Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 19 de abril de 2001 Páx. 5.175

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2001 pola que se convoca unha Xornada sobre a Administración tributaria ante a fiscalidade dos negocios de dereito galego.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2001 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase unha Xornada sobre a Administración tributaria ante a fiscalidade dos negocios de dereito galego, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Profundar nas estratexias xurídicas que debe segui-la Administración autonómica galega, na xestión, comprobación e liquidación dos tributos cedidos ou propios que tomen como presuposto o feito impoñible, actos ou negocios xurídicos propios do ordenamento galego, en especial os regulados no dereito especial.

2. Contido.

Trataranse, entre outros, estes temas:

-Problemática fiscal das institucións de dereito civil especial.

-Os tributos cedidos e os negocios de dereito galego.

-A tributación das institucións de dereito en Aragón.

-Aspectos fiscais das institucións de dereito catalán.

-O réxime xurídico tributario do dereito foral navarro.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: a xornada convocada desenvolverase no salón de actos da Delegación do Ministerio de Facenda na Coruña (AEAT), (r/ Comandante Fontanes, 10, 3ª planta, da citada cidade) o día 3 de maio de 2001.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 30 de abril de 2001.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, o día 2 de maio, de 10 a 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento da xornada, así como a de cancelala, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate desta xornada, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a ela, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública