Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Luns, 28 de maio de 2001 Páx. 7.130

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2001 pola que se convocan unhas xornadas sobre fundacións.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2001 e de acordo

coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Escola Oficial de Idiomas da Coruña, unhas xornadas sobre fundacións, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

No desenvolvemento da actividade fundacional adquiren relevancia distintas cuestións: a forma e o tempo en que debe realizarse a actividade fundacional e a posibilidade de que a fundación leve a cabo actividades económicas esencialmente rendibles, a pesar de ser unha entidade sen finalidade de lucro, e, á inversa, que a empresa se implique en actividades de interese xeral a través do mecenado e o patrocinio. Todo isto no contexto da crecente puxanza do terceiro sector na asunción de actividades de interese xeral ata agora reservadas á Administración pública.

Así mesmo, é importante preve-lo destino do patrimonio da fundación, unha vez cumpridos os obxectivos fundacionais. Debe establecerse se sobre o devandito patrimonio e as doazóns inicialmente achegadas existe ou non un dereito de reversión en favor da persoa física ou xurídica que as realizou, de modo que poida recuperalas ó extinguirse a fundación.

Todas estas cuestións presentan novos retos no futuro das fundacións que é necesario afrontar e resolver para obter definitivamente unha clara e contundente seguridade xurídica. Coa finalidade de esclarecer e determina-lo ámbito das devanditas cuestións lévanse a cabo estas xornadas, centradas nestes temas de grande interese e actualidade.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-A dotación da fundación.

-O réxime do patrimonio fundacional.

-Mecenado e réxime fiscal das fundacións.

-O exercicio de actividades económicas por parte da fundación.

-As fundacións no sistema das persoas xurídicas.

-A actividade de fomento e control do protectorado da fundación en relación ós seus aspectos económicos.

-A propósito da reversión do patrimonio fundacional á familia do fundador.

-A dotación da fundación no dereito italiano.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Escola Oficial de Idiomas da Coruña (r/ Pepín Rivero, s/n, da citada cidade) os días 18 e 19 de xuño de 2001.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o xoves, día 14 de xuño de 2001.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono de As Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, o día 15 de xuño, das 10 ás 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública