Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 18 de maio de 2001 Páx. 6.653

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 3 de maio de 2001 pola que se convoca o XV Certame Galego de Artes Plásticas Xuventude 2001.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en virtude do Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a súa estructura orgánica, é o órgano competente da Administración autonómica ó que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de, entre outras, o apoio ó desenvolvemento da actividade xuvenil, que leva a cabo a través da Dirección Xeral de Xuventude. Por outra banda, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural, ten, entre outras funcións, de acordo co disposto no Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, a música, as artes líricas e coreográficas, así como a posta en práctica de medidas de apoio para os artistas.

Polo exposto, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, dada a natureza das actividades que se van realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 2001.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude convoca o XV Certame Galego de Artes Plásticas Xuventude 2001, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, nas que se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artigo 2º

O certame obxecto desta convocatoria está dotado cuns premios únicos para toda a Comunidade Autónoma galega e será tramitado a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, coa colaboración das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

A Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude será a encargada de organiza-lo certame ó que se fai mención no artigo 1º.

Artigo 3º

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste certame serán custeadas con cargo á partida orzamentaria 14.01.211.A.640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

Disposicións derradeiras

Primera.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2001.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

ANEXO I

XV Certame Galego de Artes Plásticas Xuventude

2001

I. Participantes.

Establécense as seguintes modalidades:

-Pintura.

-Escultura.

-Debuxo.

-Cerámica.

Poderán participar artistas galegos ou residentes en Galicia e establécense as seguintes categorías para cada modalidade.

-Pintura e debuxo:

Categoría A: ata os 12 anos.

Categoría B: dos 13 ós 17 anos.

Categoría C: dos 18 ós 30 anos.

-Cerámica:

Categoría B: ata os 17 anos.

Categoría C: dos 18 ós 30 anos.

-Escultura:

Categoría C: dos 18 ós 30 anos.

Tódalas idades considéranse cumpridas o 31-12-2001.

II. Condicións xerais.

1. Cada autor poderá presentar, como máximo, tres obras en cada modalidade.

2. As obras presentadas serán orixinais e non poderán ter participado en ningún concurso.

3. O tema e as técnicas serán libres.

4. Os debuxos deberán levar cristal protector ou arragláss, e as pinturas marco ou bastidor, e virán presentadas coa embalaxe ou empaquetado protector.

5. A organización non se responsabiliza das posibles roturas ou extravíos das obras aínda que a Dirección Xeral de Xuventude subscribirá unha póliza que as asegure, de ata un máximo de 50.000 pesetas por obra.

6.a) As obras premiadas nas distintas categorías quedarán en poder da Dirección Xeral de Xuventude.

b) As obras con mención de honra poderán ser cedidas á Dirección Xeral de Xuventude para poder, como as premiadas, engrosa-los fondos do Museo de Arte Xuvenil Esteban Rosa, situado no albergue xuvenil de Gandarío-Sada-A Coruña.

III. Inscricións.

1. Os participantes deberán dirixi-lo impreso de solicitude que se indica no anexo II ó Servicio de Xuventude da Delegación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia na que residan habitualmente, que pode ser en:

R/ Durán Loriga, 9-1º, 15003 A Coruña.

R/ Ronda da Muralla, 70, 27003 Lugo.

Avda. da Habana, 81 baixo, 32004 Ourense.

R/ María Berdiales, 20-entreplanta, 36203 Vigo.

R/ Benito Corbal, 47-2º, 36001 Pontevedra.

Todo isto, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será ata o día 15 de outubro de 2001 inclusive.

2. A solicitude irá xunto cun sobre pechado no que figurará o boletín de inscrición que se indica no anexo III, cos seguintes datos de identificación:

-Título da obra.

-Modalidade.

-Categoría.

-Lema.

-Nome e apelidos do autor.

-Enderezo e teléfono.

-Localidade.

Así como unha fotocopia do DNI por ámbalas dúas caras ou da folla correspondente do libro de familia.

3. No exterior do sobre figurará o lema do autor, títulos das obras, modalidade e categoría na que participa.

IV. Desenvolvemento.

O certame obxecto desta convocatoria desenvolverase a través da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Coruña, coa colaboración da delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

O xurado seleccionará, de entre as obras recibidas, aquelas que pola súa calidade e orixinalidade o merecesen.

A selección farase nun só acto, levantando acta o secretario do xurado. Concederanse tres premios por categoría e modalidade.

As notificacións das resolucións, tanto favorables coma desfavorables, serán enviadas ós solicitantes nun prazo non superior a seis meses desde a publicación desta orde no DOG.

En caso de non recibi-la notificación no antedito prazo, poderá entenderse desestimada a solicitude presentada.

V. Premios.

Establécense os premios seguintes:

Pintura:

ABC

1º 30.000 ptas.50.000 ptas.125.000 ptas.

2º 20.000 ptas.30.000 ptas. 75.000 ptas.

3º 15.000 ptas.20.000 ptas. 50.000 ptas.

Debuxo:

ABC

1º 25.000 ptas.50.000 ptas. 80.000 ptas.

2º 15.000 ptas.35.000 ptas. 35.000 ptas.

3º 10.000 ptas.20.000 ptas. 30.000 ptas.

Escultura:

ABC

1º --125.000 ptas.

2º -- 75.000 ptas.

3º -- 50.000 ptas.

Cerámica:

ABC

1º -50.000 ptas.105.000 ptas.

2º -40.000 ptas. 75.000 ptas.

3º -25.000 ptas. 50.000 ptas.

Os premios obxecto desta convocatoria estarán suxeitos ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

O xurado poderá facer mencións de honra para algunha das obras non premiadas.

As obras seleccionadas serán expostas na provincia da Coruña, en localidade por determinar, no mes de novembro de 2001.

A organización poderá montar unha exposición itinerante con elas.

VI. Xurado.

A xuízo do xurado, e segundo a calidade das obras, poderanse deixar desertos algúns premios.

As contías dos premios serán únicas e indivisibles.

O xurado será nomeado pola delegada provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e pola delegada provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Coruña, e estará composto por persoas cualificadas no campo artístico, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Coruña.

A decisión do xurado será inapelable.