Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 07 de maio de 2001 Páx. 6.099

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2001 pola que se convoca un curso para a obtención do BTP.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso para a obtención dun certificado que acredite a suficiencia nos coñecementos teóricos esixidos para obte-la habilitación que faculte para conducir vehículos prioritarios (BTP), a que se refire o artigo 7.3º do Regulamento xeral de conductores, todo iso ó abeiro do disposto na disposición adicional sexta do antedito regulamento que establece, no seu primeiro parágrafo, que as escolas oficiais de policía que conten coa autorización da Dirección Xeral de Tráfico poderán expedi-lo dito certificado, exclusivamente para os efectivos policiais.

A consecución deste certificado substituirá as probas previstas no artigo 51.3º do regulamento citado, e permitirá que todos aqueles membros dos corpos das policías locais de Galicia que sexan titulares, con polo menos un ano de antigüidade, dun permiso de clase B, poidan obte-lo BTP presentando na Xefatura Provincial de Tráfico que corresponda ó domicilio do interesado, o certificado que a Academia Galega de Seguridade lle facilite, logo de superado o curso que agora se convoca, xunto coa solicitude correspondente e os demais documentos a que se refire o artigo 15.2º do Regulamento xeral de conductores (fotografías, psicotécnico, etc.), que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivo principal permiti-la obtención da autorización BTP para todos aqueles

efectivos dos corpos das policías locais de Galicia que o soliciten, teñan un permiso tipo B con polo menos 1 ano de antigüidade e superen as probas finais deste curso.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia que posúan unicamente un permiso tipo B, e con polo menos 1 ano de antigüidade.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Requisitos dos solicitantes.

Ser funcionario, e:

a) Pertencer ós corpos das policías locais de Galicia.

b) Atoparse na situación administrativa de servicio activo, condición esta que deberá ser ratificada polo xefe ou responsable do cadro de persoal correspondente.

c) Ser titulares dun permiso clase B, con polo menos un ano de antigüidade.

Prazas.

Sen límite.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar cuberta á máquina ou con letra moi clara a instancia que figura no anexo, debidamente cuberta.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 18 de maio ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal, ou polo concelleiro de tráfico e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido no curso, o incumprimento deste requisito levará á exclusión do devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Modalidades do curso.

De acordo cos termos de autorización feita pola Dirección Xeral de Tráfico a favor da Academia Galega de Seguridade, faise necesario establecer dúas opcións distintas, segundo as circunstancias nas que poidan atoparse os solicitantes:

Opción A: solicitantes que realizasen na AGS o curso de formación básica para policías de novo ingreso. Estes unicamente deberán examinarse do temario complementario de mecánica.

Opción B: o resto dos solicitantes deberán superar ademais da parte de mecánica, a de normativa específica reguladora da circulación, e a relativa ó transporte de persoas.

Esta opción deberá ser marcada no recadro correspondente do modelo de instancia.

Datas.

O curso desenvolverase a partir do mes de maio, na modalidade de «a distancia», e a AGS facilitará os materiais do alumno que sexan necesarios. Na primeira quincena do mes de setembro realizaranse os exames, quedando por determinar as sedes e datas, que estarán en función do número e procedencia das solicitudes recibidas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 24 de maio no taboleiro de anuncios da Academia Galega

de Seguridade ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Certificado.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado, que lles permitirá, xunto cos documentos a que se refire o artigo 15.2º do Regulamento xeral de conductores (psicotécnico, fotografías, etc.), obte-la autorización BTP a aquelas persoas que superen as correspondentes probas.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 18 de abril de 2001.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade