Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Xoves, 31 de maio de 2001 Páx. 7.308

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN PÚBLICA ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN SANITARIA

ACORDO do 10 de maio de 2001 polo que se convoca o curso de diplomado en enfermería de empresa.

O marco de colaboración existente entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Servicio Galego de Saúde (Sergas), por unha banda, e a Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), pola outra, ten por obxecto o deseño conxunto e a execución pola Fegas do plan de formación e reciclaxe profesional sanitaria de tódolos traballadores, tanto da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais como do Sergas.

Entre as distintas actividades que se van conveniar para o ano 2001 entre ámbalas dúas partes, atópase o curso de diplomado en enfermería de empresa promovido polo Hospital do Meixoeiro de Vigo, a través da súa Escola Universitaria de Enfermería adscrita á Universidade de Vigo, que se imparte coa finalidade de satisface-la forte demanda de formación existente ó respecto entre o colectivo profesional dos ATS/DUE en Galicia.

O curso conta coa autorización expresa da Escola Nacional de Medicina do Traballo, por adaptarse os seus contidos ás súas directrices; os diplomas acreditativos que lles serán expedidos ós participantes por ela teñen validez en todo o territorio nacional, e rexerase conforme as seguintes bases:

Primeira.

1. O curso de diplomado en enfermería de empresa, organizado pola Fegas e polo Hospital do Meixoeiro de Vigo a través da súa Escola Universitaria de Enfermería, impartirase na cidade de Vigo nas súas dependencias, terá un número máximo de 40 participantes e unha duración de 300 horas, 200 teóricas e 100 prácticas para realizar en empresas.

2. O custo dos dereitos de inscrición no curso ascenderá á cantidade de 250.000 pesetas por participante, que deberán ingresarse a favor da Escola Galega de Administración Sanitaria na forma e prazo que se lles comunique individualmente ós aspirantes admitidos.

Segunda.-Os requisitos para participar no curso serán os seguintes:

1. Será requisito común para tódolos aspirantes posuí-lo título de ATS/DUE, que se acreditará mediante a presentación de fotocopia compulsada do correspondente título ou certificado de depósito de que satisfixeron os dereitos.

2. Os aspirantes ás prazas deberán posuí-la nacionalidade da Unión Europea, o que se acreditará coa presentación da fotocopia do documento nacional de identidade do país comunitario que corresponda.

3. Os dous requisitos anteriores deberán cumprilos aspirantes no momento de remata-lo prazo de presentación de instancias.

Terceira.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación deste anuncio no DOG.

2. Os interesados en seren admitidos dirixirán a solicitude á Fegas, utilizando o modelo de instancia que se poderá recoller na sede da propia Fegas, sita no polígono das Fontiñas, rúa de Madrid 2-4, 2ª planta, CP 15707, Santiago de Compostela (A Coruña), ou na Escola Universitaria de Enfermería do Hospital do Meixoeiro de Vigo, sita nas dependencias do propio hospital.

3. As ditas solicitudes poderán presentarse a través de calquera dos seguintes xeitos:

a) Mediante a súa entrega na sede da Fegas.

b) Mediante correo certificado dirixido á Fegas nun sobre pechado, sempre que na solicitude conste a data de envío debidamente cuberta pola correspondente oficina de correos.

4. O criterio de admisión dos aspirantes será único e consistirá na rigorosa orde de recepción das solicitudes de participación.

Cuarta.

1. A selección dos aspirantes ó curso faraa unha comisión de selección paritaria formada por representantes da Fegas e da Escola Universitaria de Enfermería do Hospital do Meixoeiro.

2. A dita comisión de selección publicará a lista provisional de admitidos e excluídos ó curso. A dita publicación farase nos taboleiros de anuncios da Fegas e da Escola Universitaria de Enfermería do Hospital do Meixoeiro, podendo reclamar contra el os interesados a partir do día seguinte ó da súa publicación ou exposición ó público nos taboleiros mencionados no prazo de 5 días hábiles, mediante escrito dirixido á propia comisión.

Transcorrido o dito prazo e resoltas as reclamacións presentadas, a dirección da Fegas acordará a lista definitiva de profesionais admitidos e excluídos, que se publicará nos lugares descritos no parágrafo anterior.

3. Se algún dos aspirantes inicialmente seleccionados non satisfai no prazo que se lle indique os dereitos de inscrición, a comisión de selección, de xeito automático, ofertará a participación no curso ós aspirantes non seleccionados, utilizando para iso o criterio sinalado na base 3.4º deste acordo.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2001.

Javier Bouzada Romero

Director da Escola Galega de Administración Sanitaria