Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 04 de abril de 2001 Páx. 4.295

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 23 de marzo de 2001 pola que se establecen axudas para a retirada do mercado de fariñas animais.

A Unión Europea adoptou recentemente unha serie de medidas relacionadas coa xestión dos materiais especificados de risco (MER) así como á alimentación animal. Entre as medidas relativas á alimentación animal adoptadas pola Unión Europea destaca a Decisión do Consello 2000/766/CE, na que se acorda a prohibición temporal do uso das proteínas animais elaboradas na alimentación dos animais de abasto a partir do 1 de xaneiro de 2001, o que converte en residuos as fariñas animais que ata datas ben recentes eran utilizadas para a elaboración de pensos. Estes residuos deben ser valorizados ou eliminados en condicións ambientais adecuadas, razón pola que a Consellería de Medio Ambiente emitiu a Orde do 26 de decembro de 2000, na que somete a control a actividade de xestión de residuos, consistente na transformación de desperdicios animais, e establece as condicións nas que deben ser valorizadas e/ou eliminadas as proteínas animais elaboradas prohibidas para a alimentación animal.

Como consecuencia da entrada en vigor destas normativas, os subproductos cárnicos dos matadoiros e industrias cárnicas, procedentes da súa actividade pasaron de ser productos con saída comercial ó mercado, a ser considerados como residuos para eliminar ou destruír. Por isto, considérase necesario establecer axudas para a correcta eliminación destes productos e que no supoñan un risco para o ambiente.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é regular para este ano a concesión de axudas ós fabricantes de fariñas animais para a retirada e procesado dos despoxos dos matadoiros e industrias cárnicas de Galicia, e a súa posterior eliminación e/ou destrucción conforme a normativa vixente.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

As axudas poderán ser solicitadas polos titulares das industrias de elaboración de fariñas animais situadas en Galicia, que cumpran a normativa vixente.

Artigo 3º.-Características das axudas.

As axudas consistirán en subvencións de ata o 100% dos gastos de retirada dos despoxos dos matadoiros e industrias cárnicas de Galicia, e do seu procesado industrial e posterior retirada e/ou eliminación, conforme a normativa vixente. Para estes efectos, e tendo como referencia os prezos de mercados destes productos antes da prohibición do uso na alimentación animal, a contía máxima das axudas será, no caso de fariñas de carne, de 43 pesetas/kg producido, e de 60 pesetas/kg cando se trate de fariña de sangue.

Para os gastos de eliminación ou destrucción das fariñas, a axuda máxima será de 17 pesetas/kg, incluído transporte, debendo xustificarse en todo caso o importe real dos gastos nos que se incorren.

Artigo 4º.-Requisitos dos productos.

As fariñas de carne e sangue subvencionadas deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Ser de producción propia do solicitante.

b) Terse obtido por quentamento, desecamento e moedura de animais terrestres de sangue quente enteiros, ou de partes destes e antes do 1 de xullo de 2001.

c) O seu contido de proteína bruta será, como mínimo, do 45% da materia seca no caso da fariña de carne, e do 90% na fariña de sangue. A súa humidade máxima será inferior ó 8%.

d) Ser eliminados e/ou destruídos conforme a normativa vixente.

Artigo 5º.-Tramitación e pagamento.

A concesión e pagamento das axudas terá carácter mensual, salvo para o período inicial, que abarcará os dous primeiros meses do ano.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes de axuda, que serán únicas para todo o período, presentaranse conforme o modelo incluído como anexo I no prazo máximo de vinte días hábiles desde a entrada en vigor desta orde, prioritariamente no rexistro xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, sen prexuízo do previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI, ou, no caso de sociedades, fotocopia compulsada da escritura de constitución así como acreditación formal da representatividade do asinante da solicitude.

b) Memoria, asinada polo solicitante, que conteña os seguintes puntos:

1. Datos de identificación da entidade. Breve descrición das instalacións con que conta, actividades que desenvolve e principais produccións.

2. Elaboración de fariñas animais: descrición dos procesos e instalacións e equipamentos dispoñibles. Relación de subministradores de productos, cantidades recollidas, volume e características dos productos obtidos durante o ano 2000.

3. Previsión mensual de despoxos de matadoiros e industrias cárnicas para procesar desde o 1-1-2001 ata o 30-6-2001: subministradores, cantidades de productos que se van recoller, cantidades e características dos productos que se van obter, e sistema de eliminación ou destrucción que se utilizará. Custos de eliminación previstos.

c) Certificación bancaria de existencia da conta na que se solicita o ingreso da subvención, e fotocopia compulsada do NIF.

Artigo 7º.-Resolución.

As peticións presentadas serán resoltas polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria tendo en conta o orzamento dispoñible e o importe das axudas solicitadas.

A concesión das axudas poderá condicionarse ó cumprimento por parte do beneficiario dos requisitos necesarios para o correcto cumprimento dos obxectivos das axudas, e a súa verificación.

O prazo para resolver será de seis meses desde a data de publicación desta orde. As solicitudes non resoltas nese prazo cosideraranse desestimadas.

A concesión das axudas quedará condicionada ás posibles observacións ou modificacións formuladas pola Unión Europea como consecuencia da notificación deste réxime de axudas.

Artigo 8º.-Documentación para o pagamento.

Para o pagamento das axudas o beneficiario deberá presenta-la seguinte documentación con carácter xeral:

a) Declaración asinada polo beneficiario, na que se inclúa, para ese período, a relación de matadoiros e industrias cárnicas nas que efectuou recolla de despoxos, indicando as cantidades de productos recollidos, e a cantidade e características das fariñas elaboradas, sinalando o seu destino final.

b) Facturas orixinais e xustificantes de pagamento dos custos de eliminación das fariñas.

c) Certificación da planta de destrucción e/ou eliminación de fariñas, acreditativa das datas, tipo de productos e cantidades entregadas no período.

d) Acreditación formal de estar ó corrente nas obrigas tributarias e fronte a Seguridade Social, así como de non ter débedas pendentes coa Administración autonómica.

e) Declaración sobre outras axudas concedidas para o mesmo fin.

Así mesmo, na resolución de concesión poderá recollerse especificamente, para efectos de pagamento da axuda, a necesidade de presentar calquera outra documentación adicional que se considere necesaria para o correcto cumprimento e control dos obxectivos perseguidos por estas axudas.

Artigo 9º.-Compatibilidade.

Estas axudas son incompatibles con calquera outra das administracións públicas para o mesmo fin.

Artigo 10º.-Seguimento e control.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderá realiza-los controis físicos e contables que considere adecuados ós beneficiarios das axudas, para o seu correcto seguimento e control. Para estes efectos, o beneficiario deberá comunicar ó Servicio de Industrialización e Comercialización Agroalimentaria da provincia correspondente, cunha

antelación mínima de 48 horas, a data e hora de cada carga de fariñas na industria con destino á planta de eliminación.

Así mesmo, o beneficiario da axuda estará obrigado a facilita-la información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención de axudas concorrentes outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 11º.-Incumprimentos.

No caso de incumprimento das condicións establecidas para a concesión das axudas, o beneficiario estará obrigado a reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, conforme o disposto nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que nas análises de control das características das fariñas elaboradas resulten valores do contido de proteína bruta inferiores nun 2% ó establecido, ou cun contido de humidade superior nun 1% ó requirido, considerarase que a citada partida de producto non reúne os requisitos establecidos e, polo tanto, non se aboará ningunha subvención por ela. Se, seguindo este sistema, se desen tres casos de partidas de producto dun mesmo beneficiario, que non reúnan os requisitos, poderán dar lugar, ademais do non aboamento da subvención correspondente, á perda do resto da subvención aínda non percibida.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.

A convocatoria destas axudas, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnadas polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Autorízase o director xeral de Industrias e Alimentación para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria