Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Martes, 12 de xuño de 2001 Páx. 7.860

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

LA VOZ DE GALICIA, S.A.

BASES da convocatoria do XLIII Premio Fernández Latorre.

La Voz de Galicia, a través da súa Fundación Fernández Latorre, anuncia a convocatoria do XLIII Premio Fernández Latorre e invita a persoas e institucións a participar en calquera das súas modalidades.

Este premio réxese polas seguintes bases:

1. Premios.

Concederase o Premio Fernández Latorre de Prensa Escrita, dotado este ano con 1.000.000 de pesetas, ó traballo xornalístico publicado en calquera medio de comunicación entre o 25 de xullo de 2000 e o 6 de maio de 2001.

Concederase o Premio Fernández Latorre de Radio, dotado con 1.000.000 de pesetas, ó traballo emitido por calquera emisora española ou portuguesa entre o 25 de xullo de 2000 e o 6 de maio de 2001.

Concederase o Premio Fernández Latorre de Televisión e Medios Audiovisuais, dotado con 1.000.000 de pesetas, ó traballo emitido por calquera canle, entre o 25 de xullo de 2000 e o 6 de maio de 2001, ou ó mellor proxecto multimedia en soporte audiovisual editado entre ámbalas dúas datas.

2. Veredicto e entrega.

O veredicto farase público en La Voz de Galicia o 25 de xullo, festividade do Apóstolo Santiago e Día de Galicia.

As decisións do xurado son inapelables.

Os premios entregaranse no transcurso dun acto que se celebrará no derradeiro trimestre de 2001.

3. Xurado.

O xurado, que estará composto por membros da Fundación Fernández Latorre, de La Voz de Galicia e outras persoas representativas no campo da comunicación e a cultura, terá, ademais das facultades normais de emitir e discerni-lo premio, as de interpreta-las presentes bases.

4. Presentación de traballos.

Os traballos deberán enviarse por triplicado á Fundación Fernández Latorre, avda. da Prensa, 84-85, polígono industrial de Sabón, 15142 Arteixo (A Coruña), ata o 30 de xuño de 2001, coa indicación «Premios Fernández Latorre». Os que se emitan por radio ou televisión deberán acreditarse cunha certificación do director da emisora ou centro de televisión e as tres cintas correspondentes.

Os traballos poderán ser presentados polo propio autor ou autores, polo xurado ou por calquera persoa ou entidade. Neste último caso, debe acreditarse o consentimento do candidato.

5. Condicións.

A presentación a estes premios supón a conformidade dos participantes coas bases e leva implícita a autorización á difusión de traballos premiados, sen finalidade lucrativa e por un período de tempo non superior a seis meses.

A Coruña, 31, de maio de 2001.

Santiago Rey Fernández- Latorre

Presidente da Fundación Fernández Latorre

P.O. Teresa Charro Rodríguez (Dpto. Financiero 32.799.147-C)