Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 27 de abril de 2001 Páx. 5.603

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 de abril de 2001 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de bolsas para os alumnos galegos ou residentes en Galicia, que desexen realiza-los seus estudios fóra do sistema universitario de Galicia para o curso académico 2001/2002, como consecuencia da implantación do distrito aberto.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro) transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica ós estudiantes que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Por outra parte e, en relación cos estudios universitarios, tódolos sectores educativos coinciden en que, hoxe en día, a mobilidade é un compoñente desexable na formación universitaria e un medio para mellora-la calidade do ensino así como un elemento capaz de contribuír á integración e maior cohesión do sistema universitario español ó favorecer que os estudiantes experimenten sistemas docentes distintos, así como o coñecemento dos distintos aspectos sociais e culturais doutras autonomías.

Con este motivo ponse en funcionamento o denominado distrito aberto para o próximo curso 2001/2002, encamiñado a que os estudiantes poidan solicitar praza na universidade da súa elección, con independencia daquela na que superase a proba de acceso.

Para que estes obxectivos sexan acadados, e coa finalidade de axuda-las familias a afronta-los gastos de desprazamento dalgún dos seus membros a outra Comunidade Autónoma, por razóns de estudios, a Consellería de Educación e Ordenación Universi

taria pon en marcha esta nova convocatoria de bolsas para alumnos galegos ou residentes en Galicia, que desexen inicia-los seus estudios universitarios nas universidades públicas de fóra de Galicia.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse bolsas en réxime de concorrencia competitiva para alumnos galegos ou residentes en Galicia que desexen iniciar por primeira vez, estudios presenciais en titulacións universitarias de carácter oficial e validez nacional nas universidades públicas de fóra de Galicia, como consecuencia da implantación do denominado distrito aberto, para o curso académico 2001/2002.

O obxecto desta acción é favorecer que o alumno poida elixir libremente a universidade na que desexe realiza-los seus estudios, con independencia daquela universidade na que superase a proba de acceso.

Artigo 2º.-Orzamento e contía.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, cunha contía de 20.000.0000 pesetas (120.202 euros).

A contía máxima de cada axuda non poderá supera-la cantidade de 500.000 pesetas (3.005 euros) e determinarase en función dos ingresos da unidade familiar.

Artigo 3º.-Período.

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 2001/2002.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes segundo modelo ED 437A que se publica como anexo á presente orde, asinadas polos interesado, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dirixidas á Dirección Xeral de Universidades-Subdirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 1º andar, 15704 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificada.

2. Para os efectos de información os interesados tamén poderán consulta-la páxina web da Xunta de Galicia.

3. O prazo de presentación de solicitudes e documentación será ata o día 31 de maio, contados desde o día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos que cumpran os seguintes requisitos:

-Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun dos estados membros da UE.

-Estar censado na Comunidade Autónoma de Galicia.

-Estar matriculado no curso académico 2001/2002, nalgunha universidade pública de fóra de Galicia no primeiro curso dunha titulación universitaria de carácter oficial ou validez en todo o territorio nacional.

Artigo 6º.-Documentación.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

-Copia do DNI.

-Certificado de empadroamento.

-Copia completa compulsada da declaración da renda das persoas físicas referidas ó exercicio do ano 1999, dos membros que constitúen a unidade familiar á que pertence o/a solicitante, xunto coa folla de liquidación do ingreso selado pola entidade bancaria ou delegación de facenda na que foi presentada. No caso de existiren ingresos non suxeitos á declaración ante Facenda, deberá facerse constar no impreso de solicitude.

-Copia do xustificante de matrícula correspondente ó curso académico 2001/2002. Se o solicitante non puidera matricularse, por razóns de prazos de matrícula establecidas polas universidades, deberá presentar escrito (modelo anexo II) no momento de formalizala, e copia compulsada do xustificante de matrícula, sempre antes do 15 de setembro de 2001.

-Declaración xurada do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

-Documento facilitado pola entidade bancaria, a nome do interesado, no que conste o número de conta do cliente, os códigos que identifican o banco, a oficina, e o díxito de control.

Artigo 7º.-Selección.

A selección farase ordenando tódalas solicitudes que cumpran os requisitos en función dos ingresos da unidade familiar.

Artigo 8º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente:

O director xeral de Universidades ou, por delegación o subdirector xeral de Universidades.

Vocais:

Vicerrector de Estudiantes da Universidade da Coruña.

Vicerrectora de Estudiantes da Universidade de Santiago de Compostela.

Vicerrector de Docencia e Alumnado da Universidade de Vigo.

Un funcionario do Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios.

Secretario:

Un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Artigo 9º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provincias, e dos vicerrectorados de estudiantes das tres universidades galegas, sinalando, se é caso, as causas de exclusión.

Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas na páxina web da Xunta de Galicia-Consellería de Educación e Ordenación Universitaria www.xunta.es/ceoug/dxu. As listas provisionais estarán expostas desde o día 25 de xuño ó 5 de xullo de 2001. Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formula-las reclamacións para emendar erros e faltas de documentación ante a Dirección Xeral de Universidades, presentando, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, arquivarase o expediente sen máis trámite.

Artigo 10º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 11º.-Aceptación da bolsa e pagamento.

Para o aboamento das axudas convocadas na presente orde, e de acordo co estipulado no artigo 41 da Lei 4/2000, do 27 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, poderase acordar no momento da concesión un anticipo de pagamento de ata un 10%, librarase o 90% restante no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para as que foi concedida.

Para os efectos de cobramento, o beneficiario deberá entrega-la seguinte documentación de conformidade co artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de

novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, na Dirección Xeral de Universidades, antes do 15 de setembro de 2001, a seguinte documentación:

-Declaración xurada do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para este fin, das distintas administracións públicas competentes.

-Xustificante de matrícula no curso 2001/2002.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto nos artigos 4 e 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora, teña que examina-las soli

citudes, algún dos compoñentes non puidesen asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se designe. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de novembro), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións pública da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO II

Apelidos e nomeDNI/CIF

Domicilio actual

LocalidadeCPProvincia

DECLARA

Que lle foi concedida unha bolsa-colaboración segundo a orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do ... de ... de 2001, co nº de expediente ...

e que se compromete a entrega-lo xustificante de matrícula no momento da súa formalización, e sempre antes do 15 de setembro de 2001.

En ... o... de... de 2001

Asdo: ...