Con data do 9 de abril de 2001 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 23 de marzo de 2001 pola que se clasifica como mixta a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Betanzos adscribíndoa á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.
A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Betanzos, o día 10 de novembro de 2000, ante o notario Luis Gómez Varela, co número tres mil seiscentos vintedous do seu protocolo, por Jaime Alberto Pita Varela, Andrés Precedo Ledo, José Mosquera Maceiras, Manuel Lagares Pérez, José Ferreiro Pardiñas, Francisco Quintela Requeijo, Antonio Ángel Fraga Sánchez, Juan Pérez Díaz, Deogracias Romeu López, José Ramón Peón Pérez, César Longo Queijo, José Manuel Taboada García e José Antonio Sangil Noya; interveñen Jaime Alberto Pita Varela en representación da Xunta de Galicia, Andrés Precedo Ledo como xecretario xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal da Xunta de Galicia, José Mosquera Maceiras en representación do Concello de Aranga, Manuel Lagares Pérez en representación do Concello de Betanzos, José Ferreiro Pardiñas en representación do Concello de Cesuras, Francisco Quintela Requeijo en representación do Concello de Coirós, Antonio Ángel Fraga Sánchez en
representación do Concello de Curtis, Juan Pérez Díaz en representación do Concello de Irixoa, Deogracias Romeu López en representación do Concello de Miño, José Ramón Peón Pérez en representación do Concello de Oza dos Ríos, José Manuel Taboada Rodríguez en representación do Concello de Vilasantar, César Longo Queijo en representación do Concello de Paderne e José Antonio Sangil Noya como Delegado Provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública na Coruña.
Esta fundación, ó abeiro do establecido no artigo 5 dos seus estatutos ten por obxecto pór en marcha as accións xenéricas enunciadas no Plan de desenvolvemento comarcal, deseñando programas, solicitando a súa implantación ós organismos correspondentes, animando e incentivando a participación dos sectores e axentes económicos e sociais ós que vai dirixido.
Así mesmo, poderá acometer actuacións, programas, accións e proxectos que contribúan e incidan no desenvolvemento territorial, económico e social da comarca que constitúe o seu ámbito de actuación.
Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22
de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,
DISPOÑO:
Artigo único.
1. Declarar de interese galego a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Betanzos ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.
2. Ordena-la inscrición da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Betanzos no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de abril de 2001.
Jaime Pita Varela
Conselleiro da Presidencia
e Administración Pública