Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 06 de abril de 2001 Páx. 4.553

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

DECRETO 71/2001, do 22 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do persoal funcionario destinado nas confrarías de pescadores.

A disposición transitoria quinta da Lei 4/1988, do 26 de maio, da Función Pública de Galicia, dispuxo a creación dunha escala específica adscrita á Consellería de Pesca, para a realización das funcións encomendadas a esta no ámbito das corporacións de dereito público que ten tuteladas.

En cumprimento da referida disposición, o Decreto 109/1989, do 1 de xuño, regulou a dita escala, integrándoa en cada un dos corpos de Administración xeral da Xunta de Galicia.

A Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, no seu artigo 8º establece que, para a xestión das funcións que teñen asignadas, as confrarías, sen prexuízo de que poidan contratar persoal propio con cargo ós seus orzamentos, contarán co persoal funcionario da Xunta de Galicia con destino nelas, á fronte do cal estará o secretario, cunhas atribucións que se fixarán regulamentariamente.

O Decreto 79/1998, do 12 de febreiro, polo que se regula a estructura, organización e funcionamento das confrarías de pescadores de Galicia, constitúe un marco xurídico axeitado para estas corporacións; sen embargo é preciso, polas súas peculiaridades, e para desenvolve-lo artigo 8º a) da Lei 9/1993, do 8 de xullo, regulamenta-lo persoal funcionario da Administración da Xunta de Galicia destinado nas confrarías, que, malia a súa adscrición a elas, manterá o seu réxime xurídico funcionarial.

Cómpre, por todo o anterior, establece-la regulación axeitada do persoal pertencente á escala establecida pola disposición transitoria quinta da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, definir cál é a actividade que se vai desenvolve-lo dito persoal, afondar no réxime de compatibilidades e determina-lo alcance da responsabilidade dos funcionarios ó servicio das confrarías, de tal xeito que se posibilite o normal funcionamento destas corporacións.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintedous de marzo de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase o Regulamento do persoal funcionario das confrarías de pescadores, que se xunta como anexo deste decreto.

En tódolos aspectos non previstos neste decreto rexerán, para os funcionarios das confrarías, as normas xerais reguladoras da función pública de Galicia ou outras que lle sexan de común aplicación.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ós vinte días naturais seguintes ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintedous de marzo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO

Regulamento do persoal funcionario destinado

nas confrarías de pescadores

Capítulo I

Disposicións comúns

Artigo 1º.-Aspectos comúns do réxime do persoal funcionario das confrarías.

1. O persoal funcionario pertencente á escala específica prevista na disposición transitoria quinta da Lei 4/1988, do 26 de maio, adscrito ás confrarías de pescadores, clasifícase nas seguintes categorías:

-Técnicos superiores, do corpo superior de administración da Xunta de Galicia, grupo A.

-Técnicos de xestión, do corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia, grupo B.

-Administrativos, do corpo administrativo da Xunta de Galicia, grupo C.

-Auxiliares, do corpo auxiliar da Xunta de Galicia, grupo D.

-Persoal subalterno de lonxa, do corpo subalterno da Xunta de Galicia, grupo E.

2. O número, as características e o destino dos postos reservados ó persoal funcionario adscrito ás confrarías de pescadores serán os que se determinen na relación de postos de traballo da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

3. Sen prexuízo das peculiaridades reguladas nos artigos seguintes, o persoal funcionario adscrito ás confrarías de pescadores sométese ó réxime común

da función pública que, como persoal funcionario ó servicio da Administración da Xunta de Galicia, lle é de aplicación.

Artigo 2º.-Das funcións do persoal funcionario das confrarías.

1. Os funcionarios pertencentes á escala específica prevista na disposición transitoria quinta da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, adscritos ás confrarías de pescadores, realizarán as funcións de xestión encomendadas á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura no ámbito das ditas confrarías, e dentro destas desenvolverán, de xeito preferente, as descritas no artigo 3.2º da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia e no artigo 5 do Decreto 79/1998, do 12 de febreiro, polo que se regula a estructura, organización e funcionamento das confrarías de pescadores de Galicia.

2. Para o desenvolvemento do anterior, e de conformidade co disposto no artigo 4 do Decreto 109/1989, polo que se regula a escala específica de confrarías, en relación coa Lei 4/1988, da función pública de Galicia, os distintos grupos de funcionarios nos que se clasifica a dita escala terán asignadas as funcións detalladas, para cada un deles, na disposición adicional primeira da citada lei, e que son as seguintes:

a) Os técnicos superiores desempeñarán as funcións de natureza administrativa, de dirección, estudio, coordinación, inspección, control e programación.

b) Os técnicos de xestión realizarán funcións de colaboración en actividades administrativas de nivel superior, así como tarefas propias de xestión administrativa que non correspondan ó nivel superior e que sexan propias da titulación do grupo B.

c) Os administrativos desenvolverán actividades administrativas de xestión, tramitación e colaboración preparatorias, complementarias e derivadas das funcións superiores.

d) Os auxiliares realizarán tarefas de taquigrafía, mecanografía, rexistro e despacho de correspondencia, cálculo, manexo de máquinas e outras funcións semellantes. Estas funcións seguiranas a desempeñar aqueles funcionarios que, se é o caso, se acollan ó disposto na disposición adicional vixésimo segunda da Lei 30/1984, do 2 de agosto.

e) O persoal subalterno de lonxa desempeñará funcións ordinarias de vixilancia, custodia, reparto de correspondencia e documentación, transporte manual, centraliña, reprografía e outras semellantes. Así mesmo realizará as específicas do seu servicio, tales como poxas, pesaxes, confección de notas de vendas e de facturas, confección de guías de transporte e descarga, así como introducción diaria de datos de venda no Servicio de Información Pesqueira (SIP).

Capítulo II

Disposicións aplicables ó secretario

funcionario das confrarías

Artigo 3º.-Do secretario funcionario da confraría.

1. A condición de secretario corresponderalle ó funcionario adscrito ó posto que con tal denominación figure na relación de postos de traballo da confraría e que sexa obxecto de provisión baixo a forma prevista no artigo 5º.1.

2. O secretario está á fronte do persoal funcionario da confraría, podendo tamén se-lo xefe do persoal propio que, de se-lo caso, teña contratado a confraría, cando así o acorde a súa xunta xeral e o acepte o interesado.

Artigo 4º.-Das funcións do secretario funcionario da confraría.

É competencia do secretario garanti-lo cumprimento das funcións que no exercicio da súa actividade pública corresponde ás confrarías, e, en xeral, todas aquelas que regulamentariamente se lle atribúan.

Correspóndelle en particular ó secretario:

-Asesora-lo patrón maior nos asuntos relacionados coa actividade pública que ten encomendada a confraría.

-Ser responsable da boa levanza dos libros de rexistro da confraría.

-Servir de canle permanente de comunicación entre a confraría e os diferentes departamentos da Administración, sen menoscabo da función de representación que poida corresponder a outros órganos.

-Ser responsable da tramitación dos expedientes administrativos conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

-Desempeña-la xefatura do persoal funcionario da confraría, sen prexuízo do disposto no artigo 3.2º deste regulamento.

-Ademais, realizará as tarefas que lle sexan encomendadas pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

O secretario velará polo cumprimento das prácticas contables do Plan de Contabilidade das Confrarías de Pescadores, aprobado pola Consellería de Economía e Facenda, e está obrigado a adverti-los órganos de goberno da confraría das posibles ilegalidades, das que teña coñecemento, en que puidesen incorre-los acordos e resolucións que adopten sen ter en conta as disposicións legais vixentes. De tales advertencias daralle conta tamén á consellería.

Artigo 5º.-Da provisión do posto de secretario funcionario da confraría.

1. A provisión do posto de traballo do secretario funcionario realizarase polo sistema de concurso de méritos, de conformidade co previsto na Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e

disposicións concordantes, entre aqueles funcionarios que cumpran os requisitos que figuren na correspondente RPT.

2. No suposto de producirse vacante no posto de secretario, este poderá ser cuberto en comisión de servicios de carácter temporal, autorizada pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, por un funcionario que reúna as condicións esixidas para ocupa-lo posto, nas condicións previstas na Lei 4/1988, do 26 de maio, e nas normas de desenvolvemento dela. Para iso, os órganos de goberno da confraría afectada poderan propoñe-lo funcionario para a cobertura do posto vacante.

3. Por razóns de proximidade xeográfica ou doutras circunstancias poderá existir un secretario común para varias confrarías. Esta posibilidade, de carácter excepcional, farase constar na correspondente RPT.

Artigo 6º.-Da compatibilidade do persoal funcionario co cargo de secretario dos órganos de goberno da confraría.

1. No suposto de que un funcionario sexa nomeado secretario dos órganos de goberno da confraría, previamente á aceptación do cargo, virá obrigado a solicitar e obte-la oportuna compatibilidade perante a consellería competente en materia de función pública. Neste caso, haberase que ater ademais ó disposto no artigo 10.2º deste regulamento.

2. A eventual concesión da compatibilidade non poderá menoscaba-lo cumprimento das obrigas inherentes á condición de funcionario nin do horario profesional.

En ningún caso se entenderán como ausencias xustificables as do posto de traballo cando estas obedezan a viaxes, negociacións, ou calquera outro tipo de actividades derivadas do exercicio do cargo de secretario dos órganos de goberno da confraría, aínda que o funcionario teña obtida a compatibilidade á que se fai referencia no parágrafo anterior.

Para este suposto, o funcionario deberá solicitar, con antelación suficiente, a correspondente autorización á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Capítulo III

Disposicións específicas sobre réxime de traballo e retribucións do persoal funcionario

Artigo 7º.-Da xornada de traballo.

A xornada ordinaria de traballo do persoal funcionario adscrito ás confrarías de pescadores será a que con carácter xeral se estableza para tódolos funcionarios da Xunta de Galicia.

Sen prexuízo do anterior, poderase establecer unha distribución horaria distinta da xornada ordinaria de traballo que terá, en todo caso, a duración establecida con carácter xeral para tódolos funcionarios

da Xunta de Galicia, en cómputo semanal. Neste caso, o cabido da confraría de que se trate, logo de audiencia ós funcionarios afectados, de conformidade coas circunstancias que concorran en cada porto e de acordo coas necesidades do servicio, elevará proposta motivada ó respecto.

Recibida a proposta, o órgano competente da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, vistas as razóns expostas nela, resolverá nun prazo dun mes. A resolución adoptada porá fin á vía administrativa e dela informarase á xunta de persoal.

Artigo 8º.- Vacacións.

1. Os funcionarios pertencentes á escala específica prevista na disposición transitoria quinta da Lei 4/1988, do 26 de maio, adscritos ás confrarías de pescadores, terán dereito a desfrutar de vacacións nas mesmas condicións có resto do persoal funcionario ó servicio da Administración autonómica, de acordo co previsto no artigo 69 da devandita lei. Corresponderalle á delegación territorial de cada provincia a aprobación do calendario anual de vacacións do persoal funcionario con destino nas confrarías dentro do seu ámbito territorial.

2. Non obstante, o dito desfrute estará condicionado ás circunstancias que concorran en cada posto e, en todo caso, ás peculiaridades da organización ou do réxime de traballo da confraría onde presten os seus servicios, garantíndose sempre, en todo caso, o desfrute de vacacións por quincenas naturais, computadas desde os días 1 ou 16 de cada mes, ou por mes natural.

3. As vacacións, en ningún caso, poderán ser substituídas por retribucións económicas.

Artigo 9º.-Licencias e permisos.

1. Os funcionarios pertencentes á escala específica prevista na disposición transitoria quinta da Lei 4/1988, do 26 de maio, adscritos ás confrarías de pescadores terán dereito a disfrutar de licencias e permisos nas mesmas condicións có resto do persoal funcionario ó servicio da Administración autonómica, conforme o disposto nos artigos 68 e 70 da devandita lei.

2. Para disfrutar dunha licencia ou permiso, a solicitude, salvo casos de urxencia debidamente xustificada, deberá formularse con tres días de antelación ás datas pretendidas, debendo dirixirse tal solicitude á delegación territorial correspondente. No suposto de non obter resposta, entenderase concedido o solicitado.

Artigo 10º.-Réxime retributivo.

1. Os funcionarios con destino nas confrarías de pescadores percibirán as súas retribucións, como tales funcionarios, conforme o establecido no capítulo IV da Lei 4/1988, do 26 de maio, e nas correspondentes leis anuais de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os funcionarios non poderán percibir ningún tipo de retribución, gratificación ou compensación económica outorgada pola Confraría, salvo que, xunto coas súas funcións como funcionario, desenvolvan outras para as que obtivesen a correspondente compatibilidade.