Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Xoves, 28 de xuño de 2001 Páx. 8.710

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 18 de xuño de 2001 pola que se regula o sistema específico de vixilancia das encefalopatías esponxiformes transmisibles humanas en Galicia.

A vixilancia das encefalopatías esponxiformes transmisibles humanas (en diante EETH), sobre todo a enfermidade de Creutzfeldt-Jakob (ECJ), comeza en España en 1995, coa creación do Rexistro Nacional desta enfermidade no Centro Nacional de Epidemioloxía do Instituto de Saúde Carlos III, que recolle os casos que aparecen desde 1993, comunicados polas comunidades autónomas.

A Orde do 21 de febreiro de 2001, pola que se regula a Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica, en relación coas encefalopatías espoxiformes transmisibles humanas establece, no seu artigo único, que os rexistros das encefalopatías esponxiformes transmisibles en humanos de base poboacional, tanto nacional como autonómicos, recollerán os casos incidentes como posible/sospeitoso, probable e confirmado, recomendadas polo Grupo Europeo de Vixilancia para estas enfermidades e adoptadas en España para a vixilancia epidemiolóxica delas.

A devandita orde, tendo en conta que a principal fonte de información de casos son os médicos, tanto do sector público como privado, dispón, no seu artigo único, que aqueles que diagnostiquen, de acordo cos criterios de casos establecidos, terán a obriga de notificalos obrigatoriamente, no prazo de corenta e oito horas ó diagnóstico de sospeita, ó rexistro da súa comunidade autónoma, nun cuestionario unitario e homoxéneo que para tal efecto subministrará o devandito rexistro.

Como quedou establecido no Decreto 177/1998, do 11 de xuño, polo que se creou a Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública, o Rexistro Galego de Encefalopatías Esponxiformes Transmisibles Humanas forma parte do sistema específico de vixilancia. Este rexistro ten como obxectivo recoller e xestiona-la información precisa para describi-la incidencia, evolución e características das encefalopatías esponxiformes transmisibles humanas en Galicia.

A obriga imposta ós médicos está determinada en normativa básica estatal, e polo tanto, do que se trata con esta orde é de establecer unha norma instrumental e de organización do Rexistro Galego de Encefalopatías Esponxiformes Transmisibles Humanas.

Por todo isto, e facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Vixilancia epidemiolóxica das EETH.

A vixilancia epidemiolóxica das encefalopatías esponxiformes transmisibles humanas farase en Galicia a través do Rexistro Galego de Encefalopatías Esponxiformes Transmisibles Humanas.

Artigo 2º.-Rexistro Galego de EETH.

O Rexistro Galego de Encefalopatías Esponxiformes Transmisibles Humanas recollerá información sobre os casos de encefalopatía esponxiforme transmisible humana segundo a definición de caso vixente no momento do diagnóstico. En todo caso a mesma incluirá datos sobre cada un dos epígrafes que aparecen no anexo I.

Artigo 3º.-Adscrición.

O Rexistro Galego de Encefalopatías Esponxiformes Transmisibles Humanas estará adscrito á Dirección Xeral de Saúde Pública, como órgano encargado da súa xestión.

Artigo 4º.-Notificación en caso de sospeita.

1. Tódolos médicos/as en exercicio no ámbito territorial da comunidade galega están obrigados a declara-la sospeita de encefalopatía esponxiforme transmisible humana á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

2. Esta notificación farase, a máis tardar, 48 horas despois de sospeita-la enfermidade.

3. A notificación farase ó Sistema de Alerta Epidemiolóxica de Galicia (SAEG).

4. Nos hospitais, a notificación farase ó Servicio de Medicina Preventiva, que inmediatamente o comunicará ó SAEG.

Artigo 5º.-Notificación de informacións relevantes.

1. No seguimento clínico dos enfermos nos que se sospeita unha encefalopatía esponxiforme transmisible humana, tódolos médicos/as responsables, no ámbito territorial da comunidade galega, están obrigados a declarar á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais calquera información relevante para clasifica-lo caso como probable, confirmado ou mesmo descartalo.

2. Esta notificación farase, a máis tardar, 48 horas despois de obte-la devandita información.

3. A notificación farase ó Sistema de Alerta Epidemiolóxica de Galicia (SAEG).

4. Nos hospitais, a notificación farase ó Servicio de Medicina Preventiva, que inmediatamente ó comunicará ó SAEG.

Artigo 6º.-Notificacións por parte dos laboratorios.

1. Tódolos laboratorios que realicen probas diagnósticas ou estudios anatomopatolóxicos relacionados especificamente co diagnóstico de encefalopatía esponxiforme transmisible humana están obrigados a declara-los resultados dos estudios realizados.

2. Esta notificación farase, a máis tardar, 48 horas despois de te-los resultados.

3. A notificación farase ó Sistema de Alerta Epidemiolóxica de Galicia (SAEG).

Artigo 7º.-Réxime sancionador.

De acordo co especificado no artigo 8 do Decreto 177/1998, do 11 de xuño, polo que se crea a Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública, o incumprimento do previsto nesta orde constituirá infracción administrativa sanitaria tipificada como tal no artigo 35 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, atendendo ós criterios establecidos no artigo 34 desta, que poderá ser obxecto da sanción correspondente, logo da instrucción do oportuno expediente, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou disciplinarias que puidesen concorrer.

Artigo 8º.-Confidencialidade dos datos.

De acordo co especificado no artigo 7 punto 2º do Decreto 177/1998, do 11 de xuño, polo que se crea a Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública, a información que recolla o Rexistro Galego de Encefalopatías Esponxiformes Transmisibles Humanas considerarase estrictamente confidencial e utilizarase só para fins exclusivamente sanitarios, de acordo coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, así como no artigo 10 da Lei 14/1986, do 26 de abril, xeral de sanidade.

Artigo 9º.-Obrigación de información ó Rexistro Nacional.

O Rexistro Galego de Encefalopatías Esponxiformes Transmisibles Humanas deberá enviar ó Rexistro Nacional, situado e xestionado polo Centro Nacional de Epidemioloxía (Instituto de Salud Carlos III), a información recollida sobre novos casos con periodicidade mensual.

Disposición adicional

As medidas oportunas para levar a cabo a inscrición na Axencia de Protección de Datos adoptaraas a Dirección Xeral de Saúde Pública.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Saúde Pública para adoptar cantas medidas sexan precisas en desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ós trinta días seguintes ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2001.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO I

Información que debe figurar na declaración das encefalopatías esponxiformes transmisibles humanas:

-Datos sobre a identificación do caso.

-Datos sociodemográficos.

-Datos sobre os factores de risco.

-Datos de laboratorio.

-Datos sobre o médico/a responsable do diagnóstico.