Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Venres, 15 de xuño de 2001 Páx. 8.057

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 134/2001, do 7 de xuño, polo que se establece o programa das unidades de promoción e desenvolvemento no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Ó abeiro do disposto no artigo 29.1º do Estatuto de autonomía para Galicia, de conformidade co previsto no artigo 149.1º.7 da Constitución española, correspóndelle á Comunidade Autónoma a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servicios que neste ámbito e a nivel de execución posúe actualmente o Estado. Por outra banda, debe terse en conta o traspaso de funcións e servicios no ámbito do traballo, o emprego e a formación, asumidos por esta Comunidade Autónoma mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dispón que esta é o órgano da Administración autonómica ó que lle corresponde o exercicio, entre outras, das competencias e funcións en materia de políticas activas de emprego.

En exercicio desas competencias e funcións correspóndelle agora á Xunta de Galicia a articulación e, á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a execución de medidas activas que posibiliten a creación de emprego. Neste contexto, e poñendo especial atención naqueles colectivos máis afectados polo desemprego, en cumprimento das directrices emanadas do Consello extraordinario de Luxemburgo e das medidas previstas no Plan de acción para o emprego do Reino de España, configúranse as unidades de promoción e desenvolvemento, como unidades de apoio ós outros programas de fomento do emprego, coa finalidade de mellora-las posibilidades de emprego do colectivo de desempregados ós que van dirixidos os ditos programas.

Así, as unidades de promoción e desenvolvemento, baixo as directrices e prioridades establecidas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, concíbense como módulos de intervención en ámbitos territoriais de carácter supramunicipal que, promovidas por entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro, teñen por obxectivo final actuar sobre as potencialidades de desenvolvemento e emprego na súa área de actuación, investigando as oportunidades de creación de emprego, mediante unha axeitada avaliación dos recursos dispoñibles, facilitando información sobre emprego e desenvolvemento en coordinación cos axentes e técnicos de emprego, ademais de apoiar e dinamizar proxectos de escolas obradoiro, casas

de oficios e de obradoiros de emprego e da posta en práctica de estratexias e metodoloxías dirixidas á inserción laboral dos participantes nos ditos programas de fomento do emprego. Constitúen un instrumento básico e fundamental na dinamización e detección de novas expectativas de emprego e de iniciativas emprendedoras no ámbito local, especialmente as relacionadas cos novos filóns de emprego.

Con base no anterior é polo que, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica e da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xuño de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a regulación, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das unidades de promoción e desenvolvemento como medida activa de fomento do emprego.

Artigo 2º.-Definición.

As unidades de promoción e desenvolvemento son módulos de intervención en ámbitos territoriais de carácter supramunicipal que teñen por finalidade actuar sobre as súas potencialidades de desenvolvemento fomentando a creación de emprego.

Constitúen un instrumento que, mediante a elaboración de plans e proxectos integrais de execución de políticas activas de emprego, ten como obxectivo último a inserción laboral de desempregados.

Artigo 3º.-Funcións.

1. As unidades de promoción e desenvolvemento, seguindo as directrices, orientacións e prioridades fixadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, realizarán as seguintes funcións:

a) Investiga-las oportunidades de emprego, por medio dunha axeitada prospección e avaliación dos recursos dispoñibles e do uso de métodos e sistemas que permitan a planificación, coordinación e posta en práctica de accións e estratexias de políticas activas de emprego, fundamentalmente vinculadas ós novos filóns de emprego.

b) Facilitar información sobre o emprego e desenvolvemento local, a través da súa organización, sistematización e divulgación ós técnicos e axentes de emprego, ás escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego e ás entidades interesadas no desenvolvemento local e a creación de emprego.

c) Apoiar, dinamizar e avaliar proxectos de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego.

d) Desenvolver estratexias e metodoloxías de apoio dirixidas á inserción laboral por conta allea, á crea

ción de iniciativas empresariais e ó autoemprego dos desempregados e, especialmente, dos participantes en escolas obradoiro, casas de oficios, obradoiros de emprego e outros programas de cooperación.

Estas funcións axustaranse ós plans concretos de actuación do ámbito territorial de cada unidade de promoción e desenvolvemento.

2. As unidades de promoción e desenvolvemento colaborarán na implantación das políticas activas de emprego no seu territorio de actuación, en coordinación cos técnicos locais de emprego, desenvolvéndose esta colaboración no marco da actuación conxunta entre a entidade promotora e a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, seguindo as directrices fixadas por esta.

Artigo 4º.-Entidades promotoras.

1. Os proxectos de unidades de promoción e desenvolvemento poderán ser promovidos por:

a) Órganos, organismos autónomos e entes públicos da Administración Xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Entidades locais de carácter supramunicipal e os seus organismos autónomos.

c) Fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro cun ámbito de actuación superior ó municipal.

2. Así mesmo, deberán ser competentes para a execución dos servicios que pretenden prestar a través do proxecto que se vai poñer en funcionamento e dispoñer da suficiente capacidade técnica e de xestión para garanti-lo seu adecuado desenvolvemento.

Artigo 5º.-Duración.

A duración das unidades de promoción e desenvolvemento non poderá exceder de dous anos e medio, dividida en fases de seis meses.

Artigo 6º.-Persoal.

Para a realización das funcións encomendadas ás unidades de promoción e desenvolvemento, as súas entidades promotoras deberán contratar persoal directivo e técnico, especialista nas materias obxecto de estudio e actuación, así como ó persoal de apoio necesario baixo a modalidade contractual máis adecuada, en cada caso, ás funcións e tarefas que hai que desenvolver.

Artigo 7º.-Financiamento.

1. As unidades de promoción e desenvolvemento financiaranse con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma a través das axudas e subvencións que conceda a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude mediante as ordes reguladoras das correspondentes bases ou ben directamente con medios propios con cargo ás partidas orzamentarias correspondentes.

2. As entidades promotoras deberán financiar, directamente ou mediante achegas doutras entidades ou organismos, a parte do custo do proxecto que non subvencione a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 8º.-Obrigas das entidades promotoras.

Sen prexuízo do establecido na normativa de xeral aplicación e nas ordes reguladoras das correspondentes bases das axudas e subvencións, as entidades promotoras de unidades de promoción e desenvolvemento, estarán obrigadas a:

a) Realiza-la actividade ou adopta-lo comportamento que fundamenta a concesión da subvención seguindo as directrices, orientacións e prioridades fixadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

b) Contrata-los traballadores necesarios para levar a cabo as actividades previstas no proxecto de actuación da unidade de promoción e desenvolvemento.

c) Acreditar ante a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a realización da actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda.

d) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectua-la Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e ás que poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e ó Tribunal de Contas da Unión Europea.

e) Comunicarlle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional.

f) Identificar convenientemente, para os efectos de difusión pública, as actividades e servicios que realicen.

g) Satisfacer, ó seu vencemento, as obrigas económicas que se deriven do funcionamento dos respectivos proxectos, especialmente as de carácter salarial, con independencia de que se teñan percibido con anterioridade as axudas ou subvencións concedidas.

Artigo 9º.-Seguimento e avaliación.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude realizará as accións que sexan precisas para o seguimento e avaliación das unidades de promoción e desenvolvemento, tanto no aspecto cualitativo como cuantitativo, estando obrigadas as entidades promotoras a facilitar cantos datos, documentación e información sexan necesarias para tal finalidade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación desta norma.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xuño de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude