Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 17 de abril de 2001 Páx. 5.022

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Factorías Vulcano, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Factorías Vulcano, S.A., con nº de código 3600572, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 9-2-2001, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, en data 25-1-2001, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisióin negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 20 de febreiro de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo 200-2001 Factorías Vulcano, S.A.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O ámbito do presente convenio será o da empresa Factorías Vulcano, S.A. e afectará á súa factoría de Santa Tecla en Vigo e, por extensión, a calquera lugar onde o persoal da empresa, suxeito a ordenanza laboral para a industria siderometalúrxica, realice os seus servicios a esta.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio será de aplicación a todo o persoal técnico, administrativo, subalterno e obreiro que preste os seus servicios durante a súa vixencia. Queda excluído deste convenio o persoal directivo ó que fan referencia os artigos 1.3º c) e 2.1º a) do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores.

Artigo 3º.-Vixencia.

As normas estipuladas no presente convenio rexerán a partir do 1 de xaneiro de 2000. A súa vixencia será de vintecatro meses (1 de xaneiro de 2000 ó 31 de decembro de 2001), entendéndose prorrogado de ano en ano, a non ser que calquera de ámbalas partes solicite en forma legal a súa revisión ou rescisión con tres meses de antelación á data de expiración deste ou de calquera das súas prórrogas.

Artigo 4º.-Causas de revisión.

Será causa suficiente de revisión do convenio se por disposición legal se establecesen melloras na súa total contía e fosen superiores á totalidade das comprendidas no presente convenio.

Tamén será causa de rescisión o incumprimento do pactado por unha das partes.

Artigo 5º.-Comisión de vixilancia.

Para a aplicación e interpretación das estipulacións do presente convenio créase unha comisión mixta, composta por tres vocais nomeados pola dirección e outros tres en representación dos traballadores, nomeados de entre os seus membros por proposta do comité de empresa, así como dous suplentes para cada representación.

Actuará de secretario, con funcións de moderador, o titular de Asuntos Sociais, ou a persoa que este designe.

A comisión informará e asesorará a dirección e ó comité de empresa, en relación coa interpretación das cláusulas do convenio, en cantas incidencias puideran producirse, co obxecto de que poidan contar cos elementos de xuízo necesarios para a máis acertada solución, sen prexuízo das facultades que de acordo co artigo 91 do Estatuto dos traballadores, corresponden á xurisdicción competente.

Se a comisión non se pronunciase por unanimidade no correspondente informe, poderá facer consta-los votos particulares coas súas correspondentes alegacións.

Artigo 6º.-Compensación de melloras.

Tódalas melloras establecidas no presente convenio poderán ser absorbidas ou compensadas cos aumentos de remuneración que no futuro puidesen establecerse por disposición legal.

Artigo 7º.-Contrato con menores.

Non se realizarán contratos de traballo con menores de 16 anos. O contrato para a formación rexerase polo previsto no artigo 11.2º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, segundo quedou redactado pola Lei 63/1997, do 26 de decembro, e coas particularidades recollidas no Real decreto 488/1998, do 27 de marzo.

Artigo 8º.-Admisión de menores.

Á hora de ingresar traballadores menores, terán preferencia os fillos dos traballadores desta empresa.

Artigo 9º.-Ingresos de persoal.

Cando existan vacantes e sexa preciso cubrilas, publicaranse por medio de aviso nos taboleiros de anuncios da empresa. Á hora do ingreso, e en igualdade de condicións, terán preferencia os fillos de productores.

Non se admitirán xubilados doutras actividades.

Artigo 10º.-Promoción de categorías.

A promoción de categorías á que fai referencia o artigo 24 da ordenanza laboral, convocarase cada ano co obxecto de cubrir estas, sendo as probas de promoción mediante exame; os ditos programas para as respectivas categorías e grupos profesionais daranse a coñecer coa antelación suficiente. Das ditas probas será responsable o departamento de persoal.

Os postos que impliquen exercicio de autoridade ou mando cubriranse por libre designación da dirección da empresa, así como o correspondente á categoría de oficial de 1ª, letra A, do persoal obreiro.

Neste último caso, a empresa oirá previamente o comité antes de pasar da letra B á A a un oficial de 1ª.

A empresa dispoñerá os medios necesarios para a formación do persoal existente nela, encamiñada á promoción de categorías.

Os exames realizaranse na segunda quincena do mes de abril, pagándose atrasos con carácter retroactivo ó 1 de abril.

Os productores maiores de 40 anos e que leven máis de 15 na categoría poderán cubri-las vacantes que quedasen desertas no seu G.F.H., ben por non haber candidatos, ou ben porque estes non teñan

superado as probas. No caso de que houbera varios productores no G.F.H. nestas circunstancias, cubrirán as prazas os de maior antigüidade na empresa.

A empresa escollerá o comité antes de ocupa-las vacantes ás que se refire o artigo 24 da ordenanza laboral.

Capítulo II

Réxime de traballo

Artigo 11º.-Calendario laboral.

O calendario laboral (anexo VII) basearase nunha xornada de 1.752 horas de traballo efectivo durante o primeiro ano de vixencia deste convenio.

Durante o ano 2001 efectuarase o calendario laboral que figura no anexo VIII (1.752 horas de traballo efectivo).

As ditas horas deben traballarse, en todo caso, salvo en situacións de incapacidade temporal, licencias e permisos, excedencias, folga ou peche patronal.

Artigo 12º.-Xornada laboral e horario de traballo.

A xornada normal de traballo nesta empresa será a continuada de 8 horas.

O horario normal de traballo comezará ás 7 da mañá e finalizará ás 15 horas, sen interrupción para bocadillo, que se tomará sobre a marcha, de luns a venres.

O persoal técnico, administrativo e subalterno, con dereito á xornada intensiva deberán compensar ese dereito co desfrute dunha xornada igual que a quenda normal, pero con saída ás 14.30 horas.

A fixación deste horario supón a renuncia ó período de descanso non inferior a quince minutos que para o suposto da xornada continuada determina o artigo 34.4º, da Lei do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que a empresa tivese que establecer obrigatoriamente o dito período de descanso, o anterior horario ampliaríase no tempo que durase aquel.

Se por circunstancias de producción se precisara que algún traballador fixese quenda de traballo distinto á de mañá, a empresa podería solicitar ó persoal preciso, mediante o comité, o cambio de quenda, aboándolles a eses traballadores a compensación correspondente pola dita circunstancia.

Artigo 13º.-Horas extraordinarias.

Independentemente da libre iniciativa da empresa para expoñe-lo traballo en horas extraordinarias e da libre vontade do traballador para aceptalas, considérase obrigatoria a prestación de traballo en horas extraordinarias por parte do persoal, nos casos seguintes:

-Os que afecten a reparacións ou modificacións de planta e equipo da factoría que interfiran na producción normal.

-Os que esixan a colaboración da empresa para remediar ou corrixir situacións excepcionais. O carácter de excepcional será sometido á autoridade laboral.

-Os necesarios para a botadura de buques ou varada en casos de recoñecida necesidade.

A empresa reducirá ó máximo a realización de horas extraordinarias, sen prexuízo de ofrece-lo máximo nivel de servicio, informando previamente o comité do número das que se vaian realizar e das súas causas.

As horas extraordinarias motivadas por causa de forza maior, serán notificadas mensualmente á autoridade laboral conxuntamente por empresa e comité para os efectos de obte-la reducción de recargos de cotización.

Co fin de clarifica-lo concepto de horas extraordinarias estructurais entenderanse como tales as necesarias para cubrir períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambio de quenda, mantemento ou traballos urxentes derivados da natureza de determinadas actividades, probas, manobras de buques, botaduras e outros supostos similares.

Artigo 14º.-Aboamento de comida.

Aqueles productores ós que non se lles avisase con 24 horas de antelación e fagan traballos en horas extraordinarias, terán dereito a unha indemnización de 1.000 pesetas en concepto de comida, agás aqueles ós que se lles facilite saír durante a xornada laboral polo tempo que se estime oportuno en cada caso, o cal será aboado.

Será aboada a comida os venres véspera de festivos, se se executan horas extraordinarias aínda que haxa preaviso.

Cando a prolongación da xornada exceda dunha hora, será aboada a comida.

En sábados e días festivos, logo das 13 horas do día, tamén se aboará comida cando nestes se traballen un mínimo de catro horas.

Se o número de horas extraordinarias executadas polo productor no día laborable excede de cinco, terá dereito a unha indemnización de 1.000 pesetas en concepto de cea durante o ano 2000 e 1.065 pesetas durante o ano 2001. Se se prolongase o traballo nocturno ata pasadas as 4 horas da madrugada, aboaránselle 325 pesetas máis en concepto de almorzo durante o ano 2000 e 345 pesetas durante o ano 2001.

Artigo 15º.-Cambios de posto.

A dirección poderá ordenar cambios de posto dunha sección a outra, ou dentro de cada sección, se as necesidades de organización o requiren.

O traballador que reciba unha orde de cambio de posto, sempre que esta non represente vexación para el, vén obrigado a cumprila inmediatamente, considerándose a negativa como falta de disciplina. Sen

prexuízo desta obrigación, o interesado poderá exerce-las reclamacións correspondentes.

Considéranse vexatorias as seguintes:

-Para oficiais profesionais, realizar traballos de cualificación correspondentes ó grao 4; ou sexa, propios de peón.

-Para os especialistas e peóns, realizar tarefas de limpeza do WC, non sendo voluntariamente.

Se o cambio é temporal, unha vez finalizado o período accidental o traballador debe de ser reintegrado ó seu posto, que non terá sido ocupado por outro productor. En caso de desaparición do posto de traballo, é dicir, que o cambio de destino teña carácter permanente, se se volvese crear novamente aquel posto, o trasladado terá dereito preferente para ocupar este.

Cando o traslado supoña cambio de oficio ou profesións, a empresa sempre que as circunstancias o aconsellen (idade, novo oficio, etc.), proverá o trasladado da formación adecuada ó novo oficio ou categoría, ben sexa na propia empresa ou en centros oficiais ou recoñecidos.

Sempre que estes cambios ou traslados se efectúen por conveniencia da empresa, esta estará obrigada a respecta-la categoría, como mínimo, do traballador.

Para estes tipos de traslados, pedirase informe previo ó comité de empresa.

Logo da formación de expediente e a correspondente notificación ó comité de empresa, poderán ordenarse traslados como medida disciplinaria, en caso de notorio incumprimento das funcións propias do posto ou como consecuencia de actos de indisciplina.

Artigo 16º.-Perda de aptitudes.

O persoal con capacidade diminuída por ter perdido aptitudes para o desempeño correcto do seu traballo, ben sexa por idade ou outras circunstancias profesionais antes da súa xubilación ou retiro, poderá ser trasladado a traballos adecuados ás súas condicións, percibindo a retribución correspondente ó posto que debía de desempeñar.

Se a mingua de aptitudes fose producida por accidente fóra da factoría ou por enfermidade non profesional, poderá ser destinado ó posto de traballo que lle designe a empresa, percibindo o soldo correspondente ó dito posto.

Os traballadores que perderan aptitudes por causa de accidentes de traballo na empresa, serán admitidos, podendo ser trasladados a postos de traballo de inferior categoría, pero seguirán percibindo o mesmo soldo ou xornal que tiñan no momento do accidente.

A empresa poderá, en todo caso, reduci-los seus xornais na mesma contía que percibiran de renda por incapacidade, que se incrementará ó fondo social. Non obstante, e previa aprobación en cada

caso do órgano rector do fondo social, poderá quedar reducida a deducción ó 60% da citada renda de incapacidade. Para todos aqueles que perciban indemnización a tanto alzado ou global, obrigatoriamente achegarán o 15% da dita cantidade ó fondo social.

Artigo 17º.-Retribución nos cambios de posto.

Cando un traballador ocupe provisionalmente un posto de cualificación inferior, conservará a súa retribución anterior, pero a prima correspondente ó novo posto.

Se o traslado do posto obedece a solicitude do propio interesado, este percibirá a remuneración correspondente ó novo posto, aínda que sexa inferior ó anterior.

Cando un traballador ocupe provisionalmente un posto de cualificacióin superior no que non teña posibilidade ningunha de promocionar, aboaráselle a retribución correspondente ó dito posto durante o tempo que dure esta ocupación.

O feito de que un traballador por motivo de orde persoal perciba, nun determinado posto, unha retribución superior á correspondente a este, non implica que outro traballador que veña substituílo, deba percibi-la mesma retribución, senón que percibirá a correspondente realmente á súa categoría profesional.

Respectarase o grupo de tarifa da Seguridade Social ós productores con máis de 15 anos de antigüidade na empresa e ós que resten menos de 15 anos para a súa xubilación.

Artigo 18º.-Vacacións.

As vacacións desfrutaranse do 17 de xullo ó 16 de agosto, incluídas ámbalas datas, durante o ano 2000, e do 18 de xullo ó 19 de agosto, incluídas ámbalas datas, durante o ano 2001.

O persoal do servicio de planta que preste servicio durante o período de vacacións desfrutará estas fóra dese período, en quendas establecidas de común acordo coa xefatura de servicio.

Aqueles que pretendan desfruta-las súas vacacións fóra da quenda establecida terán que solicitalo da dirección antes do 30 de abril, e a contestación da empresa será antes do 15 de maio.

Se se presentasen necesidades non previsibles na quenda de vacacións que causen graves prexuízos á empresa, esta poderá solicitar ó persoal necesario o cambio de datas, por medio do comité de empresa.

Artigo 19º.-Retribución das vacacións.

A retribución das vacacións estará formada polo salario convido, máis a antigüidade correspondente, incrementándose os conceptos anteriores coa parte proporcional de prima calculada en función da prima media obtida nos tres últimos meses, garantindo un mínimo de 65 de actividade para todo o persoal.

Artigo 20º.-Licencias e permisos.

Logo de solicitude dos traballadores afectados, concederase licencia retribuída polo tempo e nos casos seguintes:

1. Dunha xornada de traballo:

-Matrimonio de pais, fillos e irmáns, incluso irmáns políticos.

-Enfermidade grave de irmáns, irmáns políticos e netos.

-Por falecemento de curmáns, tíos e sobriños carnais.

-Por falecemento de avós e netos políticos.

-Por falecemento dun compañeiro de traballo por accidente na xornada laboral ou que, como consecuencia do mesmo, faleza dentro das 24 horas.

-Enfermidade grave dos avós carnais.

-Traslado do domicilio habitual.

2. De dous días naturais:

-Por enfermidade grave de pais e fillos (incluso por parentesco político).

-Por falecemento de irmáns políticos.

3. De tres días naturais:

-Falecemento de irmáns, avós e netos carnais.

-Enfermidade grave do cónxuxe.

4. De tres xornadas de traballo:

-Falecemento de pais e fillos (incluso por parentesco político).

-Parto de esposa.

5. De cinco xornadas de traballo:

-Falecemento do cónxuxe.

6. De doce xornadas de traballo:

-Por enlace matrimonial do productor.

-Por enlace matrimonial, ademais das doce xornadas, poderase ampliar, sempre que o solicite o interesado, sen retribución por parte da empresa, ata un máximo doutros 8 días.

Artigo 21º.-Xustificación de permisos retribuídos.

No prazo máximo de 48 horas despois da incorporación, os traballadores beneficiarios de permisos retribuídos, deberán de xustificar documentalmente a existencvia das circunstancias que tiveran alegado para a obtención deles, atopándose neste mesmo caso os que por causas imprevistas non puideran solicita-lo permiso previamente. Quedan estes, non obstante, obrigados a notificalo dentro das 24 horas.

Artigo 22º.-Concesión de permisos excepcionais.

Independentemente dos casos concretos precisados nos anteriores artigos, será privativa da dirección

a concesión, en circunstancias excepcionais, de permisos retribuídos de maior duración.

Artigo 23º.-Traballos excepcionais.

Dado que na cualificación de cada posto de traballo se ten en conta o ambiente en que se desenvolve, así como os riscos profesionais, o xornal ou soldo de cualificación resultante absorberá a bonificación que o artigo 77 da ordenanza laboral establece para o traballo penoso, tóxico e perigoso nos casos normais.

Os casos excepcionais pagaranse co complemento que sinala a citada ordenanza, fixando este complemento no 20% sobre o salario mínimo profesional, máis antigüidade sobre o salario mínimo.

Considéranse traballos excepcionais unicamente os seguintes:

Excepcionalmente tóxicos:

-Pintura de dobres fondos e tanques polo interior.

-Traballos de corte e soldadura sobre superficies pintadas, en espacios pechados.

-Traballos en interiores de tanques e dobres fondos.

-Cortar material con amianto polo interior.

-Limpeza interior de caldeiras.

-Soldadura de caldeiras en reparación a temperaturas superiores a 30º.

-Recheamento de tubos con area.

-Curvaxe de tubos en quente.

-Desentubamento de caldeiras.

-Curvaxe das cadernas en quente.

-Reparación de máquinas de vapor a temperaturas superiores a 30º en movemento.

-Amolatura de hélices.

-Verniz a pistola.

-Colocación en neveiras, aloxamentos e caldeiras, de la de rocha.

-Saneamento por ARC-AIR.

-Traballos con mecheiros de fuel-oil.

-Pulida e esmerilamento de tubos.

Penosos e perigosos:

-Traballos en alturas superiores a 4 metros, sen protección.

-Soldar mechas cando están prequentadas.

-Traballos que se realicen a partir do proceso de forrado de dobres fondos.

Sucios:

-Traballos en interiores de tanques, sentinas, parte inferior ó piso de sala de máquinas e dobres fondos.

-Pintura de neveiras e similares.

-Limpeza de motores e cambios de aceite a estes.

-Traballos de reparación en buques, segundo zonas.

-Traballos de reparación en caldeiras, segundo zonas.

-Limpeza de tubos.

Os traballos sucios terán unha indemnización de 74 pesetas/día durante o ano 2000 e 79 pesetas/día durante o ano 2001.

Artigo 24º.-Organización do traballo.

A organización do traballo é facultade exclusiva da dirección da empresa.

Artigo 25º.-Calidade do producto.

A calidade dos productos obtidos ou dos servicios prestados polos operarios, corresponderá ás condicións fixadas pola empresa, en normas, planos, especificacións, etc., que se entregarán para realiza-los traballos.

Os traballos que non alcancen a calidade estipulada, non serán computados para efectos de prima e poderán incluso, motivar accións correctivas derivadas das responsabilidades esixibles.

Artigo 26º.-Medida de traballo.

A unidade de medida denomínase punto. É a cantidade de traballo útil desenvolvido nun mínimo (tendo en conta o reposo compensador do esforzo), por un traballador capacitado e adaptado ó posto, traballando a un ritmo mínimo normal.

Artigo 27º.-Actividade.

Enténdese por ritmo mínimo normal, o 75% do traballo que un obreiro capacitado e coñecedor do seu oficio poida realizar durante a xornada laboral sen prexuízo para a súa vida profesional.

Considérase que a actividade óptima é a de 80 puntos por hora e, por conseguinte, a actividade normal é a de 60 puntos por hora.

A diferencia entre os puntos obtidos e os asignados será a base do cálculo de incentivo a prima por rendemento.

Artigo 28º.-Baixa actividade.

Con independencia do previsto en materia de sancións na lexislación laboral vixente, en materia de diminución voluntaria e continuada de rendemento no traballo serán de aplicación exclusiva as seguintes:

Os días de sanción enténdense como suspensión de emprego e xornal.

O índice para controla-las actividades é o rendemento medio mensual individual ou de equipo.

Aínda que ó cómputo de actividades para a imposición de sancións se fará mensualmente, quincenalmente obteranse os cómputos de actividade por obreiro, e todos aqueles que produzan resultados anormais, pasarán ó estudio e dictame da comisión mixta aludida no artigo 5º deste convenio, que determinará e informará sobre as causas que deron orixe a estas anormalidades, procedendo a dirección, en consecuencia, de acordo co informe para esixi-las responsabilidades a que houber lugar e a correspondente imposición de sancións.

Con independencia das causas de despedimento examinadas anteriormente, tamén o serán tódalas previstas no artigo 98 da ordenanza laboral.

Artigo 29º.-Primas.

A empresa reservará para si a facultade de elección e aplicación en cada caso, da modalidade de incentivo que estime máis conveniente, así como as variacións das xa establecidas, se cre que con iso se poden mellora-las relacións laborais e humanas, sempre e cando non se prexudiquen economicamente os beneficiarios da dita prima.

Estas modalidades adaptaranse ás normas dos principios xerais de organización e antes da súa implantación serán notificadas ó comité de empresa para o seu coñecemento e informe, sen prexuízo da súa aprobación pola autoridade laboral competente. Terase especial coidado en que o persoal afectado por unha variación quede informado das modificacións que se produzan.

Tódolos traballos susceptibles de seren sometidos a un estudio racional de tempos, con medida destes, poderanse considerar como traballos suxeitos a prima directa por rendemento individual ou de equipo, mentres que nos que non concorran estas circunstancias, consideraranse como traballos suxeitos a prima indirecta.

Os valores en puntos de traballo establecidos para as diferentes tarefas da empresa, serán revisables cando varíen as circunstancias que concorran na súa fixación, dándolle conta desta revisión ó comité de empresa e ós traballadores afectados, coa debida antelación.

Artigo 30º.-Cantidade de traballo.

A obrigación de prestar servicios durante a xornada laboral completa, inclúe que se acepte por parte do persoal unha saturación total durante ela, incluso aceptando outros traballos dentro da mesma sección, sempre que non sexan vexatorios e estean de acordo coas condicións e capacidade do interesado. Nos casos de traballos controlados, ou con incentivo, a non producir paradas amparándose en que o rendemento medio se manteña por encima do normal.

Artigo 31º.-Paradas.

Durante as paradas que se produzan nos traballos, por causas de forza maior non imputables á empresa, o productor percibirá o xornal de cualificación, sen ningunha prima de producción.

Nas imputables á empresa, o productor percibirá o xornal de cualificación, máis a prima a unha actividade que será a da media do taller.

Consideraranse imputables á empresa as seguintes:

-Falta de material no momento de recibi-lo bono ou orde de traballo.

-Falta de guindastre.

-Falta de instruccións.

-Limpeza de máquina.

Capítulo III

Condicións económicas

Artigo 32º.-Grao de cualificación.

Os graos de cualificacións para o persoal da empresa, para as distintas categorías profesionais, son os que figuran no anexo I.

Artigo 33º.-Soldos e xornais base.

Os soldos e xornais base para cada categoría profesional, segundo os graos que lle correspondan, fanse figurar no anexo II.

Os correspondentes ós traballadores menores de 18 anos, figuran no anexo III.

Artigo 34º.-Primas de asistencia.

No anexo II consígnanse os importes das primas de asistencia por día laborable, correspondentes a cada grao a percepción desta prima está condicionada á asistencia ó traballo.

Estas primas aboaranse tamén a aqueles traballadores que por necesidades da producción teñan que vir traballar en días non laborables.

Artigo 35º.-Incentivos.

No anexo IV figuran as primas de producción para os traballadores baixo control.

Pola media xeral do taller percibirano tódalas oficinas administrativas, verificadores e subalternos que veñan prestando servicios para toda a factoría.

As oficinas técnicas de delineación, preparación e distribución, percibirán o dito suplemento polas medias alcanzadas nos seus respectivos departamentos de caldarería e naval.

Cando a empresa arbitre un sistema de primas para este persoal, automaticamente pasará ó réxime de primas.

Ó persoal obreiro sen opción a prima, aboaráselle por este concepto a que corresponda á media xeral de taller alcanzada na última quincena.

Os traballadores menores percibirán a prima de producción pola función que realicen en cada caso.

Artigo 36º.-Axudas de custo.

Tódolos productores que por necesidades da industria e por orde da empresa teñan que efectuar viaxes e desprazamentos a poboación distinta a de radicación desta, desfrutarán sobre o soldo ou xornal, a axuda de custo que se fixa no anexo VI.

O desenvolvemento e aplicación desta norma acomodarase ó preceptuado no artigo 82 da ordenanza laboral.

Artigo 37º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións que establece a lexislación vixente, aboaranse sobre os xornais e soldos do convenio máis antigüidade, e serán da contía seguinte:

Nadal: 30 días.

Xullo: 30 días.

Nas pagas de xullo e Nadal, aboarase tamén a prima de producción en función da media alcanzada nos tres meses anteriores, garantindo un mínimo de 65 de actividade para todo o persoal.

As fórmulas que se van aplicar para a obtención das primas serán:

-Para empregados:

-Pesetas/prima cobrada último trimestrex30 días naturais

90

-Para obreiros:

Ptas./prima cobrada último trimestrexhoras traballo efectivo s/conveniox30 días naturais

Horas traballadas315

Estas pagas aboaranse nas datas acostumadas.

Ós traballadores que se atopen en situación de IT por accidente de traballo aboaráselle-las gratificacións extraordinarias como se estivesen traballando, complementándolle-la empresa as cantidades que por atoparse na dita situación lles satisfaga o fondo social.

Artigo 38º.-Antigüidade.

O número de quinquenios é ilimitado para efectos de antigüidade e de acordo cos graos de cualificación, establécense os importes por quinquenio que figuran no anexo II.

Artigo 39º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias aboaranse de acordo co que se establece no anexo V para cada grao de cualificación.

Artigo 40º.-Protección familiar.

A contía e normas de distribución deste concepto rexeranse polo previsto no Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social.

Artigo 41º.-Pagamento ó persoal.

O pagamento ó persoal efectuarase mediante talón ou transferencia bancaria, cobrando o persoal obreiro mensualmente con anticipos quincenais.

Capítulo IV

Premios e recompensas

Artigo 42º.-Premios de seguridade.

Durante o ano 2000 destinarase a cantidade de 149.820 pesetas, para premia-los productores que se teñan distinguido no cumprimento das normas de seguridade e hixiene, saúde e medio ambiente, sendo esta cantidade de 159.715 pesetas durante o ano 2001.

Os premios outorgaraos a dirección por proposta do Comité de Seguridade e Saúde.

En todo caso, a cantidade non repartida será destinada a fondos sociais.

Artigo 43º.-Xubilacións.

I. Premio por ano de servicios:

Todo o persoal que no momento da xubilación teña acreditados máis de 10 anos ó servicio da empresa, percibirá un premio polos anos de servicio prestados, que será da seguinte contía:

Ano 2000:

9.275 pesetas/ano para o persoal que se xubile ós 60 ou 61 anos.

6.980 pesetas/ano para o persoal que se xubile ós 62 anos.

4.760 pesetas/ano para o persoal que se xubile con máis de 62 anos.

Ano 2001:

9.890 pesetas/ano para o persoal que se xubile ós 60 ou 61 anos.

7.440 pesetas/ano para o persoal que se xubile ós 62 anos.

5.075 pesetas/ano para o persoal que se xubile con máis de 62 anos.

Esta mesma contía (4.760 pesetas/ano durante o ano 2000 e 5.075 pesetas/ano durante o ano 2001) serán as que se aboarán ó persoal que optou ou opte por acollerse ó sistema de xubilacións anticipadas asinado en Madrid o 1 de outubro de 1996, ou outras disposicións que no futuro puidesen establecerse con garantías para os traballadores similares ás destas, calquera que fose a idade que aquel tivera no momento de acollerse ó dito sistema.

Os que non se xubilen dentro do mes en que cumpren os 65 anos non terán dereito a este premio.

O premio por ano de servicios aboaráselle tamén ó persoal que no momento da xubilación se atope de baixa na empresa por invalidez provisional, así como ó que se lle recoñeza unha incapacidade total

ou absoluta para o traballo e leve máis de dez anos ó servicio da empresa. A contía do premio para este persoal será a seguinte:

Ano 2000:

9.275 pesetas/ano para os que teñan menos de 62 anos de idade no momento de recoñecérlle-la incapacidade.

6.980 pesetas/ano para os que teñan 62 anos de idade no momento de recoñecérlle-la incapacidade.

4.760 pesetas/ano para os que teñan máis de 62 anos de idade no momento de recoñecérlle-la incapacidade.

Ano 2001:

9.890 pesetas/ano para os que teñan menos de 62 anos de idade no momento de recoñecérlle-la incapacidade.

7.440 pesetas/ano para os que teñan 62 anos de idade no momento de recoñecérlle-la incapacidade.

5.075 pesetas/ano para os que teñan máis de 62 anos de idade no momento de recoñecérlle-la incapacidade.

Este premio será así mesmo aboable ós familiares dos traballadores que falezan estando en activo ou en invalidez provisional, sempre que estes teñan no momento do falecemento máis de cinco anos de antigüidade na empresa. A súa contía será de 4.760 pesetas/ano durante o ano 2000 e de 5.075 pesetas/ano durante o ano 2001, calquera que sexa a idade que o traballador teña no momento do falecemento.

II. Premio mensual de xubilación.

Este premio mantense exclusivamente para o persoal que o 1 de xaneiro de 1996 estaba xubilado (non activo e maior de 65 anos) ou prexubilado (non activo e menor de 65 anos), fixándose a súa contía en 15.000 pesetas/mes, pagadoiro en 12 mensualidades que non serán revisables en convenios sucesivos, con efectos contados desde o día 1 de xaneiro de 1996.

O persoal que na data indicada (1-1-1996) estaba prexubilado (non activo e menor de 65 anos) comezará a cobrar este premio, na contía, periodicidade e formas indicadas, a partir da data en que cumpra os 65 anos de idade.

O importe deste premio sería de inferior contía se no momento da xubilación do traballador este percibira unha pensión que, sumada ás 15.000 pesetas que lle aboa a empresa, representara máis do 100% do seu salario real, que servirá de tope en tódolos casos.

Artigo 44º.-Seguro de accidentes.

A empresa concertará un seguro ou asumirá este risco para que, en caso de morte por accidente de traballo, os herdeiros do falecido perciban 2.000.000 de pesetas, independentemente das demais indemnizacións ás que puideran ter dereito, sempre que

o dito accidente se producise dentro das instalacións da empresa.

En caso de morte por accidente in itinere, a indemnización aboaraá ós herdeiros do falecido será de 1.000.000 de pesetas, sendo esta mesma cantidade a que se aboará ó traballador que sufrira o accidente laboral se como consecuencia daquel se lle recoñecera unha invalidez permanente, no grao de incapacidade permanente absoluta para todo traballo, sempre que o accidente polo que se lle recoñece a dita incapacidade se tivera producido a partir do 1 de xaneiro de 1992 e que se encontre de alta na empresa no momento de serlle recoñecida a dita invalidez.

Artigo 45º.-Fondo social.

A empresa estudiará e considerará a súa contribución ás novas propostas que se presenten para mellora-las prestacións do fondo de previsión social existente e, así mesmo, se compromete a atende-los déficits que no dito fondo se presenten ó longo do ano, achegando a cantidade necesaria que cubran estes, sendo para o ano 2000 a suma máxima de 6.142.395 pesetas e de 6.548.100 pesetas para o ano 2001. Nestas cantidades inclúese a achega correspondente para bolsas de estudios ás que poderán opta-los productores para si mesmos ou para os seus fillos.

A administración e distribución destas cantidades levarase a cabo por medio da comisión do fondo social.

Artigo 46º.-Economato.

A cantidade que se vai aboar a todo o persoal en activo, sen discriminación, así como a tódolos cabezas de familia que se atopen no servicio militar, en concepto de compensación econòmica, fíxase en 3.545 pesetas mensuais durante o ano 2000 e de 3.779 pesetas mensuais durante o ano 2001.

Artigo 47º.-Desgaste de ferramentas.

O persoal de carpintería percibirá un complemento de 65 pesetas por día de traballo en concepto de desgaste de ferramentas, no ano 2000 e 69 pesetas por día de traballo no ano 2001.

Artigo 48º.-Cooperativas de vivendas.

A empresa comprométese a financia-la adquisición de terrenos para as cooperativas de productores dela que se constitúan legalmente durante a vixencia do presente convenio, para a construcción de vivendas, así como da-las facilidades financeiras precisas para facer fronte ós cooperativistas durante o período de construcción con maior folganza económica.

En todo caso, reserva para si o dereito de aprobar previamente a adquisición prevista, co obxecto de comprobar que non se atrasan as posibilidades de amortización por parte dos cooperativistas.

Artigo 49º.-Roupas de traballo.

O persoal obreiro ó servicio da empresa terá dereito a dúas fundas por ano, como roupa de traballo, calidade da cal estará en consonancia co posto de traballo que desempeñe o productor.

Así mesmo, entregaranse uniformes ós porteiros e vixilantes, ademais de ó persoal do servicio contraincendios.

Para oficinas, gardapós adecuados, ás seccións que os soliciten.

Artigo 50º.-Biblioteca.

A empresa comprométese a mante-la biblioteca técnico-cultural, para a prestación de libros ós productores dela, para a que se fixa unha asignación de 123.605 pesetas durante o ano 2000 e de 131.770 pesetas durante o ano 2001.

Capítulo V

Dereitos sindicais

Artigo 51º.-Dereitos sindicais.

A empresa recoñece as seccións sindicais das centrais asinantes dos acordos do sector naval, cando o seu nivel de representación no centro de traballo supere o 10%, representadas nun delegado sindical, pertencente á empresa, cos seguintes dereitos:

-Dispoñer dun número de horas retribuídas para utilizalas nas súas funcións, que se fixan así:

A cada membro do comité de empresa elixido pola central sindical correspondente, asignaránselle 5 horas máis ó mes por enriba das que lle correspondan segundo o disposto no Estatuto dos traballadores ou convenio colectivo e sen que en ningún caso poidan exceder estas horas adicionais de 30 ó mes para o conxunto dos representantes dunha mesma central. Este número de horas será o que estableza a normativa legal vixente a partir do momento no que se celebren as próximas eleccións sindicais.

Estas horas adicionais e/ou as que correspondan a cada un dos ditos representantes, poderán ser desfrutadas polo citado delegado sindical logo de acordo entre todos eles que deberá ser posto en coñecemento da empresa.

-Disposición dun taboleiro de anuncios.

-Disposición dun local, sempre que sexa posible.

-Desconto en nómina da cota sindical, logo de petición expresa dos traballadores afiliados.

-Reunión en locais de empresa e fóra de horas de traballo, dos traballadores afiliados, de acordo coa normativa vixente.

Todo iso sen prexuízo do mantemento doutras condicións iguais ou máis beneficiosas que poidan existir na actualidade.

Acordos derradeiros complementarios.

A. Incremento salarial.

Durante a vixencia do presente convenio o incremento salarial que se establece será, coas particularidades expresadas nos anteriores artigos, o seguinte:

Ano 2000: 3% sobre tódolos conceptos retributivos de 1999 -excepto complemento compensación premio xubilación, 3.500 pesetas/mes- con efectos a partir do 31 de decembro de 2000.

Ano 2001: (do 1 de xaneiro de 2001 ó 31 de decembro de 2001): 3,50% sobre tódolos conceptos retributivos calculados a partir do 31 de decembro de 2000, con revisión en xaneiro de 2002 se o IPC do ano 2001, a nivel nacional, superara esa porcentaxe, no que excedera del.

B. Colaboración na xestión.

B.1. A dirección da empresa comprométese a informa-lo comité sobre a marcha da sociedade e sobre tódalas medidas de xestión, especialmente cando afecten directamente ó persoal.

B.2. O comité comprométese a colaborar na reducción do absentismo, especialmente axudando a controla-las ausencias por enfermidade e a tramita-las baixas por incapacidade laboral.

B.3. Ámbalas partes comprométense a impulsa-la mellora da productividade e a calidade, aproveitando o plan de investimento que se está a realizar e as melloras de organización, xestión e métodos, así como as derivadas de novos sistemas de incentivos.

Da mesma maneira, ámbalas dúas partes comprométense a unha maior colaboración no cumprimento das normas de seguridade e hixiene no traballo, saúde laboral e medio ambiente, e coordinación entre todo o persoal.

C. Admisión de persoal.

A empresa procederá á admisión con contrato temporal, en prácticas ou para a formación, de fillos de productores, condicionada á existencia de carga de traballo e ó establecido polos órganos rectores da reconversión naval, nas condicións pactadas no acordo subscrito co comité de empresa o 25 de novembro de 1991 referente ó programa de actuación complementaria.

D. Ordenanza de traballo.

Para evita-la lagoa legal que a falta dun convenio xeral do metal puidera orixinar, acórdase que a ordenanza de traballo para a industria siderometalúrxica, aprobada por Orde do 29 de xullo de 1970 e que foi derrogada por Orde do 17 de febreiro de 1988, siga sendo de aplicación, no suposto de falta dun convenio xeral do metal, naqueles aspectos non regulados polo presente convenio.

E. Supresión do artigo 43.II. (premio mensual de xubilación) para o persoal en activo da empresa.

Mantense para todo persoal en activo da empresa a 31-12-1998, a compensación de 3.500 pesetas/mes por 12 meses, non revisables en convenios sucesivos, pola supresión do punto II do artigo 43 do convenio

colectivo (premio mensual de xubilación). No caso dos prexubilables, ó estar estes menos tempo na empresa e, por conseguinte, máis próximos á prexubilación, esta cifra elevarase a 10.000 pesetas/mes durante o mes previo á súa baixa.

F. Anticipo quincenal.

Mantense en 55.000 pesetas a cantidade que se lle aboa en concepto de anticipo quincenal ó persoal obreiro, deducibles na nómina de fin de mes.

Partes negociadoras:

Son partes negociadoras do presente convenio colectivo a dirección da empresa, en representación desta, e o comité de empresa, en representación dos traballadores.

ANEXO I

Táboas de cualificación

Persoal obreiroGrao

Coordinador de equipo13

Xefe de equipo12

Oficial 1ª montador exterior12

Oficial 1ª A12

Oficial 1ª B11

Oficial 2ª9

Oficial 3ª7

Especialista6

Peón4

Persoal empregado

SubalternosGrao

Almaceneiros7

Chofer camión9

Chofer turismo7

Dependente principal economato12

Dependente auxiliar economato6

Enfermeiro6

Garda xuramentado, vixilante e porteiro6

Listeiro8

Listeiro encargado de serenos11

Ordenanza4

Porteiro oficina técnica4

Telefonista6

AdministrativosGrao

Xefe administrativo de 1ª xefe de sección A36

Xefe administrativo de 1ª xefe de sección B31

Xefe administrativo de 1ª xefe de sección C25

Xefe administrativo de 2ª subxefe de sección A.23

Xefe administrativo de 2ª subxefe de sección B.20

Oficial 1ª A14

Oficial 1ª B13

Oficial 1ª C12

Oficial 2ª A11

Oficial 2ª B9

Oficial 2ª C8

Taquimecanógrafa e perforista de 1ª9

Taquimecanógrafa e perforista de 2ª7

Auxiliar A5

Auxiliar B4

Técnicos de organizaciónGrao

Xefe organización de 1ª xefe de sección A36

Xefe organización de 1ª xefe de sección B31

Xefe organización de 1ª xefe de sección C25

Xefe organización de 2ª subxefe de sección A23

Xefe organización de 2ª subxefe de sección B20

Técnico organización de 1ª A16

Técnico organización de 1ª B15

Técnico organización de 1ª C14

Técnico organización de 2ª A11

Técnico organización de 2ª B10

Técnico organización de 2ª C8

Auxiliar organización A6

Auxiliar organización B4

Nota: respectaránselles tódolos dereitos adquiridos, a todos aqueles que superen estes graos.

Técnicos de oficinaGrao

Delineante proxectista19

Delineante de 1ª A16

Delineante de 1ª B15

Delineante de 1ª C14

Delineante de 2ª A12

Delineante de 2ª B11

Delineante de 2ª C9

Calcador A6

Calcador B4

Arquiveiro bibliotecario8

Reproductor de planos4

Técnicos de tallerGrao

Xefe de taller25

Subxefe de taller23

Mestre de taller19

Contramestre16

Encargado14

Técnicos tituladosGrao

Perito e enxeñeiro técnico. Xefe de sección A36

Perito e enxeñeiro técnico. Xefe de sección B31

Perito e enxeñeiro técnico. Xefe de sección C25

Perito e enxeñeiro técnico. Subxefe de sección A23

Perito e enxeñeiro técnico. Subxefe de sección B20

Axudante enxeñeiro. Xefe de sección A36

Axudante enxeñeiro. Xefe de sección B31

Axudante enxeñeiro. Xefe de sección C25

Axudante enxeñeiro. Subxefe de sección A23

Axudante enxeñeiro. Subxefe de sección B20

Diplomado en traballos sociais ou

en enfermería. Xefe de sección A36

Diplomado en traballos sociais ou

en enfermería. Xefe de sección B31

Diplomado en traballos sociais ou

en enfermería. Xefe de sección C25

Diplomado en traballos sociais ou

en enfermería. Subxefe de sección A23

Diplomado en traballos sociais ou

en enfermería. Subxefe de sección B20

ANEXO NÚM. VI

Axudas de custo

1. Obxecto.

Este anexo número VI ten por obxecto normalizar e fixa-las condicións nas que se van efectua-los desprazamentos por parte do persoal.

2. Normas xerais.

2.1. As cantidades que se fixan como axudas de custo poderán ser reconsideradas a partir do próximo convenio.

2.2. Sexa cal sexa a axuda de custo, inclúe nela os conceptos de aloxamento, manutención, transportes urbanos e varios. Por imperativo fiscal é preciso presentar xustificantes de hoteis e manutención nas axudas de custo que superen os límites indicados na normativa legal vixente.

2.3. Non se inclúen nas axudas de custo os gastos correspondentes o billete de viaxe, alugueres de vehículos (deberá de presentarse xustificante de ámbolos dous para efectos fiscais), teléfono e canon por quilómetro percorrido en automóbil propio, a

liquidación do cal se efectuará ademais da axuda de custo tendo en conta para estes efectos as seguintes consideracións:

A) O canon por quilómetro percorrido en vehículo propio, fíxase en 24 pesetas, que se incrementará nun 25% cando viaxen nun mesmo vehículo tres ou máis persoas ou que o equipo supere un peso de 100 kg. Para a súa liquidación teranse en conta os quilómetros entre poboacións, sendo de conta da axuda de custo xeral os quilómetros que se percorran dos núcleos urbanos. Este mesmo criterio aplicarase para o aluguer de vehículos e taxis.

B) En canto ó billete da viaxe por métodos ordinarios, solicítaselles ós beneficiarios de familia numerosa que as vantaxes inherentes á dita condición repercutan a favor da empresa.

C) Os gastos ocasionados por conferencias teléfonicas: serán aboados soamente aqueles producidos por motivo empresarial.

2.4. Sexa cal sexa o importe da axuda de custo que se fixa en función da categoría na empresa do

productor, o seu importe divídese nos seguintes capítulos:

-Aloxamento e almorzo: 40%.

-Manutención/xantar: 25%.

-Manutención/cea: 20%.

-Varios: 15%.

Non se aboan sobreaxudas de custo nos casos en que calquera dos conceptos supere a porcentaxe establecida, salvo no de aloxamento se é que este foi elixido pola empresa. Liquidaranse da axuda de custo as invitacións que se efectúen por conta e en nome da sociedade e como consecuencia da xestión que motivou o desprazamento e, nestes casos, deducirase da axuda de custo a parte correspondente.

2.5. Tódolos conceptos que se liquiden separados da axuda de custo deberán xustificarse cos correspondentes comprobantes.

2.6. Cando dúas persoas viaxen xuntas nunha xestión común e lles corresponda distinta axuda de custo, ambos poderán percibi-lo tipo de axuda de custo do superior sempre que se aloxen no mesmo hotel e efectúen gastos análogos.

2.7. As axudas de custo que máis adiante se detallan son aplicables para desprazamentos normais. Para saídas que supoñan estadías prolongadas (prácticas, suplencias, etc.), fixaranse en cada caso concreto as axudas de custo oportunas.

2.8. Establecéndose como se establece o canon por quilómetro percorrido en automóbil propio, non se poderán facturar na liquidación da viaxe gastos que se correspondan con calquera dos que utilicen automóbil propio: gasolina, aceite, garaxes, aparcamentos, lavados, engraxamento, reparacións, etc.

2.9. A decisión de se para unha viaxe se utilizarán os medios de transporte correspondente ou un automóbil propio será tomada polo superior que ordena tal viaxe, o cal terá en conta a eficacia, rapidez e economía da viaxe.

2.10. Sexa cal sexa o importe da axuda de custo liquidarase como enteira cando a iniciación da viaxe tivese lugar antes das 13 horas do día ou o termo da viaxe despois da mesma hora, e sempre que por cada día de axuda de custo enteira, tivese pasado unha noite fóra do lugar de residencia habitual.

O día de saída e o de chegada, se non estivesen cubertos en canto a horarios, polo que se di no punto anterior, liquidaranse ó 75% do valor da axuda de custo.

Se a chegada se realiza, no tren da noite ou da primeira hora da mañá, respectivamente, percibiranse 340 pesetas para o almorzo durante o ano 2000 e 360 pesetas durante o ano 2001, sexa cal sexa

a categoría da axuda de custo do productor viaxeiro por tal día.

2.11. Cando se viaxe en automóbil, avión ou tren (1ª e 2ª clase) terase dereito ó percibimento de horas de viaxe de tipo ordinario, polas que excedan da xornada ordinaria.

Non se terá este dereito cando se utilice como medio de locomoción e coche-cama.

Cando se utilice coche-cama, ó importe total da axuda de custo deduciráselle a parte correspondente ó aloxamento.

3. Fixación das axudas de custo.

Establécense os seguintes grupos:

Grupo A: gastos pagados. Teñen dereito a esta apreciación os conselleiros, directores e persoal de horario especial.

Este grupo presentará xustificantes lóxicos, correspondentes ós ditos gastos pagados. Estes comprobantes lóxicos han ser polo menos os de contas de hoteis, restaurantes, alugueres de vehículos, atencións especiais cos clientes, e outros que o bo sentido común indique como natural o presentalos.

Ano 2000

Grupo B. Persoal con grao 3614.195 pesetas

Grupo C. Persoal con grao 3112.775 pesetas

Grupo D. Persoal con grao 2511.505 pesetas

Grupo E. Persoal con grao 20 e 239.900 pesetas

Grupo F. Mandos intermedios de taller

(excluídos xefe de buque, taller

e subxefe taller)9.275 pesetas

Grupo G. Resto persoal empregado7.990 pesetas

Grupo H. Montadores exteriores,

xefe de equipo e coordinadores

de equipo7.990 pesetas

Grupo I. Resto persoal de taller7.595 pesetas

Ano 2001

Grupo B. Persoal con grao 3615.135 pesetas

Grupo C. Persoal con grao 3113.620 pesetas

Grupo D. Persoal con grao 2512.265 pesetas

Grupo E. Persoal con grao 20 e 2310.555 pesetas

Grupo F. Mandos intermedios de taller

(excluídos xefe de buque, taller

e subxefe taller)9.890 pesetas

Grupo G. Resto persoal empregado8.520 pesetas

Grupo H. Montadores exteriores,

xefe de equipo e coordinadores

de equipo8.520 pesetas

Grupo I. Resto persoal de taller8.095 pesetas

O persoal dos grupos G, H e I, percibirá ademais un suplemento consistente no 18% do xornal ou soldo diario, sen ningún complemento persoal ou de posto, por cada día de saída a localidade fóra do municipio de Vigo.