Rematado o prazo fixado pola resolución da Dirección Xeral da Función Pública, do 5 de abril de 2001 (DOG, nº 75, do 18 de abril), de presentación de solicitudes para a elaboración das listas para a cobertura con carácter temporal de postos de traballo reservados a persoal funcionario nas relacións de postos de traballo, reguladas polo artigo 12 c) do Decreto 89/1997, do 10 de abril, e á vista das solicitudes presentadas para ó corpo subalterno da Xunta de Galicia (grupo E) (listas A2 e A2), e unha vez elaboradas pola Comisión Permanente de Selec
ción as listas na súa sesión do día 5 de xuño de 2001, a Dirección Xeral da Función Pública
RESOLVE:
Primeiro.-Facer públicas as listas para a cobertura, con carácter temporal, de postos de traballo reservados a persoal funcionario correspondentes ó corpo subalterno da Xunta de Galicia (grupo E) (listas A1 e A2). As distas listas están expostas na forma que seguidamente se indica:
Anexo I: figuran os solicitantes admitidos na lista con indicación da puntuación.
Anexo II: figuran os solicitantes excluídos con expresión da causa de exclusión.
Segundo.-Os citados anexos atópanse expostos nas seguintes dependencias:
-Dirección Xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública.
-Servicio de Información e Atención ó Cidadán da Consellería da Presidencia e Administración Pública.
-Delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública.
-Oficinas comarcais da Xunta de Galicia.
Terceiro.-Os interesados disporán dun prazo de 10 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para a emenda de erros e, se é o caso, formula-las oportunas alegacións, que irán dirixidas á correspondente Comisión Permanente de Selección de Persoal Funcionario (Dirección Xeral da Función Pública, Consellería da Presidencia e Administración Pública; edificios administrativos de San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).
Unha vez transcorrido o prazo citado con anterioridade, se é o caso, levaranse a efecto as emendas procedentes; disto darase a oportuna publicidade.
Cuarto.-Os solicitantes que figuran admitidos no anexo I (lista B) estarán obrigados, no prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia das listas, a lle remitir á Dirección Xeral da Función Pública o xustificante do aboamento da taxa que a seguir se expresa:
Grupo E: 3.880 pesetas.
Estarán exentos do aboamento das taxas por dereito de inscrición as persoas con discapacidade igual ou superior ó 33%, logo de xustificación documental, de acordo coa base 3.3 da resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 5 de abril de 2001.
Os que non fixesen o aboamento no prazo sinalado serán excluídos automaticamente das listas.
Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2001.
Joaquín López-Rúa Soler
Director xeral da Función Pública