Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Luns, 09 de xullo de 2001 Páx. 9.238

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 26 de xuño de 2001 pola que se declara a utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico denominado Ameixeiras e Testeiros. (Expediente 00/3-0 EOL).

Examinado o expediente instruído a pedimento de Gamesa Energía, S.A. con domicilio para efectos de notificacións na avda. do Cruceiro da Coruña, 201-A, 15075 Santiago de Compostela (A Coruña), sobre a utilidade pública do parque eólico denominado Ameixeiras e Testeiros; resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O 17 de novembro de 1999, Luís Caamaño Martínez, en nome e representación de Gamesa Energía, S.A., solicitou a autorización administrativa e aprobación de proxecto de execución, declaración de utilidade e recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica do parque eólico denominado Ameixeiras-Testeiros, de 49,5 MW, achegando a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, ambos de aplicación ó presente expediente en virtude do disposto na disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución,

comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-O proxecto coas características fundamentais da instalación e relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados someteuse a información pública para os efectos previstos nos decretos 2617/1966, 2619/1966, xa mencionados, nos artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, artigo 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, Decreto 205/1995 e Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, mediante resolución da Dirección Xeral de Industria do 29 de maio, publicado no BOP de Ourense do 15 de xuño, BOP de Pontevedra do 20 de xuño, o diario La Voz de Galicia do 22 de xuño, no DOG do 22 de xuño, no BOE do 1 de xullo de 2000 e nos taboleiros de anuncios dos concellos de Forcarei, Lalín e O Irixo, deuse coñecemento ós afectados mediante a oportuna notificación individual.

Terceiro.-Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. María e Flora Pérez Fernández alegan que a afección provocada no seu predio por unha vía do parque fai antieconómica a súa explotación e solicitan un trazado alternativo por monte comunal ou ben que se compre a totalidade do predio.

2. Samuel Crespo Dobarro, na súa condición de presidente da CMVMC Parroquia de Zobra alega:

-Prexuízos na caza; na paisaxe e no turismo rural; nun proxecto de repoboación forestal subvencionado; así como prexuízos na apicultura e nas aves, polo que solicita compensacións.

-Que as estremas que figuran no proxecto se estableceron segundo a resolución da Direccion Xeral de Montes de 28-2-2000.

-Posibles erros de localización e medidas dos predios, que lles crean indefensión por falta de medios.

3. Ramón Acevedo Guerra alega:

-Efectos negativos no contorno e na posibilidade de desenvolvemento de turismo rural.

-Que o proxecto está en oposición co planeamento urbanístico e é incompatible co establecido na Orde do 28 de outubro de 1999 da Consellería de Medio Ambiente pola que se declaran provisionalmente as zonas propostas para a súa inclusión na Rede Europea Natura 2000, como espacios naturais en réxime de protección xeral.

-Que a afección do predio nº 34 é errónea, non é de monte baixo senón monte alto de piñeiros e eucaliptos de máis de 20 anos e que se teñan en conta as afeccións dun aeroxerador na leira estremeira.

4. Jesús Acevedo Guerra manifesta que existe un erro nas estremas da leira 36.

5. María Villanueva Moa e 24 veciños máis manifestan:

-Oposición á autorización administrativa e á declaración de utilidade pública por varias razóns: de impacto ambiental e paisaxístico, debidas ós campos eléctricos creados polas liñas eléctricas e polos prexuízos xerados na auga debidos á citada instalación.

-Inexistencia de estudio de impacto ambiental.

-Prexuízo patrimonial polas servidumes creadas nas súas propiedades.

6. Martiño Nercellas Méndez, en representación da Federación Ecoloxista Galega manifesta que Ameixeiras e Testeiros e Lamasgalán-Campo do Coco deberían ser considerados como un único parque de 99 MW, por razóns de proximidade e por compartir liña de evacuación; polo tanto, a autorización debería depender do Ministerio de Industria.

7. Victorino Ramos González, na súa condición de presidente da Xunta Rectora do MVMC O Testeiro, manifesta:

-A existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados.

-No Irixo o parque está en solo non urbanizable de protección especial de leitos fluviais e de paisaxe natural.

-O proxecto padece vicios e defectos que o fan inviable para ser tramitado como proxecto de execución e sectorial.

-Non se tramitou expediente previo de prevalencia.

Luis Teijeiro Rodríguez, en nome e representación da mesma xunta rectora, engade que as distancias das máquinas ás vivendas non son suficientes para garantir que o nivel de ruído sexa baixo; solicita unha distancia mínima de 1 km, de acordo coas normas subsidiarias de Conil de la Frontera.

8. Manuel Dobarro Crespo manifesta en relación coa parcela nº 44 non se-lo propietario da citada parcela, sendo a propietaria Manuela Dobarro Acevedo.

As alegacións ambientais foron remitidas ó órgano ambiental e contempladas na declaración de impacto ambiental do citado parque.

Cuarto.-O 24 de xaneiro de 2001, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de impacto ambiental do citado parque eólico, notificándoselle ó promotor o 13-2-2001.

A localización e coordenadas UTM dos aeroxeradores A-38 a A-44 e A-75, así como o trazado das gabias de cables e vías de acceso a estes, estableceranse unha vez que sexa recibida, avaliada e

informada favorablemente a documentación requirida no punto 10.1 da DIA.

Exclúese do ámbito desta DIA a parte de poligonal correspondente á zona das Ameixeiras, na que non está proxectada a instalación de aeroxeradores nin a construcción de infraestructuras, definida polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

559.0004.712.000

560.5004.712.000

561.5004.711.000

560.0004.710.000

559.5004.709.000

562.5004.711.000

562.5004.710.500

562.0004.709.500

562.5004.709.500

562.5004.708.500

561.5004.708.000

562.0004.707.000

561.0004.707.000

560.5004.707.500

559.5004.707.500

559.0004.707.000

557.5004.707.000

558.0004.708.000

559.0004.708.000

559.0004.709.000

559.5004.711.000

Con esta exclusión a DIA afecta só os concellos de Lalín e O Irixo.

Quinto.-O 28 de febreiro de 2001, a Dirección Xeral de Industria resolveu autoriza-la instalación dos equipos electromecánicos do parque eólico denominado Ameixeiras e Testeiros, para unha potencia de 49,5 MW, e aproba-lo correspondente proxecto de execución, coas seguintes características básicas:

Nº de aeroxeradores: 75.

Potencia unitaria por aeroxerador: 660 kW.

Xeradores: G47-660 de Gamesa Eólica.

Potencia total instalada: 49,5 MW.

Producción anual estimada: 145.926 MWh.

Investimento previsto: 6.620.983.104 pesetas.

Características técnicas da infraestructura eléctrica de transformación e interconexión:

-75 centros de transformación de 775 kVA de potencia unitaria e relación de transformación 0,69/20 kV, instalados no interior da torre cos elementos de protección e auxiliares necesarios.

-Liñas de media tensión subterráneas para evacuación de enerxía a 20 kV, de interconexión entre centros de recolla de media tensión e subestación transformadora 20/220 kV.

-Subestación transformadora 20/220 kV para evacuación de enerxía, composta por un transformador principal 20/220 kV de 50 MVA de potencia nominal e un transformador para servicios auxiliares 20/0,38 kV de 50 kVA de potencia nominal cos correspondentes equipos de control, seccionadores, manobra, medida e protección.

Sexto.-Adelaida Taboada Fernández, María do Carmen Dobarro Acevedo, Manuel González Taboada, Rosalía Crespo Acevedo, Josefa e José Acevedo, José Dobarro González, Amparo González Acevedo, Ovidia e Amparo Dobarro Casado, Luis Froiz Acevedo, Josefina e María Villanueva Moa, Emilia Casado Reinoso, Manuela Amaro Reinoso, Manuel e Samuel Crespo Dobarro (este último na súa condición de presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Zobra) María Taboada Gómez, Rosa Crespo Dobarro, Manuela e María Munín Taboada, José Luis Teijeiro Rodríguez, en nome e representación da xunta rectora do monte veciñal en man común O Testeiro, dos veciños de Carballeda, Munín e Subirol, parroquias de Espiñeira e Froufe, interpuxeron recurso de alzada contra a citada Resolución do 28 de febreiro de 2001, que foron desestimados por esta consellería con data do 11 de xuño de 2001.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Consellería de Industria e Comercio é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e no Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, na Lei 54/1997, do 27 de novembro, e no Decreto 205/1995, do 6 de xullo, xa citados.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a elas por parte da empresa promotora e do resto de documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. Con respecto a posibles erros na titularidade dos predios afectados pola instalación do proxecto, cabe dicir que a empresa beneficiaria tomará razón delas. Non obstante, será durante o levantamento de actas, ó que será oportunamente convocado, o momento no que pode demostra-la titularidade, achegando a documentación acreditativa necesaria.

2. Non se toman en consideración as alegacións referidas á valoración da afección das parcelas, por non seren obxecto desta fase do expediente, correspondendo esta valoración á fase de prezo xusto.

3. Con respecto ás alegacións referidas a posibles erros na determinación de servidumes, así como na natureza dos terreos afectados, estas se tomaranse en consideración cando se proceda ó levantamento de actas de ocupación incluíndose na correspondente folla de aprecio.

4. Non podemos acepta-la alegación presentada por María e Flora Pérez Fernández relativa á expropiación total por non xustificala, tal como indica o artigo 23 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

5. En canto á alegación formulada pola CMVMC Parroquia de Zobra, cabe dicir que:

-O impacto socioeconómico do proxecto tívose en conta á hora de formula-la declaración de impacto ambiental. Por outra parte, a valoración das afeccións ás parcelas non é obxecto desta fase do expediente, correspondendo esta valoración á fase de prezo xusto.

-A expropiación forzosa enténdese co propietario que actualmente ten recoñecido o dereito como tal, sen prexuízo de que sentencias firmes posteriores establezan unha distribución distinta da propiedade, polo que, nese caso, se procederá a realiza-las modificacións oportunas.

-Será o levantamento de actas o momento no que pode demostra-la titularidade dos predios, achegando a documentación acreditativa necesaria.

6. En relación coa alegación formulada por Ramón Acevedo Guerra cabe dicir que:

-O impacto socioeconómico do proxecto tívose en conta á hora de formula-la declaración de impacto ambiental.

-A alegación de carácter urbanístico será considerada no momento de proceder á resolución da aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal.

7. Non podemos acepta-la a alegación formulada pola Federación Ecoloxista Galega, relativa á acumulación de expedientes de P.E. Ameixeiras-Testeiros e P.E. Lamasgalán-Campo do Coco por tratarse de dous expedientes distintos e cada un co seu correspondente proxecto. O feito de compartir liña de evacuación non é senón consecuencia do establecido no artigo 20.5º do Real decreto 2818/1998, segundo o cal, sempre que sexa posible procurarase que varias instalacións productivas utilicen as mesmas instalacións de evacuación de enerxía eléctrica.

8. En canto ás alegacións formuladas pola CMVMC do Testeiro, cabe dicir que:

-O proxecto de execución cumpre os requisitos esixidos pola lexislación vixente.

-A alegación de carácter urbanístico será considerada no momento de proceder á resolución da aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal.

-Non se pode estudia-la posibilidade de prevalencia dunha instalación sobre outra, ata que se declare a utilidade pública da dita instalación

-Non podemos acepta-la alegación referida á distancia dos aeroxeradores ás vivendas, xa que o nivel de presión acústica recollido no estudio de impacto ambiental está por debaixo dos límites legais permitidos.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta consellería, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Declara-la utilidade pública en concreto das instalacións do parque eólico Ameixeiras y Testeiros, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

2. Desestima-la solicitude de expropiación total do predio Sobre do Val (Candosa) no concello do Irixo (Ourense), de María Pérez Fernández e Flora Pérez Fernández.

Contra a presente resolución, que é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer, se é o caso, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa notificación ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña, no prazo de dous meses contados a partir da citada data.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2001.

P.D. (Orde 13-10-1999, DOG nº 207,

do 26 de outubro)

Jesús Vázquez San Luis

Secretario xeral da Consellería de Industria

e Comercio