a súa execución, e na que conste a aceptación do solicitante.

d) Subvención financeira:

-Copia do contrato de préstamo.

-DNI e documentos acreditativos da incorporación e alta no correspondente réxime da Seguridade Social das persoas que se incorporan á empresa para ocupar postos de traballo estables.

O beneficiario, no prazo de 30 días desde a data en que teña coñecemento do pagamento efectivo da subvención, ten que presentar certificación expedida pola entidade financeira, acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

e) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade:

-Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención.

-Documentos acreditativos da incorporación e alta no correspondente réxime da Seguridade Social dos traballadores que ocupen os empregos estables creados tidos en conta para o cálculo da subvención.

f) Axuda para o mantemento do emprego, en función da existencia de gastos de aluguer, adquisición ou compra de local.

-Documentación acreditativa da incorporación e alta no correspondente réxime da Seguridade Social dos traballadores que ocupen empregos estables nas mensualidades polas que se solicita subvención.

2. Malia o sinalado no artigo 12º e nos números anteriores deste artigo, a documentación esixida para a fase de pagamento, común e específica, que sexa de posible achega poderá presentarse xunto coa solicitude á opción do interesado.

3. Cando concorran varias axudas ou subvencións só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude coma na de xustificación do pagamento.

4. O pagamento das axudas establecidas nesta orde queda condicionado á aprobación do proxecto, remitido para este efecto á Comisión Europea.

Capítulo IV

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 17º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. As subvencións ou axudas reguladas nesta orde non poderán ser, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, de tal contía que superen o 80% do custo total da actividade subvencionada que vai desenvolve-lo beneficiario.

2. Non se poderán imputa-los mesmos gastos ós distintos tipos de axuda previstos nesta orde, agás naqueles casos que só se toman como referencia para o cálculo da contía da subvención.

3. As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas nos programas de iniciativas locais de emprego e de iniciativas de emprego rural, de promoción do emprego autónomo, de apoio á creación, ampliación e mantemento de centros especiais de emprego e do de promoción do emprego autónomo das persoas con discapacidade, así como no programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, agás que se trate da axuda para a adquisición da condición de socio traballador dunha cooperativa de traballo asociado ou dunha sociedade laboral, convocados pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

4. A axuda á creación directa de emprego estable e a subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación serán incompatibles coas establecidas nos diferentes programas de fomento da contratación por conta allea convocados pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. De acordo co establecido nos artigos 4.3º e 5.3º estas axudas, se é o caso, serán compatibles coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ámbolos dous beneficios poidan supera-lo 60% do custo salarial anual correspondente ó contrato obxecto de subvención.

Artigo 18º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Son obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións:

a) Ter acreditado, previamente ó cobramento, que se encontran ó día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Realiza-la actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar de maneira que faga fe.

c) Comunicarlle ó organo concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de se-lo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

d) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

2. As empresas beneficiarias destas subvencións deberán cumprir, respecto dos distintos tipos de axuda, as seguintes obrigas:

a) Subvencións á creación directa de emprego estable: as empresas beneficiarias, co fin de garanti-lo mantemento dos postos de traballo estables creados que fosen obxecto de subvención, deberán presentar

dentro do primeiro trimestre de cada ano unha relación da variación das altas e baixas do persoal adscrito.

A dita obriga manterase durante os tres anos seguintes a aquel no que se concedeu a axuda ou subvención.

Cando no período de tres anos, desde a data da incorporación á empresa, se produza o cesamento dalgún traballador, a empresa beneficiaria está obrigada a cubri-la vacante no prazo dun mes e, polo menos, en tempo de dedicación igual ó anterior, debendo reuni-lo novo traballador o requisito de pertencer a algún colectivo beneficiario e, de se-lo caso, a condición de posuír titulación universitaria, o que deberá ser comunicado ó órgano que concedeu a axuda dentro dos 10 días seguintes á substitución.

Así mesmo, e respecto da axuda para o mantemento do emprego, a empresa deberá manter como mínimo, ata o terceiro ano da actividade, o número de empregos subvencionados.

b) Subvencións por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación: as empresas deberán presentar no prazo de dous meses desde a finalización do período subvencionado:

-Unha memoria das actividades realizadas polos expertos.

-Recibos dos salarios e boletíns de cotización á Seguridade Social (TC2) dos expertos técnicos contratados, correspondentes ó período subvencionado.

c) Apoio á función xerencial: o beneficiario da subvención acreditará a realización do servicio prestado no prazo de dous meses desde a súa terminación, mediante a presentación da seguinte documentación:

-Certificación da empresa, entidade ou persoa física da finalización do servicio de apoio prestado, coa aceptación ou conformidade da empresa solicitante cos servicios recibidos.

-Facturas acreditativas do custo total do dito servicio.

-Un informe escrito da actuación de apoio desenvolvida e, para o caso de consistir na elaboración dun estudio de mercado ou similar, presentarase copia del.

d) Subvención financeira: o beneficiario da subvención acreditará, mediante facturas, escrituras públicas ou contratos, a realización na súa totalidade do plan de investimentos previsto na concesión da subvención, achegando memoria anual explicativa ata a terminación do mencionado plan.

e) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade: as empresas deberán enviar unha breve memoria do desenvolvemento da actividade dentro do primeiro trimestre de cada ano e referida ó ano anterior. A dita obriga manterase durante os tres exercicios seguintes a aquel no que se concedeu a subvención.

Artigo 19º.-Modificación da resolución concesoria.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión de axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 20º.-Revogación.

Procederá a revogación das subvención e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 21º.-Seguimento e control.

A Dirección Xeral de Fomento do Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude levará a cabo a función de control, así como da avaliación e seguimento deste programa.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas para os diferentes tipos de axuda previstas nesta orde.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no director xeral de Fomento do Emprego, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario tendo como límite global o crédito asignado nas aplicacións 14.04.241A.473.0 e 14.04.241B.-

475.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autó-

noma de Galicia para o ano 2001, fixado na exposición

de motivos desta disposición.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2001.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude